Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Na defensa da Terra: Xove, As Encrobas, Baldaio...
22/07/2006

Lembrar a história, coñecé-la por vez primeira para muita xente, novos e non tan novos. Non precisamos de afastar a ollada da Galiza para ver e aprender de valerosas luitas, combates que enfrentaron a este povo cos colonizadores de sempre. Ficou xente no camiño, como Moncho Valcarce, ese cura que tiña a bandeira da Pátria e o retrato do Che pendurados na sacristia. Tempos nos que o traballo era desde e para as clases populares. Tempos nos que non se aceitaba a chantaxe dos meios; dicia-se o que se pensaba, facia-se o que se dicia. A dinámica puramente eleitoralista non estaba no guión. A burguesia intermediária era... iso, burguesia intermediária ligada a oligarquia española, e non valerosos empresários emprendedores. Tempos nos que dicer revoluzón nacional-popular, colonialismo, democrácia-burguesa, Estado Imperialista Español, etc., non era máis que definir a nosa realidade. Agora seica esas mesmas verbas son tachadas de ideoloxismo... Din que mudaron os tempos, din. Non sabemos para quen, o que si sabemos é que para as clases traballadoras galegas non mudou a explotazón, tamén sabemos que a nosa língua non só non avanzou senón que o xenocídio lingüístico galloupa sen trégua, cun sistema educativo que funciona como instrumento de españolizazón. Pois que se saiba que ainda hai xente que falamos de revoluzón nacional-popular, de colonialismo, de marxismo-leninismo, dunha Galiza ceive e socialista que non fica en mera consigna pontual, senón que conforma o noso obxectivo estratéxico. Tampouco nos confundades co aventureirismo goxista aillado da realidade nen con ese elitismo narcisista tan voluntarista como ineficaz. Nós non esquecemos os dous referentes: Castelao e Lenin.

Primeiro ser, despois triunfar.

VIVA GALIZA CEIVE E SOCIALISTA!


As Encrobas, un símbolo da loita labrega
Xácome Santos Gaioso
[1]

Cando me pediron facer unhas reflexións sobre As Encrobas para lembrar aqueles acontecimentos e o seu significado, viñéronme á memória moitas escenas, sentimentos e persoas: represión, solidariedade, morte,compañeirismo, loita, unidade, conciéncia, cousas moitas delas que hoxe en dia teñen un significado caduco e trasnoitado, e persoas honradas e comprometidas co ideal da xustiza social que contribuiron coa sua loita a seguir crendo na posibilidade de construir unha sociedade máis xusta, solidária e humana: Muñiz, Pachangas, Gumer, Leopoldo, Emilio (morto cando colocaba unha pancarta de solidariedade na Universidade Laboral), viciños das Encrobas, militantes anónimos para a opinión pública das Comisiós Labregas (CC.LL.) e dos Comités de Axuda á Loita Labrega (CALL) do –daquela- BN-PG, profisionais, xornalistas e un recordo emocionado a un home que soubo facer da sua vida un compromiso permanente coa sua Terra e os seus homes: Moncho Valcarce o “cura das Encrobas”.

Pero como a memória histórica é moi feble e semella que unha brétema ainda está a cobrir uns acontecimentos que fixeron história e, que nos fan afirmar que a recente história de Galiza ten un antes e un despois das Encrobas, situémonos nas suas orixes e fagamos partícipes ás novas xeracións de cómo se produciu o conflito, xerador dunha revolta no campo que non tiña precedentes e símbolo das maiores reivindacións posteriores, Xove, Baldaio, Fruime, Portodemouros, a loita pola Cuota Empresarial,... Era o ano 74 cando Fenosa mercou por 900 millóns a concesión da mina de lignitos encravada na parróquia das Encrobas no Concello de Cerceda.

Situémonos na época e non esquezamos que vivia o Ditador.

Vivia el e polo tanto as grandes empresas tiñan bula para facer canta falcatruada lles viñese en gana, sempre e cando non prexudicasen a outras da mesma ralea. E fica claro que os 300 viciños que conformaban a parróquia das Encrobas non representaban problema nengun para a todopoderosa empresa eléctrica Fenosa.

Fenosa constituiu a sociedade “Lignitos de Meirama S.A.” (Limeisa), encarregada de explotar a mina. no 74 o Consello de Ministros de Franco aprobaba un decreto de utilidade pública e declaraba de “interes preferente” o enclave da mina, autorizando á empresa a expropriación forzosa pola via de urxéncia. En decembro do 75 asínase o acta entre o Estado e Limeisa polo que este se compromete a explotar a mina que alimentaria unha central térmica.

O investimento, tanto na mina como na central, seria de 18.537 millóns de pesetas, conseguindo a empresa un crédito oficial do 40% do total do investimento, asi como outros procedentes de bancos estranxeiros.

Estamos pois asistindo ao intento de destruir unhas 850 hectáreas nunha das zonas agrícolas máis ricas do país a cámbio da criación de 4.000 postos que traballo que, finalmente, quedaron reducidos a 400.

Empezaron as negociacións –se podemos chamarlle asi ao intento de Fenosa- que imediatamente rexeitaron os viciños por considerar ridícula a oferta. A contraoferta plasmámola nun slogan que co tempo chegou a ser o berro de guerra en toda Galiza: “cartos non, translado da povoación”.

MISAS: ASEMBLEAS DE MONCHO VALCARCE
Neste proceso producíronse as Asembleas, reunións e mitins nas que a participación dos viciños era case unánime. As misas presididas por Moncho Valcarce convertéronse en auténticas asembleas populares a pesar do intenso acoso dos servizos deinformación da Guardia Civil. As reunións a altas hora da noite na funerária ou na discoteca servian para estudar a estratéxia de actuacións.

Como nos mellores anos do franquismo as reunións clandestinas sucedíanse se non queríamos que a Guardia Civil coñecese as nosas decisións. Tempos duros por unha parte, pero tamén gratificantes porque estabas asistindo a unha conciéncia colectiva e a unhas mostras de solidariedade descoñecidas até ese momento.

