Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Indonésia 1965. Vencidos mais nunca derrotados
14/07/2006

Vencidos... mais nunca derrotados. Con modesta intenzón pedagóxica optamos por este subtítulo para esta nova entrado de ESTOUTRAS. Poderiamos ter elexido outros do estilo de “A masacre de 1965” ou “A aniquilazón de comunistas no Jakarta de 1965”. Mais de acreditaren na luita de clases, e abofé que nós o facemos, devemos analisar os acontecimentos que deron lugar ao asasinato de miles de comunistas e patriotas indonésios do ponto de vista dunha das muitas batallas que se deron e se darán nesta guerra. Unha guerra que, consciente ou inconscientemente, se libra desque apareceu o excedente económico neste planeta. O combate, sen trégua, entre os explotadores e os explotados.
Na Indonésia de 1965 as forzas imperialistas venceron e seguen a vencer. Seria de ilusos tentar buscar unha reparazón “moral” esixindo aos órgaos internacionais un castigo para os principais instigadores desta mantanza. Estes órgaos están controlados polos inimigos das clases traballadoras e dos povos oprimidos. Os miles de mortos indonésios non precisan xustiza burguesa, do estilo dun funeral presidido polo cabeza visível da ONU ou algo semellante. Os mortos precisan ser vingados e que continuemos o seu labor. Precisan que agrandemos as filas dos que luitan contra este sistema. Devemos reforzar a luita en todas as frentes até acadar a total eliminazón do modelo de produzón capitalista. Temos exemplos que amosan que é posível a vitória e deve animar-nos o feito de ser a resisténcia cada vez máis forte en muitos povos do mundo. Vencidos... mais nunca derrotados. Tarde ou cedo a tortilla dará volta.

Unha das frentes de luita é a cultural ou, por que non?, da propaganda política. Neste rego sementamos o presente artigo.



Adicado a todas e todos os represaliados indonésios


A Masacre Ignorada

A finais de 1972 e comezos de 1973, nos muros dos bairros ricos de Santiago de Chile podia-se ler a sinistra mensaxe “achega-se Jakarta”. Os fascistas chilenos deixaban claro os seus obxectivos unha vez trunfara o golpe fascista. “Que chega Jakarta”... El e que pasou en Jakarta? Pois que o fascista e golpista presidente de Indonésia, Suharto, coa fundamental colaborazón dos EE.UU. (sempre os mesmos, en todas partes), levou a cabo unha das maiores masacres que teñen acontecido no pasado século. As cifras moven-se entre as 700.000 vítimas que manifesta Amnistia Internacional, até a de 2.000.000 dos máis pesimistas (ou realistas?). Desde outubro de 1965 até abril do ano seguinte, en tan só sete meses, miles de comunistas e nacionalistas, anti-imperialistas todos, familiares, profesores, agricultores, pobres ou simples suspeitosos, foron aniquilados polas tropas governamentais e polos grupos islamistas (si, os mesmos que hoxe son a suposta grande preocupazón dos rexímenes burgueses ocidentais, mais daquela, como en Afganistán, eran bons cans do imperialismo).

Lembraba un vello agricultor indonésio en 1990: “Durante máis de meio ano non se pudo comer peixe dos rios porque atopabas dedos humanos no seu interior”.

Como foi posível que en tan pouco tempo, o meirande partido comunista do mundo, fora dos países socialistas, con 3 millóns e meio de militantes, e perto de 17 millóns de simpatizantes militando en diferentes organizazóns sectoriais (sindicais, estudantis, mulleres,...) fora eliminado da cena política de Indonésia? Como puderon asasinar, encarcerar ou deportar a centos de miles de comunistas e patriotas? Por que sabemos tan pouco deste tema? Por que non contan os seus gardians da liberdade que a dia de hoxe hai miles de exiliados e centos de prisioneiros comunistas que se levan pudrindo tras os muros dos cárceres desde 1965? Muitos interrogantes e poucas respostas, ...será por que estamos en guerra?


