Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

A Constitución Soviética
A Revolución Proletaria e o renegado Kautsky (7)
17/09/2009


7. A CONSTITUCIÓN SOVIÉTICA

Como xa indiquei, privar á burguesía do dereito ao voto non constitúe unha característica obrigatoria e indispensábel da ditadura do proletariado. Tamén na Rusia, os bolxeviques, que moito antes de outubro proclamaran a consigna desa ditadura, non falaban de antemán de privar aos explotadores do dereitos ao voto. Esta parte integrante da ditadura non apareceu «de acordo cun plan» de ningún partido, senón que xurdiu por si mesma no decorrer da loita. Evidentemente, o historiador Kautsky non notou iso. Non comprendeu que a burguesía, incluso durante a dominación dos menxeviques (partidarios da conciliación coa burguesía) nos Soviets, se afastou ela mesma dos Soviets, boicoteounos, opúñase a eles, intrigaba contra eles. Os Soviets xurdiran sen ningunha constitución e viviran durante máis dun ano (desde a primavera de 1917 até o verán de 1918) sen Constitución algunha. A furia da burguesía contra a organización independente e omnipotente (porque abranguía a todos) dos oprimidos, a loita –a loita máis desvergoñada, máis egoísta e sucia- da burguesía contra os Soviets e, en fin, a participación manifesta da burguesía (desde os demócratas constitucionalistas até os socialistas revolucionarios de dereita, desde Miliukov até Kerenski) na kornilovada(35), todo iso preparou a exclusión formal da burguesía dos Soviets.


Kautsky ouviu falar da kornilovada, mais cuspe maxestosamente encol dos feitos históricos, encol do curso e as formas da loita, que determinan as formas da ditadura: que teñen que ver os feitos con isto, unha vez que se trata da democracia «pura»? A «crítica» de Kautsky, dirixida contra a retirada do dereito ao voto da burguesía, distínguese por... unha doce inxenuidade que sería entenrecedora se viñese dun raparigo e que provoca noxo cando ven dunha persoa que aínda non foi oficialmente declarado débil mental.

«... Se os capitalistas, co sufraxio universal, se encontrasen nunha insignificante minoría, teríanse reconciliado moito rapidamente co seu destino» ... A que é certamente encantador? O intelixente Kautsky viu moitas veces na historia, e en xeral coñece moi ben pola observación da vida real, latifundistas e capitalistas que respectan a vontade da maioría dos oprimidos. O intelixente Kautsky mantense firme no punto de vista da «oposición», isto é, no punto de vista da loita interparlamentar. Así o escribe textualmente: «oposición».

Oh, douto historiador e político! Non lle faría mal saber que a «oposición» é un concepto de loita pacífica e exclusivamente parlamentar, isto é, un concepto que corresponde a unha situación non revolucionaria, un concepto que corresponde á ausencia de revolución. Na revolución encontrámonos diante dun inimigo implacábel na guerra civil; ningunha choromicada reaccionaria de pequenoburgués, que teme esta guerra como a teme Kautsky, modificará esta realidade. Considerar do punto de vista da «oposición» as cuestión dunha guerra civil implacábel cando a burguesía non recúa perante ningún crime –o exemplo dos versalleses(36) e dos seus tratos con Bismarck di moito a quen non trata a historia como o Petruchka(37) de Gógol-, cando a burguesía chama no seu auxilio a Estados estranxeiros e intriga con eles contra a revolución, é cómico. Igual que o «conselleiro da confusión» Kautsky, o proletariado revolucionario debe poñer o gorro de durmir e considerar á burguesía, que organiza as insurreccións contrarrevolucionarias de Dútov, de Krasnov e dos checos(38), que paga millóns aos sabotadores, como «oposición» legal. Oh, profundidade de pensamento!

Kautsky está interesado exclusivamente o lado formal e xurídico da cuestión, de xeito que ao ler as súas disertacións sobre a Constitución soviética lembramos involuntariamente as verbas de Bebel: os xuristas son xente reaccionaria até a medula.

