Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

A sublevación na ONU, por Fidel Castro (completa)
02/11/2010


FIDEL CASTRO
Reflexións de Fidel
CubaDebate
31 de outubro e 1 de novembro de 2010



A reunión do pasado martes 26 de outubro da Asemblea Xeral da ONU, que se supón a máxima autoridade política do planeta, foi convocada cun obxectivo tantas veces repetido que xa é familiar: “Necesidade de poñer fin o bloqueo económico, comercial e financeiro imposto polos Estados Unidos de América contra Cuba.”

É o proxecto máis discutido, máis aprobado e nunca cumprido na historia das Nacións Unidas.

Todos sabemos que, de se facer tal imputación contra Cuba ou calquera outro país latinoamericano ou caribeño, e este non dera nin sequera por aludido, sobre ese país choverían pedras. O detestábel acto que con tanta claridade e precisión se atribúe a “Estados Unidos de América”, cuxo cese se demanda, está cualificado no dereito internacional como “acto de xenocidio”.

Son xa 19 as veces que, desde o ano 1992, se ven aprobando pola Asemblea Xeral, demandando o cese desa abusiva e criminal acción. Mais se crecía o número de veces que se reiteraba e aprobaba a Resolución, tamén crecía o número de países que a apoiaban, diminuía o dos que se abstiñan e o minúsculo grupo que votaba en contra. Na última, foron xa só dous os que a rexeitaron e tres os que se abstiveron ao votar, cuxos nomes corresponden a pequenos Estados que na realidade son dependencias coloniais dos EUA.

Un feito a termos en conta é que no mundo se produciron grandes trocos desde a fundación da ONU, cando aínda non cesaran os combates da Segunda Guerra Mundial, que custou 50 millóns de vidas e unha enorme destrución. Moitos países que hoxe constitúen a maioría das Nacións Unidas, eran aínda colonias das potencias europeas, que se apoderaran pola forza do territorio da maior parte do mundo e, nalgúns continentes, case da súa totalidade. Centos de millóns de persoas, en moitos casos, de civilizacións moito máis antigas e de superior cultura, foron colonizados en virtude da superioridade en armamento dos agresores.

Cuba non foi unha excepción.

Neste hemisferio, a última colonia de España foi o noso país, polas súas riquezas en produtos agrícolas escasos e de gran demanda daquela, que xurdían das mans laboriosas de campesiños libres e centos de miles de escravos de orixe africana. Cando as demais colonias de España se liberaran nas primeiras décadas do século XIX, esta mantiña con man de ferro e os métodos máis despóticos a súa colonia en Cuba.

Na segunda metade dese século, a nosa illa, na que España soñou ter un baluarte para a reconquista das súas antigas colonias en América do Sur, foi semente dun profundo sentimento nacional e patriótico. O pobo cubano encetou a batalla pola súa independencia case 70 anos máis tarde que o resto das nacións irmás de América Latina, sen máis armas que o machado co que se cortaba a cana, o brío e a rapidez dos cabalos crioulos. En pouco tempo os patriotas cubanos foron temíbeis soldados.

Trinta anos máis tarde, o noso sufrido pobo estaba a piques de acadar os seus obxectivos históricos na loita heroica contra unha decadente mais teimosa potencia europea. O exército español, malia o enorme número de soldados cos que contaba, xa non era quen de manter a posesión da illa, onde só controlaba as principais áreas urbanas e estaba a punto do colapso.

Foi daquela cando o puxante imperio, que nunca agochou a súa intención de se apoderar de Cuba, intervén naquela guerra após declarar cinicamente que “o pobo da illa de Cuba é e de dereito debe ser libre e independente”.

Finalizada a contenda, ao noso país negóuselle o dereito a participar nas negociacións de paz. O goberno español consumou a traizón a Cuba poñéndoa nas mans dos seus interventores.

Estados Unidos apoderouse dos recursos naturais, as mellores terras, o comercio, os bancos, os servizos e as principais industrias do país. Converteunos nunha neocolonia. Iso tivemos de aturar durante máis de 60 anos, mais volvemos ser independentes e xamais deixaremos de loitar. Con estes antecedentes, os lectores doutros países comprenderán mellor as palabras do noso chanceler Bruno Rodríguez o 26 de outubro deste ano.

O debate comezou ás 10 da mañá.