Estudando o Contexto, Lembrando un pouco de Históri´.
A HERDANZA COLONIAL


Tres séculos de domínio holandés, cun breve paréntese de controlo inglés, deixaran a Indonésia nunha situazón de pobreza absoluta:

350 anos de colonialismo converteran a Indonésia nun dos países máis pobres de Ásia, mália contar con enormes riquezas naturais.
En 1957 habia un doutor por cada 60.000 persoas (na Índia a porcentaxe era de 1 a 6.000).
En 1940 só 240 estudantes indonésios se graduaron nas escolas secundárias, e 37 na universidade.
Tamén en 1940, dos 3000 funcionários de maior categoria da administrazón, tan só 221 eran indonésios.
En 1945 o analfabetismo chegaba ao 93%. Habia 100 médicos, 100 enxeñeiros e 10 expertos agrícolas.
Estes son os dados após 350 anos de colonialismo. A imprensa burguesa, co seu cinismo habitual, falaba dos excesos do presidente Sukarno, que levaban ao país ao desastre económico pola sua teima en construir infraestruturas deportivas, edifícios para conferéncias e organizando congresos afro-asiáticos...

OS XAPONESES COLLEN O RELEVO DOS HOLANDESES

Coa II Guerra Mundial e os cámbios que no mundo produceu, o dominador cambiou.
O domínio holandés deu paso ao domínio nipón, tras a capitulazón dos primeiros en 1942. Coa derrota das forzas do Eixo na II Guerra Mundial, Xapón marcha do arquipélago, e Holanda pretende recuperar a colónia, mais non contaba con nengunha forza militar no sudeste asiático. Tentou chegar a un acordo cos xaponeses para que estes non cederan o controlo de nengunha administrazón até a chegada dos ingleses. Os ingleses non duvidaron en utilizar as tropas xaponesas para luitar contra as forzas patriotas indonésas, o que procovou unha vaga de protestas por toda Ásia, chegando incluso a negaren-se os estivadores australianos a carregar buques ingleses. Indonésia ficou, na prática, nas mans dos nacionalistas. O 17 de agosto de 1945 Sukarno proclama a República de Indonésia.

Mália isto, os holandeses non renunciaron, e tentaron-no por penúltima vez. A noite do 27 de maio de 1947, 110.000 soldados holandeses apoiados polas forzas inglesas, que como dixemos utilizaban tropas xaponesas, atacaron ás forzas armadas indonesas. Os bombardeiros, os canóns e os tanques imperialistas non puderon coa forza dun povo que levaba máis de tres séculos baixo dominazón estranxeira. Os ocupantes foron vencidos. O máis curioso, sobretodo vendo como evolucionaron os acontecimentos, foi que a povoazón indonesa depositara as suas esperanzas de liberdade nunha intervenzón norteamericana, aos que eles vian como “libertadores”. Incluso, a xeito de benvida dunhas tropas que nunca apareceron, chegaron a decorar os edifícios de Jakarta con grandes cartaces onde se podian ler citas da Declarazón de Independéncia dos EE.UU e do presidente Lincoln. O interese real dos EE.UU. era un debilitamento tanto dos holandeses como das forzas nacionalistas.
A derradeira tentativa de restaurar o domínio colonial por parte de Holanda sucedeu o 19 de decembro, cando unidades paracaidistas tomaron a capital de Indonésia, tomando prisioneiros aos líderes da República, incluido Sukarno. Porén, o movimento independentista, onde o PKI xogou desde o comezo un papel crucial, organizou desde o rural a resisténcia e, seguindo unha táctica de guerra de guerrillas, os holandeses foron novamente derrotados.


Golpe Vs Golpe. O Movimento 30 de Setembro Frente ao Golpe do Consello dos Xenerais: A Escusa para a Masacre, o Siléncio e a Complicidade


No coñecido como Movimento 30 de Setembro, un grupo de xenerais nacionalistas e fortemente anti-imperialistas axustizou a seis xenerais direitistas pro-ianquis (os xenerais Yani, Suparman, Harjono, Suprapto, Sutojo e Pandjaitan), os cais formaban parte do Consello dos Xenerais, do que falaremos un pouco máis adiante. Buscaban parar o golpe de estado que se estaba xestando, e que co seu trunfo levou ao tirano xeneral Suharto á presidéncia de Indonésia. O Movimento foi liderado polo Coronel Untung, co apóio do Mariscal Omar Dhani, Comandante da forza aérea. O Movimento foi esmagado tan só nun dia. Este golpe dun dia de durazón foi a escusa para asasinar a centos de miles de comunistas.

