Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Como Kautsky transformou a Marx nun vulgar liberal
A Revolución Proletaria e o renegado Kautsky (2)
08/09/2009


2. COMO KAUTSKY TRANSFORMOU A MARX NUN VULGAR LIBERAL

A cuestión fundamental que Kautsky trata no seu traballo é o cerne da revolución proletaria, é dicir, a ditadura do proletariado. E unha cuestión da maior importancia para todos os países, particularmente para os avanzados, particularmente para os belixerantes, particularmente no momento actual. Podemos dicir sen esaxerar que é a cuestión principal de toda a loita da clase proletaria. Por iso é indispensábel deternos nela con atención.

Kautsky sitúa a cuestión do seguinte xeito:

«A oposición das dúas correntes socialistas» (isto é, dos bolxeviques e dos non bolxeviques) é «a oposición de dous métodos radicalmente distintos: o democrático e o ditatorial

Observemos brevemente que, chamando socialistas aos non bolxeviques da Rusia, é dicir, aos menxeviques(5) e aos socialistas revolucionarios(6), Kautsky estase a guiar pola súa denominación, isto é, pola palabra e non polo lugar efectivo que ocupan na loita do proletariado contra a burguesía. Xeitosa maneira de concibir e aplicar o marxismo! Mais falaremos diso polo miúdo máis adiante.

Por agora centrémonos no principal: o grande descuberta de Kautsky sobre a «oposición radical» entre os «métodos democrático e ditatorial». Este é o nó da cuestión. É a esencia do artigo de Kautsky. E estamos ante unha confusión teórica tan monstruosa, dunha tan absoluta negación do marxismo, que é preciso recoñecer que Kautsky superou en moito a Bernstein.

A cuestión da ditadura do proletariado é a cuestión da relación do Estado proletario co Estado burgués, da democracia proletaria coa democracia burguesa. Semellaría que isto é claro como o día. Mais Kautsky, igualiño ao un profesor de secundaria momificado pola repetición de manuais de historia, teima en darlle as costas ao século XX para ollar en dirección ao século XVIII, e mastiga e rumia mil veces, de xeito incribelmente aborrecido, unha extensa sucesión de parágrafos sobre a actitude da democracia burguesa co absolutismo e a Idade Media!

De feito, semella como se, adormecido, mastigase un trapo!

Porque isto significa non comprender absolutamente nada da razón das cousas. Só poden provocar sorrisos os esforzos de Kautsky por presentar as cousas como se houbese persoas que pregoasen «o desprezo pola democracia», etc. Kautsky tende a desviar e embarullar a cuestión con futilidades coma estas, pois el sitúa a cuestión como os liberais, falando da democracia en xeral e non da democracia burguesa. Evita mesmo este concepto preciso, de clase, e procura falar da democracia «presocialista», Case un terzo do seu artigo, 20 das 63 páxinas, están cheas de palabras moi agradábeis á burguesía, que adornan a democracia burguesa e evitar a cuestión da revolución proletaria.

Mais o título do artigo de Kautsky é A Ditadura do Proletariado. Toda a xente sabe que esta é precisamente a esencia da doutrina de Marx. E Kautsky, despois de toda es verborrea afastada do tema, está obrigado a citar as palabras de Marx sobre a ditadura do proletariado.

Como o fai o «marxista» Kautsky é unha auténtica comedia. Lean:

«Ese punto de vista» (que Kautsky cualifica de desprezo pola democracia) «aséntase nunha soa palabra de Karl Marx», é o que di textualmente na páxina 20. E na páxina 60 repítese, chegando a dicir que (os bolxeviques) «lembraron a tempo a palabriña» (literalmente así! Des Wörtchens) «sobre a ditadura do proletariado que Marx empregou unha vez en 1875 nunha carta».

