20/07/2012

Forxa!: A POR ELES!

  
Colectivo Marxista-Leninista FORXA!

O novo paquete de recortes tradúcese nunha máis que evidente agresión contra unha determinada clase social que é a que está a sufrir as consecuencias da crise en toda a súa dimensión. Son, á vez, unha declaración de guerra das clases dominantes contra o pobo e contra a clase obreira. Con razón a deputada Andrea Fabra, nun acto de honestidade política,  berraba dende o seu escano a tan célebre e aclaratoria “que se jodan”. Non podería existir mellor exemplo para definir as posicións políticas dun goberno reaccionario que non oculta o seu odio de clase contra os traballadores e traballadoras, un goberno que suprime dereitos básicos aos máis débiles mentres recompensa a banqueiros e contenta a empresarios e especuladores.

Non hai saída á crise dentro do marco podre e decrépito do capitalismo; a loita non pode actualmente ser enfocada só na dirección da recuperación de dereitos hoxe perdidos, eliminados e cercenados pola política criminal e antiobreira das forzas do capital. Nese sentido, tanto ten a cor da forza política que goberne; as reformas apuntan na mesma dirección e son aplicadas cega e fielmente por unha partidocracia que permanece ancorada na corrupción, na demagoxia e no oportunismo político e se nutre, á súa vez, dunha oligarquía económica reaccionaria e explotadora que fai do conxunto da miseria e da pobreza das clases traballadoras materia de negocio e obtención de riqueza. Non existen vías intermedias para saír da crise. O dilema non radica entre o axuste ou investimento, como plantexan os sociademócratas e os reformistas, senón entre unha saída da crise favorábel ao pobo ou ao gran capital. Ou eles, ou nós, así de sinxelo. O poder do capital monopolista aplica a lóxica do máximo beneficio e pretende dar solución á enfermidade que padece facendo retroceder séculos á clase obreira, abaratando todo o posíbel os custos de produción para así poder reiniciar o ciclo de acumulación capitalista.

Hoxe a loita e a mobilización por obxectivos de carácter económico teñen que superar o marco da mera resistencia para pasar ao ataque, a pelexa por obxectivos políticos, polo derrocamento das políticas do capital e dos gobernos que as executan, pola nacionalización dos monopolios capitalistas como a única saída á crise favorábel ao pobo.

A loita da minería evidencia unha vez máis que a clase obreira é capaz de arrastrar na súa loita ao conxunto das clases populares; os exemplos de solidariedade, o apoio popular e a masiva mobilización teñen dado boa mostra disto. Agora cómpre tomar o seu exemplo e facer que todas as loitas conflúan na convocatoria dunha grande folga xeral de 48h que teña como obxectivo máximo a dimisión do goberno de Mariano Rajoy. 
É momento de dar pasos, non podemos ficar parados. Os capitalistas esmagan ao pobo e lle arrebatan os seus dereitos, e este debe responder con contundencia, valentía e decisión. Non existe outro camiño, a por eles xa!

Colectivo Marxista-Leninista FORXA!

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.