Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

O fortalecemento dos partidos comunistas en tempos de aprofundamento da crise sistémica capitalista
15/08/2011
Publicado na Revista Dixital de Forxa!

XX Seminario Comunista Internacional
Bruxelas, 13-15 de maio de 2011

O fortalecemento dos partidos comunistas en tempos de aprofundamento da crise sistémica capitalista

Conclusións xerais
15 de maio de 2011


A nivel global, as condicións obxectivas son favorables para o reforzo dos partidos comunistas. A crise xeneralizada do sistema capitalista mundial agrávase e as tensións agudízanse. En moitos países e en moitos continentes as grandes masas populares móvense para combater as consecuencias nefastas da crise global. Neste contexto, os partidos comunistas deben reforzarse en todas as frontes: ao nivel ideolóxico, político e organizativo.

De cara ao aprofundamento da crise sistémica...

1. Os traballadores e os pobos do mundo están confrontados a unha crise xeneralizada do sistema capitalista e imperialista. Está baseada na contradición principal entre o capital e o traballo, e este antagonismo de clases refórzase fortemente coa crise. Os traballadores sofren, golpeados co látego do aumento do desemprego, os recortes salariais, a diminución das pensións, a destrución dos seus dereitos, a queda do poder de compra e o medre da pobreza. Ao mesmo tempo e grazas á intervención xigantesca dos Estados, o gran capital ve aumentar as súas ganancias. A onda de concentracións fixo que os monopolios e as grandes sociedades financeiras se fixesen aínda máis poderosos. Logran súper-beneficios e distribúenos xenerosamente baixo forma de dividendos e bonos. Asemade, os gobernos do mundo capitalista cargan o peso da crise nos traballadores e pobos do mundo.

2. Diante desta polarización e a miseria crecente, a revolta dos traballadores e dos pobos adquiriu no curso do ano un novo e motivador despegue.

- Moitos países do Medio Oriente e do norte de África viviron unha serie levantamentos populares, e os pobos de Tunisia e Exipto conseguiron derrocar os seus gobernos e expulsar a presidentes vitalicios, sometidos ao imperialismo. A intervención militar de países da OTAN na Libia, a intervención de tropas sauditas en Bahréin, as inxerencias e a subversión en Siria testemuñan que, despois da crise, a rivalidade entre as potencias se intensifíca así como a loita polo control das fontes naturais e as rutas de transporte de produtos enerxéticos (petróleo, gas, etc.).

- Os programas de restricións sociais impostos nos países europeos suscitan a cólera e a resistencia dos traballadores. Loitas duras e significativas lévanse a cabo en Grecia, Portugal, Franza e outros partes. Un fenómeno particularmente motivador é a participación masiva da mocidade.

- Unha mobilización sen precedentes golpeou a Wisconsin nos Estados Unidos, onde os traballadores e os estudantes combateron unha lei local que ataca os dereitos sindicais no sector público.

- En xeral, as contradicións entre o imperialismo e os movementos de liberación refórzanse, como o mostran os movementos populares en América Latina e nos países mediterráneos do sur e do leste. Nos países en desenvolvemento, os pobos toman diferentes formas de resistencia contra os poderes imperialistas e as forzas reaccionarias locais. Na maioría dos casos exprésanse en movementos de masas contra o alto custo da vida, polos salarios e o emprego, por unha educación democrática (a India, Bangladesh, Burkina Faso, Colombia, etc.). Noutros casos, como nas Filipinas ou en Colombia, as forzas revolucionarias emprenden unha loita de liberación nacional e democrática armada.