Primeiro falaron 5 países no nome do Grupo dos 77, o Movemento de Países Non Aliñados, a Unión Africana, o CARICOM e o MERCOSUR, apoiando todos a Resolución.

Despois fixeron uso da palabra 14 países, entre eles dous que teñen máis de mil millóns de habitantes cada un: China e India, con case 2.500 entre os dous; outros que contan con máis de cen, como a Federación Rusa, Indonesia e México; outros 9 con recoñecido papel na vida internacional: Venezuela, República Islámica de Irán, Alxeria, Suráfrica, Illas Salomón, Zambia, Gambia, Ghana e Barbados; 19 intervencións antes de Bruno.

O seu discurso foi lapidario. Citarei moitas veces parágrafos enteiros das súas palabras. Iniciouno cunha referencia aos graves perigos de guerra que nos ameazan e engadiu:

“Para sobrevivir, é imprescindíbel un salto na consciencia da Humanidade, só posíbel mediante a difusión de información veraz sobre estes temas que a maioría dos políticos esconden ou ignoran, a prensa non publica e que, para a xente, son tan horrorosos que semellan incríbeis.”

“... a política dos Estados Unidos contra Cuba non ten sustento ético ou legal algún, credibilidade nin apoio. Así o demostran os máis de 180 votos nesta Asemblea Xeral das Nacións Unidas que nos últimos anos reclamaron que se poña fin ao bloqueo económico, comercial e financeiro.”

“O rexeitamento de América Latina e o Caribe é enérxico e unánime. O Cumio da Unidade, celebrada en Cancún, en febreiro de 2010, expresouno resoltamente. Os líderes da rexión dixéronllo directamente ao actual Presidente norteamericano. Pode asegurarse que o repudio expreso ao bloqueo e a Lei Helms-Burton identifica, como poucos temas, o acervo político da rexión.

“Visións igualmente inequívocas foron referendadas polo Movemento de Países Non Aliñados, polos Cumios Iberoamericanas, polos Cumios de América Latina e o Caribe coa Unión Europea, pola Unión Africana, polos Cumios do Grupo ACP e practicamente por calquera conxunto de nacións que se pronunciara a prol do Dereito Internacional e o respecto aos principios e propósitos da Carta da ONU.

“É amplo e crecente o consenso na sociedade norteamericana e na emigración cubana nese país contra o bloqueo e a prol do troco de política cara a Cuba. [...] o 71% dos estadounidenses avogan pola normalización das relacións entre Cuba e os Estados Unidos...”

“As sancións contra Cuba permanecen intactas e aplícanse con todo rigor.

“No ano 2010, o cerco económico endureceuse e o seu impacto cotián continúa a ser visíbel en todos os aspectos da vida en Cuba. Ten consecuencias particularmente serias en esferas tan sensíbeis para a poboación como a saúde e a alimentación.”

De inmediato sinala unha serie de crueis medidas que afectan sensibelmente a nenos con delicados problemas de saúde, que o Goberno dos EUA non podería desmentir.

Despois expresa:

“As multas dos Departamentos do Tesouro e Xustiza contra entidades do seu país e de Europa neste último ano, por transaccións realizadas con Cuba, entre outros Estados, superan no seu conxunto os 800 millóns de dólares.”

Prosegue informando:

“A confiscación dunha transferencia de máis de 107 mil euros pertencentes á compañía Cubana de Aviación e realizada por medio do Banco Popular Español desde Madrid a Moscova, constituíu un verdadeiro roubo.”

A seguir, o noso Ministro de Relacións Exteriores sinalou algo de moita importancia sobre os efectos do crime groseiro contra a economía de Cuba, dada a tendencia a mencionar cifras históricas sobre o monto de dólares do valor dun ben móbel ou inmóbel, un préstamo, unha débeda ou calquera outra cousa que sexa medíbel en dólares norteamericanos, sen ter en conta o valor constantemente decrecente do dólar nas últimas catro décadas. Como exemplo citou un refresco moi coñecido: Coca Cola -sen cobrar nada pola publicidade. Hai 40 anos custaba 5 centavos, hoxe o seu prezo flutúa en calquera país entre 150 e 200 centavos de dólar.

Bruno expresa:

“O dano económico directo ocasionado ao pobo cubano pola aplicación do bloqueo, supera nestes cincuenta anos os 751 millóns de dólares, no valor actual desa moeda.”