«Na realidade –escribe Kautsky- non se pode privar de dereitos só aos capitalistas. Quen é un capitalista no sentido xurídico? Un home que posúe bens? Mesmo nun país que foi tan lonxe na vía do progreso económico como Alemaña, cuxo proletariado é tan numeroso, a implantación dunha república soviética privaría de dereitos políticos a grandes masas. En 1907, no Imperio Alemán o número de persoas (e das súas familias) ocupadas nos tres grandes grupos –agricultura, industria e comercio- era de cerca de 35 millóns no grupo dos empregados e obreiros asalariados e de 17 millóns no grupo dos independentes. Polo tanto, un partido pole moi ben ser maioría entre os obreiros asalariados, mais minoría entre a poboación.»

Temos aquí un exemplo do razoamento de Kautsky. Non representa unha lamentación contrarrevolucionaria dun burgués? Por que vostede, señor Kautsky, inclúe a todos os «independentes» na categoría de persoas desprovistas de dereitos, cando sabe moi ben que a inmensa maioría dos campesiños rusos non empregan obreiros asalariados e, xa que logo, non son privados de dereitos? Non é isto unha falsificación?

Porque vostede, douto economista, non citou datos que coñece perfectamente e que figuran na mesma estatística alemán de 1907 sobre o traballo asalariado na agricultura por grupos de explotacións? Por que non amosou aos obreiros alemáns lectores do seu artigo estes datos a partir dos cales se vería cantos explotadores, que poucos explotadores hai entre o total dos «propietarios rusos» segundo a estatística alemá?

Por que comportamento de renegado fai de vostede un simple sicofanta da burguesía.

O capitalista, quere dicirnos, é un concepto xurídico impreciso, e Kautsky dedica unhas cantas páxinas a fulminar a «arbitrariedade» da Constitución soviética. Este «serio letrado» permite á burguesía inglesa elaborar e perfeccionar durante séculos unha Constitución burguesa nova (nova para a Idade Media), mais a nós, obreiros e campesiños da Rusia, este representante dunha ciencia servil non nos dá ningún prazo. A nós esíxenos unha Constitución elaborada até o mínimo detalle nuns poucos meses...

... «Arbitrariedade»! Xulgade que abismo do máis sucio servilismo perante a burguesía, de pedantismo máis obtuso se revela en semellante censura. Cando os xuristas dos países capitalistas, burgueses até a medula e na súa maioría reaccionarios, elaboraron durante séculos ou decenios as máis pormenorizadas regras, escribiron decenas e centos de volumes de leis e comentarios ás leis para oprimir ao obreiro, para atar de pés e mans ao pobre, para opoñer mil argucias e obstáculos a calquera simple traballador do pobo, ah, entón os liberais burgueses e o señor Kautsky non ven aquí «arbitrariedade»! Aquí hai «orde» e «legalidade»! Aquí todo está meditado e prescrito para «espremer» o máximo posíbel ao pobre. Aquí hai milleiros de avogados e de funcionarios burgueses (dos cales Kautsky en xeral nada di, precisamente porque Marx concedía unha enorme importancia a destrución da máquina burocrática...); avogados e funcionarios que saben interpretar as leis de maneira que o obreiro e o campesiño medio non consigan nunca atravesar a barreira de arame de espiño destas leis. Isto non é «arbitrariedade» da burguesía, isto non é unha ditadura de explotadores egoístas e sórdidos, cheos de sangue do pobo, nada diso. É a «democracia pura», que cada día se torna máis e máis pura.

