CENTRAL UNITARIA DE TRABALLADORES
Vigo, 24 de xullo de 2009
VALORACION DA CUT DO CONFLITO DO METAL PONTEVEDRA
Algún dirixente sindical non admitía leccións da CUT sobre como levar o pasado-presente conflito do Metal, pero o tempo demostrou que tiñamos razón, non tedes máis que repasar as catro follas informativas deste sindicato desde o mes de maio ata tres días antes do remate da Folga. Era obvio, e non porque tivéramos unha bola de cristal.
Non hai argumento máis mentireiro para enmascarar a derrota sen paliativos da CIG-CCOO-UGT, que usar o comodín da “unidade sindical”, cando a única unidade posible e real é a dos traballadores en loita.
Na medida que avanzaban os días de Folga, e os sindicatos maioritarios metían o barco nas pedras, foron máis e máis os compañeiros que demandaron a intervención da CUT nas chamadas Asembleas, menos mal que non o fixemos, nunha actitude nobre e de responsabilidade previamente meditada. De non ser así, hoxe o culpable do desastre sería a CUT, e o coro fundamentalista tería xa a coartada fácil. E iso, que no exercicio arrogante das “maiorías”, coa CUT xamais contaron para nada. ¡Pobres imbéciles!.
Despois de tres meses de conflito e vinte sete días de Folga,, os traballadores do Metal volvemos ó traballo, nos máis dos casos esgotados e decepcionados ó sentir nas nosas carnes o sabor da derrota sindical. Se os sindicatos maioritarios e a súa traxectoria durante o conflito foron derrotados, non foron derrotados os compañeiros que aguantaron na loita ata que eses mesmos sindicatos decretaron o final da Folga.
As secuelas que este conflito pode deixar nos traballadores do metal, e no movemento obreiro en xeral, poden ser desastrosas de non sabermos reconducir a situación a través da análise axeitada. Este é o propósito da CUT a traveso deste caderniño: atender esta responsabilidade ineludible, facer chegar á masa traballadora as claves de reflexión e debate que indiquen e sinalen as responsabilidades de cada quen; antes, durante e despois da Folga. Non podemos permitir que as centrais responsables deste bochorno sindical arrastren no marasmo derrotista a aqueles traballadores que entregaron toda a súa valentía e honestidade no conflito. Faremos un estudio breve da historia do conflito, entendendo que esta análise comeza no final da Folga anterior pasando polo desenvolvemento desta e indo ata o futuro previsíbel. Desta análise sosegada, crítica e autocrítica, virá a catarse necesaria para que a clase traballadora máis avanzada e combativa tome a iniciativa da loita sindical, e a partir de aquí fortalecer o movemento obreiro desde unha perspectiva sindical de clase, e dicir; sindicalismo galego, asembleario e combativo, parámetros que as actuais maiorías sindicais néganlle non so os traballadores do Metal, senón a xeneralidade da clase traballadora.
A reflexión debe de ser ordenada, áxil e honesta, coa intención de facer que participen na mesma os mellores homes e mulleres que fixeron posible, a pesar das cúpulas sindicais, que a Folga existira durante vinte sete días. Deberemos ter unha conduta transparente, sen caer no panexírico fácil nin tampouco no sectarismo.
En definitiva; desde a CUT intentaremos abordar a responsabilidade de converter a derrota sindical de CIG-CCOO-UGT nunha vitoria para os traballadores facendo que rexeiten de cheo o modelo sindical de burocracia e despacho e recuperen o sindicalismo histórico de loita e rúa. Debemos aprender da experiencia do conflito para reforzar as posicións sindicais de clase e combativas
Vai pois, este caderniño que a bo seguro axudará ós compañeiros do Metal a reflexionar e a sacar conclusións en positivo, que fagan avanzar á clase traballadora galega máis alá do noso sector metalúrxico.
