Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

O candidato republicano, por Fidel Castro (3ª parte)
16/02/2008


Dixen onte que, mentres Bush falaba no Congreso, McCain recibía homenaxes no restaurante Versailles da Pequena Habana.

Viviron e instaláronse alí coas súas familias a meirande parte dos máis decididos inimigos da Revolución Cubana, que foron os batistianos, os grandes terratenentes, casatenentes e millonarios que tiranizaron e saquearon ao noso pobo. O goberno dos Estados Unidos utilizounos segundo os seus intereses para organizar a invasores e terroristas que durante case 50 anos ensanguentaron o noso país. A aquel fluxo sumáronse despois emigrantes ilegais, a Lei de Axuste Cubano e o brutal bloqueo imposto ao pobo de Cuba.

É incríbel que nestes días o candidato republicano, con honras de heroe, se torne en instrumento desa mafia. Ninguén que se estime a si mesmo comete unha falta de ética tan grave.

Os representantes Ileana Ros-Lehtinen, Mario e Lincoln Díaz- Balart, o senador, tamén de orixe cubana, Mel Martínez, o gobernador Charles Christ e o senador independente Joseph Lieberman, convertéronse en importantes apoios do candidato para tratar de gañar na Florida e nos seus asesores principais para a política en América Latina.

Que poderán agardar os latinoamericanos de tales conselleiros?

Ros-Lehtinen caracterizou a McCain como "forte na defensa nacional" e "tamén comprende a ameaza que significa o réxime de Castro".

McCain participou de xeito destacado nunha audiencia que realizou o 21 de maio do 2002 sobre Cuba no Subcomité de Asuntos de Consumo, Comercio Exterior e Turismo, do Comité de Ciencia e Transporte, na que reiterou que o noso país constitúe unha ameaza para Estados Unidos pola súa capacidade de producir armas biolóxicas, o que James Carter demostrou que era ridículo.

Sobre as medidas propostas para flexibilizar as viaxes a Cuba, McCain, en outubro de 2003, presentou unha moción para interromper o debate sobre este asunto.

Destácase a xestión realizada en marzo de 2005 para presentar un proxecto lexislativo baixo o título "Lei para o impulso da democracia 2005", que autoriza financiamento, reforza a subversión, estabelece novas estruturas e propón mecanismos adicionais de presión contra Cuba.

Facendo alusión aos pequenos avións piratas derrubados o 24 de febreiro de 1996, declarou: "Se eu fose Presidente de Estados Unidos, ordenaría unha investigación do derrubo deses valentes que foron asasinados baixo ordes de Fidel e Raúl Castro, e os xulgaría".

Noutra das súas voluntariosas declaracións expresou que "cando houbese liberdade en Cuba, gustaría de enfrontarme aos cubanos que torturaron a algúns dos meus compañeiros durante a guerra de Vietnam". Que coraxe o do obsesivo candidato!

Vaiamos á esencia do seu pensamento.

Que educación política recibiu? Ningunha. Foi instruído como piloto de guerra a partir das aptitudes físicas para pilotar un avión de ataque. Que predominaba nel? A tradición familiar e as súas fortes motivacións políticas.

Nas súas memorias afirma: "O meu pai chegou ao alto mando cando o comunismo substituíra ao fascismo como a ameaza dominante á seguridade norteamericana. Odiouno ferozmente e dedicouse ao seu aniquilamento. El creu que estabamos bloqueados sen escape nunha loita a vida ou morte cos soviéticos. Un ou outro bando acabaría por acadar a vitoria total e o poderío naval resultaría crucial para o resultado. El era categórico sobre este asunto.

"En 1965, violentes choques entre faccións belixerantes, unha das cales era considerada unha fronte comunista, levaran á República Dominicana á beira da guerra civil. O Presidente Johnson ordenou ao meu pai comandar o asalto anfibio na Operación Steel Pike 1, a invasión e ocupación da nación caribeña. Esa operación era controvertida. Os críticos xulgárona, con razón, como unha intervención ilegal nos asuntos dunha nación soberana. O meu pai, como era común nel, estaba impertérrito ante a oposición interna.

"Algúns condenaron a intervención por inxustificada”,
observou, “pero os comunistas estaban preparados para intervir e facerse cargo. Pode ser que a xente non te ame por ser forte cando tes que selo, pero te respectan por iso e aprenden a comportarse de acordo a esa actitude.

