Publicado no nº 34 do Pravda do 12 de febreiro de 1924.
Camaradas: Comunicáronme que organizastes unha homenaxe dedicada á memoria de Lenin, e que eu era un dos oradores convidados. Coido que non é mester facer unha exposición sistematizada das actividades de Lenin. Entendo preferíbel limitarme a unha serie de feitos que fagan resaltar certas peculiaridades de Lenin como home e como político. Quizais non existe unha relación interna entre estes feitos, mais isto non pode ter unha importancia decisiva para quen se queira formar unha idea xeral sobre Lenin. En calquera caso, poucas posibilidades teño, neste momento, de darvos máis do que acabo de prometer.
A AGUIA DAS MONTAÑAS
Coñecín a Lenin por vez primeira en 1903. Certamente, este coñecemento non foi persoal, senón por correspondencia. Deixou en min, porén, unha pegada indelébel que non se apagou en todo o tempo que veño traballando no Partido. Atopábame daquela en Siberia, deportado. Ao coñecer o traballo revolucionario de Lenin nos últimos anos do século XIX e, sobre todo, despois de 1901, após a publicación de Iskra, convencinme de que tiñamos en Lenin un home extraordinario. Non era entón, ao meu ver, un simple xefe do Partido; era un verdadeiro creador, porque só el comprendía a propia natureza e as necesidades urxentes do noso Partido. Cando o comparaba cos outros xefes do noso Partido, pensaba sempre que os compañeiros de loita de Lenin –Plekhanov, Mártov, Axelrod e outros- estaban moi por debaixo del; que Lenin, en comparación con eles, non era simplemente un dos dirixentes, senón un xefe de tipo superior, unha aguia das montañas, sen medo na loita e conducindo audazmente o Partido cara adiante, polo camiño aínda inexplorado do movemento revolucionario ruso. Esta impresión acabou por penetrar tan fondamente no meu espírito, que sentín a necesidade de escribir sobre isto a un íntimo amigo meu, emigrado no estranxeiro, pedíndolle a súa opinión. Ao cabo dalgún tempo, cando xa estaba deportado na Siberia –a finais de 1903- recibín unha resposta entusiasta do meu amigo, unha carta simple pero profunda, escrita por Lenin, a quen o meu amigo mostrara a miña propia carta. A misiva de Lenin era relativamente corta, mais contiña unha crítica audaz e coraxosa das actividades prácticas do noso Partido, así como unha exposición magnificamente clara e concisa de todo o plan de traballo do Partido para o futuro próximo. Só Lenin sabía escribir sobre as cuestións máis complexas con tanta simplicidade e claridade, concisión e audacia, que as súas frases non parecían que falaban, senón que disparaban. Esta pequena carta, clara e audaz, convenceume aínda máis de que tiñamos en Lenin a aguia das montañas do noso Partido. Non podo perdoarme ter queimado aquela carta de Lenin, así como moitas outras, seguindo o costume do vello militante na ilegalidade.
Datan daquel momento as miñas relacións con Lenin.
A MODESTIA
Atopeime por vez primeira con Lenin en decembro de 1905, na Conferencia bolxevique de Tamerfors (Finlandia). Agardaba ver á aguia do noso Partido, o grande home, grande non só do punto de vista político, senón tamén, se queredes, do punto de vista físico, porque imaxinaba a Lenin como un xigante de postura impoñente e maxestosa. Foi moita a miña decepción cando vin a un home completamente común, de estatura menor que a media, e que non se diferenciaba en nada, absolutamente en nada, dos demais mortais...
O costume di que ‘un grande home’ debe chegar tarde ás reunións, mentres os asistentes agardan a súa aparición co corazón ansioso; que cando o grande home vai aparecer, os membros da reunión avisen: pss..., silencio, xa ven! Coidaba que este cerimonial non era superfluo, que se impuña, que inspiraba respecto. Foi moi grande a miña decepción cando souben que Lenin chegara á reunión antes que os delegados e que, afastado nun recuncho, proseguía, sen ningunha afectación, a máis banal das conversas cos delegados máis modestos da Conferencia. Non nego que isto me pareceu entón unha certa violación dalgunhas normas imprescindíbeis.
