25/05/2012

Entre dúas duras batallas, artigo do KKE


ENTRE DÚAS DURAS BATALLAS

[Artigo da Sección de Relacións Internacionais do CC do KKE]
[Tradución ao galego por Forxa!]

Grecia segue atraendo a atención dos traballadores de moitos países do mundo, á luz das novas eleccións xerais de importancia crucial que se celebrarán o 17 de xuño xa que ningún dos primeiros tres partidos conseguiu formar un goberno de coalición. De particular interese, a xulgar polos artigos en xornais, revistas e páxinas web comunistas e progresistas, é o resultado das eleccións recentes así como a liña política que trazou o Partido Comunista de Grecia (KKE), que durante os últimos días estivo na liña de fogo de varios analistas. Empecemos polo principio.

Sobre o resultado das eleccións do 6 de maio
As eleccións do 6 de maio crearon un novo escenario político xa que os tres partidos que gobernaron en conxunto, apoiando a política antipopular do capital e da Unión Europea (UE), tiveron unha caída nas eleccións. En concreto:
O PASOK socialdemócrata concentrou 833.529 votos e 13.2%, cunha caída sen precedentes de 2.179.013 votos e -30.8%.
A ND conservadora sumou 1.192.054 e 18.9%, cunha caída de 1.103.665 votos e -14.6%.
O LAOS nacionalista non conseguiu alcanzar o limiar do 3% para entrar no parlamento, recibindo 183.466 votos ou o 2.9%, cunha caída de 202.739 votos ou -1,6%.
Con todo, ao mesmo tempo, o cambio do escenario político non constitúe un derrocamento porque as forzas que se beneficiaron pola ira dos traballadores foron, sobre todo, as que apoian a política da “vía de sentido único da UE”. Así, a gran maioría dos votantes dos partidos burgueses se dispersaron principalmente en formacións políticas ideoloxicamente próximas. En concreto:
SYRIZA, que é unha coalición de forzas oportunistas que se foron do partido dunha escisión pola dereita (nas escisións do partido de 1968 e 1991), e en que se sumaron nos últimos anos forzas do PASOK socialdemócrata, logrou 1.061.265 votos ou 16.8%, un aumento de 745.600 votos ou o 12.2%.
Unha escisión de SYRIZA, Esquerda Democrática, á que se incorporaron ex deputados e dirixentes do PASOK, sumou 386.116 votos ou o 6,1%.
Un gran número de votos foi dirixido ademais a partidos reaccionarios e nacionalistas como os “Gregos Independentes”, que xurdiron da ND e concentraron 670.596 votos ou o 10.6%, e o “Amencer Dourado”, que concentrou 440.894 votos ou o 7%.
Ademais, aproximadamente o 20% dos votantes optaron por decenas de partidos que tomaron parte nas eleccións pero non lograron pasar o limiar do 3%.
O KKE tivo un pequeno incremento nas eleccións. En concreto, recibiu 536.072 votos ou o 8.5%, é dicir, tivo un aumento de 18.823 votos ou +1%. O KKE elixiu 26 deputados (entre os 300 no parlamento), cinco máis que anteriormente. Nos barrios obreiros a porcentaxe que logrou o KKE foi case o dobre da media. De feito, nun dos 56 distritos electorais (nas illas Samos-Ikaria) o KKE foi o primeiro partido en votos co 24,7%.
O Comité Central do KKE chegou a unhas conclusións iniciais sobre o resultado electoral. No seu comunicado, entre outros, “saúda ás miles de traballadoras e traballadores, desempregados, que apreciaron o espírito de loita, a coherencia e a verdade clara das súas posicións, o espírito de loita e a abnegación das e dos comunistas, que o apoiaron nas eleccións, independentemente do grado de acordo coa súa proposta política en conxunto. Gran parte dos traballadores, así como unha parte dos votantes do partido, baixo a presión da agudización dos problemas populares, consignas enganosas con respecto á renegociación do memorando[1] e o alivio inmediato dos traballadores, non puido comprender e asumir a diferenza entre o goberno e o poder real.”
Con todo, como sinala a CC do KKE: “A proposta política do KKE da loita polo poder obreiro e popular, estará no centro da atención do pobo, xa que se fai cada vez máis clara a diferenza entre o goberno e o poder popular verdadeiro, así como a proposta global relativa aos problemas inmediatos da supervivencia dos pobos e o poder obreiro popular. Desde este punto de vista, esta actividade electoral política do KKE en harmonía coa súa estratexia como cómpre, é un legado importante para os próximos anos.”