CONTEXTO XEOGRÁFICO E SECTORIAL
A experiencia indícanos que o estudio da realidade é fundamental para acertar e dar alternativas sindicais con corrección. Temos que poñer en dúbida que os sindicatos maioritarios con toda a súa arrogancia, implantación e medios, o fixeran.
O Sector Metal de Pontevedra agrupa a máis de 23.000 traballadores, espallados por toda a xeografía provincial coa excepción da cidade de Vigo, que concentra case a metade do emprego deste sector. O Metal agrupa a segmentos diversos; naval, electricidade, automoción, reparación, fontanería, etc., nas aproximadamente 3000 empresas, do máis diverso tamaño, que non contan con Convenio Colectivo propio. A súa vez estas son aglutinadas desde o punto de vista empresarial por cinco marcas patronais: ATRA, ASIME, FONCALOR, INSTALECTRA e FECA.
O mapa aproximado do emprego no sector na provincia de Pontevedra, quedaría resumido na concentración do 60% dos traballadores/as na comarca de Vigo, o 30% nos polos de: Porriño, Pontevedra, Vilagarcía e O Deza, e o 10% restante espallado pola xeografía pontevedresa.
Esta “diversidade xeográfica” da patronal do metal non debe confundirse cunha suposta desunión ou loita de intereses contrapostos. Este foi un dos moitos argumentos erróneos que asumiron os sindicatos negociadores do convenio. A patronal é un misterio relixioso, son múltiples persoas nunha soa cabeza pensante: o capital. Eles deseñan a súa estratexia e táctica conxunta antes de ir á batalla e nunca mostran dubidas nas súas propostas. Esta inxenuidade só é un mal que lle afecta aos dirixentes sindicais elevados aos altares.
A CORRELACIÓN SINDICAL NO SECTOR
A representación sindical neste sector é arredor de 1500 delegados sindicais, repartidos da seguinte maneira:
CIG................................... 46,5 %
CCOO............................... 28,6 %
UGT.................................. 23,3 %
CUT.................................. 0,5 %
VARIOS........................... 1,0 %
Como se ve, a CIG é maioritaria no Sector, dominando aínda con máis notoriedade no segmento dos estaleiros que pode acadar unha representación en torno ó 65%. En tanto a UGT e CCOO manterían unha paridade representativa co primeiro sindicato no outro gran segmento que é a automoción.
Agora ben, os números, sendo un parámetro importante, non explican as cousas nin as posicións sindicais por eles mesmos. As políticas sindicais das centrais maioritarias, se foron nefastas no naval, noutros segmentos, nomeadamente o da automoción salvo rarísimas excepcións, son as do pacto social permanente. A actitude diante dos EREs, recentes e masivos, é evidente. Con semellantes prácticas a ninguén lle pode estrañar as posicións sindicais no percorrido da Folga do Metal e dos propios colectivos nos centros de traballo, a destacar a automoción en Vigo e a fenda anti-folga de Vilagarcía.
Esta correlación de forzas, lexitimada polas eleccións sindicais, non implica unha patente de corso para os sindicatos maioritarios. A defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras debe estar marcada pola información e consulta constante da asemblea; e no caso de que esta ditamine o camiño contrario ao que marcan os lideres sindicais, estes deben obedecer. A correlación de forzas non está suxeita a unha estatística electoral senón á democracia asemblearia, con celebración de verdadeiras asembleas e non de mitins politiqueiros e panexíricos sen contido de clase.
CONXUNTURA POLÍTICA E ECONÓMICA
A realidade desta conxuntura é radicalmente distinta para a burguesía capitalista e para o proletariado. A crise do capital é un descenso na súa acumulación de beneficios, a crise para os obreiros implica precarizar máis a miseria á que o somete o capitalismo na época de bonanza. A patronal quere volver a acumular e o seu primeiro argumento será apertar máis aos obreiros. Dende que comeza este período crítico xuntaron as súas forzas para elaborar a súa estratexia de confrontación de clase (burguesía contra proletariado) e lanzaron as mensaxes necesarias a todo estamento social cómplice da súa explotación (partidos políticos, sindicatos, asociacións varias, medios de desinformación...) obtendo un éxito maior do esperado.