Só máis tarde comprendín que esta sinxeleza e esta modestia de Lenin, que este desexo de pasar desapercibido, ou, en todo caso, de non chamar a atención, de non salientar a súa alta posición, eran trazos que constituían un dos puntos máis fortes de Lenin, como novo xefe das novas masas, das masas sinxelas e comúns das camadas máis baixas e profundas da Humanidade.
A FORZA DA LÓXICA
Magníficos foron os discursos que Lenin pronunciou nesta Conferencia: sobre os problemas do mundo e sobre a cuestión agraria.
Infelizmente, non foron conservados. Foron discursos inspirados, que acenderon un clamoroso entusiasmo en toda a Conferencia. A extraordinaria forza de convicción, a sinxeleza e clareza dos argumentos, as frases breves e intelixíbeis para todos, a falta de ostentación, de xestos teatrais e de frases rimbombantes ditas para producir impresión; todo iso distinguía favorabelmente os discursos de Lenin dos discursos dos oradores ‘parlamentares’ comúns.
Mais non foi este aspecto dos discursos de Lenin o que máis me engaiolou daquela, senón a forza invencíbel da súa lóxica, que, seca mais fondamente, se apropiaba do auditorio, electrizándoo pouco a pouco para, deseguida, acabar cativándoo, como se di, sen reservas. Lembro que moitos delegados dicían:
«A lóxica dos discursos de Lenin é como tentáculos poderosos que prenden á xente por todos os lados e dos cales non hai xeito de se zafar: é preciso renderse ou sufrir un completo fracaso».
Coido que esta particularidade dos discursos de Lenin é o aspecto máis forte da súa oratoria.
SEN CHOROMICADAS
Atopei a Lenin por segunda vez en 1904, en Estocolmo, no Congreso do noso Partido. Sábese que neste Congreso os bolxeviques ficaron en minoría e sufriron unha derrota. Por vez primeira vin a Lenin no papel de derrotado. Non se parecían en nada a eses xefes que, despois dunha derrota, choromican e perden os azos. Ao contrario, a derrota fixo que Lenin centuplicase a súa enerxía. Animando aos seus partidarios para novos combates, para a vitoria futura. Falo da derrota de Lenin. Mais, cal era a súa derrota? Era preciso ver aos adversarios de Lenin, os vencedores do Congreso de Estocolmo, Plekhanov, Axelrod, Martov e os demais: non semellaban, nin de lonxe, verdadeiros vencedores, porque Lenin, coa súa crítica implacábel do menxevismo, non lles deixou, como se acostuma dicir, nin un oso enteiro. Lembro de coma nós, delegados bolxeviques, despois de reunirnos nun grupo compacto, observábamos a Lenin pedíndolle que nos aconsellase. Nos discursos de algúns delegados notábase o cansazo, o desánimo. Recordo como Lenin, contestando aqueles discursos, murmurou entre dentes e en ton mordaz:
«Non choromiquen, camaradas, venceremos sen dúbida algunha porque temos razón».
O odio aos intelectuais choróns, a fe nas propias forzas, a fe na vitoria, de todo isto nos falaba daquela Lenin. Percibíase que a derrota dos bolxeviques era pasaxeira, que os bolxeviques vencerían nun futuro moi próximo.
«Non choromiquen en caso de derrota». É precisamente este o aspecto particular da actividade de Lenin que permitiu agrupar ao seu redor a un exército dedicado á causa até a fin e inzado de fe nas súas propias forzas.