Esta é a «palabriña» de Marx:

«Entre a sociedade capitalista e a sociedade comunista encóntrase o período de transformación revolucionaria da primeira na segunda. A este período corresponde tamén un período político de transición, e o Estado deste período non pode ser senón a ditadura revolucionaria do proletariado.»(7)

En primeiro lugar, chamar a esa célebre reflexión de Marx, que resume toda a súa doutrina revolucionaria, «unha soa palabra», ou até «palabriña», é burlarse do marxismo, é renegar del completamente. Non se debe esquecer que Kautsky coñece a Marx case de memoria e que, a xulgar por todos os seus escritos, ten na mesa de traballo ou na cabeza unha serie de gabetiñas de madeira nas cales todo o que Marx escribiu está dividido na máxima orde e coidado para as citas. Kautsky non pode deixar de saber que, tanto Marx como Engels, tanto en cartas como en obras impresas, falaron moitas veces da ditadura do proletariado, tanto antes como particularmente despois da Comuna. Kautsky non pode deixar de saber que a fórmula «ditadura do proletariado» non é máis que unha formulación historicamente máis concreta e cientificamente máis precisa da tarefa do proletariado de «rachar» a máquina de Estado burguesa, da cal tanto Marx como Engels, tendo en conta a experiencia das revolucións de 1848 e aínda máis da de 1871, falan de 1852 a 1891, durante corenta anos.

Como explicar esta monstruosa deturpación do marxismo polo letrado en marxismo Kautsky? Se se busca a base filosófica de semellante fenómeno, todo se reduce a unha substitución da dialéctica polo eclectismo e a sofística. Se buscamos no terreo da política práctica, todo se reduce a servilismo diante dos oportunistas, isto é, ao fin e ao cabo, diante da burguesía. Progresando cada vez máis rápido desde que comezou a guerra, Kautsky chegou ao virtuosismo nesta arte de ser marxista de palabra e lacaio da burguesía nos feitos.

Convencémonos aínda máis diso cando examinamos a notábel «interpretación» de Kautsky da «palabriña» de Marx sobre a ditadura do proletariado. Lean:

«Marx, infelizmente, non indicou de forma máis pormenorizada como concibía esta ditadura ...» (Unha frase totalmente falsa dun renegado, porque Marx e Engels deron precisamente unha serie de indicacións moi detalladas que o letrado en marxismo Kautsky elude intencionadamente.) «... Literalmente, a palabra ditadura significa supresión da democracia. Mais, naturalmente, esta verba, literalmente, significa tamén o poder persoal dunha soa persoa, que non está amarrada por ningunha lei. Poder persoal que difire do despotismo na medida en que non é entendido como institución estatal permanente, senón como medida transitoria de emerxencia.

«A expresión ‘ditadura do proletariado’, xa que logo, non a ditadura dunha persoa, senón a ditadura dunha clase, exclúe que Marx, ao utilizala, estivese pensando na ditadura no sentido literal da palabra.

«Non falaba aquí dunha forma de goberno, senón dunha situación que necesariamente debe producirse alí onde o proletariado conquistou o poder político. Que Marx non se refería aquí á forma de goberno xa se demostra polo feito de que el sustentaba a idea de que na Inglaterra e na América a transición podía realizarse pacificamente, polo tanto, por vía democrática.»

Citamos intencionadamente toda esta reflexión para que o lector poida ver claramente os procesos dos que se serve o ‘teórico’ Kautsky.

Kautsky quixo abordar o problema do xeito que lle permitise comezar pola definición da palabra ditadura.

Moi ben. Cada quen ten o dereito sagrado de abordar as cuestión como queira. Aínda que é preciso distinguir a abordaxe seria e honesta da cuestión da abordaxe deshonesta. Quen queira tratar seriamente o problema con este método de abordar a cuestión debería dar a súa definición da palabra. Así a cuestión estaría formulada clara e correctamente. Kautsky non o fai. «Literalmente –escribe- a palabra ditadura significa supresión da democracia.»

En primeiro lugar, isto non é unha definición. Se Kautsky desexaba evitar a definición do concepto de ditadura, por que escolleu esa forma de abordar a cuestión?

En segundo lugar, isto é claramente falso. É natural para un liberal falar de «democracia» en xeral. Un marxista nunca esquecerá situar a cuestión: «para que clase?» Todo o mundo sabe, por exemplo –e o «historiador Kautsky tamén o sabe-, que as insurreccións e mesmo as fortes axitacións dos escravos na antigüidade revelaban inmediatamente a esencia do Estado antigo como ditadura dos escravistas. Esa ditadura suprimía a democracia entre os escravistas, para eles? Todo o mundo sabe que non.

O «marxista» Kautsky di un absurdo monstruoso e unha falsidade, pois «esqueceu» a loita de clases...

