James Connolly
Publicado orixinalmente no Worker’s Republic en 1899.
Transcrición, corrixida, da versión en galego pertencente ao volume Nacionalismo e Imperialismo, publicada por Edicións Laiovento en 1993.
Publicado orixinalmente no Worker’s Republic en 1899.
Transcrición, corrixida, da versión en galego pertencente ao volume Nacionalismo e Imperialismo, publicada por Edicións Laiovento en 1993.
Liberemos Irlanda. Tanto teñen as mesquiñas consideracións materiais relacionadas con traballo e salarios, fogares saudables ou vidas libres de pobreza.
Liberemos Irlanda. O terratenente que esixe unha renda abusiva, non é tamén irlandés? Ímolo aborrecer? Ca, non falemos mal do noso irmán, mesmo cando nos sube a renda.
Liberemos Irlanda. O capitalista devorador de beneficios, que rouba tres cuartas partes do noso traballo, que nos zuga os miolos dos ósos cando somos novos e logo nos bota á rúa igual ca unha ferramenta gastada cando avellentamos prematuramente ao seu servizo, non é tamén irlandés e quizais un patriota? Imos falar mal del?
Liberemos Irlanda. “A terra na que nacemos e nos criou”. E o terratenente ao que temos que pagar para que nos permita vivir nela. Un aturuxo pola liberdade!
“Liberemos Irlanda” di o patriota que non quere saber nada do socialismo. Xuntémonos todos es esmaguemos ao brutal saxón. Xuntémonos todos, di el, todas as clases e credos. E, pregunta o traballador da cidade, despois de esmagarmos ao saxón e de liberarmos Irlanda, que faremos? Ou, daquela podedes volver ás vosas choupanas, o mesmo ca antes. Un aturuxo pola liberdade!
E, pregunta o traballador do campo, despois de liberarmos Irlanda, que pasará? Ou, daquela podedes seguir esgotándovos para pagar a renda do terratenente ou os intereses dos prestamistas, o mesmo ca antes. Un aturuxo pola liberdade!
Cando Irlanda sexa libre, di o patriota que non quere saber nada do socialismo, habemos protexer a todas as clases e se ti non pagas a túa renda, has ser desafiuzado o mesmo que agora. Mais o grupo de desafiuzamento, ás ordes do alguacil, levará uniformes verdes e a arpa sen a coroa, e o mandamento xudicial que te botará á rúa levará o selo da república de Irlanda. Acaso non paga a pena loitar por iso?
E cando non deas atopado emprego e, desesperado, renuncies a seguir pelexando e entres no asilo, a banda do rexemento máis próximo do exército irlandés hate escoltar ata a porta do asilo tocando “O día de San Patricio”, Ou, ha de ser bonito vivir neses tempos.
Coa bandeira verde aboiando enriba nosa e un crecente exército de parados paseando arredor da bandeira verde e devecendo por algo para comer. O mesmo que agora. Un aturuxo por Irlanda!
Meu amigo, eu tamén son irlandés, pero son un pouquiño máis asisado. O capitalista, afirmo, é un parasito da industria, tan inútil na fase actual do noso desenvolvemento industrial como calquera outro parasito do mundo animal ou vexetal é para a vida do animal ou vexetal do que se alimenta.
A clase traballadora é vítima deste parasito, desta sambesuga humana, e ten o dereito e o deber de utilizar todos os medios ao seu alcance para expulsar a esa clases parasitaria da posición que lle permite alimentarse das forzas vitais do traballo.
Por tanto eu digo, organicémonos para enfrontarnos aos nosos dominadores e esnaquizar o seu dominio; organicémonos para quitarlles o control que exercen sobre a vida social por medio do seu poder político, organicémonos para arrincar das súas ladroeiras gadoupas a terra e as fábricas nas que e coas que nos escravizan, organicémonos para limpar da nosa vida pública a mancha do canibalismo social, a mancha da explotación do home polo home.
Antón
ResponderEliminarA lucidez de Connolly é abraiante. Para min é o guieiro que debe alumar o camiño dos comunistas de Galiza.