SEN PRESUNCIÓN
No seguinte Congreso, en 1907, en Londres, foron os bolxeviques quen obtiveron a vitoria. Vin entón a Lenin por vez primeira no papel de vencedor. Xeralmente, a vitoria embriaga a certa clase de xefes, éncheos de vaidade, tórnaos presuntuosos. Na maioría destes caos, póñense a cantar vitoria e a descansar encol dos loureiros. Mais Lenin non se asemellaba en nada a esta clase de xefes. Ao contrario, era precisamente após a vitoria cando mantiña unha vixilancia particular e permanecía en garda. Lembro que Lenin repetía con insistencia aos delegados:
«Primeiro, non deixarse embriagar pola vitoria, nin tampouco envaidecerse dela, segundo, consolidar o éxito obtido; terceiro, acabar co inimigo, porque só está vencido, mais aínda non está aniquilado».
Burlábase mordazmente dos delegados que afirmaban á lixeira que «se acabara para sempre cos menxeviques». Non lle era difícil demostrar que os menxeviques tiñan aínda raíces no movemento obreiro e que se debía combatelos con habilidade, evitando sobreestimar as propias forzas e, sobre todo, menosprezar as do inimigo.
«Non envaidecerse coa vitoria». É este precisamente o trazo particular do camarada Lenin que lle permitía avaliar con lucidez as forzas do inimigo e asegurar o Partido contra calquera sorpresa.
FIDELIDADE AOS PRINCIPIOS
Os xefes dun partido non poden deixar de valorar a opinión da maioría do seu partido. A maioría é unha forza coa que un xefe non pode deixar de contar. Lenin comprendíao tan ben como calquera outro dirixente do Partido. Mais Lenin nunca foi prisioneiro da maioría, sobre todo cando esa maioría non se apoiaba sobre unha base de principios. Houbo momentos na historia do noso Partido nos que a opinión da maioría ou os intereses momentáneos do Partido chocaban cos intereses fundamentais do proletariado.
Nestes casos, Lenin, sen vacilar, púñase do lado dos principios contra a maioría do Partido. Aínda máis, non temía en casos semellantes intervir literalmente só contra todos, xulgando, como dicía a miúdo, que «unha política de principios é unha política certa».
Os dous feitos seguintes son particularmente característicos neste sentido:
Primeiro feito: Foi durante o período entre 1909 e 1911, cando o Partido, desfeito pola contrarrevolución, estaba en plena descomposición. Era o período no que ninguén tiña fe no Partido, no que non só os intelectuais, senón boa parte dos obreiros, desertaban en masa do Partido; período no que se repelía toda actividade clandestina, período de liquidacionismo e esboroamento. Non só os menxeviques, tamén os bolxeviques estaban divididos daquela nunha serie de fraccións e distintas correntes, desligadas na súa maioría do movemento obreiro. Sábese que foi precisamente naquel período cando naceu a idea de liquidar totalmente as actividades clandestinas do Partido, de organizar aos obreiros nun partido legal, liberal, stolypiniano. Lenin foi daquela o único que non se deixou gañar polo contaxio e que mantivo no alto a bandeira do Partido, reunindo, cunha paciencia asombrosa, cunha tensión sen precedentes, as forzas do Partido dispersas e desfeitas, combatendo no interior do movemento obreiro todas as tendencias hostís ao Partido, defendendo o principio do Partido como un valor extraordinario e unha perseveranza incríbel.
Sábese que, máis tarde, Lenin saíu vencedor daquela loita pola mantemento do principio do Partido.
Segundo feito. Foi no período de 1914 a 1917, en plena guerra imperialista, no momento no que todos os socialdemócratas e socialistas, ou case todos, levados polo delirio patriótico xeral, se puxeran ao servizo do imperialismo dos seus países. Era o período no que a II Internacional inclinaba as súas bandeiras ante o Capital, no que inclusive homes como Plekhanov, Kautski, Guesde, etc., non resistiran ante a onda de chauvinismo; Lenin foi daquela o único home, ou case o único, que emprendeu decisivamente a loita contra o socialchauvinismio e o socialpacifismo, evidenciou a traizón dos Guesde e dos Kautski e estigmatizou a indecisión dos ‘revolucionarios’ que nadaban entre dúas augas. Lenin comprendía que era seguido por unha insignificante minoría, mais para el aquilo non tiña unha importancia decisiva, porque sabía que a única política certa, de cara ao futuro, era a do internacionalismo consecuente; porque sabía que a política de principios era a única política acertada.