Para transformar a afirmación liberal e mentireira feita por Kautsky nunha afirmación marxista e verdadeira, é preciso dicir: a ditadura non significa necesariamente a supresión da democracia para a clase que exerce esa ditadura sobre as outras clases, senón que significa necesariamente a supresión (ou unha restrición esencial, o que é tamén unha das formas de supresión) da democracia para a clase sobre a cal ou contra a cal se exerce a ditadura.

Mais por verdadeira que sexa esta afirmación, ela non define a ditadura.

Examinemos a seguinte frase de Kautsky:

«... Mais, naturalmente, esta palabra, literalmente, significa tamén o poder persoal dunha soa persoa, que non está amarrada por ningunha lei...»

Como un cachorro cego que mete o fociño ao chou, ora aquí ora alí, Kautsky tropezou aquí por casualidade cunha idea xusta (a saber: que a ditadura é un poder que non está amarrado por ningunha lei) mais, porén, non deu unha definición da ditadura e di, ademais, unha falsidade histórica evidente: que a ditadura significa o poder dunha soa persoa. Isto incluso gramaticalmente é inexacto, porque a ditadura pode ser exercida tanto por un feixe de persoas como por unha oligarquía, por unha clase, etc.

Kautsky indica de seguido a diferenza entre ditadura e despotismo, máis, aínda que a súa afirmación sexa claramente falsa, non nos deteremos nela, pois non ten nada a ver coa cuestión que nos interesa. É coñecida a inclinación de Kautsky de ir do século XX ao XVIII, e do século XVIII á antigüidade, e agardemos que cando o proletariado alemán atinxa a ditadura, terá en conta esa inclinación e nomeará a Kautsky, digamos, profesor de historia antiga nun liceo. Esquivar unha definición da ditadura do proletariado, a través de elucubracións sobre o despotismo, é ou extrema estupidez ou falcatruada moi pouco hábil.

En resume, vemos que Kautsky, que se propuña falar de ditadura, di moitas cousas notoriamente falsas mais non dá ningunha definición! No canto de confiar nas súas facultades intelectuais, podería ter botado man da súa memoria e repasar das gabetiñas todas as veces que Marx fala de ditadura. Tería obtido, abofé, ou a seguinte definición ou outra que, no fondo, coincidiría:

A ditadura revolucionaria do proletariado é un poder conquistado e mantido pola violencia do proletariado sobre a burguesía, un poder que non está amarrado por ningunha lei.

E esta simple verdade, verdade clara como a luz do día para calquera obreiro consciente (un representante das masas e non da camada superior da canalla pequenoburguesa subordinada aos capitalistas, como son os social-imperialistas de todos os países), esta verdade evidente para calquera representante dos explotados que loitan pola súa liberación, esta verdade indiscutíbel para calquera marxista, é preciso «arrincarlla pola guerra» ao sapientísimo señor Kautsky! Como explicar isto? Polo espírito de servilismo do que están penetrados os xefes da II Internacional, transformados en desprezábeis sicofantas ao servizo da burguesía.

Primeiro Kautsky terxiversa, declarando, cousa evidentemente absurda, que no seu sentido literal a palabra ditadura significa ditadura dunha soa persoa, e despois, apoiándose nesa terxiversación, declara que, «xa que logo», as palabras de Marx sobre a ditadura de clase non teñen sentido literal (senón un sentido segundo o cal ditadura non significa violencia revolucionaria, senón unha conquista «pacífica» da maioría baixo a «democracia» burguesa, non perdan de vista isto).

É preciso distinguir, fíxense, entre «situación» e «forma de goberno». Distinción espantosamente profunda, como se distinguísemos entre a «situación» da idiotez dunha persoa que razoa sen intelixencia e a «forma» das súas parvadas.

Kautsky precisa interpretar a ditadura como «situación de dominación» (é a expresión textual que el emprega na páxina seguinte, páxina 21), porque entón desaparece a violencia revolucionaria, desaparece a revolución violenta. A «situación de dominación» é a situación na que encontra calquera maioría baixo... a democracia! Con esta trampullada de mexeriqueiro, a revolución felizmente desaparece!