Quere dicir, non incorre no erro de utilizar a cifra de perdas que significou o bloque ano por ano, como se o valor dos dólares for exactamente igual cada ano. Como consecuencia da estafa mundial que significou a suspensión unilateral, por Nixon, do apoio en ouro desa moeda, á taxa de 36 dólares por onza Troy, unida ás emisións de dólares sen ningún límite, o poder adquisitivo desa moeda decreceu extraordinariamente. O MINREX tomouse o traballo de solicitar a un grupo de expertos do Ministerio de Economía que fixeran a avaliación, e esta proporcionou o dano económico do bloque a Cuba no curso de 50 anos, expresado no actual valor desa moeda.

“O pasado 2 de setembro” -dixo na súa intervención-, “o propio presidente Obama ratificou as sancións contra Cuba, aludindo o suposto 'interese nacional' dos Estados Unidos. Mais todos saben que a Casa Branca segue a prestar maior atención aos 'intereses especiais', ben financiados, dunha exigua minoría que fixo da política contra Cuba un negocio moi lucrativo.”

“Hai moi pouco tempo, o 19 de outubro, o presidente Obama cualificou, segundo varias axencias de prensa, de insuficientes os procesos que, ao seu parecer, acontecen hoxe en Cuba e condicionou calquera novo paso á realización dos cambios internos que quixeren ver no noso país.

“O Presidente equivócase ao asumir que ten dereito a se inmiscir e a cualificar os procesos que hoxe teñen lugar en Cuba. É lamentábel que estea tan mal informado e asesorado.

“As transformación que hoxe emprendemos responden ás arelas dos cubanos e a decisións soberanos do noso pobo. [...] Non se propoñen compracer os desexos ou satisfaceren os intereses do goberno dos Estados Unidos, até hoxe sempre opostos aos do pobo cubano.

“Para a superpotencia, todo o que non conducir ao estabelecemento dun réxime subordinado aos seus intereses será insuficiente, mais iso non vai pasar porque moitas xeracións de cubanos dedicaron e dedican o mellor das súas vidas a defenderen a soberanía e a independencia de Cuba.”

“En troca, ese goberno continuou a arbitraria práctica de poñer a Cuba nas espurias listas, incluída a de Estados que supostamente patrocinan o terrorismo internacional, que fabrica o Departamento de Estado para cualificar o comportamento doutras nacións. Este país non ten a autoridade moral para facer tales listaxes -que terían que encabezar- nin existe unha soa razón para incluír a Cuba en ningún deles.

“O goberno norteamericano tamén mantén o inxusto castigo aos Cinco cubanos loitadores antiterroristas que sofren prisión hai máis de doce anos nos seus cárceres, cuxa causa concitou a máis ampla solidariedade da comunidade internacional.

“Cuba, que foi e é vítima do terrorismo de Estado, reclama a dito goberno que deixe de pasar distinta rapa e poña fin á impunidade de que gozan no seu territorio os autores confesos de actos de terrorismo que se levaron a cabo ao amparo da política anticubana dese país...”

Nese punto, Bruno púxolle á delegación dos EUA a campa do famoso memorando do subsecretario asistente de Estado, Lester Mallory, desclasificado decenas de anos máis tarde, que mostra o repugnante cinismo da política dos EUA.

“'A maioría dos cubanos apoian a Castro [...] Non existe unha oposición política efectiva [...] O único medio posíbel para facerlle perder o apoio interno [ao goberno] é provocar o desengano e o desalento mediante a insatisfacción económica e a penuria [...] Hai que poñer en práctica rapidamente todos os medios posíbeis para debilitarmos a vida económica [...] negándolle a Cuba diñeiro e abastecemento co gallo de reducir os salarios nominais e reais, co obxectivo de provocar fame, desesperación e o derrocamento do goberno'.”

“Malia a persecución económica constituír a principal eiva para o desenvolvemento do país e para o medre dos niveis de vida do pobo, Cuba amosa resultados innegábeis na eliminación da pobreza e a fame, en índices de saúde e educación que son de referencia mundial...”

“Cuba puido declarar aquí, hai poucas semanas, un elevado e excepcional cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. Estes resultados, acadados por Cuba, aínda son unha utopía para unha grande parte da poboación do planeta.”