Mais cando as clases traballadoras e explotadas, illadas dos seus irmáns estranxeiros pola guerra imperialista, crearon por primeira ve na historia os seus Soviets, chamaron á edificación política ás masas que a burguesía oprimía, embrutecía e esmagaba, e comezaron a construír de seu un Estado novo, proletario, e comezaron no ardor dunha loita encamiñada, no lume da guerra civil, a esbozar os principios fundamentais dun Estado sen explotadores, entón todos os canallas da burguesía, todo o bando de vampiros, co seu acólito Kautsky, claman contra a «arbitrariedade»! En efecto, como poden eses ignorantes, eses obreiros e campesiños, esa «plebe», interpretar as súas leis? Onde van adquirir o sentido da xustiza eses simples traballadores, sen os consellos dos cultos avogados, dos escritores burgueses, dos Kautsky e dos sabios funcionarios de antes?

O señor Kautsky cita as seguintes verbas do meu discurso do 28 de abril de 1918(39) :

«...As propias masas determinan a orde e o prazo das eleccións...»

E o «demócrata puro» de Kautsky conclúe:

«... Consecuentemente, polo visto, cada asemblea de electores pode estabelecer como lle agrada a orde das eleccións. A arbitrariedade e a posibilidade de se desembarazar dos elementos de oposición incómodos no seo do propio proletariado, serían deste modo multiplicadas até o extremo.»

En que se distingue isto dos discursos dun coolí da pluma vendido aos capitalistas, que vocifera porque nunha folga a masa oprime aos obreiros celosos que «desexan traballar»? Por que non é arbitrariedade que os funcionarios burgueses determinan a orde das eleccións na «pura» democracia burguesa? Por que o sentido de xustiza das masas que se levantaron para loitar contra os seus explotadores seculares, das masas que son instruídas e temperadas por esta loita desesperada, vai ser inferior ao dun feixe de funcionarios, intelectuais e avogados educados nos preconceptos burgueses?

Kautsky é un verdadeiro socialista, non ousedes dubidar da sinceridade deste respectábel pai de familia, deste honrado cidadán. El é un partidario ardente e convicto da vitoria dos obreiros, da revolución proletaria. Só quere que primeiro, antes do movemento das masas, antes da súa loita encarnizada contra os explotadores, e sobre todo sen guerra civil, os melifluos intelectuais pequenoburgueses e filisteos, co gorro de durmir, estabelecesen uns moderados e precisos estatutos do desenvolvemento da revolución...

Con profunda indignación moral, o noso douto Xudas Golovliov(40) conta aos obreiros alemáns que o 14 de xuño de 1918, o Comité Executivo Central dos Soviets de toda Rusia decidiu expulsar dos Soviets aos representantes dos partidos dos socialistas revolucionarios e dos menxeviques(41). «Esta medida –escribe o Xudas Kautsky, ardendo de nobre indignación»- non está dirixida contra persoas concretas que cometeran determinados actos puníbeis... A Constitución da República Soviética non di unha soa palabra sobre a inmunidade dos deputados aos Soviets. Non son determinadas persoas, senón determinados partidos os que son expulsados dos Soviets.»

Si, isto é horríbel, é un afastamento intolerábel da democracia pura, segundo as regras da cal fará o noso revolucionario Xudas Kautsky a revolución. Nós, os bolxeviques rusos, debíamos ter comezado por prometer aos Sávinkov e compañía, aos Liberdan(42) e aos Potréssov (os «activistas»(43), e despois escribir un código penal declarando «puníbel» a participación na guerra contrarrevolucionaria dos checoslovacos, ou a alianza cos imperialistas alemáns na Ucraína ou na Xeorxia contra os obreiros do seu país, e só despois, baseándonos neste código penal, teríamos o dereito, de acordo coa «democracia pura», de expulsar dos Soviets a «determinadas persoas». É evidente que os checoslovacos, que reciben diñeiro dos capitalistas anglo-franceses por intermedio dos Sávinkov, Potréssov e Liberdan (ou coa axuda da súa axitación), tal como os Krasnov, que recibiron obuses dos alemáns por mediación dos menxeviques da Ucraína e de Tiflis, agardarían pacificamente a que nós redactásemos o noso código penal na debida forma e, como os máis puros demócratas, teríanse limitado a un papel de «oposición»...

