10/08/2012

As mesmas medidas que se están a aplicar aquí provocan brutal medre do desemprego en Grecia

Segundo datos da oficial Elstat (Oficina Estatística Helena), en Grecia o desemprego acadou en maio deste ano o 23,1%. En maio do 2011, a porcentaxe de persoas desempregadas era do 16,8%. Nun ano, as medidas da oligarquía contra as clases traballadoras (redución de salarios, facilidades para o despedimento, privatizacións, recortes nos servizos públicos, etc.) provocaron a destrución de 311.00 postos de traballo.

A termos en conta que estas son as medidas que están a aplicar na Galiza e no conxunto do Estado español, e cando o Banco Central Europeo e o FMI pulan pola intensificación destas medidas de miseria, o panorama inmediato non pode ser peor.

O sistema capitalista esmorece e xa se empeza a albiscar a súa data de caducidade. Hai dúas saídas, superar este sistema subindo un chanzo no desenvolvemento histórico, ou, pola contra, ir na dirección contraria ás agullas do reloxo e retroceder á barbarie. Das clases traballadoras, da súa disposición, da súa organización e do seu accionar, vai depender irmos por un ou por outro camiño. É tan simple como optarmos entre socialismo ou barbarie.