Cen razóns polas que deixei de ser español, Jose Mari Esparza Zabalegi
Cen razóns polas que deixei de ser español é a nova obra de Jose Mari Esparza Zabalegi, publicada por Txalaparta, editorial que el dirixe. Infinidade de personaxes, anécdotas e versos asoman nestes cen desafios ao españolismo imposto pola forza das armas e das leis do estado imperialista español. Desde Perunena até Orson Welles, pasando polos carlistas de Montejurra ou a Garda Civil, todos eles pasean polas páxinas deste livro, no que temos unha boa ocasión para aprender e lembrar as razóns dun independentista basco e, ao mesmo tempo, ollar para a realidade galega. A obra está prologada polo basco Joxe Azurmendi, o galego Méndez Ferrín e o catalán Víctor Alexandre. Transcrebemos de seguido unha das cen razóns que levaron a Esparza a somar-se ás filas dos insubmisos ao império.
"Viron-no millóns de espectadores. Entrevistaban na TVE a Iñaki Perurena, o levantador de pedras, nun programa de pretendido humor, ao que levaban personaxes estrambóticos, fora do común. De facto, a entrevista tiña lugar nun globo, por remarcar o cacácter de anormalidade. O personaxe entrevistado axudaba: un navarro xigantón, de inxénuo sorriso, carniceiro de profisión e capaz de levantar pedras de 320 quilos. Onde se vira semellante despropósito? O "Josetxu o Basco" do TBO en persoa! Que se pode agardar destes comedores de costeletas, cortadores de troncos e levantadores de pedroulos? A entrevista buscaba o riso fácil do espectador, cando o simpático entrevistador tivo a idea de perguntar se "ademais das pedras tiña outros intereses".
-Si, gosto de criar versos -dixo Perunena. - Versos? -e aquí o entrevistador coidou atopar un novo filón para os seus sarcasmos- Recitarias algún? - Si claro, o último que fixen. Adiquei-llo á miña esposa cando tivo o primeiro fillo... E Perurena recitou en euskera uns versos inzados de ternura da sua muller parturienta, como moi poucos homes terian sensibilidade para facé-lo. O harrijasotzaile era tamén bertsolari. Máis que xigante físico, era un xigante humano. O forzudo era un ilustrado. Un poeta. O energúmeno era o outro.
De Iñaki Peruena, prototipo racial, xa ninguén fixo bromas doadas. Continuou a levantar pedras e cortando costeletas, escrebeu livros en euskera, fixo séries de televisión, foi actor de cinema, polémico articulista... Un dia, por última vez, amosou a sua forza ante o rei de España e comezou a traballar en Nabarralde a prol da independéncia e a liberdade da sua Ama Lurra, a sua terra mai. Por falar desas cousas xa non o chamaron de Televisión Española."
Cien razones por las que dejé de ser español. Ed. Txalaparta. 2006. Etiquetas: Euskal Herria |
Grazas por descubrirme este libro, xa está na miña lista de pendentes.