3. A crise económica actual é a máis grave desde a dos anos 30 e está lonxe de rematar. A débil recuperación, prendida con alfinetes polas institucións mundiais e os medios, é extremadamente fráxil. Unha nova onda de crises anúnciase posto que as contradicións que son a base da crise actual están lonxe de estar resoltas. Trátase, en primeiro lugar, da contradición entre as capacidades de produción e a demanda solvente que levou á crise de sobreprodución actual. Ademais, as intervencións masivas dos Estados alcanzaron os seus límites. Durante anos, programas de restrición social están á orde do día en numerosos países sobre-endebedados. Para moitos países estas restricións deixan ver xa as súas consecuencias tráxicas para os traballadores e os estratos populares pobres. En cada país, a burguesía e os partidos que a apoian proceden, co apoio das organizacións imperialistas como a Unión Europea, o FMI e o Banco Central Europeo, a cortes masivos no poder de compra das masas. En Grecia, Irlanda, Portugal, a situación agrávase. Nos Estados Unidos anunciouse un programa plurianual de restricións severas.

Agrégase o aumento explosivo dos prezos do petróleo, das materias primas e dos produtos alimentarios de primeira necesidade, inflados pola caza de ganancias e as políticas usureiras dos monopolios, aínda que tamén pola especulación dos poderosos. Catástrofes humanas golpean os países máis pobres, mais todos os pobos do mundo sofren deste aumento de prezos. A causa do aumento da miseria absoluta e da extensión da pobreza, novas mobilizacións, folgas e revoltas son máis que probábeis.

4. De cara á crise, as chamadas “solucións” imaxinadas polas diferentes forzas políticas burguesas crean novas contradicións e non poden evitar novas crises. As intervencións masivas dos Estados reforzaron os capitalistas e os monopolios, e, doutra banda, exixen novos sacrificios para os traballadores e os estratos populares. As posicións socialdemócratas, que promoven unha saída “keynesiana” á crise, levan a cortar drasticamente os logros sociais. As ilusións que suscitara a chegada ao poder de Obama disipáronse, pois a súa política de apoio aos monopolios nos Estados Unidos só enriquece os ricos aínda máis.

Os partidos socialdemócratas e reformistas continúan con todo buscando e propagando unha solución desde o interior do sistema. Encomian as virtudes dun capitalismo industrial e dinámico e prometen crear un “capitalismo san”, sen “excesos”, sen “disfuncionalidades” nin “desequilibrios”. É enganar o pobo e é enganarse a si propio. A concentración do poder e das riquezas nas mans dos monopolios e da oligarquía financeira é a esencia mesma do sistema capitalista. A explotación da forza de traballo, a crise, o exceso, as disfuncións e desequilibrios na produción son consubstanciais á procura da ganancia capitalista. Non é posíbel saír deste mecanismo e a clase obreira non poderá conquistar o poder sen pasar pola socialización dos monopolios.

5. Por todas partes, nos países imperialistas, vemos que o avance de partidos nacionalistas, populistas e xenófobos é apoiado pola clase burguesa como unha ferramenta anticomunista. Estes partidos evitan que o pobo se libere da política burguesa. Evitan unha acción común cos comunistas fronte ao descrédito simultáneo da socialdemocracia e o polo liberal do poder burgués. Utilizando a demagoxia social, sementan a división entre as masas explotadas e oprimidas, desvían as clases populares dos seus verdadeiros inimigos e matan a consciencia de clase. Serven ao poder en quenda, a crearen unha muralla contra a verdadeira alternativa ao sistema capitalista, o socialismo.

6. Ante as contradicións que se acumulan, o sistema capitalista reacciona con ataques aos dereitos democráticos. O dereito de folga e outros dereitos sindicais son atacados, mentres que os tribunais burgueses defenden como sacrosanto o dereito de empresa e a liberdade de circulación dos capitais. Así, a democracia burguesa revela a súa natureza de clase.

As campañas anticomunistas e a negación das realizacións históricas dos antigos países socialistas serven á mesma causa: a de intimidaren os traballadores e as forzas populares que loitan contra un sistema capitalista que non sabe resolver os seus problemas, para que non escolleren a vía revolucionaria para construíren unha sociedade socialista. Ao mesmo tempo, a burguesía intensifica a vixilancia e toma todo tipo de medidas represivas, baixo pretexto da loita contra o terrorismo. A recolección xeneralizada de datos persoais viola o respecto á vida privada. Así, téndese todo un dispositivo para enfrontar revoltas populares e loitas de clase.

