04/06/2009

Anuncianse tres novas xornadas de folga no Metal para a semana, e o último dia será unha folga xeral do sector

Avantar




Marchas, mobilizacións e cargas policiais nesta nova xornada de folga

Nova xornada de folga do Metal na provincia de Pontevedra, que continúa como unha folga consolidada e que segue a mobilizar a milleiros de traballadores e traballadoras nas rúas. Neste dia anunciouse a convocatoria de tres xornadas máis de folga para a próxima semana, mércores, xoves e venres, convocando no último dia desa semana a todo o sector do Metal, mesmo aquelas empresas que contan con convenio propio como Citroen. Tamén este mércores volveron actuar dun xeito desproporcionado e violento as forzas antidisturbios, que fixeron a súa aparición na Praza de América, a toda velocidade, e que desde aí comezaron cargas indiscriminadas, que rematarían fronte ao estaleiro de Barreras, onde de novo os folguistas resistiron ao lanzamento masivo de pelotas de goma e botes de fume. E o xoves terá lugar a segunda xornada da folga do Metal desta semana.
Como en anteriores ocasións, os traballadores e traballadoras en folga pola negociación do convenio provincial do Metal de Pontevedra reuníanse a primeira hora da mañá nos seus centros de traballo. Desde aqui volvian organizar marchas, que visibilizaban a forza deste sector, tendo presenza nas rúas milleiros de folguistas polo centro da cidade.

Marchas polo centro da cidade

Asi, na zona de Mos saía unha marcha desde o alto de Puxeiros, cos piquetes desa zona, que decidiron vir camiñando pola autovia, cortando o carril de acceso a Vigo durante a hora e cuarto na que se prolongou a súa camiñada. Na Seat, xa na Avenida de Madrid, confluiron co piquete desa zona de concesionarios e cortaron o tránsito nunha mobilización que chegaba á Praza dos Cabalos, onde agardaban o resto dos seus compañeiros e compañeiras.

En Vulcano xuntábanse tamén desde primeira hora, e camiñarian desde Sanjurjo Badía, continuando polas Travesas e confluindo desde a rúa Pizarro tamén na Praza dos Cabalos, onde tamén chegarían pouco despois os da zona do camiño do Caramuxo.

Desde Barreras saiu o número máis numeroso de folguista que percorría as principais rúas do centro de Vigo, desde Beiramar, até Colón, Urzáiz, Gran Via, para rematar na Praza dos Cabalos.

Pouco despois das once e vinte saia xa todo o conxunto de piquetes cara a Praza do Concello, para realizar unha asemblea neste espazo

Convocatoria de tres xornadas máis de folga

Asi, nesta asemblea, e en representación da CIG, interviña o secretario nacional da CIG Metal, Miguel Malvido.

Malvido informou de que están a chegar multas a aqueles compañeiros que identificaron na carga policial e na folga da semana pasada, polo que indicou que "podedes chamar a calquera das tres centrais sindicais para que se asesoren e se fagan alegacións en contra destas sancións".

Sobre o estado da negociación sinalou que "a patronal ameazou con que a partir das doce da noite de onte retiraban a proposta que habia enriba da mesa. Esta patronal que durante bastante tempo nos estivo a marear, unha patronal que xa temos definido en máis dunha ocasión como reaccionaria e que vive no século pasado, unha patronal que se ten negado incluso a sentar a negociar, pois onte tiveron a ousadia de dicir que onde tiñan unha proposta agora non habia nada".

O secretario nacional da CIG Metal engadia que "non entenden, din eles, como nun momento de crise os traballadores do metal da provincia de Pontevedra rebelámonos, e nos dicimos que nos rebelemos porque temos unha longa tradición de loita e mobilización, porque temos un convenio que fomos construindo ano a ano, e porque temos dignidade, e a dignidade é cando un sabe o que se merece moito máis do que está ofertando esta patronal. Mais diante desa provocación da patronal imos contestar: a semana que vén tres dias de folga, e o terceiro dia folga xeral do sector do Metal, e a partir de aí folga indefinida, pero non vai ser unha folga indefinida calquera senón que o imos ir decidindo, imos darlles onde máis lles doe e haberá dia que convoquemos e desconvoquemos, segundo nos vaia interesando a nós, para que realmente sintan que os traballadores do Convenio do Metal están pelexando por un convenio digno e xusto".

Marcha até a Praza de América

Despois desta asemblea os traballadores e traballadoras do Metal en folga decidían encamiñar os seus pasos cara á Praza de América, onde previsibelmente tería rematado esta xornada despois dun corte de tránsito nesta xona.

Na Praza de América, e cando xa era a unha da tarde, máis de doce furgóns policiais fixeron a súa entrada, a toda velocida, nesta praza, desaloxando a cantas persoas permanecían alí concentradas pacificamente.

Foi aqui onde comezaron as cargas, indiscriminadas e contra cidadáns e cidadás que nada tiñan que ver coa folga, como señoras maiores que agardaban polo bus ou nais cos seus fillos.

Os traballadores que se refuxiaron no Centro Comercial das Camelias recibiron pelotazos dos antidisturbios, que racharon os vidros deste centro.

Finalmente os antidisturbios continuaron a cargar forzando aos folguistas a refuxiarse no estaleiro de Barreras, onde o lanzamento de botes de fume e de pelotas de goma foi masivo e moito máis violento que na pasada semana, sendo numerosas as persoas que recibiron o impacto das pelotas de goma.

Aínda así os traballadores e traballadoras resistiron estes ataques, posibilitando que ás tres da tarde, co recuar dos antidisturbios, puidera ter lugar unha asemblea final en Barreras para analizar o acontecido nesta xornada de folga.

Na segunda xornada de folga haberá unha "resposta proporcional"

Nesta asemblea interveu Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, que cualificou a intervención policial de "inesperada e desproporcionada", e lembrou que "se a Policia ten ganas de intervir e deter alguén nós podémoslles dar alguns nomes, como algúns dos que están a negociar o convenio provincial do Metal".

Alcántara anunciou que "como non sabemos o que vai pasar mañá e nós non nos imos esconder, vamos tentar darlle unha resposta proporcional a isto, imos organizala e que saiban que cada vez que fan algo como isto a nosa resposta vai ser maior".

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.