Os sindicatos cómplices do sistema xamais tiveron en conta a conxuntura actual, porque eles mesmos son factores dese sistema. A crise xeral do sistema capitalista é unha cousa, e a crise secular da clase traballadora é outra. Pero o certo é que precisamente pola actitude dos sindicatos domesticados e vendidos ó capital, o sistema logrou instalar en grandes capas da clase traballadora que “este non é o momento de reivindicar, temos que apertar o cinto, hai que esperar a tempos mellore,...,” en lugar de levar ata as últimas consecuencias a posición de clase para facerlle comer ó capitalismo a súa crise. Isto foi o caldo de cultivo para que os factores ideolóxico-represivos do inimigo, coa inestimable colaboración sindical, lograran illar o conflito no propio Vigo, como máis tarde analizaremos.
Os sindicatos CIG-CCOO-UGT pensaron escalar o Monte do Castro, pero no escenario real do conflito topáronse co Monte Himalaia.
O ANTEPROXECTO DE CONVENIO COLECTIVO
O anteproxecto do Convenio Colectivo, con independencia do seu contido, foi presentado á patronal tarde, mal e arrastro, pero o que é máis grave, sen a participación da masa traballadora (primeiro pecado grave de CIG-CCOO e UGT). O burocratismo destes sindicatos, a súa arrogancia xa capou daquela o camiño previsible do conflito. A entrega da masa traballadora á loita, ademais da conciencia de clase, das condicións obxectivas e subxectivas, é unha cuestión de confianza e de implicación, algo que se da de fouciños coa acción sindical dos profesionais do sindicalismo do sistema. Este anteproxecto xa anticipaba, ás escuras, a traizón final no conflito ao seguir, na súa elaboración, unha traxectoria similar á folga, é dicir, sen estratexia, sen información e sen obxectivos claros. Outro barco nas pedras.
Esta tara veu determinar ata o final do conflito a evolución do mesmo, o calendario e os ritmos da negociación marcounos sempre a patronal, nunha lóxica acertada de dilación para facer fracasar a loita dos traballadores; o trío sindical seguiu ó pe da letra o guión marcado polo inimigo. A día de hoxe ca derrota nas costas ninguén sabe de xeito nítido cal é o incremento salarial que piden os sindicatos.
A POSICIÓN PATRONAL
A Patronal si preparou a tempo unha estratexia para ganar a batalla. Eles si analizaron polo miúdo a conxuntura e trazaron unha táctica intelixente para impedir o avance do movemento obreiro metalúrxico. O conclave patronal celebrado no IFEVI foi toda unha escenificación do que estamos a dicir e como xa temos informado, non só se marcan metas no Convenio do Metal, senón que traspasan os lindes sectoriais para exemplarizar a posición patronal galega na actual conxuntura, tanto no plano da moderación salarial como nos demais ámbitos. Pero, sen lugar a dúbida, o máis notorio foi a petición da solución policial como vía intimidatoria e represiva de contención das aspiracións da vangarda da clase traballadora galega. Nunca a prepotencia dos sindicatos foi quen de analizar a importancia deste feito. O tempo transcorrido de conflito deixou nitidamente o que estamos a dicir. Mostra deso foron as informacións inxenuas dalgún dirixente e acólitos sobre a suposta división patronal na Mesa Negociadora.