"O seu nomeamento posterior nas Nacións Unidas, foi considerado pola armada como un punto final e foi considerada a súa última misión. Era un Almirante de tres estrelas e as perspectivas dunha cuarta estrela eran remotas. Dous anos despois ordenáronlle marchar a Londres para asumir o mando das forzas navais dos Estados Unidos en Europa. A cuarta estrela veu con este nomeamento. Antes dun ano déronlle o mando de todas as forzas dos Estados Unidos no Pacífico, o maior mando operacional militar do mundo
."

No regreso de McCain da súa viaxe de adestramento como cadete, pasou polo territorio ocupado de Guantánamo.

"Guantánamo neses días antes de Castro era un lugar salvaxe. Todos fomos a terra dirixíndonos inmediatamente ás enormes tendas de campaña que se instalaron na base como bares temporais, nas que se servían grandes cantidades de cervexa forte cubana e ponches de ron até máis potentes aos que tivesen sede e non puidesen nin pagarse o grolo máis barato.

"Sentíame orgulloso de graduarme na Academia Naval. Pero nese momento, a emoción que sentín máis profundamente foi a de alivio. Xa me aceptaron en Pensacola para un adestramento de voo. Naqueles días, só había que aprobar o exame físico para clasificarse para o adestramento de voo, e estaba ansioso por ter á vida dun despreocupado aviador da Mariña.

"En outubro de 1962, estaba precisamente regresando á base naval de Norfolk despois de completar un desdobramento no Mediterráneo a bordo do Enterprise.

"O meu escuadrón levantou voo do Enterprise e regresou á Estación Aérea Naval Oceana mentres a nave entraba en Norfolk.

"Poucos días após o noso regreso, recibimos de súpeto ordes de voar de regreso ao portaavións. Os nosos superiores explicaron a insólita orde informándonos que un furacán se aproximaba a nós.

"Todos os nosos avións regresaron ao portaavións nas 24 horas seguintes, para dirixirnos a alta mar. Alén dos nosos A-1, o Enterprise tiña avións de ataque de longo alcance, os que normalmente presentan dificultades no despegue e na aterraxe. Embarcamos no noso misterioso desdobramento sen eles.

"O noso xefe aéreo dirixiuse a un representante do escuadrón dicíndolle que non tiñamos tempo para agardar por todos os seus avións para aterrar; algúns deles terían que regresar á súa base.

"Eu estaba bastante desconcertado coa aparente urxencia da nosa misión -movémonos precipitadamente nun día, deixando atrás algúns dos nosos avións; o escuadrón da Mariña recibira a orde de unirse a nós co combustíbel suficiente para aterrar ou facer unha amaraxe. O misterio resolveuse cando pouco tempo despois todos os pilotos se reunían no salón multiusos do Enterprise para escoitar a transmisión dunha mensaxe do Presidente Kennedy informando á nación que os soviéticos estaban instalando mísiles nucleares en Cuba."


Refírese á coñecida Crise de Outubro de 1962, hai máis de 45 anos, que deixou nel desexos latentes de atacar ao noso país.

"O Enterprise, navegando a toda velocidade impulsado por enerxía nuclear, foi o primeiro portaavións norteamericano en chegar ás augas cubanas. Durante case cinco días, os pilotos do Enterprise pensamos que entrariamos en acción. Nunca antes combateramos, e a pesar da confrontación mundial que presaxiaba un golpe contra Cuba, estabamos preparados e ansiosos de executar a nosa primeira misión de voo. A atmosfera a bordo da nave era bastante tensa, pero non exaxeradamente. Por suposto, no noso foro interno estabamos moi excitados, pero mantivemos a nosa compostura e imitamos a imaxe típica dun lacónico, reservado e audaz norteamericano en guerra.

"Despois de cinco días a tensión afrouxou, cando foi evidente que a crise se resolvería de forma pacífica. Non nos decepcionou a imposibilidade de poder ter a nosa primeira experiencia de combate, pero aumentaron o noso apetito e as nosas fantasías. Anticipamos con avidez a ocasión de facer o que estabamos adestrados para facer, e descubrir, finalmente, se eramos o bastante valentes para realizar a tarefa."


Narra máis adiante o accidente que se produciu no portaavións nuclear Forrestal cando se atopaba no Golfo de Tonkín. Cento trinta e catro mozos norteamericanos, moitos de 18 e 19 anos, morreron nun enorme esforzo por salvar a nave. O portaavións, cheo de perforacións polas bombas que estouparan, tivo que viaxar a Estados Unidos para ser reconstruído. Deberíase revisar o que entón se publicou e o enfoque sobre o tema.

McCain pasa despois a outro portaavións de tipo convencional nos mesmos mares, con idéntico obxectivo. Cada unha das definicións do autor deben examinarse.