A dia de hoxe só no academicismo burgues de ocidente e nos meios máis raivosamente anti-comunistas perdura a visión deste “golpe” como algo organizado e levado a cabo polo Partido Comunista de Indonésia.
Cando falamos de golpe de Estado entendemos este como aczón para derrubar ao governo. En setembro de 1965 Sukarno governaba cos comunistas, sendo vários ministros militantes do PKI. Após o “golpe” todos os componentes do governo foron xulgado e tres, entre eles o Ministro de Asuntos Exteriores, o comunista Subandrio, foron executados. Como é posível que un governo tente derrubar-se a si mesmo? Non ten nengunha lóxica, mais isto non lles importa muito aos mercenários da pluma. Tamén falan dunha intentona dos comunistas por se faceren co controlo total do aparello do Estado... Un partido con máis de tres millóns de militantes e cunha base de simpatizantes que chegaba aos 20 millóns, vai prescindir de toda esa forza, de todo o apóio co que contaba, para se decantar por unha aczón pontoal? No momento do golpe non existiu nengunha mobilizazón, nengunha demostrazón de forza, nengunha manifestazón, nada.
O Movimento do 30 de Setembro, como así se coñeceu e coñece, non foi un golpe de estado, senón unha tentativa para paralisar aos mandos militares fascistas, na que é posível que participaran a título individual algúns militantes comunistas, mais é sabido que o PKI descoñecia o que ia acontecer o 30 de setembro. Converter isto nun golpe comunista só pode ser devido a dous motivos: a ignoráncia ou a tentativa de minimizar os asasinatos en masa.

Efectivamente houbo un golpe militar, mais non se trata do tan mentado Movimento 30 de Setembro. O golpe verdadeiro, planificado con antelazón polos servizos de espionaxe do governo dos EE.UU., é levado a cabo polos xenerais fascistas e cipaios, coa axuda de altos mandos ianquis. A imprensa ocidental sabia-o con antelazón. Os cabezas visíveis deste verdadeiro golpe de estado (derrubar ao governo) eran Suharto e Nasution, que con outros 48 altos mandos militares, muitos deles “educados” nos EE.UU., formaron en secreto o Consello dos Xenerais, o 21 de setembro de 1965, nunha reunión que tivo lugar en Jakarta e na que decidiron que o 5 de outrubro, Dia das Forzas Armadas Indonesas, congregarian a todas as tropas baixo as suas ordes na capital de Indonésia. Esta reunión secreta non o foi tanto, xa que axentes do ministro Subarno puderon gravá-la. O Movimento 30 de Setembro, xa que logo, tiña como fin adiantar-se aos facciosos e acabar co Consello dos Xenerais. Como xa vimos, o Movimento fracasou, o que lles serviu de escusa aos fascistas, que sabian que non contaban con nengún apóio popular, para comezar a caza dos esquerdistas. Co trunfo do golpe do Consello dos Xenerais, estes formaron un novo governo de corte militar e eliminaron, literalmente, á oposizón.
Na imprensa ocidental laiaban-se dos seis xenerais fascistas mortos, mais non da matanza que veu após o trunfo dos golpistas.

O 4 de xullo de 1966, o Embaixador indonésio en Cuba, Hanafi, anunciou a sua renúncia, explicando as causas:

“Desde o Movimento 30 de Setembro, o desenvolvimento dos feitos serviu para coñecer a existéncia dun Consello de Xenerais, unha banda de altos funcionários do exército reaccionários, cuxo chefe é o xeneral Nasution. Todo o que está a acontecer agora en Indonésia foi planexado coidadosamente por este Consello, traballando estreitamente coa CIA. E este Consello era o que queria esmagar o Coronel Untung, xunto con outros funcionário patriotas, co Movimento de Setembro. A oposizón a este consello é un dever de calquer patriota de Indonésia”.