Deste xeito en agosto do 76 dase un salto cualitativo: 400 labregos concéntranse nunha manifestación autorizada na Coruña. A marcha até o Governo Civil convértese nunha das mostras de solidariedade máis importantes daquela época. A xente uníase e cando chegamos ao Governo Civil eramos unhas 8.000 persoas. A carga policial foi brutal e o traballo de sensibilización materializábase pouco tempo despois, expresado na presión popular, que lle custou a demisión ao Governador Civil.

O INTENTO DE OCUPACIÓN

Fenosa séguese negando a negociar e o 15 de febreiro do ano 77 prodúcese a ocupación das terras para levar a efeito a expropiación. Pero este país que ás veces semella durmido, tiña, através dos viciños das Encrobas, a resposta axeitada para convencelos do contrário.

Diante de centos de Guardias Civis cos seus mosquetóns, opuxéronse uns cen labregos con Moncho Valcarce á frente.

A batalla durou catro horas e a pesar dos paus e detencións a Guardia Civil só conseguiu entrar nas terras cando non quedou un só labrego sen introducir nos autobuses da propia Guardia Civil.

A resposta popular non tivo precedentes, non houbo recuncho do país e organizacións de toda índole que non mostraran a sua protesta por meio de comunicados, manifestacións, paros,...

Diante de semellante resposta e, presionada polo próprio Estado Central, Fenosa, sentouse a negociar. Moi poucos crian na imaxe que uns dias despois todas as televisións e xornais do Estado reproduciron: a todopoderosa Fenosa vese na obriga de tratar de ti a ti a uns labregos.

Esta é a história recente duns feitos que representaron o despertar do campo, símbolo da loita agrária que non tiña precedentes desde Basílio Alvarez e exemplo de resisténcia, unidade e solidariedade.

Esta é a história dun movimentos nacionalista comprometido co seu país e defensor dos seus intereses.

Esta é a história que non debemos esquecer, ainda que non veña nos libros de texto, porque senón estaremos condenados a viver sen futuro.
Igual que no seu dia berrábamos “esta terra é nosa e non de Fenosa”, hoxe ainda máis forte –demostrando que esa parte da história serviu para algo- berremos máis unha vez: Esta terra é nosa!

Permitídeme que estas liñas sirvan de homenaxe para Moncho Valcarce, un home egréxio da nosa história, que non ten sítio nos círculos oficiais, pero si nese povo que defendeu até a sua morte.


Non a Xove nuclear!
Ramón Muñiz de las Cuevas
[2]

A base de retazos ensamblados convenientemente por mans expertas, efectivamente pódese recuperar a históra política dun tempo e dun país e isto é importante. inviítaseme a aportar ao puzzle a peza do proceso de loita ocurrido coa central nuclear de Xove pola miña implicación naquel asunto e atópome que despois de 20 anos resúltame ben complicado lembrar feitos, datas, persoas, anédotas... que se confunden na espesa néboa dos prolegómenos da senilidade que a un o vai cobrindo.

De todos xeitos, con indisimulado esforzo xuvenil e axuda dalguns amigos que participaron dalgunha maneira naquel evento aceito o reto e poño en marcha a moviola que me translada ao ano 1973, cando a prensa publica que unha central nuclear ia ser instalada no lugar de Regodola no concello de Xove. Fenosa, Electra do Viesgo e Hidroeléctrica do Cantábrico serian as empresas explotadoras dun enxeño que actuaria con uránio enriquecido, catro grupos xeradores dunha poténcia de novecentes megawatios cada un e con reactores de auga lixeira.

A nova, reflectida pola prensa con caracteres terceiromundistas exaltaba a indústria como a solución de todos os males económicos dunha zona rural empobrecida, como era entón o Norte de Lugo, á que os paisanos deberian estar enormemente agradecidos por ter elexido os seus idos para a sua instalación.

Pero o regocixo da ignoráncia trocouse en desconcerto prudente cando a Agrupación Cultural “Valle Inclás” de Lugo invitou, entre outros, ao catedrático de Estrutura Económica da Universidade de Compostela Xosé Manuel Beiras Torrado a unha conferéncia na que este profesor criticou a central como un fiasco económica para a zona.
Aquel acto foi o aldabonazo que converteu as, até entón, lenes ondas das praias de Viveiro, Xove e Cervo nunha treboada xa imparábel. A intranquilidade espallouse como un regueiro polo entorno e as ánsias de saber máis sobre o tema embargou aos viciños.

No ano 1974 a Unión do Povo Galego e o Partido Comunista eran as organizacións clandestinas antifranquistas máis importantes que actuaban en Galiza e se no momemento obreiro primaba o PC, no ámbito labrego a releváncia era da UPG que, por meio dos seus militantes nos CALL e nas CC.LL., levaba un inxente labor por aquelas datas no agro. Foi pois este sindicato o protagonista da loita contra a central nuclear de Xove por tratarse dun lugar rural, pero sempre baixo a dirección do partido nacionalista xa daquela suficientemente estruturado e activo.

Pola miña banda e por ser o responsábel agrário na dirección da UPG, fun o encarregado de dinamizar a contestación á central nuclear. Para iso contabamos xa con grupos de achegados tanto en Viveiro e Ribadeo no ámbito do ensino e de extensión agrária, precisamente foi unha compañeira deste servizo, Pencha Santasmarinas, o enlace directo cos labregos de Xove quen, mediante reunions disfarzadas de temas agrários, conseguiu aglutinar alguns viciños e viciñas que cumpririan un papel de liderazgo entre os demais.

Propuxérase como obxectivo estratéxico lograr unha moratória de 10 anos para a instalación da central Tacticamente tratábase de sensibilizar a povoación da zona en contra da central e contrarrestando as informacións oficiais sobre a mesma que propagaban as suas exceléncias en forma de postos de traballo, criación de enerxia, auséncia de calquer perigo, industrialización, desenvolvimento en fin.