Provoca en Kautsky non menos forte indignación moral o feito de que a Constitución Soviética priva do dereito ao voto a aqueles que «empreguen obreiros asalariados con obxectivos de lucro». «Un traballador que traballa na casa ou un pequeno patrón cun aprendiz –escribe Kautsky-, pode vivir e sentir como un verdadeiro proletario, mais non ten dereito ao voto.»

Que desvío da «democracia pura»! Que inxustiza! É certo que até agora todos os marxistas supuñan, e milleiros de feitos así o confirmaban, que os pequenos patróns son os máis desvergoñados e mesquiños explotadores dos obreiros asalariados, mais o Xudas Kautsky non toma, evidentemente, naturalmente, a clase dos pequenos patróns (quen sería o que pensou a perniciosa teoría da loita de clases?), senón individuos, explotados que «viven e senten con verdadeiros proletarios» A famosa «Agnes a dilixente», que se xulgaba morta desde hai moito, resucitou baixo a pluma de Kautsky. Esta dilixente Agnes foi inventada e lanzada á literatura por un demócrata «puro», o burgués Eugen Richter. El profetizou males innomeábeis como consecuencia da ditadura do proletariado, da confiscación do capital ao explotadores, e preguntou con aire inocente quen era un capitalismo no sentido xurídico. Citaba o exemplo dunha costureira pobre e dilixente (a «dilixente Agnes»), á cal os malvados «ditadores do proletariado» arrebatan até o último peso. Houbo un tempo no que toda a socialdemocracia alemán se divertía con esta «dilixente Agnes» do demócrata puro Eugen Richter. Mais isto foi hai moito, moito tempo, cando aínda vivía Bebel e dicía aberta e directamente esta verdade: no noso partido hai moitos nacional-liberais(44), isto foi hai moito tempo, cando Kautsky aínda non era un renegado.

Agora a «dilixente Agnes» resucitou na persoa do «pequeno patrón cun aprendiz que vive e sente como un verdadeiro proletario». Os malvados bolxeviques oféndeno, prívano do dereito ao voto. É verdade que «cada asemblea electoral», como di o mesmo Kautsky, pode na República Soviética admitir a un pobre artesán ligado, por exemplo, a unha fábrica, se por excepción non é un explotador, se de feito «vive e sente como un verdadeiro proletario». Mais podemos nós confiar no coñecemento da vida, no sentido da xustiza dunha asemblea de simples obreiros dunha fábrica, sen orde e que actúa (que horror!) sen estatutos? Non é evidente que vale máis dar o dereito ao voto a todos os explotadores, a todos aqueles que empregan obreiros asalariados, do que correr o risco de que ofendan á «dilixente Agnes» e ao «pequeno artesán que vive e sente como un proletario»?

Que os desprezábeis canallas renegados, aplaudidos pola burguesía e polos sociachauvinistas, insulten a nosa Constitución Soviética porque ela retira aos explotadores o dereito ao voto. Perfecto, porque isto acelerará e fará medrar a escisión entre os obreiros revolucionarios de Europa e os Scheidemann e Kautsky, Renaudel e Longuet, Henderson e Ramsay MacDonald, os vellos xefes e vellos traidores do socialismo.

As masas das clases oprimidas, os xefes conscientes e honestos dos proletarios revolucionarios estarán connosco. Abondaría dar a coñecer a estes proletarios e a estas masas a nosa Constitución Soviética para que eles digan inmediatamente: estes son verdadeiramente a nosa xente, este é un verdadeiro partido obreiro, un verdadeiro goberno obreiro. Porque el non engana aos obreiros con faladoiros sobre reformas, como nos enganaron todos os xefes mencionados, senón que loita seriamente contra os explotadores, realiza seriamente a revolución, loita de feito pola plena emancipación dos obreiros.

