30/08/2012

Despedida por falar das súas condicións laborais un medio de comunicación


Sermos Galiza

A empresa concesionaria da vixilancia das praias coruñesas bota unha traballadora após saír na prensa un comunicado do sindicato en que milita, a CUT, alertando das "graves deficiencias" no equipamento de que dispón o persoal para desenvolveren a súa actividade

Unha traballadora da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia --Fessga--, empresa concesionaria da vixilancia nas praias coruñesas, vén de ser despedida "por facer declaracións que transcenderon a un medio de comunicación" en que denunciaba as condicións en que desenvolvía a súa actividade e que puñan en perigo a propia saúde pública, tal e como se informaba en días pasados nunha denuncia feita pública na súa páxina web polo sindicato CUT, do que facía parte a traballadora, e que apareceu recollida nas páxinas locais dun xornal.

"O motivo do despedimento da nosa compañeira, para alén de constituír un caso evidente de represión sindical, conculca o dereito á liberdade de expresión", quéixanse desde a central, namentres a emprega argumenta na propia carta de despedimento que as queixas da traballadora ao redor das súas condicións laborais son "absolutamente falaces e carentes dun mínimo de obxectividade, causando un grave prexuízo á empresa".

Do que alertaba o comunicado da CUT era das "graves deficiencias" no equipamento do cadro de persoal, polo que iniciarán unha campaña de loita sindical até acadar o fin da restitución da traballadora despedida, e condenan a intención da empresa de "intimidar transladando a mensaxe de que calquera acción en defensa dos dereitos laborais será duramente perseguida e penalizada".