21/07/2009

16 detidos en Massó



Esta mañá mariñeiros e veciñanza de Cangas continuaban coa protesta pacífica nas obras ilegais de Massó. No momento en que facían unha sentada para impedir o paso dun camión, fixeron acto de presenza os antidisturbios da Garda Civil e con grande violencia procederon a deter e arrastrar até os seus furgóns a parte dos participantes no acto de protesta. Vivíronse momentos de tensión cando varios dos detidos, entre eles unha muller en muletas, foron tratados con moita dureza polas forzas represivas. Entre os detidos atópanse a concelleira de Persoal e compañeira de ACE, Maruchi Álvarez, así como varios mariñeiros e membros do Foro Social de Cangas. Malia as explicacións dadas polo concelleiro de Urbanismo, Mariano Abalo, sobre a ausencia de licenzas por parte da empresa construtora e o carácter pacífico da protesta, todos estes veciños e veciñas foron trasladados a casa cuartel da vila e arestora permanecen no seu interior sen que saibamos que sorte van correr. Alén de lesións leves producidas a varios e varias dos detidos e destacable que un dos manifestantes tivo que ser trasladado en ambulancia até un centro hospitalario, por mor da gravidade das súas feridas. Dende aquí, queremos mostrar a nosa solidariedade absoluta cos detidos e detidas e lembrar que a legalidade segue a ser vulnerada no noso concello mentres os responsables políticos miran para outro lado. Adiante a loita veciñal e mariñeira.
SOLIDARIEDADE COS DETID@S!

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.