28/12/2008

Comunicado da Unión Xudía Francesa pola Paz: Do bloqueo ao asasinato colectivo


Comunicado do Comité Nacional da Unión Xudía Francesa pola Paz
27/12/08

Do bloqueo ao asasinato colectivo

O exército israelí atacou Gaza esta noite con enormes medios militares. O primeiro balance fala de 150 mortos, civís en boa parte. Esta masacre era anunciada, considerada e comentada estes últimos días na prensa israelí, despois da fin da tregua respectada por Hamas e rompida polo exército israelí. Este crime foi posíbel grazas á impunidade total de Israel nestes últimos 9 anos e ao apoio activo do que goza na Unión Europea. É o resultado da mellora da cooperación coa Unión Europea durante a presidencia francesa.

Desde hai anos, a Franxa de Gaza vive no sufrimento, co apoio cómplice da Unión Europea, dun bloqueo criminal que viola deliberadamente todas as leis internacionais: un millón e medio de civís están atrapados polo exército israelí e privados de todo (alimentos, combustíbel, electricidade, medicamentos, material escolar...) Menos dunha décima parte dos camión necesarios para o normal abastecemento da poboación poden chegar a ela. O aeroporto e o porto foron destruídos antes de que empezaran a traballar. A pesca está prohibida. Só uns poucos barcos fretados polos militantes conseguiron zafar o bloqueo. A poboación padece un castigo colectivo por escoller “mal” nas eleccións. A comunidade internacional non fai nada, incluso fomenta este bloqueo. O ocupante expulsou a Robert Falk, o enviado especial da ONU para avaliar a situación dos dereitos humanos.

Non hai ningún statu quo posíbel, nin ningunha posíbel perpetuación deste bloqueo desapiadado e criminal. Calquera pobo asediado ten o dereito a resistir á opresión.

Ningunha simetría pode estabelecerse cos poucos mísiles que caeron sobre cidades israelís. Non haberá seguridade para os israelís sen seguridades para a poboación de Gaza. As políticas europea e americana desde Annapolis, evitando enfrontar a realidade da ocupación, baten directamente contra o pobo palestino, que paga todo o prezo.

A Unión Xudía Francesa pola Paz denuncia o crime que se está a cometer contra a poboación de Gaza. Chama a manifestarse en todos os sitios contra esta nova agresión. A UJFP esixe unha reacción inmediata do goberno francés, da Unión Europea e da ONU para obrigar a que cese esta agresión e para terminar co bloqueo de Gaza.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.