A FALTA DE ESTRATEXIA E UNIDADE SINDICAL
Calquera tarefa sindical, por moi pequena que sexa, precisa dunha estratexia, e esta precisa dunha táctica ou tácticas: temos un obxectivo e debemos deseñar o camiño que nos leve á conquista do mesmo. Dicíamos o comezar a presente valoración o importante que é o estudio da realidade para poder acertar e para poder aplicar alternativas axeitadas que guíen ós traballadores. Pódese dicir en maiúsculas, sen risco de equivocarnos, que este conflito careceu de estratexia sindical. Nunca existiu Plan A, e moito menos Plan B, xamais existiron tácticas de arroupe e de socialización do conflito a nivel intersectorial nin moito menos da sociedade. Nunca existiu unha folla de ruta. Infravalorouse a capacidade e a fortaleza da Patronal e do papel do Goberno, xamais foron conscientes do escenario medíatico creado pola crise capitalista e o que é o máis importante; todos, absolutamente todos, os sindicatos maioritarios carecen de alternativa sindical para cuestionar o sistema vixente; máis ó contrario, son pezas fundamentais de reforzamento do sistema que lle da de comer. Aclarado isto, a improvisación esperpéntica foi protagonista os 27 días de Folga. Como os sindicatos do sistema ían convocar a Folga Xeral? O dito é aplicable ós tres sindicatos pero, nomeadamente á CIG e o seu cinismo de xustificar e enmascarar a derrota a costa de UGT e CCOO.
Con toda a hipocrisía do mundo ata no mesmo momento de desconvocatoria da Folga por parte da CIG, o argumento usado foi o da “unidade sindical”. Evidentemente para os que non cremos no sistema que emana da LOLS, a única unidade sindical verdadeira é aquela cimentada e blindada na Asemblea de traballadores, neste caso do Metal. Desde o mesmo inicio do conflito a “unidade sindical” de CIG-CCOO-UGT (por suposto, non da CUT) foi a escusa para presentar o anteproxecto tarde, para permitir dilatar a negociación, para suspender días de Folga,... Unha unidade sindical que en realidade foi e é unha gran farsa, cando todos sabemos que ese artificio so responde ós intereses de imaxe nuns casos, ou do papel como capataces da patronal.
O concepto da “unidade sindical” para os maioritarios é unha goma de mascar que estira e se contrae en función dos seus intereses. A mellor mostra desto é que cando a CUT da caña, inmediatamente aparece ese fantasma mentireiro: a unidade sindical.
A MESA NEGOCIADORA E A ACTUACIÓN SINDICAL DESNORTADA
Non precisamos deste conflito para saber do comportamento illado das masas das cúpulas sindicais, pero a diferenza de procesos anteriores, este caracterizouse pola actuación anárquica, improvisada e desnortada que moi pronto acabou por cansar e aburrir a amplos sectores dentro e fora do conflito. Moitas foron as veces que os traballadores estiveron atrapados na dúbida, no marasmo, nas fuxidas ó abismo duns dirixentes sindicais carentes de responsabilidade, de visión e sobre todo carentes de vontade de levar a masa traballadora á conquista dos seus dereitos.
Ó respecto do papel da representación sindical de CIG-CCOO-UGT na Mesa Negociadora dicir que foron simples monecos en mans da dinámica imposta pola patronal. A aceptación da dilación premeditada, a aceptación das chantaxes de suspensión de Folga para negociar, a aceptación de falar por separado coa Conselleira de Traballo, a rebaixa nas peticións salariais e a aceptación da chamada “proposta” dos mediadores son unhas cantas mostras da súa traxectoria. Esta deriva so ten un nome: vender ós traballadores.
O éxito das negociacións na mesa viña determinado pola forza na rúa. A patronal invadiu Vigo de mercenarios españois para deixar ben claro onde estaba a pelexa. Foron os “lideres” sindicais, na súa cegueira enfermiza, os que non quixeron mirar a realidade neutralizando coa súa actitude a superioridade da forza obreira.
O ESTADO DE EXCEPCIÓN POLICIAL
A decisión patronal de frear ós traballadores a través da policía, tivo de seguida resposta máis que satisfactoria do PSOE e do PP. Os xestores do capital tiñan claro, a pesar dos capataces sindicais, o que se podería aveciñar. Este ingrediente foi determinante no final do conflito, en negativo pero tamén na súa vertente positiva de toma de conciencia de moitos traballadores, sobre todo os máis mozos. A aplicación do estado de excepción policial fundamentalmente en Vigo, foi un feito, deixando moi claro cal é a intención do capital e dos xestores do seu sistema, marcando ademais o listón divisorio da paz dos cemiterios e da dignidade subvertidora. A mensaxe do capital foi clara: a legalidade é a forza da represión e o delito é ser traballador ou traballadora, orgulloso da clase á que pertence, que loita con dignidade.