7. A crise crea unha tendencia ao cambio de relacións de forza no mundo. As contradicións entre os países capitalistas medran. As intervencións das forzas imperialistas nos países árabes e do Medio Oriente mostran como estas rivalizan para reforzaren a súa influencia e para aseguraren o control das reservas petroleiras e das rotas de transporte dos produtos enerxéticos. Os Estados Unidos aférranse na súa posición de superpotencia imperialista ao intensificaren os seus investimentos militares e ao concentraren a súa atención xeoestratéxica en Asia. Mais os Estados Unidos perden terreo. Os países emerxentes forman coalicións e entran a competiren polos recursos naturais, as fontes de enerxía e os mercados mundiais. As tensións entre os Estados Unidos, os países emerxentes, Xapón e a Unión Europea intensifícanse e poden levar a un maior proteccionismo, a conflitos abertos, a guerras monetarias e, finalmente, a conflitos militares.

Ao mesmo tempo, as tensións inter-imperialistas acumúlanse no seo da Unión Europea entre os países máis sólidos e os países máis mancados pola crise. Unha explosión da eurozona podería facer esfarelar a construción europea. O par franco-alemán esfórzase en salvar os intereses dos monopolios europeos ao impor a “gobernanza económica” para servir máis eficazmente ao capital monopolista.

8. Nesta nova constelación das forzas mundiais, a nova estratexia da OTAN, formulada en novembro de 2010 en Lisboa, pon a disposición unha forza de choque común para defender os intereses estratéxicos dos imperialistas, servindo de axente arbitral para as rivalidades que se lle opoñen. En nome da loita contra o terrorismo, a nova estratexia permite intervencións por todo o mundo, aínda nos países non membros da OTAN. A nova estratexia prové actualmente forzas de intervención máis flexíbeis, móbiles e versátiles, como o mostran as intervencións na Libia e na Costa do Marfil. Os proxectos imperialistas dos Estados Unidos están en concordancia coa política de defensa común da Unión Europea. A OTAN utiliza a Cooperación pola Paz co fin de estender a súa zona de actividade e de intervención noutros países non membros. O anterior non exclúe de ningún xeito o crecemento das tensións entre as grandes potencias polo dominio das rexións estratéxicas, polo control das fontes enerxéticas e as materias primas, polo acceso garantido ás grandes rotas de aprovisionamento.

Hai que reforzar os partidos comunistas e as súas organizacións de masas

1. Os eventos actuais poñen á orde do día o paso do capitalismo ao socialismo. O papel dos partidos comunistas é crucial para organizar a revolta, para orientar as loitas e para abrir a vía ás causas fundamentais do sistema explotador. É o que se pode verificar en todas as loitas pasadas e en curso. Unha diferenza cualitativa maniféstase se as masas están preparadas politicamente, se a vangarda está organizada, se o partido é sólido a nivel ideolóxico e político.

2. O carácter do partido depende da tarefa estratéxica que se dá, quere dicir, a revolución socialista, en ruptura co sistema burgués. É por iso que unha tarefa esencial é desmarcarse de toda forma de oportunismo e electoralismo. Trátase de cortar toda ilusión de reforma fundamental do sistema capitalista e desenmascarar a estratexia das forzas políticas reformistas que prometen a liberación dos traballadores pola vía de reformas progresivas.

3. O carácter distintivo dos partidos comunistas é a súa fidelidade á vía revolucionaria e, con moito, á primacía da loita de clases. É a través da loita de clases e a confrontación coas forzas burguesas como o partido se reforza e a clase obreira toma consciencia das súas tarefas históricas. A loita parlamentar e o traballo nas institucións burguesas non poden ser máis que medios preciosos para se dirixir mellor ás masas e dotarse de máis medios para dirixir as loitas das masas. Os oportunistas que buscan beatificaren o sistema capitalista, abandonan a loita de clases e son absorbidos completamente polo traballo parlamentar para administraren o sistema.