Sobre SYRIZA
Algúns medios de comunicación burgueses internacionais, que presentan SYRIZA como o “gañador” das eleccións do 6 de maio, non viron máis aló do seu titulo “Coalición da esquerda radical” e concluíron en que se trata dun partido radical de esquerda ou ata dun partido comunista. Por suposto isto non ten nada que ver coa realidade. A forza básica de SYRIZA é o partido “Coalición da Esquerda” (Synaspismos) que ten un programa socialdemócrata. En 1992 votou no parlamento grego polo Tratado de Maastricht e é un partidario da Unión Europea imperialista, que considera que se pode mellorar. De feito, presenta un programa de xestión do sistema capitalista. Uniuse á campaña anticomunista contra a URSS e os demais países do socialismo que coñecemos no século XX. Synaspismos é membro do presidium do chamado “Partido da Esquerda Europea” (PÉ), que é unha ferramenta da UE para erradicar as características comunistas dos partidos comunistas nos países da UE. En SYRIZA, xunto con Synaspismos, participan forzas que se foron do PASOK socialdemócrata, así como grupos de ultra-esquerda máis pequenos, trotskistas e antigos grupos maoístas mutados que xogan o papel das “especias” políticas no básico “menú” socialdemócrata e anticomunista. O obxectivo principal desta formación é a diminución da influencia electoral, sindical e política máis xeral do KKE. Así, na última década existen numerosos exemplos que demostran o carácter anti-KKE desta formación política. En decenas de sindicatos, confederacións sectoriais e asociacións de sindicatos a nivel rexional, as forzas de SYRIZA participan e colaboran coas forzas do PASOK co fin de impedir a elección dos delegados comunistas aos órganos sindicais superiores. SYRIZA é un inimigo xurado da Fronte Militante de Todos os Traballadores (PAME) que constitúe unha agrupación de sindicatos con orientación de clase. SYRIZA colabora abertamente nos órganos das confederacións comprometidas dos sindicatos dos traballadores no sector privado (GSEE) e público (ADEDY) coas forzas colaboracionistas coa patronal e o goberno. En moitos casos nas eleccións locais tiveron unha actitude similar. Un exemplo característico foi a súa postura nas eleccións municipais en 2010 na illa Ikaria. Nesta illa, que foi un lugar de exilio dos comunistas, o KKE ten gran influencia electoral. Nas eleccións de 2010, SYRIZA colaborou co PASOK socialdemócrata, a ND liberal e o LAOS nacionalista en fin de impedir a elección dun alcalde comunista na illa. Entón, o candidato do KKE concentrou por si só o 49,5% dos votos e a alianza anti-KKE gañou no municipio por uns centos de votos.
Hoxe en día, SYRIZA trata de atacar o KKE con propostas de conveniencia política con respecto á chamada “unidade da esquerda”, nun intento de facer que o KKE borre seccións enteiras do seu programa, que abandone os seus principios e acepte a política de xestión do sistema capitalista, como propón SYRIZA.
En base a isto, o mínimo que podemos dicir é que a actitude dalgúns partidos comunistas que saudaron inmediatamente o ascenso electoral desta formación oportunista e anticomunista no nome do aumento electoral da “esquerda”, sen coñecer a situación verdadeira en Grecia, foi irresponsábel. Saudaron a un inimigo xurado do KKE que o presidente dos industriais gregos e propuxo a súa participación nun goberno de coalición dos partidarios da UE.

A ilusión da “unidade da esquerda”e a mentira do “goberno da esquerda”
Moitos traballadores politizados, de diferentes países de Europa e de todo o mundo, suscitan a seguinte pregunta: Por que o KKE non fai algunhas concesións? Por que insiste na liña política da concentración de forzas sociais que queren loitar contra os monopolios, contra o capitalismo, contra as unións imperialistas, polo poder obreiro e popular e non apoia a política da “unidade da esquerda”, a loita para corrixir a realidade capitalista e a UE, cunha colaboración política ou gobernamental con outras forzas de “esquerda” e socialdemócratas, tal como fan outros partidos comunistas en Europa?
