08/08/2009

A Educación na República Popular Democrática de Corea

Descargue o traballo en formato PDF premendo AQUÍ ou na imaxe




Presentación por Camilo R.

Que sabe vostede da República Popular Democrática de Corea? Ou mellor, que coida que sabe? Que sabe do seu funcionamento administrativo, educativo ou de como aproveitan o tempo de lecer os norcoreanos? Sabe cantas universidades hai? E sabe se hai gardarías ou licencias maternais?

E agora pense cales foron as fontes diso que vostede coida que sabe. En serio, fágao con calma. Porque as ideas non xermolan da nada. Onde leu ou escoitou o que sabe sobre a RPD de Corea? Fagamos a pregunta doutro xeito: á marxe de propaganda burguesa, ten outra fonte de información? Leu algo dalgún militante comunista da parte norte de Corea? Coñece a súa Constitución? De seguro que chegue á conclusión de que todo o que sabe da RPD de Corea está elaborado por elementos obxectivamente inimigos dela. Si, por un deses aparellos ideolóxicos do Estado (AIE) dos que falaba o revisionista Althusser.

E sendo esta a realidade das súa fontes de información, está vostede indefenso para crer o que a clase inimiga queira. Se as empresas de comunicación converten a agresión a uns manifestantes en Compostela por parte dunha banda de cocainómanos vestidos de azul, en nómina do poder burgués, nunha acción de autodefensa e protección aos civís , que non farán co que acontece na outra punta do globo? Por exemplo, podería empezar vostede, unha persoa con inquedanzas políticas, pode ser que mesmo comunista, a criticar á RPD de Corea por ser unha monarquía socialista, ou algo así. Quen lle vai dicir a vostede que no último congreso, de onde vai saír o futuro presidente, ningún dos fillos do actual presidente, Kim Il Yong, presentou a súa candidatura?

Por iso, as fontes orixinais soen ser sempre as mellores (e isto cobra aínda máis forza cando falamos dos clásicos do marxismo-leninismo, tan capados por burgueses, trotskistas e revisionistas de calquera pelaxe). Mais por orixinais non nos estamos a referir só aos traballos elaborados por norcoreanos. Tamén entrarían nesta definición as análises e reflexións que persoas da nosa clase, do noso lado da barricada, que fixeron e fan após viaxar, varias veces, e coñecer en directo á realidade norcoreana.

Unha destas persoas que se molestou en coñecer e, o máis importante, darnos a coñecer a realidade norcoreana é o autor deste traballo, Juan Nogueira López. Aos que como a min, cando íamos a clase compartíamos unha mesma aula tres cursos distintos (e non me estou remontando a posguerra nin nada parecido, podemos situarnos na época do mundial do insoportábel Naranjito), non podemos máis que ficar abraiados ao descubrir o nivel educativo que Corea tiña nesas mesmas datas.

Agora a República Popular Democrático de Corea quere que toda a poboación teña un nivel educativo de grao universitario... Case nada. E podemos preguntarnos, un réxime despótico, depravado, que fai aos seus cidadáns autómatas, onde o presidente almorza crianzas... para que vai querer que os seus súbditos teñan todos ese nivel educativo?

Se ninguén medianamente contestatario se deixa levar polas mentiras burguesas locais, por que facelo cando se trata doutro lado do mundo?