ATRAVÉS DO ASOCIACIONISMO CULTURAL
A UPG en auséncia das liberdades mínimas de reunión e asociación, fomentara a criación de entidades que baixo a desculpa de culturais, aceitadas estas pola legalidade vixente de entón, servisen para romper a obrigada clandestinidade sempre restrictiva e aglutinar xente, propagar ideas e propostas de cara a unha maior concienciación nacional-popular.

A Agrupación Cultural “Sementeira” de Viveiro foi unha delas e tivo como primeira presidenta a unha incorformista empresária chamada Salomé, que polo seu status disimulaba moi ben o transfondo político da asociación ao cal, por outra parte, ela persoalmente era allea.
Na liña sensibilizadora que dicemos, “Sementeira” organizou outra táboa redonda na que participou outravolta o profesor Beiras xunto co enxeñeiro industrial Mário Iglésias. Lembro que naquel caso fun eu quen invitou a Beiras e lembro tamén o esforzo que fixo para asistir a tal acto posto que lle coincidia cunha reunión socialista en Franza á que deberia acudir. Eu púxenme transcendente e díxenlle que Galiza o necesitaba máis naquel intre, reflexionou e demorou a viaxe. O seu esforzo non foi en van posto que deixou convencida á concorréncia de que a central ia ser un desastre económico para a zona e trastocou as suas inquedanzas en desconfianza absoluta cara ela.

A empresa Fenosa intentou contrarrestar o noso labor informativo organizando unha conferéncia no cinema Orfeo de Viveiro para expor as suas teorias sobre as bondades da central nuclear. Non desaproveitamos a ocasión para organizar a constestación desde o público, onde unha série de xente preparada, entre ela o economista López-Suevos, puñan nun aperto aos oradores coas suas perguntas e contrarréplicas. Ao final o que lograron foi que á saída se organizase unha manifestación espontánea contra a instalación da central por grande parte dos asistentes.

Sen embargo, habia un tema pouco tocado e que criamos era fundamental para o rexeitamento da central polos habitantes da zona, cal era demostrar o perigo de contaminación nuclear e as suas fatais consecuéncias. Até agora as conferéncias xiraran, sobretodo, en torno aos efeitos económicos, mesmo se recolleran dados por Xove para demostrar o prexuizo para o campo e o mar que a central significaba, pero non se falara apenas da contaminación.
Por iso, no mes de novembro de 1974 organizouse xa dun xeito moi coidado unha nova táboa redonda na mesma Agrupación “Sementeira” coa participación do catedrático de Química Analítica da Faculdade de Ciéncias da Universidade de Santiago Francisco Bermejo e do enxeñeiro de Telecomunicacións da Comisión de Centrais Nucleares de Aeorma Pedro Costa Morata, quen aportarian como expertos a sua visión da central nuclear desde a perspectiva da contaminación e perigo nuclear, sen esquecer por suposto a parte económica, que correu a cargo do daquela profesor adxunto da cátedra de Estrutura Económica da Universidade de Santiago Ramón López-Suevos.

Perto de 2.000 persoas, na sua maioria labregos e mariñeiros dos lugares afectados abarrotaron a sala de festas “Verxeles”, quen despois de escoitar aos oradores abandonárona reconvertendo a desconfianza en aberta oposición á central nuclear.

A partir de entón comeza xa unha loita decidida contra a instalación da central que vai aumentando nos anos 1975-76 através dunha variedade de meios.

DA INFORMACIÓN Á RESISTÉNCIA
Coa colaboración de Margarida Ledo Andión, artellamos un libro, A contaminación na Galicia, coas disertacións que eu gravara da táboa redonda última de Viveiro, ao que se lle engadiu un apéndice xurídico do avogado Nemésio Barxa e toda unha série de dados relacionados co tema. Asemade, concertei en nome das CC.LL. co Pepe Barro un deseño de poster e pegatina propagandísticos, que reproducimos nestas páxinas, e que serviu tamén como portada do libro reseñado e publicado por Edicións do Rueiro, editorial ligada ao nacionalismo.

Neste biénio, a loita contra a central nuclear vai dar un salto cualitativo ao pasar dun rexeitamento máis de carácter informativo a unha resisténcia activa por parte dos viciños de Xove, opóndose a que os operários de Fenosa metesen uns cabos subterráneos polas suas fincas, o que lles custou multas e paus por parte da garda civil. As mulleres de Vilachá, ao berro de “non as queremos” manifestáronse, rodeadas e presionadas pola “benemérita” institución, durante catro dias, impedindo que Fenosa mercase terras na zona. Despois desta acción Pencha foi chamada ao cuartel da garda civil de Viveiro, onde se lle comunicou a intención de rexistrarlle a casa, que precisamente ese dia tiña chea de materiais da UPG e organizacións afins. A retención por sorte non rematou en detención, coas graves consecuéncias que iso tiña, grazas á intervención de António Fraguas, daquela un dos xefes provinciais de Lugo de Extensión Agrária (...) Acudindo ao cuartel para ver que lle ocorrera a unha das suas subordinadas, ao falar con Pencha decatouse de que algo ia mal, rápido de reflexos conseguiu comunicarse por teléfono, en presenza dos gardas, con Pilar Delgado, achegada tamén á UPG e compañeira de piso daquela, quen deseguida entendeu a críptica mensaxe e rauda correu a desfacerse do paquete de propaganda, de xeito que cando chegaron os da brigadilla a casa estaba limpa.