A derrota que inflixiron aos sindicatos negociadores non a van pagar os seus líderes. A factura vanlla pasar, están a pasarlla xa, aos traballadores que loitaron a modo de despedimento, falta de pagos, persecución, multas gobernativas e seguramente algunha condena fascista. Aqueles que nos levaron a este final son os verdadeiros responsábeis do que está a suceder, porque de ter gañado a loita estas medidas serían impensábeis. Dixéronlle ao lobo que lles coidara as ovellas co argumento de que os lobos agora son vexetarianos, e o lobo agora está ouveando de felicidade e pensando na inxenuidade dos líderes. ¿Algunha vez pediron a dimisión de Delfín Fernández? Non.
O PACIFISMO SUICIDA DOS DIRIXENTES SINDICAIS
Os días 3 e 4 de xuño a masa traballadora enfróntase con valentía á agresión da policía española. Queda demostrado de maneira clara a capacidade dos traballadores folguistas para enfrontar e resolver por esa vía o conflito. As imaxines de Vigo en loita traspasa as fronteiras e convértese case nunha icona de todos aqueles que queren facer o mesmo pero non poden.
A reacción da patronal é de medo; a clase obreira en loita está a dar respostas claras e fai moito tempo non vistas, a violencia obreira lexítima e necesaria. Prodúcese un fenómeno de entusiasmo en amplos sectores de traballadores. A diferenza do aburrimento dos mitins sindicais a autodefensa ten atractivo e utilidade para a maioría dos traballadores.
Doutra banda os dirixentes sindicais (todos sen excepción) venlle as orellas ó lobo. A loita valente na rúa non é a súa loita, xa non é un escenario onde eles poidan influír e moito menos mandar, e así escoitámoslle dicir “isto escápanos das mans, non controlamos o conflito”. Promúlgase o decreto suicida de desarme e lévase ata as últimas consecuencias: fóra tirabolas, fóra barricadas,... Aínda soa na orellas de moitos: “vamos a dar unha resposta proporcional á actuación de onte” saído do megáfono de Antolín Alcántara, a resposta foi a manifestación pacífica inútil que marcaría o estilo definitivo ata o día 6 de xullo, e iría deixando no camiño centos de compañeiros que de seguida foron etiquetados de “esquirois”.
O PAPEL DOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN
Os falsimedia non son un factor calquera, non é que estean ó servizo do capitalismo, son o capitalismo en si mesmo. Pero isto non significa que teñamos que pasar deles, unha política de masas e de acción sindical intelixente ten que xogar con eles. A necesidade de informar dos medias temos que convertela en caixa de resonancia da nosa loita, a intoxicación temos que darlle a volta, etc.. Os medios, moi pronto recoñeceron o seu papel intoxicador no conflito, e os sindicatos permitíronllo, no fondo o marasmo e mareo informativo interesáballe. É elocuente a intervención na Praza do Concello dun tal Sarmiento, a hora de non desmentir á portada de “La Voz de Galicia” cando afirmaba a desvinculación de CCOO do conflito. Tamén o tempo aclarou o que se agachaba nesa suposta “desinformación” ou “manipulación”, era en realidade información.
No eido da comunicación dos media, o papel dos sindicatos non so foi nefasto senón que se chega ó esperpento de “matar ó mensaxeiro” confundido ós traballadores en folga e levándonos a non distinguir entre medios de información e traballadores deses medios. Os falsimedia xogaron un papel determinante durante a Folga, pero a dirección sindical estivo de acordo.
