É unha decisión “absurda e totalmente contraria a dereito” da secretaria xudicial, mais A Mesa advirte de que "non é a primeira vez que se producen discriminacións tan graves contra o galego nos xulgados". Engade Carlos Callón, presidente da entidade social en defensa do galego: “Vai sendo hora de que se tomen medidas contra o continuado racismo lingüístico na administración de xustiza”.
A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia un novo e grave caso de discriminación contra o idioma galego na Administración de Xustiza. Neste caso, unha demanda presentada en Vigo ten a ameaza de ser rexeitada polo feito de estar escrita na lingua que o Estatuto de Autonomía recoñece como “propia” e tamén “oficial” de Galiza.
Carlos Callón apunta que “non é a primeira vez que acontece unha situación tan absurda e discriminatoria como esta” e reclama que “as administracións implicadas abran dunha vez os ollos e tomen medidas, porque xa está ben de racismo lingüístico, non podemos ser menos por querer usar o noso idioma”. Por iso, desde A Mesa enviaranse cartas de queixa á Xunta de Galiza, ao Goberno central, ao Consello Xeral do Poder Xudicial e ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
Callón salienta ademais que “pedir nin máis nin menos que unha tradución xurada parece feito para escarnecer a lexítima e legal opción de usar o noso idioma ante a administración de xustiza”. “Non pode ser que a administración que debe velar polos nosos dereitos, tamén os nosos dereitos lingüísticos, sexa a primeira en vulneralos”, conclúe.
Sem comentários:
Enviar um comentário
Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.