Se os Soviets, despois dun ano de «práctica», privaron aos explotadores do dereito ao voto, isto quere dicir que estes Soviets son de feito organizacións das masas oprimidas, e non dos social-imperialistas nin dos social-pacifistas vendidos á burguesía. Se estes Soviets retiraron aos explotadores o dereito ao voto, isto quere dicir que os Soviets non son órganos de conciliación pequenoburguesa como os capitalistas, non son órganos de charlatanería parlamentar (dous Kautsky, Longuet e MacDonald), senón órganos do proletariado verdadeiramente revolucionario, que conduce unha loita a vida ou morte contra os explotadores.

«O libro de Kautsky é aquí case descoñecido», escribiume desde Berlín hai uns días (hoxe estamos a 30 de outubro) un camarada ben informado. Eu aconsellaría aos nosos embaixadores na Alemaña e na Suíza que non aforrasen en gastos e mercaran eses libro para distribuílo gratuitamente aos obreiros conscientes e así enterrar na lama á socialdemocracia «europea» -léase imperialista e reformista-, que hai moito tempo se converteu nun «cadáver fedorento».

No final do seu libro, nas páxinas 61 e 63, o señor Kautsky deplora amargamente que a «nova teoría» (como el chama ao bolxevismo, evitando abordar a análise que Marx e Engels fixeron da Comuna de París) «encontre partidarios mesmo en vellas democracias como, por exemplo, Suíza». «É incomprensíbel», para Kautsky, «que os socialdemócratas alemáns acepten esta teoría».

Non, isto é totalmente comprensíbel, porque despois das serias leccións da guerra, tanto os Scheidemann como os Kautsky se volveron repugnantes para as masas revolucionarias.

«Nós» sempre apostamos pola democracia –escribe Kautsky-, e imos de socate renunciar a ela?

«Nós», os oportunistas da socialdemocracia, sempre fomos contra a ditadura do proletariado, e os Kolb e compañía dixérono abertamente hai moito tempo. Kautsky sábeo, e pensa en van que conseguirá agochar aos lectores o feito evidente do seu «regreso ao seo» dos Bernstein e dos Kolb.

«Nós», os marxistas revolucionarios, nunca fixemos da democracia «pura» (burguesa) un ídolo. Plekhanov era en 1903, como é sabido, un marxista revolucionario (antes da súa triste viraxe, que o conduciu á posición dun Scheidemann ruso). E Plekhanov di entón, no congreso do partido no que foi adoptado o programa, que na revolución o proletariado, se fose necesario, privaría do dereito ao voto aos capitalistas, disolvería calquera parlamento, se este se revelase contrarrevolucionario(45). Que este é o único punto de vista que corresponde ao marxismo, calquera persoa o verá, aínda que só sexa polas declaracións de Marx e Engels que citei antes. Iso exponse con plena evidencia en todas as bases do marxismo.

«Nós», os marxistas revolucionarios, non fixemos discursos ao pobo que os que gustaban de pronunciar os kautskistas de todas as nacións nas súas funcións de lacaios da burguesía, adaptándose ao parlamentarismo burgués, silenciando o carácter burgués da democracia contemporánea e esixindo apenas a súa ampliación, a súa realización até a fin.

«Nós» dixemos á burguesía: vós, explotadores e hipócritas, falades de democracia e, asemade, levantades a cada paso milleiros de obstáculos á participación das masas oprimidas na vida política. Collemos a vosa palabra e esiximos, no interese destas masas, que ampliedes a vosa democracia burguesa, co fin de preparar as masas para a revolución para vos derrubar a vós, explotadores. E se vós, explotadores, ofrecedes resistencia á nosa revolución proletaria, reprimirémosvos implacabelmente, retirarémosvos os dereitos e, aínda máis, non vos daremos pan, porque na nosa república proletaria os explotadores non terán dereitos, serán privados de lume e da auga, porque somos socialistas de verdade e non como os Scheidemann ou os Kautsky.

É así como falamos e falaremos, «nós», os marxistas revolucionarios, e é por iso que as masas oprimidas estarán do noso lado e connosco, e os Scheidemann e os Kautsky irán parar á estreira dos renegados.