En primeiro lugar, o KKE desde hai tempo deixou claro que o significado “esquerda” e “dereita” non son termos que reflicten a situación política de hoxe. Hoxe en día, o termo “esquerda” poderíase utilizar para describir o Secretario Xeral da OTAN ou o primeiro ministro dun país que leva a cabo unha guerra imperialista e toma medidas antiobreiras e antipopulares contra os traballadores do seu país. O Partido Comunista non é simplemente un “partido de esquerda”, senón o partido que loita polo derrocamento do capitalismo e pola construción da nova sociedade socialista-comunista. Neste camiño, nesta dirección de loita pode dar lugar a conquistas, non ao revés. Tal como demostrou a historia, as reformas, a loita para corrixir o sistema capitalista, para mitigar as medidas antipopulares máis extremas, en que se centran as forzas oportunistas-socialdemócratas, non levaron xamais ao derrocamento do capitalismo en ningún sitio. Ao contrario, en moitas ocasións levaron ao fortalecemento do capitalismo, mediante a creación de ilusións a millóns de traballadores, co suposto de que o capitalismo pode ser humanizado. Que hoxe en día, supostamente, o Banco Central Europeo pode converterse dun instrumento capitalista a unha institución de caridade e distribuír préstamos sen interese, ou que a Unión Europea pode converterse dunha unión que serve o sistema a unha “unión dos pobos” como sosteñen SYN/SYRIZA e o Partido da Esquerda Europea.
É por iso que o KKE presenta a súa proposta política de xeito integral, e que nas eleccións do 6 de maio a especificou no lema: “Fóra da UE, co poder popular e a cancelación unilateral da débeda”.
Neste sentido, o KKE está firmemente orientado ao marxismo-leninismo. Segundo dixo Lenin: “O proletariado loita e seguirá loitando para destruír o antigo réxime. Con este fin dirixirá toda a súa propaganda e axitación, todos os seus esforzos para organizar e mobilizar ás masas. Se non logra destruír o antigo réxime totalmente, o proletariado saberá aproveitar tamén a súa destrución parcial. Pero nunca propugnará esa destrución parcial, describiraa con optimismo, chamará ao pobo a darlle apoio. Na loita auténtica só se apoia efectivamente aquel que aspira ao máximo (e que en caso de fracasar consegue menos) e non aquel que, antes de que comece a loita, cercena os obxectivos da mesma dun modo oportunista”[2].
O KKE rexeitou a idea de crear un “goberno de esquerda” que ao manter Grecia dentro da UE e da OTAN e coas relacións capitalistas de produción intactas, supostamente podería adoitar unha xestión do sistema a favor do pobo. O noso partido loita polo desenvolvemento da loita de clases, a concienciación política dos traballadores, a súa liberación da influencia dos partidos e as construcións ideolóxicas burgueses e pola formación dunha alianza que non só defenderá os intereses dos traballadores, tratará de sacar o país das intervencións imperialistas, pero ademais plantexará a cuestión do poder.
O obxectivo é a diminución da influencia do KKE e a súa asimilación no sistema.
A negación do KKE a subxugarse a formacións de “esquerda” ou ata nun goberno de “esquerda” está no “punto de mira” de inimigos e “amigos”, que directa ou indirectamente chaman ao KKE a “unirse” coas demais forzas de “esquerda”. Esta liña seguen os partidos comunistas que están no presidium do PIE. Ademais, houbo algúns ataques groseiros, por exemplo, por uns grupos trotskistas –que son máis coñecidos no estranxeiro que en Grecia- que caracterizan o KKE como un partido sectario e dogmático.
Como é posíbel que o KKE coa liña da loita de clases e do conflito que promove agrupe a centos de miles de persoas en Grecia, se o partido é sectario? Como é posíbel por exemplo que nas filas da Fronte Militante de Todos os Traballadores (PAME) se agrupen decenas de sindicatos de base, federacións sectoriais, asociacións de sindicatos a nivel rexional que representan centos de miles de traballadores?
Cómpre sinalar que a PAME, que é o polo de orientación de clase no movemento obreiro e sindical, agrupa 8 federacións sectoriais de traballadores, 13 asociacións de sindicatos rexionais, centos de sindicatos sectoriais e de base, cun total de 850.000 membros. Ademais, a PAME traballa nos sindicatos onde as forzas con orientación de clase non son a maioría. Así por exemplo, as forzas do PAME ocupan a segunda posición nunha serie de federacións sectoriais (como son a Federación no sector turístico e de restauración e a Federación dos traballadores metalúrxicos) así como nas dúas maiores Asociacións de sindicatos rexionais do país en Atenas e Tesalónica.