Durante os meses que durou a principal matanza, desde outubro até meados de abril, a imprensa ocidental calou. Semellaba que non era noticiável o golpe fascista nun dos países máis povoados do mundo, nen tampouco que centos de miles de comunistas estiveran sendo asasinados, xunto coas suas famílias. E non foi precisamente por descoñecimento, xa que esa zona de Ásia estaba inzada de xornalistas norteamericanos que seguian os aconteceres da guerra de Vietnam. Evidentemente eran conscientes do que estaba pasando, porén, calaron. Tiveron que pasar estes primeiros meses de terror extremo, cando a matanza xa era inevitável, para que, con contagotas e como algo que veu dado polas reviravoltas do destino, principiara a asomar nos rotativos europeos. No The Guardian inglés publicaron esta nova o 7 de abril de 1966:

“Están a revisar-se as estimazóns do número total de indonésios asasinados en matanzas políticas despois da tentativa de golpe de setembro. Un embaixador ocidental considera que 300.000 é unha estimazón conservadora, e outras estimazóns van muito máis lonxe (...)
Un viaxeiro que coñece ben a Illa de Bali, e fala o idioma, descreve as execuzóns en masa e a aniquilazón de povos enteiros nalgunhas áreas. O oficial consular en Surahaia aponta o número de 200.000 asasinados para Bali, que ten unha povoazón de 2 millóns (...)
As estimazóns dos asasinados en Sumatra tamén están sobre 200.000, e un número semellante para Java(...) Cantos destes asasinados son comunistas é outra pergunta (...)
Semella certo que a meirande parte dos asasinados son vítimas inocentes do histerismo político (...) Nalgunhas áreas dispara-se a suspeitosos comunistas ou se lles suministra veneno, ainda que normalmente as xuventudes musulmanas decapitan ás suas vítimas, empalando a miudo as cabezas nos valados das casas (...)
En muitas partes do país os cadáveres forman encoros nos rios. Un residente europeo en Surabaja afirma que atopa muitos corpos no seu xardin, corpos que proveñen do rio que
Prisioneiro comunistasurca a parte traseira da sua casa”.


Hai que agardar ao 17 de decembro para atopar a primeira nova da masacre na imprensa ianqui. O New York Times escreve:
“Os comunistas, os simpatizantes comunistas e as suas famílias están sendo masacrados por miles. Unidades do exército executan a miles de comunistas despois de interrogá-los en cárceres remotos. Armados cos coitelos parangs, os musulmáns entran polas noites nas casas dos comunistas, matan a famílias enteiras e enterran os corpos en tumbas pouco profundas. As matanzas son tan selvaxes en Java, que os verdugos pasean polas ruas coas cabezas das vítimas empaladas. A cantidade de cadáveres criou un problema de hixiene sério en Java Oriental e na norteña Sumatra, onde os corpos se pudren ao ar. Os viaxeiros destas áreas contan que os rios pequenos e os regatos están literalmente cheos de corpos, impedindo o transporte polo rio”.

As cifras de vítimas superan ás dos bombardeos de Hiroshima e Nagasaki. En catro meses morreon máis indonésios que en 15 anos de guerra en Vietnam.

A explicazón que os media ocidentais dan das matanzas non pode ser máis surrealista. Falan de histéria asasina colectiva, como se dun brote de raiva se tratar. Non, unha matanza destas dimensións tivo que ser planificada minuciosamente con antelazón. Estamos falando dun arquipélago composto por máis de 3.000 illas afastadas entre elas. Non se pode falar dun andazo de histéria. Houbo un mando centralizado. E esta matanza estivo liderada por Nasution e Suharto, que dirixiron ás tropas asasinas de illa en illa, e de aldea en aldea, executanto aos líderes campesiños, aos campesiños sen terra, aos mestres “díscolos”, aos comunistas e aos nacionalistas. Foi todo un programa de “pacificazón” ao estilo ianqui. Muitos dos que se libraron nun primeiro momento da morte, e que foron encarcerados, foron asasinados anos máis tarde para... aforrar o diñeiro que supuña manté-los con vida.