Sábese que naquela loita por unha nova Internacional, Lenin tamén saíu vencedor.
«Unha política de principios é a única política certa». Tal era precisamente a fórmula coa axuda da cal Lenin asaltaba as novas posicións ‘inexpugnábeis’, gañando para o marxismo revolucionario aos mellores elementos do proletariado.
A FE NAS MASAS
Os teóricos e os xefes de partidos que coñezan a historia dos pobos e que estudaran polo miúdo, de principio a fin, a das revolucións, ás veces padecen dunha enfermidade indecorosa. Esta enfermidade é o temor ás masas, a falta de fe no poder creador das masas, o que, ás veces, orixina nos xefes certo aristocratismo en relación ás masas pouco iniciadas na historia das revolucións, mais destinadas a destruír o vello e construír o novo. O temor de que os elementos se desencadeen, de que as masas ‘podan demoler demais’, o desexo de representar o papel de amos, esforzándose en instruír ás masas por medio de libros, mais sen o desexo de instruírse xunto a estas masas, este é o futuro de tal aristocratismo.
Lenin era completamente oposto a semellantes xefes. Non coñezo ningún revolucionario que tivera unha fe tan profunda como Lenin nas forzas creadoras do proletariado e no acerto revolucionario do seu instinto de clase; non coñezo ningún revolucionario que soubera como Lenin flaxelar tan implacabelmente aos críticos ultrapedantes do ‘caos da revolución’ e da ‘bacanal dos actos espontáneos das masas’. Lembro como, durante unha conversa, Lenin replicou sarcasticamente a un camarada que dixera que «despois da revolución debía estabelecerse unha orde normal»:
«É unha desgraza que os que desexan ser revolucionarios esquezan que a orde máis normal na historia é a da revolución».
Por iso o seu desprezo para con todos os que se comportaban dun xeito altivo coas masas e tentaban instruílas por medio de libros. É por isto polo que Lenin repetía incansabelmente que era preciso aprender coas masas, comprender o sentido das súas accións, estudar atentamente a experiencia práctica da súa loita.
A fe nas forzas creadoras das masas: tal é o aspecto particular da actividade de Lenin que lle daba a posibilidade de comprender a significación do movemento espontáneo das masas e de orientalo polo camiño da revolución proletaria.
O XENIO DA REVOLUCIÓN
Lenin nacera para a revolución. Foi realmente o xenio das explosións revolucionarias e o grande mestre da arte de dirixir as revolucións. Nunca se sentía tan a gusto, tan feliz como na época das conmocións revolucionarias. Mais isto non quere dicir, de ningún xeito, que Lenin aprobara na mesma medida toda conmoción revolucionaria, nin tan pouco que se pronunciara sempre en calquera circunstancia a prol das explosións revolucionarias. De ningún xeito.
Tan só quere dicir que a perspicacia xenial de Lenin nunca se manifestaba con tanta plenitude, con tanta precisión, como nos momentos de explosións revolucionarias. Nos días de viraxes revolucionarias florecía literalmente, adquiría o don da dupla visión, adiviñaba con anticipación o movemento das clases e os vaivéns da revolución como se os lese na palma da man. Dicíase no Partido con razón: «Ilitch sabe nadar nas ondas da revolución como peixe na auga».
Por iso a clareza ‘asombrosa’ das palabras de orde tácticas de Lenin e a audacia ‘vertixinosa’ dos seus plans revolucionarios.
Véñenme agora á memoria dous feitos particularmente característicos e que destacan aquela particularidade de Lenin.