Notas:

(35) Trátase do levantamento contrarrevolucionario da burguesía e dos latifundistas en agosto de 1917, dirixido polo comandante en xefe do exército, o xeneral Lavr Kornilov. Os conspiradores tiñan por obxectivo apoderarse de Petrogrado, esmagar o partido bolxevique, disolver os Soviets, estabelecer no país unha ditadura militar e preparar as bases para a restauración da monarquía. Os obreiros e campesiños, dirixidos polos bolxeviques, esmagaron o levantamento.

(36) Versalleses: partidarios do goberno contrarrevolucionario burgués de Francia, encabezado por Adolphe Thiers, que se instalou en Versalles após a vitoria da Comuna de París en 1871. Os versalleses aliáronse militarmente coas tropas prusianas para esmagar o levantamento dos obreiros parisienses.

(37) Petruchka: personaxe do romance Almas Mortas do escritor ruso Nikolai Gógol; campesiño servo que deletreaba os libros sen entendelos, contentándose co proceso maquinal da lectura.

(38) Trátase do levantamento contrarrevolucionarios do corpo militar checoslovaco, que se formara na Rusia por prisioneiros de guerra checos e eslovacos aínda antes da vitoria da Revolución Socialista de Outubro. O levantamento foi organizado polos imperialistas da Entente, coa participación activa dos menxeviques e socialistas revolucionarios. O levantamento comezou en maio de 1918. Os checoslovacos brancos, actuando en estreita ligazón cos gardas brancos e kulaks, ocuparon unha parte considerábel dos Urais, da rexión do Volga e de Siberia, restaurando por todas partes o poder da burguesía. Nas rexións ocupadas polos checoslovacos brancos foron estabelecidos, coa participación dos menxeviques e dos socialistas revolucionarios, gobernos de gardas brancos; en Omsk o «goberno siberiano», en Samara o Comité dos Membros da Asemblea Constituínte, etc. A rexión do Volga foi liberada polo Exército Roxo no outono de 1918. Os checoslovacos brancos foron derrotados definitivamente a finais de 1919.

(39) Lenin alude ao seu artigo As Tarefas Inmediatas do Poder Soviético.

(40) Xudas Golovliov: personaxe de Os Señores de Golovliov, romance do escritor satírico ruso M. E. Slatikov Chtchedrine, señor feudal que foi alcumado Xudas por ser falso devoto, hipócrita e cruel.

(41) Na resolución do CEC do 14 de xuño de 1918 indicábase que os menxeviques e os socialistas revolucionarios de dereita loitaban contra a República Soviética por todos os medios, chegando até á insurrección armada; por iso, dicíase na resolución, «é absolutamente inadmisíbel» a presenza nos Soviets de partidos «que procuran desacreditar e derrubar o Poder dos Soviets». A resolución foi adoptada por esmagadora maioría dos votos. Os menxeviques e socialistas revolucionarios de dereita foron excluídos de todos os Soviets locais e os seus órganos de prensa pechados.

(42) Liberdan: designación irónica dada aos xefes menxeviques Líber e Dan e aos seus partidarios, após a aparición do artigo satírico de Demian Bedni Liberdan.

(43) Activistas: corrente de extrema dereita do partido menxevique, que recoñecía e de feito aplicaba os métodos da loita armada contra o Poder Soviético. Os activistas, servíndose da axuda militar e financeira dos intervencionistas, participaron en levantamentos contrarrevolucionarios e no terror branco.

(44) Lenin alude ao discurso de August Bebel, pronunciado o 20 de setembro de 1910 no Congreso do Partido Socialdemócrata da Alemaña en Magdeburgo.

(45) Lenin refírese ao discurso de Plekhanov, o 30 de xullo de 1903, no II Congreso do POSDR, durante a discusión da cuestión do programa do partido. Lenin alude repetidas veces nas súas obras a esta declaración de Plekhanov (ver, por exemplo, o libro Un Paso á Fronte, Dous Pasos Atrás.

Ler máis

Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com