Khalid Mish'al, Xefe do Comité Político de Hamas.
Durante 18 meses o meu pobo en Gaza estivo baixo asedio, encarcerado dentro do maior cárcere do mundo, illado por terra, mar e aire, engaiolado e esfameado, negándoselle incluso os medicamentos para os nosos enfermos. Despois desta política de morte lenta chegou o bombardeo. Nesta zona de máxima densidade de poboación ninguén se librou dos avións de combate de Israel, desde os edificios gobernamentais, aos fogares, mesquitas, hospitais, escolas e mercados. Máis de 540 persoas foron asasinadas e milleiros ficaron mutiladas para sempre. Un tercio son mulleres e crianzas. Familias enteiras foron asasinadas, algunhas mentres durmían.
Este río de sangue está sendo derramado en base a mentiras e falsos pretextos. Durante seis meses nós en Hamas respectamos a tregua. Israel rachouna repetidamente desde o comezo. Israel estaba obrigado a abrir os pasos fronteirizos de Gaza e a estender a tregua a Cisxordania. Procedeu a reforzar o seu mortífero asedio de Gaza, cortando repetidamente a electricidade e o abastecemento de auga. O castigo colectivo non se detivo, senón que se acelerou –o mesmo que os asasinatos e as matanzas. Trinta cidadáns de Gaza foron asasinados por Israel e centos de pacientes morreron por mor do asedio durante a chamada tregua. Israel gozou dun período de calma. O noso pobo non.
Cando esta tregua rompida se achegaba á súa fin, expresamos a nosa disposición para unha nova tregua a cambio de que se abriran todos os pasos fronteirizos, incluído o de Rafah. Os nosos chamamentos non tiveron resposta. Porén, aínda estaríamos dispostos a encetar unha nova tregua nestas condicións após a retirada completa de Gaza das forzas invasoras.
Endexamais se lanzou ningún foguete desde Cisxordania. Porén, morreron alía 50 persoas e varios centos máis resultaron feridas o pasado ano a mans de Israel, mentres que o seu expansionismo proseguía sen descanso. Suponse que nós temos estar satisfeitos con anacos cada vez máis pequenos de territorio, un feixe de cantóns controlados por Israel, que os cercou por todos lados. A verdade é que Israel o que quere é unha tregua a unha soa banda, respectada só polo meu pobo, a cambio de asedio, fame, bombardeos, asasinatos, incursións e asentamentos coloniais. O que Israel quere é unha tregua gratuíta.
A lóxica daqueles que nos piden que abandonemos a nosa resistencia é absurda. Absolven ao agresor e ocupante –armando coas armas máis letais de destrucción e morte- de responsabilidade, mentres culpan á vítima, prisioneira e ocupada. Os nosos modestos foguetes de fabricación caseira son o noso berro de protesta ao mundo. Israel e os seus patrocinadores estadounidenses e europeos queren matarnos en silencio. Mais nós non morreremos en silencio.
O que está pasando hoxe en Gaza xa lle pasou a Yasser Arafat. Cando se negou a someterse aos dictados de Israel, foi encarcerado na súa sede de Ramallah, arrodeada por tanques durante dous anos. Cando isto non conseguiu rachar a súa vontade, foi asasinado por envelenamento.
Gaza entre no 2009 igual que o fixo no 2008: baixo o fogo israelí. Entre xaneiro e febreiro do pasado ano morreron 140 persoas de Gaza en ataques aéreos. E xusto antes de que se embarcara no seu fracasado asalto militar contra Líbano en xullo de 2006, Israel guindou milleiros de proxectís sobre Gaza, matando a 240 persoas. Desde Deir Yassin en 1948 a Gaza hoxe, a lista dos crimes de Israel é enorme. As xustificacións trocan, mais a realidade é a mesma: ocupación colonial, opresión e inxustiza sen fin. Se este é o “mundo libre”, cuxos “valores” defende Israel, como afirma a súa ministra de Exteriores, Tzipi Livni, entón non queremos ter nada a ver con iso.
Os dirixentes de Israel permanecen nas gadoupas da confusión, incapaces de estabelecer obxectivos claros para os ataques –desde o derrocamento do goberno lexitimamente elixido de Hamas e a destrucción da súa infraestrutura, a deter os foguetes. Como non conseguen rachar a resistencia de Gaza, baixaron o punto de referencia. Agora falan de debilitar a Hamas e limitar a resistencia. Mais non lograrán ningunha das dúas cousas. O pobo de Gaza está máis unido que nunca, determinado a non deixarse aterrar até a submisión. Os nosos combatentes, armados coa xustiza da causa, xa causaron moitas baixas ao exército de ocupación e loitan para defender o seu territorio e o seu pobo. Ninguén pode derrotar a nosa vontade de ser libres.
Máis unha vez, Washington e Europa optaron por axudar e ser cómplices do carcereiro, ocupante e agresor, e condenar ás súas vítimas. Agardábamos que Barack Obama rachara co desastroso legado de Bush, mais os seus comezos non son alentadores. Malia moverse rapidamente para denunciar os atentados de Mumbai, non dixo ren despois de 10 días de matanzas en Gaza. Mais o meu pobo non está só. Millóns de homes e mulleres amantes da liberdade apóiano na súa loita pola xustiza e a liberación –como o demostran as protestas diarias contra a agresión israelí, non só no mundo árabe e islámico, senón en todo o planeta.
Israel, sen dúbida, causará indicíbel destrucción, morte e sufrimento en Gaza. Mais, atopará o mesmo destino en Gaza que atopou no Líbano. Non nós rompera co asedio e o bombardeo, e xamais nos renderemos á ocupacin.
Sem comentários:
Enviar um comentário
Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.