“Cuba non cesará xamais na denuncia do bloqueo e non deixará de reclamar o dereito lexítimo do seu pobo a vivir e traballar polo seu desenvolvemento socioeconómico en condicións de igualdade, en cooperación co resto das nacións, sen cerco económico nin presións externas.

“Cuba agradece á comunidade internacional a firme solidariedade co noso pobo, segura de que algún día se fará xustiza e non será necesaria xa esta resolución.

“Moitas grazas”, dixo para concluír a súa primeira intervención.

Cando Bruno finalizou a súa intervención, cerca do mediodía o pasado 26 de outubro, correspondía a quenda, como é norma, ás explicacións de voto, antes de que o Proxecto se votase.

Falou primeiro o embaixador dos EUA, Ronald D. Godard, asesor principal da área para Asuntos do Hemisferio Occidental, xefe da delegación do seu país. As súas inusitadas palabras fan innecesaria a análise para demostramos que as denuncias do Ministro de Relacións Exteriores de Cuba eran rigorosamente xustas. Abondan as súas afirmacións para reflectir o cinismo político dese país.

“... Estados Unidos [...] está firmemente comprometido co apoio ao desexo do pobo cubano de determinar libremente o futuro do seu país.”

“... Estados Unidos [...] ten o dereito soberano a decidir as súas relacións económicas con outro país. As relacións económicas dos Estados Unidos con Cuba son un asunto bilateral [...] dirixidas a alentar un clima máis aberto en Cuba e un maior respecto aos dereitos humanos e as liberdades fundamentais.”

“Non debemos perder de vista ese feito nun debate inzado de argumentos retóricos do pasado e enfocado en diferenzas tácticas, nun debate que nada fai para axudar o pobo cubano.”

“A miña delegación lamenta que a delegación de Cuba continúe, ano tras ano, cualificando de maneira inapropiada e incorrecta as restricións comerciais a Cuba como un acto de xenocidio. [...] Estados Unidos non impón ningunha restrición á axuda humanitaria a Cuba...”

“En 2009, Estados Unidos [...] autorizou 237 millóns de dólares en asistencia humanitaria privada en forma de regalos con alimentos e outros produtos esenciais, doazóns humanitarias non agrícolas e doazóns médicas.”

“En abril de 2009, o Presidente Obama indicou que 'Estados Unidos busca un novo comezo con Cuba', mais que 'hai un traxecto moi longo aínda que é preciso recorrer para superar décadas de desconfianza'. [...] iniciamos conversas para restabelecer o servizo postal directo entre os Estados Unidos e Cuba e incrementamos os intercambios artísticos e culturais...”

“O Presidente Obama afirmou publicamente que a liberación de prisioneiros políticos e as reformas económicas son positivas para o pobo cubano. Estados Unidos espera ver o cumprimento destas promesas pronto, así como unha maior abertura por parte do goberno cubano como mostra da súa vontade de se relacionar construtivamente co seu propio pobo. [...] Estados Unidos considera que non poderá plenamente acadarse unha nova era nas relacións Estados Unidos-Cuba até que o pobo cubano goce das liberdades políticas e económicas internacionalmente recoñecidas, que este órgano fixo tanto por defender noutros países do mundo.”

“A miña delegación votará contra esta resolución. Estados Unidos considera que é hora de que este órgano centre as súas enerxías no apoio ao pobo cubano na súa loita por decidir o seu propio futuro e ir alén dos xestos retóricos que representa esta resolución.

“Grazas, señor Presidente.”

Inmediatamente despois, explicou a súa intención de voto a xefa da delegación de Nicaragua, cuxo pobo coñeceu nas súas entrañas a guerra sucia de Ronald Reagan que tanto sangue custou. As súas verbas foron contundentes.

Prodúcese a votación e 187 países votaron a prol da Resolución; dous votos en contra: Estados Unidos e Israel, o seu inseparábel aliado nas accións xenocidas; e tres abstencións: Illas Marshall, Micronesia e As Palau. Ningún país dos 192 membros da ONU deixou de participar.

Concluída esta, a representación de Bélxica, a nome da Unión Europea, aliada dos EUA, abriu a participación das delegacións que desexaban explicar o seu voto.