"O 30 de setembro de 1967, pasei ao Oriskany e ao grupo VAI-136, que era un escuadrón de ataque de A-4 e respondía ao alcume de ‘Os Santos’. Durante os tres anos que durou a Operación Rolling Thunder -campaña de bombardeo ao norte de Vietnam que comezou en 1965-, ningún piloto de portaavións viviu máis acción ou sufriu máis perdas que os do Oriskany. Cando a administración Johnson deu por concluída a Operación Rolling Thunder, en 1968, trinta e oito dos seus pilotos morreran ou foran capturados. Perdéronse sesenta avións, incluíndo vinte e nove do modelo A-4. ‘Os Santos’ sufriron a máis alta cantidade de baixas. En 1967, un terzo dos pilotos do escuadrón morreu ou foi capturado. Cada un dos quince A-4 que pertencían orixinalmente a este grupo foi destruído. Nós tiñamos algunha reputación pola nosa agresividade e polo éxito que acadábamos nas nosas misións. Nos meses que antecederon a miña chegada ao escuadrón, ‘Os Santos’ destruíran todas as pontes da cidade portuaria de Haiphong.

"Do mesmo xeito que todos os pilotos de combate, nós mostrabamos unha indiferenza case macabra coa morte, que agochaba unha grande tristeza no escuadrón e que se facía máis profunda a medida que aumentaba a nosa lista de baixas.

"Voábamos cara ao noso próximo ataque coa determinación de facer o maior dano posíbel.

"Eu estaba a piques de guindar as miñas bombas cando a alarma do avión soou.

"Sabía que me deran. O meu A-4, que voaba a unha velocidade próxima ás 550 millas por hora, precipitouse violentamente a terra facendo xiros en espiral.

"Reaccionei automaticamente no momento despois do impacto, e vin que o meu avión perdera un á. Comuniquei a miña situación por radio e activei a panca de expulsión de urxencia do asento.

"Choquei cunha parte do avión, rompendo o brazo esquerdo, o meu brazo dereito en tres partes e o meu xeonllo dereito. Quedei inconsciente por un breve instante debido á forza da expulsión. Algunhas testemuñas afirman que o meu paracaídas apenas se abriu momentos antes de caer nas augas pouco profundas do lago Truc Bach. Toquei terra no medio do lago, no centro da cidade, a plena luz do día.

"Ao meu pai non lle gustaba ir pelexar con medios limitados. El consideraba que a autocontención era unha admirábel calidade humana, pero cando se vai á guerra pensaba en que era necesario tomas todas as medidas para chegar a un final rápido e vitorioso. A guerra de Vietnam non foi rápida nin vitoriosa e sei que isto o frustrou bastante.

"Nun discurso que pronunciou despois da súa retirada retirou, afirmou que ‘dúas decisións deplorábeis’ condenaran aos Estados Unidos ao fracaso en Vietnam: ‘A primeira foi a decisión pública de prohibir ás tropas estadounidenses entrar no norte de Vietnam e derrotar ao inimigo na seu propio territorio. A segunda foi... prohibir o bombardeo de Hanoi e Haiphong até as dúas últimas semanas do conflito...’

"Estas dúas decisións combináronse para permitirlle a Hanoi adoptar a estratexia que quixese, sabendo que virtualmente non habería represalias, nin contraataque.

"Cando os vietnamitas do norte lanzaron unha ofensiva de máxima importancia en decembro de 1971, nun momento no que as forzas dos Estados Unidos en Vietnam foran reducidas a 69.000 homes, o Presidente Nixon indicoulle ao meu pai minar Haiphong e outros portos do norte de xeito inmediato. A Administración Nixon prescindiu moito da microdirección da guerra que lle dera un servizo tan ruín á Administración de Johnson, particularmente as absurdas restricións de obxectivos impostas aos pilotos dos bombardeiros estadounidenses.

"As relacións entre os comandantes militares e os seus superiores civís melloraron cando o Presidente Nixon e o Secretario de Defensa Melvin Laird asumiron o cargo. A nova administración evidentemente estaba máis interesada e apoiaba os puntos de vista dos xenerais e almirantes que participaban na guerra. O meu pai tiña unha boa relación con ambos, Nixon e Laird, así como con Henry Kissinger, o Conselleiro de Seguridade Nacional do Presidente
".

Non oculta os seus sentimentos cando fala das vítimas dos bombardeos. As súas palabras destilan profundo odio.

