14/05/2009

De Chos 11: Parabéns á TVE pola magnífica retransmisión da final da Copa do Rei

Kevin Outeiro

Só podo felicitar o magnífico traballo de realización que os profesionais da nosa televisión, TVE, fixeron onte na retransmisión da final da Copa do Rei. Diante das mentiras duns poucos rancorosos desagradecidos, ficou claro o que todos sabemos: aquí tododeus é español, todos amamos España e todos comemos gazpacho no patrón.

Empeza a retransmisión coa chegada dos nosos queridos monarcas ao Estadio de Mestalla. Que guapos e que cara de excelentes persoas. Merécense todo e aínda máis. Saúdan a toda unha ringleira de emotivos e queridos neonazis e socialfascistas: o Patxi López (por fin un vasco bo, dos nosos, dos de fiar), a solidaria Rita Barberá, o amigo do pobo Francisco Camps, e así unha selecta representación dos máis puros, dignos e insignes valedores desta nosa democracia.

Vale, penso eu, estivo moi emotivo todo isto, mais a ver se poñen xa imaxes do estadio, a ver se vexo ao meu tío de Irixoa que marchou a Valencia hai 20 anos. Pero... que sorte! O reporteiro máis espelido da casa de todos, deixando ben claro que o seu é o xornalismo de acción, saltándose todos os controis de seguridade e todo o protocolo, consigue achegarse ao Juanca e fainos gozar a nós, súbditos nunca suficientemente agradecidos do seu glorioso papel na historia desta nosa Patria Española, das intelixentes respostas do monarca ante o insidioso terceiro grao ao que é sometido polo noso heroico xornalista. Foi un momento de gran tensión dialéctica, nada comparábel a esa falta de decencia e xeometría que amosou o desaparecido Idígoras, aquel pailaroco que fora parolar co Noso Rei e que ficara co rabo entre as pernas ante a xigantesca dignidade ética do Juanca. Realmente, o xornalista da TVE lembroume á profesionalidade e rigor doutro monstro da comunicación, Sistiaga, ese mundialmente respectado estudoso da realidade do norte de Corea.

Estivo ben, mais agora ten que vir o mellor. Por fin, o Noso Himno... Pero, que carallo pasa aquí? Conectan agora con non sei que. Vexo un pequeno grupo de seguidores do Bilbo que semellan fans de Pignoise. Algo é algo. Pero, e o noso himno? Coño, e agora conectan con non sei que praza onde a moita distancia se poden ver seareiros do Barça. Non podo crer o que vexo. Acaban de fulminar o Noso Himno. Por que? É que merecemos este castigo?

En fin, comeza o partido. A ver, unha boa panorámica das bancadas, queremos ver a toda esa masa patriótica que viaxou desde lonxe para esta grande ocasión. Que emoción. A campaña dos rompespaña é un estrepitoso fracaso. As constantes imaxes de todos os recunchos do estadio demostran con claridade que os españois, sexan vascos ou cataláns, non queren saber nada de ikurriñas ou esteladas, eses inventos que levan no seu cerne os valores da intolerancia e o desprezo á casa común, a casa de todos.

Descanso. Aproveito para poñerme o tricornio que mercara en Casa Pepe, cando atravesaba Despeñaperros para acudir a un acto de desagravio a española illa de Pirixel. Ou se vive a final da Copa do Rei ou non se vive, e non quero que se confundan comigo e veñan ilegalizarme. Que vergoña sería para min, subscritor de El Alcázar no se rinde e do Ya, socio da Confraría de Dolores, e activista de Galicia Bilingüe.

Conectan outra vez. E rapidamente o meu desasosego de hai tres parágrafos desaparece ao coñecer que foron razóns técnicas, e só técnicas, as que impediron a España, toda Hispanoamérica e tamén Filipinas, gozar co noso Himno. Pero por fin, superados os fallos técnicos, comezan os acordes do Himno. De verdade, que alivio sentín. Seguramente algún mal pensado, algún rojillo depravado, algún separatista desagradecido e seguramente impotente, difamará á nosa Televisión de Todos, facendo propagar o insidioso rumor de que non se atreveron a poñelo en directo polo que podería pasar, e fixeron un escuro traballo de laboratorio. MENTIRA, MENTIRA E MENTIRA. Como todos nós puidemos ver, eran milleiros, incluso miles, os que, man no corazón, entoaban esa emotiva letra que tan ben reflicte todos os valores da nosa nobre pel de touro. Esa composición sublime que todos queríamos, debíamos e necesitábamos escoitar. Incluso os realizadores, coido, renunciaron a cebarse nos santos valores da nosa democracia española, non querendo insistir en enfocar ás millóns de rojigualdas que asolagaban as bancadas de Mestalla. Si, outra demostración de superioridade ética. Que aprendan eses que todos coñecemos. ISTO É SÓ DEPORTE E NÓS NON FACEMOS POLÍTICA.

O resultado foi o de menos. Aínda que me agrada que volvera gañar España.

Ler máis

Sem comentários:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.