Despois usaron a palabra 16 países con destacado protagonismo na política internacional, para explicaren por que votaron a prol da Resolución, na seguinte orde: Uruguai, Bolivia, Angola, Myanmar, Surinam, Bielorrusia, San Cristovo e Nevis, Laos, Tanzania, Libia, Siria, Sudán, Vietnam, Nixeria, San Vicente e as Granadinas e a República Popular Democrática de Corea.

Permítase lembrar que moitos países se abstiveron de usaren a palabra a solicitude da nosa propia delegación, para que o proceso de votación non se dilatara demasiado en detrimento do mellor horario para a divulgación do debate, e o esforzo esgotador que implicaba a participación dun número maior de oradores. Malia iso, 37 delegacións falaron en termos claros e precisos a prol do xusto Proxecto que por décimo novena vez aprobaba a Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Esta vez foi o máis dilatado e enérxico debate sobre o delicado e importante tema.

Ás 4 e 17 escoitouse a réplica de Cuba a través do Ministro de Relacións Exteriores do noso país.

O esencial que dixo, aínda que case todo o texto era esencial, foi:

“Señor Presidente:

“Agradezo moito as súas palabras aos trece oradores e ás delegacións presentes nesta imprevista sesión vespertina.

“Sobre o dito por Estados Unidos e a Unión Europea:

“Esta é a décimo novena ocasión en que a delegación dos EUA nos repite o mesmo.

“O bloqueo é un acto de guerra económica e un acto de xenocidio.

“Será que o Departamento de Estado non fixo a tarefa, non estudou o asunto?

“O pasado ano lin aquí os artigos das Convencións correspondentes...”

“Xa lin hoxe aquí o famoso Memorando do señor Mallory.

“Non son 'argumentos ideolóxicos' do pasado. O bloqueo é un vello bloque de xeo que fica da Guerra Fría. O asunto non é a retórica, senón o acto de agresión a Cuba.

“O propósito dos EUA non é axudar nin apoiar o pobo cubano. Sábese que o bloqueo provoca privacións e sufrimentos. Non provoca mortes porque a Revolución cubana o impide. Como podería explicarse que se castigue os nenos cubanos como se describiu aquí? Se se quixer axudar ou apoiar o pobo cubano, o único que habería que facer é levantar o bloqueo de inmediato.

“Por que impiden aos norteamericanos visitar Cuba e recibir información de primeira man? Por que restrinxen os chamados contactos 'pobo a pobo'?

“Os pretextos para o bloqueo foron cambiando. Primeiro a suposta pertenza ao eixe chino-soviético, despois a chamada exportación da Revolución a América Latina, a continuación a presenza de tropas cubanas en África para axudaren a derrotar o apartheid, a preservaren a independencia de Angola e lograr a de Namibia.

“Despois, a manipulación sobre os dereitos humanos. Mais o bloqueo é unha violación brutal dos dereitos humanos dos cubanos.

“Estamos dispostos a discutir sobre violacións de dereitos humanos. Podemos empezar polo campo de concentración de Guantánamo, onde se tortura e non existe o hábeas corpus. É o reino das 'Comisións Militares', fóra do Estado de dereito. Podería a delegación norteamericana explicar que pasou nos campos de Abu Ghraib, Bagram e Nama?

“Houbo cargos para os responsábeis? Instruíronse cargos a quen autorizaron nos gobernos europeos os cárceres secretos en Europa e os voos secretos da CIA con persoas secuestradas? Podería aclaralo o representante da Unión Europea?

“Podemos falar de Wikileaks. Por que non nos contan algo sobre as atrocidades que recollen os 75 mil documentos sobre crimes en Afganistán e os 400 mil sobre Iraq?”

“Os trocos en Cuba son asunto dos cubanos. Cambiaremos todo o que deba ser cambiado, para ben dos cubanos, mais non lles pediremos opinión ao goberno dos EUA. Escollemos libremente o noso destino. Para iso fixemos unha Revolución. Serán cambios soberanos, non 'xestos'. Sabemos que para os EUA o único suficiente sería instaurar en Cuba un goberno pro-ianqui. Mais iso non vai acontecer.”

“Queren cooperación entre as nosas universidades? Eliminen as restricións aos intercambios académicos, estudantís, científicos e culturais e permitan estabelecer acordos entre esas institucións.