Primeiro feito. Era a véspera da Revolución de Outubro, cando millóns de obreiros, campesiños e soldados, empurrados polo crise na retagarda e na fronte, esixían a paz e a liberdade; cando os xenerais da burguesía preparaban a instauración dunha ditadura militar, co obxectivo de levar a guerra ‘até a fin’”; cando toda a suposta ‘opinión pública’ e todos os supostos ‘partidos socialistas’ eran hostís aos bolxeviques e os cualificaban de ‘espías alemáns’; cando Kerenski tentaba afundir ao Partido dos bolxeviques na ilegalidade e xa o conseguira en parte; cando os exércitos, aínda poderosos e disciplinados, da coalición austro-alemá, se erguían ante os nosos exércitos cansos e en estado de descomposición, e os ‘socialistas’ de Europa occidental continuaban mantendo tranquilamente o bloque cos seus gobernos, co obxectivo de proseguir ‘a guerra até a vitoria completa’...
Que significaba desencadear unha insurrección naquel momento?
Desencadear unha insurrección nesas condicións era arriscar todo. Mais Lenin non temía arriscalo, porque sabía e vía co seu ollar clarividente que a insurrección era inevitábel, que a insurrección vencería, que a insurrección na Rusia prepararía a fin da guerra imperialista, que a insurrección na Rusia poría de pé ás masas esgotadas do Occidente, que a insurrección na Rusia transformaría a guerra imperialista en guerra civil, que desta insurrección nacería a República dos Soviets, que a República dos Soviets serviría de baluarte ao movemento revolucionario do mundo enteiro.
Sábese que aquela previsión revolucionaria de Lenin foi despois cumprida cunha precisión sen par.
Segundo feito. Foi nos primeiros días que seguiron á Revolución de Outubro cando o Consello dos Comisarios do Pobo tentaba obrigar ao xeneral rebelde Dukonin, xeneralísimo dos exércitos rusos, a suspender as hostilidades e a encetar conversas cos alemáns buscando un armisticio. Lembro como Lenin, Krylenko (o futuro xefe supremo) e eu fomos ao Estado Maior Central de Petrogrado para poñérmonos en contacto con Dukonin por radio. Era un momento angustioso. Dukonin e o Grande Cuartel Xeneral negáranse categoricamente a cumprir a orde do Consello de Comisarios do Pobo. Os mando do exército estaban enteiramente nas mans do Grande Cuartel Xeral. No tocante aos soldados, ignorábase o que diría aquel exército de 12 millóns de homes, sometido ás chamadas organizacións do exército, que eran hostís ao Poder dos Soviets. En Petrogrado mesmo, como se sabe, xermola entón a insurrección dos alumnos das escolas de guerra. Alén diso, Keresnki avanzaba no tren da guerra sobre Petrogrado. Lembro que, despois dun intre de silencio xunto ao aparello, o rostro de Lenin ficou iluminado por non sei que luz extraordinaria. Víase que Lenin xa tomara unha decisión:
«Imos á estación de radio, di Lenin, ela prestaranos un bo servizo; destituiremos, por orde especial, ao xeneral Dukonin; no seu lugar nomearemos ao camarada Krylenko xefe supremo, dirixíndonos aos soldados por riba das cabezas do comando, animándoos a illar aos xenerais, cesar as hostilidades, entrar en contacto cos soldados austro-alemáns e tomar a causa da paz nas súas propias mans».
Era un ‘salto descoñecido’. Mais Lenin non tiña medo daquel ‘salto’; ao contrario, anticipábase a el, porque sabía que o exército quería a paz e que a conquistaría varrendo todas as eivas postas nos seu camiño, porque sabía que aquel medio de estabelecer a paz tería repercusión sobre os soldados austro-alemáns e reavivaría o desexo de paz en todas as frontes sen excepción.
É sabido que tamén aquela previsión revolucionaria de Lenin foi cumprida máis tarde de xeito exacto.
Unha perspicacia xenial, unha facultade de comprensión, de adiviñar, tales eran precisamente as calidades propias de Lenin que lle permitían elaborar unha estratexia certa e unha liña de conduta clara nas viraxes do movemento revolucionario.
Ler máis