O AMIGO SAM

Como é posível que un grupo de militares reaccionários levaran a cabo esta masacre? Como puderon vencer con tanta facilidade a un governo forte, respaldado pola maioria da povoazón? Como se atreveron a aventurar-se neste sanguento golpe coñecendo o masivo sentimento anti-imperialista do arquipélago?

As forzas facciosas de Suharto levaban tempo recevendo apóio material e asesoramento militar por parte de altos funcionários dos EE.UU., que vian con bons ollos o troco dun governo anti-imperialista, como o dirixido por Sukarno, por un governo títere dos intereses norteamericanos nese país, o sexto maís povoado do mundo, con numerosos recurosos naturais e situado nunha zona de máxima importáncia estratéxica. Sen este apóio seria de todo ponto de vista imposível o trunfo do golpe.

A ONU evidentemente non realizou unha investigazón da matanza, senón que readmitiron á Indonésia de Suharto sen problemas.
Mais vexamos un pouco máis polo miudo o papel norteamericano no trunfo do golpe fascista. Xa desde 1956, o governo norteamericano, especialmente através da CIA, entrara en contacto cos militares da direita, equipando-os con armamento e suministrando-lles millóns de dólares. Os xornalistas Thomas Ross e David Wise, no seu livro intitulado A CIA, o Governo Invisível, detallan a operazón pola que os EE.UU., en 1958, proporcionaron bombardeiros B-26 aos militares ultradireitistas para derrocar a Sukarno. Entre 1956 e 1959 máis de 200 mandos militares foron preparados nas escolas militares norteamericanas. O obxectivo era facer de Indonésia un país livre, evidentemente, livre ao estilo de Filipinas, Taiwán, Thailándia e o resto de estados monicreques da rexión. Esta axuda norteamericana foi facendo posível un cada vez maior peso dos militares reaccionários na estrutura armada indonesa. Através da CIA se organiza o Consello dos Xenerais, ao que se lle outorga 225 mil millón de rúpias indonesas.

A CIA encarregou-se de elaborar un listado con miles de nomes de dirixentes comunistas locais. Esta axuda foi crucial para que o rexime de Suharto pudera aniquilar por completo ao PKI.

CRÍTICA E AUTOCRÍTICA: CHAVE PARA AVANZAR.

Muitos foron os sectores da esquerda mundial que, mentres os comunistas indonésios eran asasinados, dispararon sen piedade ás suas críticas contra o Partido Comunista de Indonésia. Por exemplo o Grupo Marxista-Leninista do Partido Comunista de Indonésia falaba de aventureirismo por parte do PKI e de entender a política como un xogo. Críticas tamén do Progressive Labor Party, do PC Americano e dos trotskistas do Militante. Cada unha desde a sua trincheira. Mais só críticas ao PKI, case nengunha menzón ao papel dos EE.UU. Evidentemente, e xa o dixo o camarada Mao, o imperialismo non é invencível e, xa que logo, algo mal farian os comunistas indonésios para que en só 4 meses foran praticamente aniquilados. Porén, e desde a perspeitiva que nos dá o paso do tempo, botou-se en falta unha mobilizazón muito maior, unha maior coesión na denúncia do criminal governo ianqui. Tamén, un pouco máis de modéstia, xa que as máis das críticas ao PKI viñeron de grupos ultra-minoritários, e estamos falando dun partido que, grazas a un portentoso traballo de base e un comportamento intachável durante a luita independentista, reuniu a 3 millóns e meio de militantes e a uns 17 millóns de simpatizantes.