“Queren cooperación contra o narcotráfico, o terrorismo, o tráfico de persoas, os desastres naturais, o correo postal? Respondan, cando menos, as propostas que presentamos hai máis dun ano, sen ningunha condición.”

“Un alto funcionario da USAID confirmou onte ao xornalista Tracey Eaton que, no último período, fixeron chegar 15,6 millóns de dólares a (cito) 'individuos no terreo en Cuba'. Así chaman os seus mercenarios.

“As transmisións ilegais de radio e televisión continúan

“Os Cinco antiterroristas cubanos seguen en inxusta prisión. Hai pouco, someteuse, sen motivo, a Gerardo Hernández Nordelo a confinamento solitario e denegóuselle atención médica.

“Terroristas internacionais confesos como Orlando Bosch e Posada Carriles paséanse libremente por Miami e inclusive fan alí actividade política.”

“O bloqueo é abusivamente extraterritorial e afecta a todos os aquí presentes. Non é un feito bilateral.

“Señor Presidente:

“Ao xa comentado sobre a Unión Europea teño pouco que engadir.

“Non lle recoñecemos ningunha autoridade moral nin política para criticar en materia de dereitos humanos.

“Faría mellor en se ocupar da súa brutal política anti-inmigrantes, da deportación de minorías, da violenta represión contra os manifestantes e da crecente exclusión social dos seus desempregados e sectores de menos ingresos.

“O Parlamento Europeo, con toda desvergoña e de maneira infame, dedícase a premiar os axentes pagados do goberno dos EUA en Cuba.

“Mais a Unión Europea soña de crer que poderá normalizar as relacións con Cuba, existindo a chamada Posición Común.

“Moitas grazas”.

Todos agardabamos a resposta dos EUA á réplica de Bruno. O mellor que fixo na súa vida o embaixador e a delegación -que non tivo o xesto despectivo de abandonar a sala-, foi resistir firmemente aquela marea de argumentos irrebatíbeis. A réplica de Cuba deixounos paralizados; sentín que ían desvanecéndose progresivamente até desapareceren da escena.

En 50 anos de bloqueo, a superpotencia non puido, nin poderá, derrotar a Revolución Cubana. Non me dediquei ao exercicio de contar os votos a favor ou en contra da “Resolución”. Observei, en troca, a calor e a convicción dos que falaron contra a inxusta e arbitraria medida. É un erro coidar que esa medida se pode manter indefinidamente. Foi unha sublevación. Os pobos están cansos xa de agresións, saqueos, abusos e enganos.

Nunca as delegacións expresaron con máis forza a súa protesta contra a burla que implica o desprezo á xuta condena da comunidade mundial contra un acto de xenocidio que se reitera ano tras ano. Son conscientes de que o máis grave do saqueo sistemático de recursos naturais imposto á maioría dos pobos do planeta, a progresiva escaseza de alimentos, a destrución do medio ambiente, o crecente número de guerras xenocidas contra outros pobos, apoiadas en bases militares situadas en máis de 75 países, e o crecente perigo dunha conflagración suicida para todos os pobos do mundo.

A ONU non pode existir sen a presenza dos pobos que veñen esixindo o ceso do bloqueo. Esa institución, nacida cando a inmensa maioría non eramos sequera independentes, para que serve sen nós? Que dereito nos asiste, se non podemos sequera demandar que cese o bloqueo imposto contra un pequeno país? Dunha forma ou outra subordináronnos aos intereses dos EUA e a OTAN, organización militar belicista que gasta máis de un millón de dólares cada ano en guerras e armas, que serían mais que dabondo para levar o esencial a todos os pobos do mundo.

Moitos países do Terceiro Mundo vense obrigados a buscaren solucións con independencia do que aconteza aos demais; é como marchar sobre unha esteira que se move en sentido inverso a máis velocidade.

Até falta unha ONU verdadeiramente democrática e non un feudo imperial en que a inmensa maioría dos pobos non conta para nada. A ONU, fundada antes de finalizar a Segunda Guerra Mundial, está xa esgotada. Non permitamos que nos impoñan o ridículo papel de nos reunirmos unha vez máis dentro de 12 meses para se burlaren de nós. Fagamos sentir a nosa demanda e salvemos a vida da nosa especie antes de que sexa xa demasiado tarde.


Ler máis
0 Comments:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com