Como é posíbel que a Fronte Antimonopolista Grega de autónomos e pequenos comerciantes (PASEVE) agrupe nas súas filas a miles de traballadores autónomos que entenden a necesidade de entrar en conflito cos monopolios? Como é posíbel que miles de campesiños pobres, a través de asociacións de agricultores e os seus comités, se inspiren na loita da Fronte Militante de todos os Campesiños (PASY) contra a Política Agrícola Común da UE? Como é posíbel que mulleres e miles de estudantes que pertencen ás capas obreiras e populares entren na loita baixo as demandas e as iniciativas da Federación de Mulleres de Grecia (OGE) e da Fronte Militante de Estudantes (MAS)? En todas estas organizacións sindicais, sociais e políticas de masas, os membros e os dirixentes do KKE xogan un papel principal, sen ocultar a súa identidade.
Acusan ao KKE de estar “illado” ou ata de seren “dogmático” ou “sectario” debido ao seu rexeitamento dun “goberno de esquerda” ou polo feito de que a porcentaxe do KKE nas eleccións non se incrementa tan rápido como a formación socialdemócrata do SYRIZA. Estas acusacións non poden afectar o KKE. Cómpre lembrar que hai 2 anos e medio, o outro partido socialdemócrata, o PASOK, concentrara o 44% dos votos mentres que nas últimas eleccións sumou soamente o 13%. Esta caída tivo lugar en condicións de fluidez política, reforzou SYRIZA co que ten a relación ideolóxica máis estreita. Cómpre sinalar que un partido comunista revolucionario, como é o KKE, non se xulga exclusivamente pola porcentaxe que logrou nas eleccións.
En canto ao asunto da política de cooperacións, o noso partido acumulou enorme experiencia histórica. Dirixiu a loita antifascista dunha gran fronte armada que tivo gran contribución na loita do pobo. Con todo, naquel período o Partido non conseguiu elaborar unha estratexia para a transformación da loita antifascista a unha loita polo derrocamento do poder burgués. O KKE estableceu alianzas “de esquerda” nas décadas de 1950 e 1980. Da súa experiencia con respecto á política de alianzas, o KKE sacou conclusións útiles e non ten ningunha intención de repetir os mesmos erros.
Pero como se explica o ataque contra o KKE? É claro que están irritados pola acción internacional do KKE na dirección de reconstruír o movemento comunista internacional sobre a base do marxismo-leninismo e do internacionalismo proletario. Ademais, os Encontros Internacionais de Partidos Comunistas e Obreiros así como outras iniciativas comunistas internacionais empezaron en Atenas. Con todo, o máis importante é que o KKE é un partido con fortes raíces na clase obreira, cunha importante experiencia das loitas obreiras e populares, é un partido que se nega a abandonar os seus principios, négase a ir a remolque da socialdemocracia, a someterse á UE e a OTAN. Neste punto citamos un artigo publicado logo das eleccións no coñecido xornal francés Le Monde Diplomatique: “O obxectivo secreto e o desexo de todos os gregos da esquerda é: disolver o Partido Comunista para reformalo sobre unha nova base e dar á esquerda grega a súa posición correcta na sociedade”. É dicir, desacreditar o KKE e convertelo, do mesmo xeito que outros partidos comunistas mutados en Europa, nunha “coartada comunista” da socialdemocracia para a xestión da barbarie capitalista.
O noso obxectivo é arruinar os seus plans! Preservar e fortalecer o KKE! Malia a presión exercida ao noso partido hai elementos alentadores que mostran que o KKE é un “óso duro de roer”. Dez días logo das eleccións do 6 de maio, tiveron lugar en Grecia as eleccións estudantís. A lista que apoia a Mocidade Comunista de Grecia logrou un 16% nos Institutos de Educación Tecnolóxica e 14% nas Universidades, marcando un incremento respecto ao ano pasado. Ao contrario, a lista de SYRIZA logrou unha porcentaxe baixa, un 2,3% en TEI e un 6,9% nas universidades.