Mais a farsa é demasiada groseira e non salvará a Kautsky. Que a ditadura presupón e significa unha «situación», desagradábel para un renegado, de violencia revolucionaria dunha clase sobre outra, é algo imposíbel de negar. O absurdo da distinción entre «situación» e «forma de goberno» salta á vista. Falar aquí de forma de goberno é trimplemente necio, porque calquera crianza sabe que monarquía e república son formas de goberno diferentes. É preciso demostrar ao señor Kautsky que estas dúas formas de goberno, como todas as «formas de goberno» transitorias baixo o capitalismo, non son máis que variedades do Estado burgués, isto é, da ditadura da burguesía.

En fin, falar de formas de goberno é unha falsificación non só estúpida senón tamén groseira de Marx, que fala aquí con toda a clareza da forma ou tipo de Estado, e non de forma de goberno.

A revolución proletaria é imposíbel sen a destrución violenta da máquina de Estado burguesa e a súa substitución por unha nova que, segunda as verbas de Engels, «non é xa un Estado no sentido propio».(8)

Kautsky precisa escamotear e encubrir todo isto –así o esixe a súa posición de renegado.

Vexan a que miserábeis subterfuxios recorre.

Primeiro subterfuxio. «... Que Marx non se refería aquí á forma de goberno xa se demostra polo feito de que el sustentaba a idea de que na Inglaterra e na América a transición podía realizarse pacificamente, polo tanto, por vía democrática ... »

A forma de goberno non ten absolutamente ningunha relación con isto, porque hai monarquías, que non son típicas do Estado burgués, que se distinguen, por exemplo, pola ausencia de camarillas militaristas, e hai repúblicas, absolutamente típicas nese aspecto, por exemplo, con camarillas militaristas e burocracia. Este é un feito histórico e político coñecido, e Kautsky non conseguirá falsificalo.

Se Kautsky quixese razoar serie e honestamente, teríase preguntado: existen leis históricas relativas á revolución e que non coñecen excepción? A resposta sería: non, non existen tais leis. Estas leis refírense só ao típico, aquilo ao que Marx chamou unha vez «ideal», no sentido de capitalismo medio, normal, típico.

Continuemos. Existía nos anos 70 algo que fixese da Inglaterra ou da América unha excepción no aspecto que examinamos? Para calquera persoa minimamente familiarizada coas esixencias da ciencia no campo das cuestións históricas, é evidente que é necesario situar esta cuestión. Non facelo significa falsificar a ciencia, significa xogar aos sofismas. E unha vez situada esta cuestión, a resposta non ofrece ningunha dúbida: a ditadura revolucionaria do proletariado é violencia contra a burguesía; esta violencia é particularmente necesaria, como moitas veces explicaron polo miúdo Marx e Engels (particularmente en A Guerra Civil en Francia e no seu prefacio), pola existencia da camarilla militarista e da burocracia. Precisamente estas institucións, precisamente na Inglaterra e na América, e precisamente nos anos 70 do século XIX, cando Marx fixo a súa observación, non existían! (Mais agora existen tanto na Inglaterra como na América).

Kautsky precisa literalmente facer trampulladas a cada paso para agochar que é un renegado!

E vexan como amosou aquí sen querer as orellas de burro. Escribiu: «pacificamente, isto é, por vía democrática»!!

Ao definir a ditadura, Kautsky fai todos os esforzos para agochar ao lector o trazo fundamental desde concepto: a violencia revolucionaria. Pero a verdade sae a luz: trátase da oposición entre revolución pacífica e revolución violenta.

Esta é a cuestión. Todos os subterfuxios, os sofismas, as falsificación de mexeriqueiro son necesarias para que Kautsky poida esquivar a revolución violenta, para agochar que renega dela, que se pasa ao lado da política obreira liberal, isto é, que se pasa ao lado da burguesía. Esta é a cuestión.

O «historiador» Kautsky falsifica a historia con tanto descaro que «esquece» o fundamental: o capitalismo premonopolista, cuxo apoxeo corresponde aos anos 70 do século XIX, acorde coas súas particularidades económicas esencias, que na Inglaterra e na América se manifestaban dun xeito particularmente típico, distinguíase por un apego relativamente maior á paz e á liberdade. Mais o imperialismo, isto é, o capitalismo monopolista, que só atinxiu a plena madurez no século XX, polas súas particularidades económicas esenciais, distínguese por un apego mínimo á paz e á liberdade, por un desenvolvemento máximo da camarilla militarista en todas partes. «Non notar» isto ao examinar en que medida unha revolución pacífica ou violenta é típica ou probábel, é descender ao nivel do máis vulgar lacaio da burguesía.