"En abril de 1972 a nosa situación mellorou moito máis cando o Presidente Nixon reiniciou o bombardeo de Vietnam do Norte e baixo as ordes do meu pai empezaron a caer sobre Hanoi as primeiras bombas desde marzo de 1968. A Operación Linebacker, como se chamou a esa campaña, significou a entrada dos B-52 na guerra, coa súa enorme carga de bombas.

"A angustia que sufriramos antes de 1972 empeorouse polo medo que tiñamos de que Estados Unidos non estivese preparado para facer o que era necesario para acabar a guerra dun xeito razoabelmente rápido. Non podiamos divisar no horizonte o día no que remataría a guerra. Independentemente de que un apoiara a guerra ou non -coñecín varios presos que defendían a última posición- ninguén apoiaba a maneira de comandar a guerra da administración Johnson.

"Os B-52 aterrorizaron Hanoi durante once noites. Unha tras outras, chegaban as ondas de avións. Durante o día, mentres os bombardeiros estratéxico se reabastecían de combustible e bombas, outros avións atacaban. Os vietnamitas comprenderon.

"Os nosos oficiais superiores, sabendo que este momento era inminente, advertíronnos de que non mostrásemos ningunha emoción cando o acordo se fixese público
."

Destila odio contra os vietnamitas. Estaba disposto a exterminalos a todos.

"No momento da fin, coa sinatura en París dos acordos de paz, o meu pai retirouse do servizo activo. Xa sen as restricións do seu papel como subordinado aos superiores civís, menosprezou o acordo. ‘Na nosa ansiedade por saír da guerra, asinamos un acordo moi malo’, dixo."

Nestes parágrafos está reflectido o pensamento máis íntimo de McCain. O peor acontece cando cede á idea de facer unha declaración contra a guerra. Iso non podía deixar de mencionalo no seu libro. Como o fai?

"El (o seu pai) recibira un informe de que unha transmisión propagandística que pretendían facer crer que fora feita por min, fora analizada e a voz comparada coa gravación da miña entrevista co xornalista francés. As dúas voces foron identificadas como a mesma. Nos días de angustia xusto despois da miña confesión, temía que isto fose descuberto polo meu pai.

"Despois de regresar a casa, el nunca me dixo o que sabía acerca da miña confesión e, aínda que lle falei diso, nunca o discutín con profundidade. Só hai pouco souben que a cinta que soñei ouvir a través do altofalante na miña cela fora real, e que o meu pai sabía que fora transmitida fóra da prisión.

"Se soubese o momento no que o meu pai ouvira a miña confesión, sería algo aínda máis angustioso e non me recuperaría desa experiencia tan rapidamente como o fixen. Mais nos anos que pasaron desde ese feito, a estima polo meu pai e por min mesmo madurou. Comprendo mellor a natureza do carácter forte.

"O meu pai foi un home o suficientemente forte como para non xulgar demasiado duro o carácter dun fillo que alcanzara os seus límites e descubriu que estes eran pequenos para os estándares dos heroes idealizados que nos inspiraron cando eramos nenos
."

Non o critico por iso. Sería desapiadado e inhumano facelo. Non é o obxectivo. Trátase agora da necesidade de poñer á vista unha política que non é individual, senón compartida por moitas persoas, xa que a verdade obxectiva sempre será difícil de comprender.

Pensou algunha vez McCain nos Cinco Heroes antiterroristas cubanos que foron encerrados en prisións solitarias como as que el di detestar, obrigados a comparecer ante un xurado da Pequena Habana por delitos que nunca cometeron, sancionados tres deles a unha e até dúas cadeas perpetuas, e os outros dous a 19 e 15 anos?

Coñece que as autoridades dos Estados Unidos recibiron informacións que puideron impedir a morte por terrorismo de cidadáns norteamericanos?

Coñece as actividades de Posada Carriles e Orlando Bosch, responsábeis da voadura dun avión cubano de pasaxeiros en pleno voo e a morte dos seus 73 ocupantes?

Por que non lles fala diso aos cadetes de Annapole?

Os heroes cubanos están próximos a cumprir xa 10 anos de prisión. Non asasinaron nin torturaron nunca a ninguén. Non os acuse agora de que estaban en Vietnam torturando a pilotos norteamericanos.

Coñezo o declarado por vostede na escola onde se graduou como cadete. Agradézolle o seu nobre desexo de non responderme para non dignificarme. A única lamentábel confusión -e non foi esa a intención dalgunhas axencias que transmitiron a primeira reflexión sobre o tema- é que eu pedira probas. Non se pode probar o que nunca aconteceu. Pedín ética.


Ler máis

Etiquetas:

0 Comments:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com