O NEFASTO AUTO ILLAMENTO DO CONFLITO
Cando a loita obreira non é capaz de transmitir ó conxunto da súa clase e ós seus posibles aliados na sociedade, as súas reivindicacións, necesariamente a loita máis lexítima pero autista acaba no fracaso por illada. A tradición do sindicalismo de clase bebeu de Lenin a imprescindible e ineludible tarefa consubstancial á loita de masas: propaganda, información comunicación,... A CIG, xa non citamos ó resto, non fixo o máis mínimo intento de sacar o conflito do pozo suicida nin sequera quixo levalo fora do seu sindicato do Metal. Reflexionemos un cachiño; como é posible, se de verdade este sindicato crera na magnitude política do conflito, que non esixira o compromiso supra sectorial da CIG co Metal? Evidentemente, se o conxunto dese sindicato non se implica no apoio ó metal en loita, quen o ía facer? O illamento do conflito en Vigo, polo tanto non só responde ó papel dos medias, recae tamén en quen mal deseñaron este conflito.
A FALTA DE PERSPECTIVA ESTRATÉXICA
O modelo sindical de CIG-CCOO-UGT é, polo que levamos analizado, a razón do seu suicidio. Pero tendo en conta eses mesmos factores mencionados, deixar claro que desde o mesmo momento do conclave do IFEVI, o conflito do metal de Pontevedra pasa a ser o conflito da clase traballadora galega. Polo tanto ou dimensionamos o novo escenario, ou do contrario aínda unha loita ben prantexada, que non foi o caso, levaríanos tamén a derrota. Neste contexto argumental habería que situar a alternativa de FOLGA XERAL NACIONAL, consigna lanzada pola CUT moito antes que mal rematara a Folga e que os pseudodirixentes sindicais refugaron. Evidentemente, non se pode estar mamando subvencións millonarias das Administracións e ó mesmo tempo trabarlle na man a quen lle da de comer. A CIG de Antolín Alcántara, cando esta alternativa é ben recibida por amplos sectores, fai demagoxia dicindo “que está na axenda posible”, máis tarde; que non é posible por non apoiar CCOO e UGT, o certo é que xamais creron nela, nin sequera na Folga Xeral en Vigo, a pesar de que nunca houbo tantas razóns para a convocatoria. O pasado 13 de xullo e sucesivos, saíron ás estradas de Galicia miles de tractores a defenderse do capitalismo, a pedra en loita, o téxtil, a alimentación... Son mil e un conflitos que xuntos dan argumentos para unha FOLGA XERAL NACIONAL, en moitos destes conflitos a maioría sindical é da CIG, pero o medo ao frío fai que se agochen na casa do burgués. Se a CIG tivera clara intención de convocar unha Folga Xeral sería quen facelo sen contar co apoio oficial de UGT e CCOO, e sumaría apoios de mil e un colectivos sociais, e dende logo o noso. Non son estes tempos para os covardes.
O CANSAZO DO ALONGAMENTO DA FOLGA
Dicíamos que os traballadores, en singular e como colectivo, dependendo do grado de ilusión e crenza na loita, aguantaran máis ou menos nesa loita. Neste ámbito hai que ser moi claros; tendo en conta os vectores negativos desta Folga a resposta do naval foi formidable. A esperpéntica traxectoria do conflito acabou minando a conciencia dos compañeiros, ademais de verse afectados nos seus petos de maneira brutal. Nese sentido, a patronal xogou ademais da solución policial ca estratexia da fame para lograr os seus propósitos. Os traballadores podemos sufrir, aguantar días e máis días, cunha dirección correcta e cun obxectivos claros. Isto non foi así, a prolongación nos días da Folga levounos inevitablemente ó cansazo e a deserción.