Cada vez a situación encirrábase máis, ao que contribuiu a decisión da Dirección Xeral de Enerxia de conceder autorización previa a Fenosa para a instalación da central nuclear en agosto de 1976. De nada valeu o recurso de alzada interposto polos viciños de Xove solicitando a supresión de dita autorización, porque foi rexeitado polo Ministério de Indústria nove meses máis tarde. A finais de 1976 o balance foran numerosas reunión informativas, asembleas, conferéncias, demandas de entrevistas co governador civil, colectas de solidariedade, lanzamento de octavillas, instáncias, protesta dos viciños e tamén represión sobre os mesmos, mentres as autoridades da zona mantiñan unha atitude ambígua cando non manipuladora, á que se uniu o párroco de Vilachá solicitando sinaturas baixo a desculpa de obter unha “información convincente e cristiá”. De todos xeitos, moitas máis sinaturas conseguiron os viciños e que enviaron aos alcaldes solicitando os 10 anos de moratória para a instalación da central nuclear, obrigando aos reticentes mandatários a sair da sua aparente inibición e como no caso de viveiro tomar, polo menos, a decisión de informarse “mellor e obxectivamente”.

Curioso foi o caso do alcalde de Xove. Antes de selo era un mestre totalmente contrário á central nuclear, disfarzado de ecoloxista da época manifestaba unha radical oposición ás nucleares e mesmo foi o que nos puxo en contacto con Pedro Costa Morata e Aeorma. Criamos que era un fiel aliado até que un dia o Governador Civil de Lugo propúxolle ser alcalde, a partir daquela fíxose un fervente admirador da enerxia nuclear. Antón Fernández Oca, outro membro da Extensión Agrária de Ribadeo e que, daquela, pertencia aos CALL, lembra como fomos un dia a darlle as instáncias para a moratória dos labregos, estivemos esperando por el longo tempo nun bar para logo aparecer e dicernos que non queria saber nada do tema. Alí comprendimos a sua viraxe.

A PRIMEIRA MARCHA ANTINUCLEAR
A princípios de 1977 consideourse que a situación estaba xa o suficientemente clarificada como para dar o salto definitivo através da mobilización masiva xente, non só da zona senón de toda Galiza. Convócase, entón, unha manifestación co obxecto de demostrar ás autoridades que a oposición á central estaba totalmente asumida pola imensa maioria da povoación galega, pero o permiso solicitado non é concedido frustrándose tal proposta.

Non obstante esta era a única saída, conseguir mobilizar a milleiros de persoas. Polo que, analisada a situación nas CC.LL., propuxemos, como alternativa á manifestación, unha marcha a pé desde Viveiro até o lugar da central, para a que, pensabamos nun princípio, non tiña por que solicitarse permiso posto que andar en fila sen molestar, non encaixaba no que se pudese entender como concentración de persoas, pero que para os nosos obxectivos valia o mesmo.

A convocatória púxose para o domingo 10 de abril dese ano de 1977, pero tamén foi proibida a marcha polo governador civil de Lugo. Esta vez non aceitamos tal decisión. Por unha banda porque facelo significaba deixarnos sen alternativa, posto que o labor sensibilizador en base a medidas de propaganda escrita ou falada ou a accións pontuais dos labregos da zona estaba esgotado e xa só tiñan sentido as mobilizacións xerais. Por outra banda, porque estabamos nun tempo de evolución política que nos facia valorar que unha atitude represiva sen mediar provocación pola nosa parte significaria maior publicidade do feito e meirande descrédito para o poder, favorecendo en definitava os nosos propósitos. E por que non dicelo, tamén o noso pedigree radical xogaba o seu papel en non aceitar a proibición.

A cuestión foi que nunha nota rexeitamos esta negativa do mandatário lugués, mantivemos a convocatória da marcha e advertimos que os problemas que se pudesen derivar dela eran da única responsabilidade do governador civil. Asemade e en previsión de que o dia “D” as estradas estivesen tomadas pola garda civil e non deixasen pasar aos autobuses ou veículos, corremos a voz para que todo o que pudese se transladase a Viveiro o dia anterior.

Deste xeito, no serán do dia 9 de abril as ruas desta vila da mariña luguesa víronse surprendidas por un desacostumado ambiente de xente que nos cruzabamos lanzándonos sorrisos cómplices. En tendas de campaña, pensións ou en casa de amigos, centos de persoas pasamos xa aquela noite á expectativa do que ocorreria ao dia seguinte. O certo é que moitos xa estabamos no lugar do início da marcha e que xa non podian evitar que esta, polo menos, comezase.

O domingo amaneceu frio, chuviñento e coa nova da legalización do Partido Comunista Español. Eran as dez da mañá cando se empezou a formar a ringleira. Sabiamos xa que non habia problema nengun para chegar a Viveiro e pouco a pouco íase sumando xente á serpe. A consigna era clara e tallante, camiñar en fila polo arcén sen interromper o tránsito nen provocar incidente nengun que motivase a actuación da policia e guarda civil. Un estricto servizo de orde encarregábase de que todo fose como se planexara, de maneira que se se actuaba represivamente contra a marcha quedase claro quen eran os culpábeis ante a cantidade de meios de información alí destacados. (...)

Despois de tres horas de marcha, unhas 8.000 persoas entrabamos no adro da igrexa de Xove e alí Barbeito das Encrobas manifestou a solidariedade daquela parróquia de Cerceda acosada tamén por Fenosa para a explotación dunha mina de lignitos, un labrego de Xove, António López Pernas, expresou as inquedanzas diante do perigo que supuña a instalación da central nuclear así como o agredecimento polo apoio recebido e a decisión de seguir resistindo para impedir que este proxecto prosperase. Emílio López Pérez (Milucho) como líder das CC.LL. reafirmou o compromiso do sindicato na defensa dos labregos de Xove, pechando as alocucións Moncho Valcarce que arengou aos presentes cunha mensaxe anticolonial.