Restauración do sistema burgués
O KKE desde hai tempo advertiu ao pobo grego que a clase burguesa está preparando a restauración do escenario político co fin de preservar o seu poder. A razón é que non pode administrar o sistema político en base á alternancia no poder burgués dun partido político conservador (ND) e dun socialdemócrata (PASOK), tal como ocorreu desde 1974, logo da caída da ditadura militar. O sistema burgués está tratando de “desfacerse” dos partidos e das persoas que estiveron expostos irremediabelmente aos ollos do pobo. Nestas condicións, SYRIZA, que ten un programa socialdemócrata, foi beneficiado nas eleccións promovendo mentiras flagrantes antes e durante o período preelectoral, sementando ilusións de que pode haber un futuro mellor para os traballadores sen o conflito cos monopolios e as unións imperialistas. É por iso que ten enormes responsabilidades ante o pobo.
O KKE insta aos traballadores a darse conta de que esta restauración que se está realizando non ten nada que ver coa satisfacción das necesidades modernas do pobo. Incluso o chamado “goberno de esquerda” é un “salvavidas furado” que se arroxa aos traballadores que se están sufocando debido ás rúas sen saída do sistema capitalista.
O pobo non debe atraparse en falsos dilemas
De cara ás eleccións do 17 de xuño os partidos burgueses e o oportunismo están promovendo novos dilemas enganosos que se utilizarán no próximo período para atrapar ao pobo, reducir a resistencia das masas populares radicais ante a presión exercida, reducir a influencia electoral do KKE. O KKE non oculta o feito que esta batalla vai ser moi difícil para os comunistas.
Para que quede claro que tipo de falsos dilemas están promovendo, permitímonos examinar algúns deles:
1. Euro ou dracma?
Un dilema falso é a acusación da ND dirixida contra SYRIZA que a súa política está levando o país fora do euro e será catastrófica para os traballadores. Por outra banda, SYRIZA responde que a saída de Grecia do euro significaría un inmenso custo para os demais países da zona euro e por iso non ocorrerá nunca.
En realidade, tomando en conta que a crise capitalista está desenvolvéndose, non podemos excluír, segundo os escenarios que están sendo discutidos, a contracción da zona euro, a través da expulsión de Grecia e doutros países ou cunha depreciación interna do euro no noso país. Neste sentido, a chantaxe da Unión Europea e do FMI é real e a resposta non pode ser a compracencia que fomenta SYRIZA.
Con todo, cómpre sinalar que todos os demais partidos excepto o KKE, é dicir a ND, SYRIZA, o PASOK, a DIMAR están pelexando entre si sobre quen vai ser máis capaz de manter o país no euro e acúsanse un ao outro que coa súa política conduce Grecia ao dracma. O obxectivo de todos eles é impoñer á conciencia do pobo o falso dilema “euro ou dracma” para ocultar o feito que teñen a mesma estratexia xa que son partidos comprometidos coa UE. Piden ao pobo que vote e loite baixo bandeiras alleas aos seus intereses, na liña falsa “dentro ou fóra do euro”, cando todos os partidos –excepto o KKE- están a favor da UE e do euro. Os traballadores e o pobo tanto co euro como coa dracma vivirán na indixencia.
O KKE insta aos traballadores a pasar por alto este dilema. Non deben aceptar a elección da moeda en que van medir a súa pobreza, as súas reducións nos ingresos e as pensións, os impostos, os gastos médicos e para a educación. O dilema “euro ou dracma” é a outra cara da intimidación dunha creba incontrolada, a cal é xa unha realidade para a inmensa maioría do pobo. Queren que o pobo se atrape no falso dilema para que poidan chantaxear cando queren impulsar leis antipopulares, dicíndolle que elixan entre as medidas bárbaras e o regreso á dracma, que o identifican co caos e a miseria. Ao mesmo tempo en Grecia e no estranxeiro hai sectores da plutocracia que queren volver á dracma. Isto permitiríalles lograr máis ganancias para eles e para a burguesía no seu conxunto que na actualidade en condicións de asimilación do país ao euro. O pobo en creba non vai ter prosperidade nin co euro nin coa dracma, mentres que os monopolios dirixen a produción, mentres que o país permanece na UE e a burguesía no poder. A única resposta ao dilema “euro ou dracma”, desde o punto de vista do interese popular, é: a retirada da UE co poder popular e a cancelación unilateral da débeda. Non fai falta dicir que naquel caso o país terá a súa propia moeda.
2. Solución grega ou europea?
Todos están falando dunha solución europea á crise en Grecia e refírense ás negociacións cos órganos da UE para unha solución integral ao problema da débeda que tamén abarcará Grecia. Todos os partidos gregos, excepto o KKE, saudaron a elección de Hollande na presidencia francesa que, segundo din, pon un fin ao dúo antipopular “Merkozy”. Ademais, falan das consultas coa UE sobre as medidas de desenvolvemento, mediante a subvención das grandes empresas para que se poidan realizar investimentos.