Fala-se tamén como causa do afundimento do PKI a seu progresivo achegamento ás posizóns revisionistas, aderindo-se á idea da coexisténcia pacífica, esa renúncia ao internacionalismo proletário que iniciara o traidor Kruchev. Semella lóxico pensar que se o movimento comunista indonésio estivera mellor preparado (armado) e máis precavido, poderia ter defendido á República, e a el mesmo, con máis éxito frente aos cans dos fascistas Suharto e Nixon. Evidentemente. Mais con iso non chega. Lembremos que en 1933 o Partido Comunista de Alemaña, por entón partidário decidido da luita armada e cun apóio eleitoral que chegaba aos 6 millóns de votos, foi aniquilado polos nazis.
As cousas foron como foron, cumpre revisar os faios para avanzar, mais nunca aproveitar estes fallos para apontar-se acertos e acadar unha vitória teórica. Que vitória pode atopar un verdadeiro comunista do asasinato de entre 700.000 e dous millóns de comunistas e nacionalistas revolucionários?

A crítica máis séria e sincera ven do próprio PKI. Sudisman era un dos cinco membros da cúpula do partido. Após o asasinato dos dous líderes comunistas máis sobranceiros, Aidit e Njoto, tomou o mando do partido durante o breve espazo de tempo que transcorreu até a sua execuzón a mans dos golpistas. No seu xuizo, diante dos seus verdugos, realizou unha valente e extensa autocrítica dirixida as e aos camaradas que ainda vivian:

“En verdade o PKI é o produto do seu tempo. O realzamento do PKI non dependerá de nós os cinco (Aidit, Lukman, Njoto, Sakirman e el); nós fallamos no noso labor. Dunha maneira ou outra, con muitas penalidades, o PKI atopará o xeito de sair adiante de novo, con máis vigor ainda que no noso tempo.

E certamente o fracaso actuará como o noso mestre. As leis da guerra ensinaron-nos que devemos luitar, devemos luitar e devemos luitar de novo. E se fallamos unha vez, a luita debe aumentar, até que a vitória final chegue.

A vitória será para aqueles que non teñan medo de enfrontar dificuldades e para quen teñan o valor de continuar luitando. E para acadar a vitória devemos ter paciéncia e agardar un tempo longo, un tempo mui longo.

O xuiz chamou ao PKI “o home invisível”, e tomo esta definizón para significar que o PKI non está en nengunha parte e, asemade, está en todas partes. En realidade, o xuiz sabe que non se lle poden poñer grilletas ás ideas.

Estou convencido de que ainda que se proiba o PKI, a história, co paso do tempo, liberará ao PKI, e o marxismo-leninismo reinará no corazón de cada comunista. Na sesión oral, o xuiz chamou ao PKI “venenoso”. Si, ten razón. O PKI é venenoso para as sanguesugas das persoas, para os opresores e os explotadores, mais ao mesmo tempo, tamén é un restaurativo poderoso e anima ás persoas.

Para min todo ten dous ou maís lados. Por exemplo, o corpo humano non pode medrar sen fósforo. O fósforo é un veneno que mata bactérias mais tamén promove o crecimento dos osos. Eu entendo que o fracaso na batalla é provocado polos erros que un comete. Os erros do PKI foron as razóns para o fracaso do Movimento 30 de Setembro.

Un dos erros foi o subxectivismo ideolóxico, isto é, considerar a realidade só desde un ponto de vista e non na sua totalidade. O resultado foi un PKI desprevenido cando este medrou; descoidar o perigo do imperialismo, que xunto coas forzas da reacción, estaban agardando a oportunidade para atacar.

Nesta situazón era necesário ter un certo coñecimento de marxismo-leninistmo para calcular, concretamente e científicamente, a correlazón de forzas entre o PKI e os seus inimigos. Precisan-se habilidades revolucionárias que axuden a determinar, con antelazón, a liña correcta a seguir e o momento correcto para a sua adopzón.

O Movimento 30 de Setembro non cumpria estes requisitos, o que provocou o seu fracaso. Era algo totalmente illado das masas, ainda que os obxectivos eran correctos.

Ademáis do subxectivismo na direczón, o PKI infestouse de revisionismo,o que provocou a adopzón dunha atitude burguesa despois de obter postos no governo.

Todas estas debilidades levaron a un compromiso coa burguesia no campo teórico.

Organizativamente, o PKI non aplicou métodos acaidos para resolver as contradizóns dentro do Partido através da crítica e autocrítica. Sen crítita e autocrítica caimos no desleixo e non desenvolvimos a crítica de fundo. Estes erros cometidos polo PKI nos campos ideolóxico, político e organizativo xa se mencionan no informe do Comité Central do PKI, agora nas mans do rexime militar.

