Avantar
A CIG manifesta que ante a gravidade dos recortes cómpre dar, na rúa, unha resposta igual de contundente. Por iso o secretario xeral, Suso Seixo, anunciou a convocatoria de manifestacións-cazoladas en todas as cidades o vindeiro xoves 19 de xullo e dunha folga xeral en setembro. A CIG contactará coas organizacións sindicais, nomeadamente coas máis representativas e maioritarias, para intentar fixar un calendario conxunto de mobilizacións de cara a esa convocatoria que entende debe ser a nivel de estado. De non acadar un acordo, intentará levala adiante procurando facela coincidir coa posíbel convocatoria de organizacións sindicais nacionalistas, noutros territorios do estado.
O secretario xeral da CIG alertou de que os recortes avanzados por Rajoy, no Congreso dos Deputados, serán desenvolvidos nos Consello de Ministros dos meses de xullo e agosto, a través de decretos lei, “e o alcance desta medidas será aínda peor”.
Denunciou as reiteradas mentiras de Mariano Rajoy, nomeadamente o seu anuncio, exultante, de que o rescate á banca non ía ter consecuencias para a poboación. “Trátase dun préstamo ao estado que se traducirá en débeda e déficit. Teremos que pagalo todas/os e si tiña consecuencias”. De feito, considerou que os drásticos recortes que se van impor demostran que o estado español está intervido e que non ten capacidade para decidir nin as súas políticas económicas, nin laborais, nin sociais. “Están en mans do BCE e das institucións europeas”.
Cuestionou a hipocrisía das forzas políticas españolas, que manifestan o seu fondo sentir “patriótico” cando reforzan o centralismo e negan a cesión de calquera competencia ás comunidades autónomas, pero esquecen ese patriotismo cando se trata de ceder soberanía ás institucións europeas ou ao capital financeiro.
Lembrou as consecuencias que as políticas ditadas polo BCE tiveron xa en países intervidos como Portugal ou Grecia: recortes de dereitos, de salarios, incremento de impostos indirectos e liberalización e desregulación do mercado laboral, dos servizos, dos horarios comerciais e privatizacións. Políticas que, dixo, “benefician aos de sempre. Non van a axudar a saír da crise, ao contrario, van provocar máis recesión, máis desemprego e menos consumo”.
Sinalou que xa hai institucións internacionais que alertan destas consecuencias, entre outras o propio FMI, ou a OCDE “nada sospeitosas de ser de esquerdas”, matizou, recordando que “están advertindo que así o desemprego superará o 25% o vindeiro ano e non haberá crecemento económico”.
Unha cuestión ideolóxica
En todo caso, considerou que non se trata de que técnicos e políticos estean confundidos, “estas medidas obedecen a criterios ideolóxicos. Están dirixidas a favorecer á banca e ao sistema financeiro. Son préstamos á banca española para garantir que paga os pufos á banca europea, sobre todo á alemá, garantindo que se non os paga a banca vainos pagar o estado”.
Denunciou ademais que “a dereita franquista está aproveitando a situación para provocar unha involución en materia de dereitos sociais e liberdades, pero tamén no propio modelo”. A este respecto denunciou a invasión de competencias, o reforzamento de institucións como as deputacións ou a redución do pluralismo político e o debilitamento das organizacións sociais, entre outros, para reducir a capacidade de resposta da poboación ante estas políticas antisociais e antiobreiras.
Do mesmo xeito, denunciou “a falta de respecto e a desfachatez” das deputadas e deputados do PP no Congreso por teren escenificado, entre aplausos e risas, a súa satisfacción ante estes durísimos recortes. E tamén valorou como “indignante” que se xustificara o recorte á prestación por desemprego “para forzar a paradas/os a que busquen emprego. É un escándalo, como se non tiveran emprego porque non queren buscalo. É un desprezo á xente que está peor parada”.
Ante isto asegurou que “a estes hai que botalos como sexa e o máis rápido posíbel porque é inadmisíbel seguir mantendo a estes impresentábeis que nos están gobernando”.
Pola súa banda, o secretario confederal de Comunicación, Francisco Miranda Vigo, subliñou que, fronte estes terríbeis recortes, que afectan precisamente aos máis desfavorecidos, “non se toca ao exército, á igrexa ou ás políticas fiscais”. Salientou que se vén de acordar destinar 27.000 millóns de euros para a compra de novos tanques e avións, ante o que se preguntou “a quen pretende declararlle a guerra o estado español”. E lembrou que para a igrexa católica van directamente 10.000 millóns de euros, alén dos que recibe por outras vías. “Con estes cartos máis cunha política de persecución da fraude fiscal xa terían para tapar os buratos”, dixo. “Hai cartos, o problema é a quen se destinan”.
Mobilizacións
Para o secretario xeral da CIG, da actual situación só se pode saír cambiando a correlación de forzas “na rúa, nas empresas e nas institucións. En ningún caso vai vir da man dos que provocaron a crise e agora se están a beneficiar dela”. Por iso anunciou a convocatoria de manifestacións-cazoladas para o vindeiro día 19 de xullo, ás 20:00 horas, en todas as cidades. Unha decisión que foi adoptada o pasado martes polo secretariado confederal para responder ao paquete de medidas que se prevía que se anunciaría no Congreso e que efectivamente así foi.
Xunto a isto, anunciou que a central sindical tratará de fixar coas demais de organizacións sindicais un calendario de mobilizacións, entendendo que "aquelas organizacións máis representativas e maioritarias temos a responsabilidade de darlle unha resposta a todo isto", de cara a camiñar cara a convocatoria de folga xeral, que considera que debería ser de carácter estatal, en setembro.
Avanzou que se non hai resposta por parte destas organizacións sindicais, a CIG tratará de levar adiante esta convocatoria procurando coincidir coas organizacións sindicais nacionalistas vascas, como xa se fixo en ocasións anteriores. “As medidas anunciadas onte non van quedar aquí. Estamos nun caleixón sen saída, nun camiño sen retorno. Isto só pode empeorar a situación é, ou conseguimos mudar estas políticas, ou pasarémolo realmente mal”.
Sem comentários:
Enviar um comentário
Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.