A súa táctica ten como obxectivo ocultar que o responsábel polo sufrimento do pobo non está en Bruxelas senón no país. É a burguesía, os empresarios que teñen nas súas mans os medios de produción, as naves, as oficinas, os servizos no noso país. A participación de Grecia na UE, en base ás decisións dos partidos da plutocracia, serve os seus intereses. É unha provocación presentar a UE como un terreo onde se pode atopar unha saída a favor do pobo. É a UE xunto cos gobernos locais e o FMI que elaboraron os memorandos. É a UE que ten como estratexia a “UE 2020” e o Tratado de Maastricht, que é a fonte de todas as medidas contra os obreiros e os pobos que se inclúen ou non nos memorandos. Están dicindo ao pobo que ata o máis mínimo alivio das medidas ten que ver coas negociacións no seo da UE, que trata de asegurar para os monopolios unha saída da crise a expensas dos pobos. Piden á vítima que agarde para que o agresor lle dea unha solución aos seus problemas na Unión Europea, que se está mergullando cada vez máis na crise e faise máis reaccionaria, dadas as rivalidades no seu interior, así como o antagonismo cos demais centros imperialistas.
SYRIZA ten gran responsabilidade xa que busca unha renegociación da estratexia do memorando, paralizando o movemento e deixándoo á espera, supostamente ata que teñan éxito as negociacións do “goberno de esquerda” que soña xunto cos seus socios na UE. Ao mesmo tempo fálase da “cohesión social” e da “paz social” que será imposta por un “goberno de esquerda”, é dicir amordaza as loitas obreiras populares nun período en que as loitas teñen que intensificarse e radicalizarse en primeiro lugar contra a plutocracia nacional e os partidos que a serven ou a apoian a través da intimidación ou as ilusións.
O KKE revela ao pobo que é necesario contar cun movemento obreiro e popular en Grecia que loite pola ruptura e o derrocamento das decisións do capital e da UE e ao mesmo tempo promover a coordinación a nivel europeo, non con negociacións, senón a través do fortalecemento do movemento obreiro popular europeo contra a UE, en liña de ruptura.
3. Austeridade ou desenvolvemento?
Nunha Europa capitalista mergullada na crise, o que tratan de lograr os gobernos é o “desenvolvemento”, é dicir a saída do capital da UE da crise. En Grecia, os partidos a favor da UE acúsanse o un ao outro pola proporción das medidas de austeridade e desenvolvemento na súa fórmula de política. Deste xeito tratan de ocultar que a vía do desenvolvemento capitalista implica a austeridade en condicións de competencia capitalista forte e de contradicións interimperialistas agudizadas. As medidas de “consolidación fiscal” que se adoitan en países con ou sen memorandos no nome de crear un superávit no orzamento estatal para as necesidades de subvencionar o capital serven tamén o desenvolvemento. Os “cambios estruturais” en Grecia e en toda a UE, tamén no nome do desenvolvemento, concernen sobre todo a abolición da seguridade social e dos dereitos laborais para que o obreiro sexa máis barato para o capital.
As privatizacións e a liberalización dos mercados que ofrecen novos campos de rendabilidade para a plutocracia tamén teñen como obxectivo o desenvolvemento, esmagando os pequenos comerciantes e os autónomos. Polo tanto, todo se fai para o desenvolvemento, que xusto pola súa natureza capitalista soamente se serve por medidas antipopulares xa sexa como medidas de austeridade ou “cambios estruturais”, ou como os rescates das grandes empresas. No período anterior, os gobernos burgueses na zona euro estaban afrouxando ou intensificando as medidas cara unha ou outra dirección, tratando de regular os antagonismos entre eles e a profunda crise.
O KKE sinala que a saída a favor do pobo non está na xestión da crise con ferramentas expansivas ou restritivas por parte do persoal político nos órganos da UE. Está na organización da loita a nivel nacional, por unha diferente vía de desenvolvemento que, co poder popular, a retirada da UE e a socialización dos medios de produción, vai desenvolver todas as capacidades produtivas do país para o beneficio do pobo.
4. “Dereita” ou “esquerda”? “Memorando” ou “anti-memorando”?