Ao rematar empezou a discórdia. A marcha formalmente fora convocada polas CC.LL. pero era evidente que esta organización formaba parte xunto coa UPG e a AN-PG do denominado movimento nacional-popular, que en definitiva era quen levaba o peso da organización da mesma e aportaba a maioria da xente. Non obstante outras formacións políticas sumáranse ao acto, entre elas o PCG. Foi o seu, entón, proletarian symbol, Rafael Pillado, quen megáfono en man intentou dirixirse aos presentes, pero a cousa non lle gostou ao amigo Pavón, destacado membro da UPG, quen lle arramplou o micro dando lugar a un forcexeo e a berros de “Non Xove Nuclear”, “Galiza ceive poder popular”, “UPG, UPG” que afogaban calquer intento de falar a calquera que non fose polo conducto regulamentário. (...)

LOITA A PROL DA RUPTURA DEMOCRÁTICA
Deste xeito tanto Xove, como As Encrobas, Baldaio ou a cuota empresarial, loitas coincidentes no tempo, ademais do valor que poideran ter en si mesmas de oposición a feitos inxustos e o efeito concreto da defensa dunhas povoacións asoballadas, tiñan, para o movimento nacional-popular, unha tradución política de cara a unha ruptura democrática e conseguinte exercício de autodeterminación expresado, entón, na alternativa das “Bases Constitucionais”.

Neste contexto, entendiamos, por unha banda, que o protagonismo do nacionalismo nesta marcha viña avalado por tres anos de loita en exclusividade contra a central nuclear de xove, resultado diso era que a imensa maioria dos alí presentes pertencian ás nosas bases como o demostraban as pegatinas e bandeiras que portaban, as consignas que berraban e toda a organización da marcha, mesmo os labregos de Xove era cos nacionalistas cos que se relacionaban. Considerábase, pois, unha oportunismo descarado os intentos dos mais grupos, que apenas se preocuparan do tema durante todos estes anos, de participar en igualdade de condicións. E as cousas non estaba para xenerosidades. Por outra banda, estes grupos, en xeral, eran de obediéncia centralista, o que os situaba como adversários políticos acentuando, polo tanto, ainda máis os motivos para non deixarlles intervir no acto.

Algunha razón debia de haber neste planteamento cando os alcumados como españolistas agrupáronse, rematado o mitin e baixo a crítica de sectários e anti-unitários lanzadas sobre o nacionalismo popular, en torno ao Francisco Pillado, que aproveitaba a ocasión da legalización do PC para facer apoloxia do seu partido, apresentado ao seu Comité Rexional e propagar as suas propostas de futuro á vez que confundia, nun lapsus moi significativo, aquela loita contra a central nuclear coa das celulosas.

Na realidade, alí non habia inocentes e todos xogabamos as nosas cartas nun período de iportante covulsión política na que os partidos saiamos á luz buscando posicións nunha próxima contenda eleitoral que decidiria, sen dúbida, o que significabamos cada quen.

DIVISIÓN NO NACIONALISMO
A direita da fotografia o autor deste artigo
Nembargantes, o máis desagradábel foi a división fraticida que se producira no seo da AN-PG, dando lugar a unha nova formación política, a APG, que logo seguiria unha liña diverxente reconverténdose organicamento no POG, Esquerda Galega, etc. Este grupo, xunto con membros do PSG, participantes na marcha, tiveron unha posición crítica ante o bloque nacionalista organizador da mesma, ainda que mantiveron a sua independéncia tamén frente aos partidos centralistas. De todos xeitos, esta escisión, posteriormente produciu problemas na continuidade da loita de Xove, por canto que parte dos seus membros eran desa zona, o que non só mermou a actividade contra a central senón que a fixo máis incómoda para os que coñecéndonos e estando tantos anos no mesmo campo agora tratábamonos con receo. A sorte foi que isto ocorreu cando xa as intencións de instalar a central decairan.

Por parte das forzas nacionalistas dirixímonos ao lugar onde se ia instalar a Central Nuclear, para logo, nunha agra falar aos presentes. Lembro que flanquado por outros dirixentes da UPG como Elvira Souto e Xan Carballo e en representación dese partido, como responsábel do campo, animei á continuidade da loita pésie aos sacrifícios que tivésemos que facer. Regresamos a Viveiro calados de chuvia e lama pero convencidos de que a acción daquel dia fora un paso esencial na oposición á central, ainda que logo a prensa, en xeral sempre morbosa, preocupouse máis en resaltar os incidentes que en valorar o efeito da marcha no futuro da nuclearización da zona.

A loita contra a central continuou activa até princípios de 1978. Auspiciado polo xa recoñecido como BN-PG (Bloque Nacional-Popular Galego) integrado pola UPG e a AN-PG, criouse un Comité Antinuclear coa intención, sobretodo, de argumentar, desde unha ampla perspectiva profisional, sobre a irracionalidade económica da central e o perigo de contaminación nuclear que comporta. O manifesto co que se deu a coñecer o Comité indicaba como a central nuclear era unha indústria de enclave, consecuéncia da nosa situación colonial que perpetuaba a nosa dependéncia, á vez que xeraria uns riscos contaminantes co perigo de fugas e no armacenamento dos resíduos radioactivos. Continuaron as mobilizacións de xeito que en xaneiro de 1978 manifestáronse uns centos de persoas na praia de Esteiro en Xove, asi como se solicitou da Asemblea de Parlamentários de Galiza un pronunciamento en contra da central nuclear, cousa que nunca fixo. En 1979 unha nova mobilización, desta volta definitiva, repetiu a marcha de 1977, que resultou xa derradeira. (...)

Recoñecer, pois, o labor histórico do nacionalismo-popular, que naquela época dirixia a UPG, en defensa dos intereses galegos, pésie aos erros e intemperáncias que pudese haber, penso que é de xustiza.


Salvemos as marismas de Baldaio!
Xan Fraga
[3]

Carballo, a capital de Bergantiños, do Bergantiños pondaliano, non coñeceu na sua história un acontecimento tan masivo como o da manifestación do oito de maio de 1977, a favor da recuperación da marisma de Baldaio para os viciños, para o domínio público, pois estaba en mans privadas. (...)