4. Unha das características distintivas dos partidos comunistas está no recoñecemento do seu rol de vangarda da clase obreira. A presenza do partido nos lugares de traballo, nas empresas, é crucial, pois é no lugar de traballo onde se desenvolver a batalla política e ideolóxica máis decisiva, a batalla fundamental entre o traballo e o capital. O partido debe reforzar constantemente o seu carácter proletario, prestando unha atención particular ao traballo nos sindicatos, as organizacións de masas da clase obreira. Traballa nos sindicatos para crear polos de loita, de defensa do sindicalismo de loita de clases, e para ligar as aspiracións e reivindicacións dos traballadores á loita política, isto é, o derrocamento do poder capitalista. A importancia e o rol dos comunistas no movemento sindical imponlles responsabilidades maiores, en particular no exemplo que deben dar de sacrificio, de militantismo e de firmeza na defensa da clase obreira e os seus intereses, na súa loita e no esforzo de información e de formación en conxunto coa práctica. É así como cumpren sempre mellor as súas responsabilidades como comunistas cara aos traballadores.

5. O reforzo dos partidos comunistas e a preparación para os desafíos que lles agardan é a tarefa principal nos períodos que preceden ás loitas. Trátase primeiramente de elaborarmos, en base ao marxismo-leninismo, a análise da situación en cada país. Trátase de analizarmos as clases e as relacións de forza presentes e de reforzarmos unha estratexia revolucionaria e unha política de alianza social. Trátase de crearmos un programa de reivindicacións inmediatas que apoien as aspiracións e as necesidades das masas traballadoras, e que sirvan á estratexia revolucionaria.

No campo organizativo, os partidos comunistas empregan o centralismo democrático como instrumento esencial e tratan de mellorar constantemente a súa aplicación.

6. Na preparación para as confrontacións, os partidos comunistas deben tecer lazos máis fortes coas masas. Trátase de estar presentes onde os traballadores están loitando, de afirmar o partido como unha forza autónoma, con consignas mobilizadores. A situación concreta é diferente en cada país e é de importancia vital que o partido poida apreciar correctamente as fortalezas e debilidades, así como o nivel de consciencia da vangarda e das masas. Trátase, ademais, de desenvolvermos unha estratexia e unha táctica revolucionaria que permita pór ás masas en movemento. É a través da súa experiencia como as masas aprenden, a condición de que o partido as axude a evitar os escollos reformistas e enganosos. Unha táctica apropiada serve para acompañar ás masas nesta toma de conciencia e de gañarse un máximo de aliados entre os estratos de campesiños medianos e pequenos, os traballadores independentes e outros estratos populares. Sen importar a súa dimensión, un partido comunista esfórzase en implantarse profundamente entre as masas laboriosas.

7. Dependerá da vixilancia ideolóxica e política dos nosos partidos comunistas se podamos explotar todas as oportunidades que a crise do sistema nos ofrece para propagarmos o socialismo. A crise capitalista presenta grandes oportunidades para os comunistas, pois moitas das ilusións sobre os beneficios do capitalismo derrúbanse. É o momento para convencermos a aqueles que critican unicamente o neoliberalismo de que non se trata dunha elección de política senón dunha elección de sistema. É o momento de convencermos a aqueles que critican a ausencia de medidas firmes contra os bancos e os especuladores de que o poder do capital non pode ser reformado, que só pode ser destruído. Trátase de impulsar a alternativa dun sistema socialista. A propaganda polo socialismo debe estar presente na axitación das masas e non ser unicamente unha idea a propagar no momento oportuno.