Segundo subterfuxio. A Comuna de París foi unha ditadura do proletariado, e foi elixida por sufraxio universal, isto é, sen privar á burguesía do seu dereito ao voto, é dicir, «democraticamente». E Kautsky remata triunfal:

«... A ditadura do proletariado foi para Marx» (ou segundo Marx) «unha situación que resulta necesariamente da democracia pura se o proletariado constitúe a maioría» (bei überwiegendem Proletariat, p. 21)

Este argumento de Kautsky é tan divertido que un sente un verdadeiro embarras de richesses (dificultades por mor da abundancia... de obxección). En primeiro lugar, é sabido que a flor, o estado maior, as camadas superiores da burguesía, fuxiran de París para Versalles. En Versalles estaba o «socialista» Louis Blanc, o que proba, por certo, que é mentira a afirmación de Kautsky de que na Comuna terían participado «todas as tendencias» do socialismo. Non é ridículo presentar como «democracia pura» con «sufraxio universal» a división dos habitantes de París en dous campos belixerantes, nun dos cales se concentraba toda a burguesía militante, politicamente activa?

En segundo lugar, a Comuna loitou contra Versalles, como goberno obreiro de Francia contra o goberno burgués. A que ven aquí iso de «democracia pura» e de «sufraxio universal» cando París decidía o destino de Francia? Cando Marx consideraba que a Comuña cometera un erro non tomando o Banco(9), que pertencía a toda Francia, partía Marx dos principios e da práctica da «democracia pura»?

É claro que Kautsky escribe nun país no que a policía prohibe ás persoas rir «en grupo», pois doutro xeito Kautsky xa tería morto polos risos.

En terceiro lugar, voume permitir lembrarlle ao señor Kautsky, que coñece de memoria a Marx e a Engels, a seguinte apreciación de Engels sobre a Comuna do punto de vista... da «democracia pura»:

«Eses señores» (os antiautoritarios) «viron algunha vez unha revolución? Unha revolución é, indubidabelmente, a cousa máis autoritaria posíbel. Unha revolución é un acto a través do cal unha parte da poboación impón a súa vontade á outra parte por medio de fusís, baionetas e canons, isto é, por medios extraordinariamente autoritarios E o partido vitorioso está necesariamente obrigado a manter o seu dominio polo terror que as súas armas inspiran aos reaccionarios. Se a Comuna de París non se apoiara na autoridade do pobo armada contra a burguesía duraría máis dun día? Non teremos razón, pola contra, ao censurar á Comuna por ter empregado demasiado pouco esta autoridade?»(10)

Aí está a «democracia pura»! Como se mofaría Engels do vulgar pequenoburgués, do «socialdemócrata» (no sentido que se lle daba en Francia a esta palabra nos anos 40 e en toda Europa nos anos 1914-1918) que tivese a ocorrencia de falar de «democracia pura» nunha sociedade dividida en clases!

Mais abonda. É imposíbel enumerar todos os absurdos aos que chega Kautsky, porque cada unha das súas frases é o abismo sen fondo dun renegado.

Marx e Engels analizaran moi polo miúdo a comuna de París, e mostraron que o seu mérito consistiu na tentativa de rachar, demoler «a máquina de Estado existente»(11). Marx e Engels atribuíran tal importancia a esta conclusión que en 1872 apenas introduciran esta emenda no programa «obsoleto» (nalgunhas partes) do Manifesto Comunista(12). Marx e Engels amosaron que a Comuna suprimiu a exército e a burocracia, suprimiu o parlamentarismo, destruíu a «excrecencia parasitaria que é o Estado», etc., mais o sapientísimo Kautsky, calándose o gorro de durmir, repite aquilo que os profesores liberais dixeron mil veces: as fábulas sobre a «democracia pura».