ANTECEDENTES DO CONFLITO
Nun pleno extraordinário do Concello de Carballo, de 8 de agosto de 1947, o alcalde franquista Gregorio Chillón de la Fuente –quen ostentará o record de permanéncia no cargo (1940-1967), 27 anos tan longos como inúteis- propón ao pleno a aprobación dun informe referente á construción e concesión administrativa dunha Factoria Piscícola e parque de cria e engorde de moluscos nas marismas de Baldaio, que solicitan Manuel Gesto Barbeito (perito agrimensor) e Xosé Canedo Palleiro (médico). A pesar das alegación en contra dos viciños e outras entidades, nese mesmo ano, á privatización, que segundo o alcalde “carecen de fundamento”, o concello aporba o informe favorábel á concesión, cun só voto en contra, do concelleiro Fidel Ferreiro sen explicar por que.

Pouco máis tarde o Ministério de Indústria e Comércio, por unha orde do 16 de novembro de 1948 concreta a concesión administrativa permanente e en precário aos dous personaxes antes citados. Concesión dunha superfície de 2.097.528 m2 , a todas luces desorbitada, vinte veces superior á máxima que con carácter excepcional poderia concederse de acordo á lexislación vixente. De todas maneiras estes concesionários pouco máis fixeron que construir a ponte grande e as comportas nas Saíñas, asi como a ponte pequena no Grallés, ainda que tamén se anega a Fonte de Santa Irene, que era lugar de abrevaxe e pastoreo do gado dos viciños. Non se cumpriron nunca os prazos estabelecidos na concesión. Alguns viciños incluso me teñen comentado que esa construción provocoulles graves problemas económicos, por iso no 1954 traspasan a concesión á empresa Baldayos S.L. (...) Esta empresa tampouco cumprirá os prazos, nen se dedicará aos fins que determina a concesión, a pesar do cal obtén facilmente sucesivas prórrogas. Claro está que o auténtico negócio dos concesionários, sen apenas investimentos, sen apenas custos, case todo benefício, está na extracción e venda masiva de area, que nos anos setenta será de máis de 100 camións diários, a pesar das reiteradas denúncias dos viciños. Somente a corrupción política e administrativa do momento, xunto coa conivéncia das forzas de seguridade, explican tanta desídia e vista gorda. Non somente se extrai e vende area dunha maneira ilega, sen dedicarse para nada ao marisqueo como dicia a concesión, senón que cometen atrocidades ecolóxicas contra a marisma de tal calibre como por exemplo construir unha pista, no ano 1972, no meio da lagoa para extraer e transportar máis doadamente, sen rodeos, camións e camións de area. A empresa, que está facendo unha auténtica fortuna contrata gardas de seguridade que mesmo impeden aos viciños baixaren á ria a mariscar como o viñan facendo tradicionalmente, ou bañarse, etc. Asi por exemplo, no ano 1975, o xove Marcelino Rodríguez o da canteira, foi collido por estes vixiantes e obrigárono a levar ao lombo un saco de berberechos e coas roupas molladas, máis de 10 km desde a ria até o cuartel da Guardia Civil en Caión; poucos dias despois agravóuselle a enfermidade que tiña e morreu.

Nisto debemos facer un breve inciso para contextualizar uns feitos que serian ou poderian ser tamén determinantes. Os viciños de Baldaio viñan denunciando aos concesionários, sobretodo pola extracción de area, reiteradamente ante o concello de Carballo. No ano 1973, despois de moitas tentativas frustadas por fortes intereses especulativos, contrátase polo concello de Carballo a elaboración do Plano Xeral de Ordenación Urbana, á empresa EUSAYA, que ainda que contiña alguns defectos de fundo, cando menos ordenaba paralisar toda construción mentres non se aprobase o plano e consideraba, entre outras cousas, a necesidade de salvaguardar o património natural de razo-Baldaio. Foron moitísimas as presións e finalmente este Plano foi rexeitado, e Carballo seguiu sen Plano moitos anos máis.

Volvendo a Baldaio, un pequeno resquício legal sen embargo ábrese para os viciños, cando se aproba unha lei pola cal a concesión deberia perder o carácter permanente, cando non xa toda, pois pasaran máis anos do legalmente permitido sen dedicarse os concesionários ao fin que marcaba dita concesión. Pero curiosamente o que pasou foi que se “legalizou” noa no 1975 a concesión en base a esa nova lexislación, e a Dirección Xeral de Portos e Costas autorizou á sociedade concesionária un acondicionamento da obra de acordo ao proxecto apresentado. Outra ilegalidade máis cometida pola empresa foi que comezou ditas obras sen o debido replanteo, que era unha condición estabelecida polo Ministério de Obras Públicas no seu preceptivo informe. Os viciños comezaron, xa organizados moitos nas Comisións Labregas (CC.LL.) desde 1974-75, a realizar diversos actos de paralisación dos traballos da empresa, destruindo materiais e maquinária, dando lugar a moitas denúncias e intervencións da Guardia civil asi como da xurisdición penal. Denúncian tamén ao xerente da empresa Adolfo Ferreiro pola venda da area, no 1976, e efectivamente será condenado pola Audiéncia Provincial no 1980 por ese delito. (...) Claro que as influéncias da empresa eran tan importantes que sen licéncias municipais, con informes oficiais en contra, con senténcias condenatórias, etc., a conseción seguia nas suas mans.