Estou certo de que, tarde ou cedo, a nova xerazón de membros do PKI aprenderan a lizón do correcto da autocrítica. Esta nova xerazón fará un verdadeiro Partido comunista na liña marxista-leninista e asumirá un programa correcto e revolucionário, livre de todo revisionismo. Un Partido que poderá resolver os problemas básicos das povoazón indonesa.

Se morro, non significa que o PKI tamén debe morrer. Ainda que o PKI está desfeito, estou convencido de que isto é só temporal e que, no curso da história, o PKI volverá.”


Nun momento da declarazón de Sudisman, o xuiz pregunta-lle se se arrepinte:

“Teño claro as miñas ideas comunistas, a miña responsabilidade comunista e a miña solidariedade cos meus camaradas mortos, Aidit, Lukman, Njoto e Sakirman. Eu NON ME ARREPINTO. É máis, son consciente das outras vítimas que cairon, e eu, como comunista, non podo facer menos que eles.
Os obxectivos da vida son: ter o valor para entrar na luita no campo de batalla e, ao mesmo tempo, ter o valor para tentar gañar a batalla. Iste é o soño dos luitadores, e iste foi tamén o soño da miña vida.

A vida seria estéril sen imaxinazón e ideais.

Vivemos para luitar e luitamos para viver. Ista é a meta da miña vida.. Esta meta non pode acadar-se sen responsabilidade, e para min a responsabilidade é como unha perla. Para expresar isto fixen un poema en prisión:

Enfrentar un ataque despois de outro,
sufrir unha interrogazón despois de outra,
resistir as torturas e máis torturas,
coa miña cabeza e o meu corazón
preparei-me para enfrentar a morte para o PKI
Ista é a perla da responsabilidade!

E agora que me enfrento ao veredicto, falo coas palavras do escritor Andrew Carr: Nengunha bágoa por Sudisman!

Longa vida ao Partido Comunista de Indonésia!”

ANEXO 1:
SOBRE O GOVERNO DE SUKARNO

Sukarno foi un personaxe contraditório, e nos seus inícios moveu-se na ambigüidade política. Mais ao chegar á xefatura da República as cousas mudaron.
Fora dos países socialistas, Indonésia, baixo o governo liderado por Sukarno e cunha importante participazón comunista, tomou unha série de medidas en política exterior e interior que asustaron ás forzas imperialistas:
-Retirou-se da ONU e dos Xogos Olímpicos acusando-os de ser meros instrumentos do accionar imperialista.
-Organizou conferéncias internacionais para condenar a presenza de centos de bases norteamericanas na zona.
-A princípios de 1965, os traballadores das empresas de aceite e caucho de propriedade norteamericana fixeron-se con controlo das mesmas. O Poder Obreiro ia-se extendendo a outras fábricas. Sukarno fixo un chamamento ás masas obreiras e labregas a desposuir as propriedades dos imperialistas.
-Non tivo reparos en colaborar lealmente cos comunistas, outorgando-lles postos claves no governo.

ANEXO 2: A IMPRENSA IANQUI E SUHARTO
New York Times (22-12-1965): “Un chorro de luz en Ásia”.
Times (15-7-1966): “determinazón tranquila" do xeneral e os seus procedimentos "escrupulosamente constitucionais, fundamentados no direito e non tan só na forza”.The Economist (desde 1965 en adiante): “Moderado, que no fundo resulta benévolo”

PARA SABER MÁIS

Sobre a CIA en Indonésia:

http://www.namebase.org/scott.html
http://www.washingtonpost.com/wp-dyn/articles/A58398-2004Jul17.html The Trojan Horse:

Cronoloxia de Indonésia
http://www.gimonca.com/sejarah/sejarah09.shtml
Autocrítica do PKI http://www.awtw.org/spanish/numero_anteriores/1998-24/autocriticaIndonesia_24span.htm
Informazón variada http://en.wikipedia.org/wiki/Pramoedya_Ananta_Toer

Etiquetas:

Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com