A FRAGMENTACIÓN E IMPLOSIÓN DA FOLGA
A suma de cada un dos factores antes analizados levou a Folga a súa implosión aproximadamente a partir do décimo segundo día. A Folga non rebentou, rebentárona os sindicatos coa súa práctica e a súa intencionalidade. Os sindicatos (ollo, tamén a CIG) adaptaron o seu discurso segundo de quen se tratara. Non foi, nin o primeiro nin o último día do conflito, os dirixentes adaptaron a súa supervivencia e dos seus modelos incluso, dando permiso para traballar. Vigo, que aínda con todas eivas analizadas actuou como punta de lanza, non sempre tivo a información necesaria cando non se mentiu descaradamente sobre o que ocorría noutros puntos da provincia. Sabe alguén que pasou durante a Folga nas comarcas do Salnés ou o Deza?
A DERROTA DOS SINDICATOS MAIORITARIOS
Desde a marcha a Compostela, aínda con un aguante heroico do naval, xa se respiraba a derrota que se aveciñaba. A guerra de posicións para ver quen movía ficha primeiro entre os sindicatos converteu o último tramo da loita nun cínico sainete de farsantes. Do que se trataba era de buscar a coartada perfecta.; UGT culpa a CIG de traizoar os acordos acadados de suspensión da Folga, CCOO desconvoca coa escusa da unidade sindical rota e finalmente a CIG argumenta que a Folga converteríase en ilegal ao quedar en minoría. O certo que a desconvocatoria foi o toque formal, porque o real xa estaba dado desde o inicio da Folga.
Cando falamos de derrota, falamos da derrota dos sindicatos maioritarios, cuxas consecuencias reais aínda están por medir. Os traballadores do Metal non foron derrotados, nin pola policía mercenaria nin pola patronal. Na análise do conflito debemos de obxectivar a derrota, isto é así, senón do contrario chegaríamos á conclusión de que a loita é inútil, de que non valeu a pena. Todo o contrario; as conclusións que habería que sacar deste conflito serían precisamente que os sindicatos maioritarios fracasaron estrepitosamente e moi o contrario e a pesares destes, sectores (polo menos do naval) deron un paso avante de calidade e puxeron nun grave apuro os modelos dominantes do sindicalismo.
O PAPEL DA CUT DURANTE O CONFLITO
A CUT deu todo que puido dar no conflito, que a ninguén lle quede a menor dúbida, e iso que xamais se contou con nós para nada. Os nosos militantes estiveron no día a día en todos e cada un dos recunchos da Folga onde debemos de estar.
Efectivamente algúns, casualmente moitos incluídos compañeiros afiliados á CIG ou CCOO, nos últimos días do conflito botaron de menos a intervención da CUT para que expuxéramos as nosas posicións. Non nos enganemos, xa o temos manifestado; se a CUT dixera todo que tiña que dicir durante o proceso de Folga, estamos completamente seguros que hoxe, a versión do final bochornoso da Folga en boca de fundamentalistas, palmeiros e brazos de madeira, botaría man da CUT para xustificar a súa irresponsabilidade histórica.
¿QUE NOS QUEDA POR FACER?
A derrota é amarga, pode deixar un lastre impredecible, é tarefa daqueles que consideramos que a única vía de defensa e conquista dos dereitos da clase obreira, é o sindicalismo de clase (asembleario, combativo, transparente,...) converter a derrota das cúpulas dos sindicatos responsables nunha vitoria para as posicións de clase. Acumular forzas sen caer en espellismos, planificar a próxima batalla, loitar todos os días pola unidade dos traballadores, combater alternativas que disfrazadas como actitudes reivindicativas e de resistencia levan precisamente á división do colectivo.
A reconstrución da loita no metal, e por extensión lóxica no resto dos sectores, pasa pola asemblea de traballadores. É unha necesidade imperiosa revitalizar as asembleas coma o cerne dos debates e coma medio para tomar decisións. Nas asembleas non poden vir os “lideres” sindicais a darnos a comida feita, somos nós, os traballadores e traballadoras os que decidimos o menú e cando se come. Os “lideres” non son máis que as voces do que nós decidamos. Dende agora hai que poñer fin ao asemblearismo politiqueiro, entendendo este polas falsas asembleas para xustificar posturas e decisións xa tomadas nos despachos. A verdadeira asemblea é aquela na que somos traballadores os que decidimos e mandamos. A representación sindical, lexitimamente adquirida, non é unha patente para facer e desfacer á marxe da asemblea, e se esta ditamina cambiar o rumbo nas negociacións hai que cambialo; se a asemblea pide lume, os “lideres” teñen que traer chisqueiros, non auga.