PREPARATIVOS DA MANIFESTACIÓN
O movimento nacionalista tiña presenza na zona de Baldaio, desde polo menos 1974. Membros do grupo cultural “Nós” de Carballo, precedente da Agrupación cultural “Lumieira” (1976), estudantes de bacharelato a maioria, tiñamos contacto por razóns de estudo con outros estudantes viciños de Lema, Rebordelos, etc. Através deles, e xunto cos Comités de Axuda a Loita Labreta (CALL) onde estaba entre outros Paco Felípez que era da zona e tiña contacto directo con moitos labregos, comezáronse a organizar as CC.LL., tamén coa axuda importante de Aurora Platas, santiaguesa pero profesora daquela nun coléxio privado, Académia Leus, de Carballo. Os membros de “Nós”, afiliados da UPG e da recén criada AN-PG, comezamos a organizar reunións e Asembleas dos viciños das parróquias de Rebordelos, Noicela, Vilela e sobretodo Lema, onde habia afiliados das CC.LL. de moito prestíxio combatividade como Oliva Pose e Franciso Castro (Farruco), Manuel Esmorís (O Vago), Xosé Aldao, Albino Borrazás, Xosé Nieto, etc., asi como o próprio Carlos O Xestal, que tivo unha atitude moi positiva en todo o proceso, para planificar a estratéxia da loita tanto legal como de mobilizacións para conseguir o obxectivo de recuperación da marisma para os viciños. Ao mesmo tempo levábase tamén, en paralelo, a campaña contra a Cuota Empresarial da Seguridade Social Agrária (1976-77) e o boicoteo ás “Hermandades de Labradores”, asi como solidarizarse con outros conflitos que habia polo país adiante. Hai que ter en conta o contexto político da Reforma do réxime franquista, co referendum de 1976, a convocatória das primeiras eleicións xerias (15 de xuño de 1977), moitos partidos de esquerda e nacionalistas sen legalizar, asi como sindicatos, partidários da ruptura democrática, outros da reforma, forte represión ainda das liberdades fundamentais, e moita incentidume, sobretodo moita incertidume. Téñase presente por exemplo que un acto tan “inocente” como unha mesa redonda sobre o problema de Baldaio foi proibido á Agrupación Cultural “Lumieira” polo gobernador civil o 29 de abril de 1977. É neste contexto cando se decide convocar unha grande manifestación nacional en Carballo, para o dia oito de maio de 1977, domingo de feira. Mais antes de celebrarse esta ten lugar a marcha de 12 km desde Viveiro a Xove, contra o proxecto da Central Nuclear, que se celebra o dia 10 de abril de 1977, e á que asisten en solidariedade uns oitenta viciños de Baldaio.

8 DE MAIO DE 1977
Convocados por diversas organizacións do movimento nacional-popular, CC.LL., AN-PG, UPG, CCMM-SGTM, ING, etc, asi como outros colectivos como anarquistas, MC, etc., concéntranse na capital de Berganitños máis de catro mil persoas, chegadas de todos os pontos cardinais do país, para celebrar unha manifestación que non fora autorizada.

A manifestación saiu do campo da feira, no bairro da ponte da Milagrosa, encabezada por unha gran pancarta levada polos viciños de Baldaio, que dicia “Non ao roubo das praias. Caciques fora. CC.LL. de Lema”. Seguian centos de pancartas e bandeiras das diversas organizacións convocantes. Todo transcorreu con normalidade, nunha perfeita orde, percorrendo as ruas carballesas desde a Milagrosa, Rua do Sol, Martín Herrera, Praza Galiza, Camiño Novo, Vázquez de Parga e Valle Inclán para rematar na rua de colón, diante do Concello. Ali dirixiu unhas palabras aos concentrados en primeiro lugar o
O Xestal, un dos protagonistas da loitamembro das CC.LL. e viciño de Lema, Xosé Esmorís que dá as grazas aos congregados en nome de Baldaio pola sua solidariedade e remata con que a loita continua até recuperar a marisma; a continuación fala Moncho Valcarce, cura das Encrobas, en nome da AN-PG afirmando que “esta é unha manifestación pacífica contra un roubo manifesto e contra o caciquismo”, e remantando que “Os galegos faremos unha Galiza ceibe e Popular”. Finalmente tomou o uso do megáfono Xan Fraga en nome da UPG, dicendo que “Baldaio era un exemplo máis da colonización de Galiza”. De repente, a aparece un “jeep” da Guardia Civil, logo outro... e comenzan a cargar indiscriminadamente, con metralletas, mosquetóns... mentres os manifestantes estaban cantando o hino galego. Comeza a desbandada pola feira adiante, ante a brutal carga da Guardia Civil que provoca multitude de feridos, e mesmo un aborto dunha muller que pacificamente estaba no lugar. Como gostaba dicer O Xestal, “oito de Mario, feira en Carballo, e hostiazos de carallo”.

Pola parte dos manifestantes (uns mil) fanlle unha homenaxe, no adro da igrexa de Lema, a Marcelino Rodríguez, que morrera en febreiro de 1976, nas condicións que xa comentamos. Interveñen vários viciños de Lema, asi como o crego e avogado Leopoldo L. Rego.

Os concentrados, dirixidos por Oliva Pose, deciden tomar simbolicamente a marisma de Baldaio. Mais os efectivos numerosos da Guardia Civil xa estaban tomando posicións. A pesar disto decídese baixar ao areal; desde todos os lugares de Lema: Cambre, Castrillón, Centéas, Chamusqueira, Agramaior, Regueira de Arriba e Abaixo, O Seixo, etc., etc., baixa xente para tomar o que é seu.

Son as cinco e média da tarde, e xúntanse uns 1.000 manifestantes, que ao baixaren o xuncal, son recebidos pola Guardia civil con disparos de balas de goma, botes de fume, etc., comezando unha auténtica batalla campal, como moi ben reflectiu o desaparecido Carlos Varela na sua excelente película, a pesar dos escasos meios de que dispuña, e logo pasada a vídeo nos anos 90 polos Arquivos da UPG. A brutalidade da represión foi tan terrorífica como inútil. Moitos, máis de cincuenta, tiveron que ser atendidos en centros sanitários de Carballo e A Coruña con feridas de moi diversa consideración. Unha das principais líderes da loita de Baldaio, Oliva Pose e o seu home Franciso Castro estiveron internados na residéncia da Coruña, e cando Paco Felípez, Moncho Valcárcel e Xosé Esmorís ian interesarse polo seu estado físico, foron detidos e conducidos ao cuartel da GuardiaCivil, onde foron selvaxemente torturados e finalmente conducidos á prisión provincial, até que ante a presión popular e a falta de acusacións foron liberados.