8. O avanzo dos partidos comunistas entre as masas dependerá sobre todo do seu rol de vangarda nas loitas contra os plans de austeridade, contra as aventuras guerreiristas e nas reivindicacións sociais e democráticas, así como na liberación nacional e social. Os comunistas son os mellores defensores dos intereses inmediatos, pois loitan por unha sociedade sen explotación dos traballadores. A forza da clase obreira e as alianzas sociais constrúense na loita cotiá. É na loita onde o partido reforza a súa autoridade e a súa experiencia, así como na presenza forte entre a clase obreira. É nas loitas inmediatas onde se constrúe a autoridade e o apoio das masas, onde os partidos constrúen unha experiencia e unha implantación firme entre as masas. Isto farase a medida que o partido tome as súas responsabilidades para mobilizar, concienciar e organizar ás masas. Faino mediante o seu traballo autónomo como partido e a través da presenza dos seus membros nos sindicatos e as organizacións de masas.

9. É importante facermos constantemente o balance das intervencións do partido nas loitas das masas. Trátase de xulgar de xeito constante tanto a política e a táctica, como os resultados de construción do partido e das organizacións de masas. A práctica de crítica e autocrítica en base ao marxismo-leninismo é esencial para xeneralizarmos os logros e para corrixirmos os erros. Un partido que cultiva esta práctica materialista e dialéctica avanzará máis rápido.

10. A crise golpea a todas as capas de traballadores da sociedade.

- Golpea as mulleres a través do desemprego, do subemprego, das condicións de traballo, dos salarios, dos dereitos específicos das mulleres e das múltiples discriminacións. En Tunisia e Exipto elas estaban nas primeiras filas dos levantamentos populares.

- Golpea os traballadores inmigrantes, os refuxiados, os indocumentados. Saudamos particularmente as folgas e manifestacións militantes dos indocumentados na Franza, por un traballo decente e con plenos dereitos

- Golpea tamén a mocidade, vítima do crecemento do desemprego, dos recortes na educación e na seguridade social, do emprego precario e do aumento da carreira. Para os partidos comunistas é unha oportunidade para renovaren as súas filas ao recrutaren novas forzas nunha xeración que está cansa de tanto abuso e que busca unha saída real, que é o socialismo. Para os partidos comunistas, trátase tamén de renovar os seus métodos de traballo, de adaptarse a éra da electrónica e a comunicación instantánea, en combinación cos métodos clásicos. O potencial de mobilización destes novos métodos foi amplamente demostrado nas recentes revoltas nos países árabes e outros.

11. En todo traballo entre as masas, reforzar o partido a través do recrutamento de novos membros figura como unha prioridade absoluta. Trátase de construír un partido inquebrantable, do que dependerá a orientación e o éxito das loitas futuras. A inmersión nas loitas de clase constitúe unha excelente oportunidade para formarmos novas xeracións de cadros e membros. Unha gran parte da mocidade actual, e certamente, a xeración que sufriu a onda anticomunista despois de 1989, non coñeceu unha crise de tal importancia ou gravidade. É agora cando se prepara para asumir o seu rol revolucionario nas vindeiras décadas.

12. É imperativo acelerarmos a cooperación internacional entre os partidos comunistas, a nivel global e a nivel rexional, a través de encontros bilaterais e multilaterais. Afrontamos o mesmo inimigo, o imperialismo. Sufrimos os mesmos ataques, compartimos os mesmos éxitos e os mesmos obxectivos. Hai moitas posibilidades de concertación, de colaboración e de axuda mutua que deben ser explotadas ao máximo. Axudarse mutuamente é sobre todo crear a posibilidade de aprendermos das experiencias e as realizacións máis avanzadas. Hai que facelo no dominio teórico e político, no dominio da construción do partido, da dirección das loitas de masas, da construción de organizacións de masas. Hai que intercambiar máis intensamente as experiencias das loitas de clases, das campañas electorais, da comunicación das masas e da axitación. A axuda mutua e a solidariedade son esenciais.

Traballadores do mundo enteiro, unámonos!
0 Comments:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com