LibreRed
02/07/12
Tradución propia
No contexto dunha crise económica sen precedentes en Europa, con altos índices de desemprego, despedimentos masivos tanto no sector privado como no público e un deterioro alarmante das condicións de vida da clase traballadora, sorprende atopar un país cunha taxa de desemprego de tan só un 1 por cento.(1)
Trátase da República de Bielorrusia, formada por case 10 millóns de habitantes e presidida actualmente por Alexander Lukaschenko. Este país pertenceu á Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS) até 1991.
Bielorrusia declarouse independente após a desintegración da Unión Soviética, a manter o control estatal da maior parte da economía. Por exemplo, a banca estranxeira está practicamente excluída do país, os bens e servizos básicos están subvencionados polo Estado, os prezos de venda ao detalle están regulados e o goberno continúa apostando polas empresas estatais. De facto, o 51,2 por cento dos bielorrusos traballan en compañías estatais, o 47,7 por cento son empregados de empresas privadas nacionais e o 1,4 por cento traballan para empresas de capital estranxeiro afincadas no país.
O propio semanal inglés The Economist, a facer referencia dun informe sobre Liberdade Económica da Heritage Foundation, di nun dos seus artigos que «Lukaschenko segue unha política de intervención do Estado omnipresente na economía» e que «o goberno nega os dereitos de propiedade sobre os bens comúns, conservando os recursos naturais, augas, bosques e terras so control público».(2)
O Washington Post, pola súa banda, informa que «a economía continúa a estar controlada polo Estado e os alimentos da nación cultívanse en granxas colectivas».(3)
Semella que este conxunto de políticas de redistribución de ingresos sería o responsábel dos positivos niveis de igualdade na sociedade bielorrusa.
Consonte informacións do diario ucraíno Rabochaya Gazeta, a porcentaxe de poboación de Bielorrusia cuns ingresos inferiores ao baremo que marca o limiar da pobreza na república descendeu por sete no período comprendido entre 2001 e 2008, pasando do 41,9 ao 6,1 por cento. Os ingresos reais da poboación nese período multiplicáronse por 3. A correlación entre o 10 por cento dos cidadáns máis acomodados e o 10 por cento dos máis desfavorecidos foi no 2009 de 5,9 puntos (na Rusia chega ao 34). Este indicador tamén é significativamente inferior ao rexistrado noutros países da antiga URSS.
Antonius Broek, representante do Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento, declarou durante a presentación do Informe sobre Desenvolvemento Humano de 2011 que «na Bielorrusia apenas hai pobreza». Broek aclarou que segundo o índice internacional de pobreza, Bielorrusia posúe un índice de case cero.
Estes datos contrastarían cos altos índices de pobreza e desigualdade social que manteñen outras ex repúblicas soviéticas como Polonia, Ucraína, Hungría, Romanía ou Letonia, que realizaron unha “transición” cara ao capitalismo.
Un “mal exemplo” a seguir
Estes datos socioeconómicos son censurados nos medios de comunicación de masas controlados polo gran capital e que evidentemente responden a intereses capitalistas.
Estados Unidos e Europa ven na República de Bielorrusia un mal exemplo a seguir polos seus países veciños. Trátase da aínda vixente batalla ideolóxica entre capitalismo e socialismo. Non é casualidade que a miúdo a prensa capitalista cualifique de “ditador” ou “autoritario” ao presidente Lukaschenko. De facto, o Departamento de Estado dos EUA foi máis alá e en 2011 financiou cinco partidos políticos e 565 activistas da oposición bielorrusa, e apoiou a formación de máis de 70 organizacións da sociedade civil, 71 xornalistas antigobernamentais e 21 medios de comunicación opositores.
Mais alén da manipulación mediática e o acoso de Washington é importante deixar claro que Bielorrusia é unha democracia pluripartidista e con sufraxio universal. Desde o ano 2007, 98 dos 110 membros da Cámara de Representantes de Bielorrusia non están afiliados a ningún partido político e dos outros doce membros, oito deles pertencen ao Partido Comunista de Bielorrusia, tres ao Partido Agrario de Bielorrusia e un ao Partido Democrático Liberal de Bielorrusia. A maioría dos que non militan en ningún partido representan un amplo abano de organizacións sociais como traballadores, asociacións públicas e organizacións da sociedade civil.
Oriol Sabata
(1) CIA World Factbook, 1 de xaneiro de 2011.
(2) The Heritage Foundation¸ “Índice de Liberdade Económica” 2007.
(3) The Washington Post, 23 de setembro de 2005.
Malia non concordarmos con algunhas das reflexións e expresións aquí empregadas (por exemplo, sociedade civil) por non se axustaren os postulados marxistas, consideramos que a importancia dos datos achegados supera con moito as eivas comentadas.
ResponderEliminar