Agora estamos ante un momento histórico porque a dignidade da loita obreira non foi derrotada, a única derrota é a do sindicalismo de moqueta. Temos nas mans a posibilidade de converter esta derrota das cúpulas no triunfo do sindicalismo de clase. É a oportunidade para que os traballadores e traballadoras tomen a voz e fornezan a organización, que máis que nunca é urxente e necesaria, dun sindicalismo combativo e asembleario, que teña por única referencia os intereses da nosa clase e non intereses da burocracia política.
Despois do peche da folga, coa derrota sindical, a patronal está crecida. Xa dende a mesma folga estivo a despedir compañeiros, nomeadamente aqueles que podían resultar incómodos, e por moito que saibamos da nulidade deses despedimentos a realidade e que foron despedidos porque os patróns saben que os sindicatos negociadores están desnortados e derrotados, saben que non teñen nin lexitimidade nin forza para dar unha resposta contundente, o que non saben é que os traballadores si teñen esa forza porque non perderon a dignidade. Dende a fin da conflito produciuse unha nova onda de despedimentos que non son máis que unha maneira de chamar á represión. Aqueles traballadores que pedían lume, aqueles que tiveron unha actitude máis digna están a ser despedidos ou desprazados dos seus centros de traballo. A lista dos nomes a tachar conta coa complicidade dalgúns delatores que están nas filas dos sindicatos, e todo para sacar do medio a aqueles compañeiros que poden sacar á luz as contradicións dos seus sindicatos, aqueles que poden deixalos en evidencia. Demostran que, para eles, non hai nada máis que a fidelidade fundamentalista a unhas siglas, aínda que estas siglas traizoen ao movemento obreiro.
O último capítulo destes crápulas, despois do peche da folga, é o tema das horas extra. Primeiro puxéronse dignos falando de non facer horas, e agora deixan nas mans de cada quen a posibilidade de facer horas cando dende o principio estiveron a facerse esas horas. Había traballadores de primeira e de segunda? Como podemos predicar non ás horas mentres os teus delegados están a facelas? Como recriminar ao compañeiro que as fai despois de estar 27 días na folga para que os vendan? Que lexitimidade teñen agora para dicir que facer ou para acusar a ninguén de esquirol cando foron eles os máis esquirois?
Dende a CUT temos ben claro que este convenio perdérono os sindicatos negociadores por non ter en conta nin o campo de batalla, nin ao inimigo, nin a elaboración dunha estratexia, nin aos traballadores e traballadoras; e por non querer contar con aqueles que poderían, coma a CUT, ser os seus aliados de ter enriba da mesa unha proposta de loita combativa e de clase. Sabemos que agora o convenio é un peixe morto, e mentres a patronal aplaude coas orellas os sindicatos non saben cara onde tirar e pasan os días falando de unidade sindical (de cúpulas sindicais) en base a non se sabe que proposta. ¿Alguén lle pasa pola cabeza, resolver o Convenio 2009, pola vía do milagre? ¿Alguén lle posa pola cabeza, aceptar unha saída ó conflito que vaia máis alá do 2009?
Este convenio xa non é o tema principal, agora toca falar de como reconstruír esta desfeita, e a única voz que conta é a dos traballadores e traballadoras.
Ler máis
Valioso documento de la CUT.
ResponderEliminarÁnimo a los trabajadores gallegos organizados en ese sindicato de clase y nacionalista en su lucha contra la precariedad y la sobreexplotación. No desistamos en la lucha contra la crisis capitalista.
¡Adelante con la FOLGA XERAL!