Julien Versteegh
Solidaire
15 de xaneiro de 1919. A Alemaña obreira chora aos seus dous máximos representantes. Os espartaquistas (comunistas) Rosa Luxemburgo e Karl Liebknecht acaban de ser asasinados por orde do socialdemócrata Noske.
A revolución de novembro de 1918
Novembro de 1918. A Primeira Guerra Mundial fai estragos desde hai 4 anos e Alemaña está esgotada. Millóns de homes son mobilizados, máis dun millón morreron. Na retagarda, nas cidades e nas aldeas alemás reinan as restricións, como testemuña este obreiro socialista en maio de 1918: «Nas localidades onde a poboación vive sobre todo da industria, reina a carestía. Cada dez días reciben un quilo de patacas, o que se traduce en dúas patacas ao día, e moi pouco pan. Un morre lentamente de fame. (...) Non se pode facer unha idea de semellante miseria... Onde nos levará todo isto?»
Esta guerra polo control do mundo non ten nada que ofrecer aos obreiros se non é máis miseria e mortes. A poboación, os obreiros e os soldados xa non poden máis. O exemplo da revolución rusa, que puxo fin á guerra na fronte do leste, atrae e anima a pasar á acción.
O 4 de novembro, os mariñeiros de Kiel rebélanse, organízanse nun Consello de Soldados de Obreiros, e esixen a paz inmediata. A revolta esténdese rapidamente. O 8 de novembro, o Consello de Obreiros, Soldados e Campesiños de Múnic anuncia a instauración da República Socialista de Baviera. O 9 de novembro, Berlín entra en xogo. O 10 de novembro, a antiga orde imperial cae, o emperador abdica e a República é proclamada. O 11 de novembro, o armisticio pon fin aos catro anos de conflito. É a primeira vitoria da revolución. A participación nestas alturas dos socialdemócratas no goberno do emperador non cambia nada. Ao contrario, baixo a súa autoridade a guerra continúa.
A socialdemocracia escolle a contrarrevolución
É neste contexto no que o Partido Socialdemócrata, que apoiou a guerra desde o comezo, toma os destinos do país nas súas mans. Porén, os socialdemócratas elixiron resoltamente o campo da contrarrevolución. Ebert, dirixente socialdemócrata, afirmou: «Eu non quero a revolución, ódioa como odio o pecado».
Namentres, Karl Liebknecht e Rosa Luxemburgo agrupan aos revolucionarios que militan no partido socialdemócrata, do que se separan en 1917 para formar a Liga Espartaquista, que se converterá en decembro de 1918 no Partido Comunista. Dúas concepcións enfróntanse neses momentos no seo das masas obreiras. A dos espartaquistas chama á acción: «Trátase (...) de converter esta revolta nunha loita que asegure todo o poder aos obreiros e soldados, e de conquistar a vitoria a través de folgas das masas».
Para os socialdemócratas, a proclamación da República debe chamar ao cese das accións. O socialismo é para moito máis tarde: «É por medio dunha transformación pacífica por onde queremos conducir o noso sistema estatal á democracia e a nosa economía ao socialismo».
Destas dúas concepcións nace un conflito entre as forzas gobernamentais dirixidas polo Partido Socialdemócrata e as forzas revolucionarias dirixidas polos espartaquistas.
A Semana Sanguenta
Xaneiro de 1919. A destitución do prefecto da policía de Berlín, favorábel ás forzas revolucionarias, acende a mecha: os obreiros da cidade sublévanse. A socialdemocracia opta pola represión e arma ás milicias reaccionarias ou Corpos Francos, os mesmos corpos francos que soltaron os nazis algúns anos máis tarde. Á súa cabeza, o dirixente socialdemócrata Gustav Noske, quen ordena atacar a cidade. Do 6 ao 12 de xaneiro, a represión é sangrante, e o inimigo a abater son os espartaquistas. Centos de revolucionarios son masacrados desapiadadamente. Noske escribirá nas súas memorias: «É necesario que alguén sexa o can de presa, non teño medo desa responsabilidade». O 15 de xaneiro, sobre as 21 horas, Karl Liebknecht e Rosa Luxemburgo son detidos no barrio de Wilmersdorf en Berlín. Durante o seu traslado á prisión, son asasinados friamente por orde do socialdemócrata Noske. O corpo de Rosa Luxemburgo é guindado a unha canle e non será atopado até cinco meses despois. Milleiros de obreiros asisten aos funerais de Liebknecht. A revolución alemá non morría aínda, mais acaba de recibir un terríbel golpe. Haberá que agardar ao 1923 para ver os últimos sobresaltos desta revolución que finalmente fracasa. Coa axuda dos Corpos francos, creados pola socialdemocracia, os nazis van estenderse pronto. Mais esta é outra historia.
Se está interesado no papel da socialdemocracia alemá nesta época, recomendámoslle a lectura do traballo Democracia Burguesa e Fascismo, de Harpal Brar, especialmente o punto 4, Alemaña, a traizón da socialdemocracia, que pode atopar traducido á lingua galega aquí.
Sem comentários:
Enviar um comentário
Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.