Non foi casual que Rosa Luxemburgo dixera o 4 de agosto de 1914 que a socialdemocracia alemá era un cadáver fedorento.(13)

Terceiro subterfuxio. «Se falamos da ditadura como forma de goberno, non podemos falar de ditadura dunha clase. Pois unha clase, como xa indicamos, pode apenas dominar, mais non gobernar ...» Son as «organizacións» ou os «partidos» quen gobernan.

Vostede confunde, vostede confunde descaradamente, señor «conselleiro da confusión»! A ditadura non é unha «forma de goberno», iso é ridículo. E Marx non fala de «forma de goberno», senón de forma ou tipo de Estado. É algo totalmente diferente, totalmente diferente. Tamén é absolutamente inexacto que unha clase non poda gobernar: Tal absurdo só o pode dicir un «cretino parlamentar», que nada ve alén do parlamente burgués, que non ve nada alén dos «partidos gobernantes». Calquera país europeo pode mostrar a Kautsky exemplos de goberno exercidos pola súa clase dominante, por exemplo, os latifundistas na Idade Media, malia a súa insuficiente organización.

Resumindo: Kautsky deturpou do xeito máis inaudito o concepto de ditadura do proletariado, transformando a Marx nun vulgar liberal, isto é, descendeu ao nivel do liberal que lanza frases vulgares verbo da «democracia pura», agochando e evitando o contido de clase da democracia burguesa, fuxindo de toda violencia revolucionaria por parte da clase oprimida. Cando Kautsky «interpretou» o concepto de «ditadura revolucionaria do proletariado» para facer desaparecer a violencia revolucionaria por parte da clase oprimida contra os opresores, de feito está a superar o recorde mundial en deformación liberal de Marx. O renegado Bernstein non é máis que un fedello en comparación co renegado Kautsky.


Notas:


[5] Menxeviques: partidarios da corrente oportunista pequenoburguesa na socialdemocracia rusa. No II Congreso do POSDR, realizado en 1903, o partido escindiuse en dous bandos: o revolucionario, formado polos partidarios de Lenin, e o oportunista, dirixido por Martov. Na eleccións dos órganos centrais do partido, os socialdemócratas revolucionarios obtiveron a maioría dos votos, mentres que os oportunistas ficaron en minoría. De aí a orixe desa designación: «bolxevique» (da verba rusa bokhinstvó-maioría); «menxevique» (da verba rusa menchinstvó-minoría). Os menxeviques pronunciábanse contra o programa revolucionario do partido, contra a hexemonía do proletariado na revolución, contra a alianza da clase obreira cos campesiños, a prol dun compromiso coa burguesía liberal. Despois da vitoria da revolución democrática burguesa en febreiro de 1917, os menxeviques formaron parte do Goberno Provisorio burgués, apoiando a política imperialista e antipopular deste goberno e actuando contra a revolución socialista que se preparaba.

[6] Socialistas revolucionarios: partido pequenoburgués que xurdiu na Rusa a finais de 1901 e comezos de 1902, como resultado da fusión de varios grupos e círculos populistas. Durante a Primeira Guerra Mundial a maior parte dos socialistas revolucionarios adoptou unha posición socialchauvinista. Após a vitoria da revolución democrático burguesa de febreiro de 1917, os socialistas revolucionarios, xunto cos menxeviques e os demócrata constitucionalistas, serviron de principal apoio ao Goberno Provisorio contrarrevolucionario burgués-latifundista, e os xefes do partido eran membros dese goberno. Despois da revolución socialista de Outubro, os socialistas revolucionarios realizaron unha actividade contrarrevolucionaria e subversiva, apoiaron activamente aos intervencionistas e aos xenerais gardas brancos, organizaron actos terroristas contra personalidades do Estado soviético e do Partido Comunista.

[7] Karl Marx, Crítica do Programa de Gotha.

[8] Friedrich Engels, Carta a Bebel.

[9] Este pensamento foi expresado por Friedrich Engels na Introdución á obra de K. Marx A Guerra Civil en Francia.

[10] Friedrich Engels, Sobre a Autoridade.

[11] Ver a carta de K. Marx e L. Kugelmann, de 12 de abril de 1871.

[12] Ver o prefacio de K. Marx e F. Engels á edición alemá do Manifesto Comunista.

[13] O 4 de agosto de 1914, o grupo socialdemócrata do Reichstag alemán votou a concesión de cretos de guerra ao goberno do Kaiser.

Ler máis
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com