Trátase de dilemas que van tomar outras formas, segundo os acontecementos, cunha nova forma de dous polos, da centrodereita e a centroesquerda. Estes dilemas, sobre todo coa responsabilidade de SYRIZA, puxeron á marxe e ocultaron as contradicións verdadeiras en Grecia e na UE. O dilema artificial “memorando-anti-memorando” utilízase polos burgueses e os oportunistas para esconder que o denominador común é a “vía de sentido único da UE”, é dicir o alleamento  coa estratexia do capital. Independentemente das tácticas distintas, estas forzas de “esquerda” e de “dereita”, “memorando” ou “anti-memorando” están enganando aos obreiros e os sectores populares cando lles din que pode haber solución a favor do pobo dentro da UE. A ND, o PASOK, os Gregos Independentes, SYRIZA, a DIMAR e outras forzas non teñen un programa que entra en conflito, ou polo menos que cuestione, o poder dos monopolios. Os termos que utilizan todos, é dicir “desenvolvemento”, “redistribución da riqueza”, “auditoría da débeda”, “solución europea” esconden os intereses clasistas opostos que existen tanto en Grecia como na UE. É dicir que mentres se mantén a propiedade capitalista nos medios de produción, os sectores populares non van prosperar. O memorando é a punta do iceberg da estratexia da UE que prevé medidas antipopulares en todos os países membros. Grecia, Irlanda, Portugal, Hungría, Romanía teñen contrato de préstamo, mentres que Alemaña, Francia, Italia, España e Dinamarca non teñen, nin tampouco Gran Bretaña que nin sequera pertence á zona euro. Con todo, o ataque do capital en todos estes países é común, e inclúe recortes nos salarios, relacións laborais flexíbeis, aumento da idade de xubilación, privatizacións de servizos públicos, comercialización da saúde, a educación, a cultura, os deportes, pauperización absoluta e relativa dos traballadores. Mesmo se nos desfacemos do memorando en Grecia, sen entrar en conflito co capital e o seu poder, continuaríase a adopción das medidas antipopulares aínda máis intensamente, porque isto é o que estableceron as directrices estratéxicas da UE, asinadas ou apoiadas polos partidos burgueses e o SYN/SYRIZA.
A verdadeira pregunta á que o pobo debe responder e que será revelada máis fortemente no próximo período é: Grecia e o pobo traballador independentes e desvinculados dos compromisos europeos ou Grecia asimilada na UE imperialista? O pobo será o dono da riqueza que produce ou vai ser un escravo nas fábricas e as empresas dos capitalistas? O pobo será organizado e protagonista dos acontecementos ou o movemento fóra de combate esperando ao agresor que lle resolva os problemas a través dun representante? A posición do KKE é clara. O feito de que todas as súas predicións e avaliacións se confirmaron, é unha razón máis para que o pobo confíe no KKE e loite xunto a el.
Na próxima batalla electoral o ΚΚΕ necesita que se exprese a máis ampla e coherente solidariedade internacional co noso partido. Os comunistas en Grecia necesitan sentir ao seu lado o apoio, a solidariedade proletaria e o espírito camaraderil dos partidos comunistas e obreiros e das demais forzas antiimperialistas en vista desta batalla electoral dura que temos por diante, dado que o obxectivo da burguesía é a diminución da influencia electoral do KKE. A razón é que lles preocupa a súa política revolucionaria, as súas posicións claras en relación coas organizacións imperialistas, a base sólida do KKE no movemento obreiro e popular, nas fábricas, as empresas, os barrios populares das grandes cidades. É porque non poden someter o KKE. As e os comunistas, os amigos do KKE, os membros e os amigos da KNE dan esta batalla de modo organizado e con decisión, declarando ao pobo grego e á clase obreira internacional que logo das eleccións imos estar nos centros de traballo, nas cidades e no campo xunto coas familias obreiras e populares, na primeira liña da loita en relación cos problemas do pobo, fieis ao compromiso histórico do partido revolucionario e firmes na loita polo derrocamento da barbarie capitalista, polo socialismo-comunismo.

[1] Un acordo de medidas antipopulares asinado polo Goberno coa UE, o FMI e o BCE para a recepción de novos préstamos.
[2] VI Lenin, "A loita polo poder e a "loita" por dádivas", volume 11, páxinas 27-31

[Documento tirado de http://inter.kke.gr/News/news2012/2012-05-23-arthro traducido ao  galego por FORXA!

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.