A BATALLA CONTINUA
Os efeitos positivos da manifestación foron importantísimos, pois calaron forte tanto nos próprios afectados polo
Oliva Pose foi golpeada cun mosquetón cando defendia a praiaroubo da marisma, como na solidariedade da comarca de Bergantiños e Galiza inteira.

Na composición social dos afectados destcaban os labregos e labregas, pero outros moitos eran obreiros da contrución, do metal, da indústria conserveira, etc., que traballaban en Arteixo, A Coruña, ou Carballo; o “proletariado simbiótio” en Baldaio era común. E alguns tiñan experiéncia de loita e resisténcia neses sectores. E iso foise notando pouco a pouco na evolución do conflito.

Continúase coas denúncias contra a empresa concesionária e tamén coas mobilizacións. Asi, durante os dias 23, 24 e 25 de setembro de 1977, os viciños de Lema, realizan un peche na igrexa parroquial de Carballo, xunto con membros da UPG e da AN-PG, recebendo unha ampla solidariedade do povo de Carballo. Solicitan a abertura das comportas que a empresa cerraba cando lle daba a gana, provocando a descomposición das augas e orixinando un foco infeccioso; e máis unha vez a fin da concesión. Carlos O Xestal e Moncho Valcarce diríxense a uns 300 concentrados perante a igrexa. A frase do Xestal: “A praia para quen a traballa e non para quen a escaralla” fíxose lema dos viciños de Lema.

A loita a partir de agora vai ser sobretodo no campo legal, aproveitando a consolidación da transición, sen esquecer as mobilizacións.

(...) En vista do siléncio político e administrativo, elabórase un documento coñecido como Manifesto de Baldaio o 10 de outubro de 1984, onde se fai un resumo da história do conflito, no que se poñen de manifesto as inumerábeis ilegalidades cometidas pola empresa concesionária asi como os seus métodos parafascistas, e remátase máis unha vez solicitando a fin da concesión. (...) A ampla difusión do mesmo, xunto coa reclamación de caducidade que perante a Consellaria de Pesca e a Dirección Xeral de Marisqueo e Cultivos Mariños da Xunta de Galiza fixera a Cooperativa de Baldaio o 23 de Marzo de 1984 provocou un certo nervosismo na empresa, a cal intentou subornar a alguns viciños e fomentou a división dentro deles, mais con resultados, en xeral, negativos. De todas maneiras a empresa puxera en xogo toda a bateria de influéncias políticas e algo máis que políticas:

- Alguns membros das forzas da orde estaban (e cobraban) ao servizo da empresa.
- Na Comandáncia da Mariña bloquena unha petición formal e por escrito dos viciños de Baldaio, porque un funcionário da mesma está ligado á empresa, e incluso ameaza os viciños.
- Avogados do Estado defendendo á empresa.
- Membros do Consello de Administración da Empresa altisimamente relacionados co poder político.
- Técnicos de Organismo públicos que son á sua vez técnicos da empresa.
- Periódicos da Coruña que vetaban as notícias dos viciños de Baldaio que prexudicasen á empresa concesionária, pois, como recoñeceu algun director, recebera presións dun membro do Consello de Administración.
- Panfletos anónimos contra os viciños ameazándoos fisicamente, ademais de facerlles ver que os seus fillos estudantes perderian as bolsas, que irian ao servizo militar... en suma criaron unha vaga de terror tan real como que por exemplo a Varelo “o ferrador” déronlle unha malleira cun ferro na cabeza que o deixaron paralítico, ou á muller dun membro da xunta directiva da cooperativa acoitelárona, ou Pepe de Blandina, que xa librara da mili, e a empresa denunciouno e tivo que facela sen nengun motivo legal, etc.

Os viciños de Baldaio non se amedrentan ante tales coaccións e ameazas e seguen coas denúncias e mobilizacións.

EPÍLOGO
Dendo o alto do Castro, onde está a Ermida de Santa Irene, en Castrillón (Lema) tense unha vista impresionante de toda a marisma de Baldaio, asi como de Malpica e as Illas Sisargas. Desde ali Oliva Pose, símbolo da unión de todos os viciños por unha causa xusta, deu grazas aos deuses e, ollando para a marisma, dixo: “a natureza non pode ser privada. Custou moito, mais valeu a pena”.

Hoxe os viciños poden desfroitar desa propriedade colectiva; alguns dos combatentes nesta loita xa desapareceron, alguns forman parte da nova Asociación de Mariscadores “Fonte de Santa Irene” refundada no ano 1994, outros son os fillos, outros non participan pois xa son maiores, ou o seu obxectivo só era “que a natureza non fose privada”. Todos defenden hoxe unha explotación racional da Ria de Lema-Baldaio, compatíbel coa defensa do ecosistema, sen agresións contaminantes, sen agresións urbanícolas horríbeis como está sucedendo ante a pasividade cómplice do concello de Carballo do Partido Popular. Todo o ecosistema de Razo-Baldaio merece un Plano Especial de protección polo que os viciños tanto loitaron, para facer viábel e sostíbel a xusta explotación económica (berberechos, ameixa fina e babosa, longueiróns, ostras, etc.) coa conservación e desfroite do meio natural.



[1] Publicado en Cadernos A Nosa Terra de pensamento e debate. Nº 23, xullo, 1997
[2] Publicado en Cadernos A Nosa Terra de pensamento e debate. Nº 23, xullo, 1997
[3]
Publicado en Cadernos A Nosa Terra de pensamento e debate. Nº 23, xullo, 1997

Etiquetas:

Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com