Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

A resisténcia Mau-Mau
13/07/2006
A terxiversazón da história continua até os nosos dias. Un xenocídio cometido polo império británico non xa ignorado, senón que cos papeis cambiados. As vítimas, á luz dos historiadores oficiais convertidos en verdugos. Os criminais en inocentes. Centos de miles de keniatas, guerrilleiros ou non, agrupados en reservas esteris, morrendo de fame, enfermidades, aforcados ou vítimas dunha caceria humana que premiaba con 5 libras a peza capturada. Todo isto agachado por unha delirante e terrorífica película na que non faltan o canibalismo, a zoofília e a necrofília. O racismo do civilizado imperialista mutado por un conto de medo que aterrorizaba aos ricos nenos brancos da Inglaterra dos anos 50 do pasado século.

Os terríveis Mau-Mau. Son tantas as conotazóns negativas asociadas a este nome que, mesmo os que coñecen o guión orixinal desta película, se ven atrapadas por elas. Os terríveis Mau-Mau. Como unha mai ou un pai que quer amedrentar aos fillos, como o conto do ogro..., come todo o do prato ou veñen os Mau-Mau. Outro tanto pasaba nos EE.UU. co malvado Ho Chi Minh. Até nos livros de texto as crianzas podian ler que calquer dia o ogro Ho cruzaria o pacífico nunha balsa para degolar, durante a noite, aos seus pobres avós; brancos, anglosaxóns e protestantes.

Que problema hai en que 50.000 guerrilleiros e non guerrilleiros fosen asasinados polos ocupantes? A culpa foi deles por se saltaren o guión doutro conto, o conto do bon selvaxe. Que curiosa é a história, contada sempre polos vencedores, onde tipos como o xenocida Churchill pasan á história como exemplo de estadista e defensor da democrácia, en contraposizón a ese demo que era Stalin. Mais Churchill non era Stalin, este último non só era ou ogro, senón que tiña o descaro de abanderar un país onde a ditadura do proletariado mandara ás cavernas ao analfabetismo, á fame e a explotazón feudal. Stalin foi un demo, xa o din os poderosos, os seus cegos seguidores, os inocentes e os que se pensan ovella negra mais non pasan de seren pega carroñeira. El que é iso de colectivizar ás terras, desposuindo aos agricultores ricos dos seus direitos a explotar aos xornaleiros? Así non se fai, Xosé, que despois te equiparan a ese austriaco, servidor dunha burguesia en decadéncia e contra as cordas, a quen esmagáchedes ti e os teus. Aceitaremos que os dous tiñan bigote, de acordo, mais as suas balas disparaban a distintos brancos, e se non que llo pergunten, por exemplo, aos banqueiros europeus. Churchill é outra cousa, Churchill é un dos bons, dos que fixeron un mundo livre..., livre de xustiza. Churchill foi un dos maiores xenocidas da história da humanidade. El foi o máximo responsável desta matanza ignorada.

Mais non desviemos o tema, e non alporicemos nen aos que editaron 1984 nen aos que creron e ainda cren nese manual da académia de oficiais da CIA. Por certo, é perdoade este último inciso, é unha mágoa que Orwell, tan bon plaxiador como bon delator, non fixera unha nova versión da Rebelión na Granxa mais ambientada en Kénia, concretamente nas esteris reservas onde morrian os kikuyus, inquedanzas imperialistas non lle ian faltar. Que queredes que vos digamos? Señoras e señores, isto non é a revista do Círculo de Leitores, non, estas son as Ferramentas das Brigadas Ferrolgrado e Orwel foi toda a sua vida un profisional do imperialismo... inglés.

Agora si, voltemos a Kénia e a história dos (mal)chamados Mau-Mau.


O 3 de marzo de 1959, 85 prisioneiros kikuyus foron levados a un latifúndio e obrigados a traballar. Un dos detidos, John Maina Kahihu, descreveu o que pasou:

“Negamo-nos a facer ese traballo. Estabamos luitando pola nosa liberdade. Nós non eramos escravos. Habia douscentos policias. Cento setenta estaban de pe ao noso redor con metralladoras. Trinta dentro do recinto cando nós. O mando británico asobiou e os gardas comezaron a bater en nós. Pegaron-nos desde as oito até as once e meia. Golpeaban-nos como se fosemos cans. Eu fun cuberto por outros corpos, e só tiña expostos brazos e pernas. Tiven sorte e sobrevivín”.

Once kikuyus morreron durante a paliza e 60 máis tarde a consecuéncia dos golpes.
Dicia Lennox-Boyd, Secretário Colonial inglés en Kénia, que os kikuyus, unha das principais tribos keniatas e á que pertencian a meirande parte dos Mau-Mau, cando facian o seu xuramento polo que se convertian en Mau-Mau, pasaban de ser humanos intelixentes a se converter en sub-humanos mentalmente enfermos cuxa única salvazón era a morte. Nominen-no como enfermidade mental ou como terrorismo, o que conta e valeirar de contido político calquer movimento de resisténcia.

Estamos a falar dun povo pacífico que se viu obrigado a levantar-se contra aqueles que os sumian na pobreza, na desesperazón e na fame. Contra os que estaban a roubar as suas terras, para despois obrigar-lles a pagar impostos por traballaren esas mesmas terras usurpadas. Contra os que os estaban matando. A perda da terra significa perda da independéncia económica, se a isto somamos unha represión brutal, temos xa os ingredientes do nacimento dunha guerrilla anticolonial que contou co apóio masivo da povoazón, que actuou desde 1947 a 1960. Foi a primeira revolta anti-imperialista do continente africano, e foi referente doutros muitos movimentos nacionalistas.

Cúmpre buscar a sua semente nos movimentos agrários dos anos 20. O 14 de marzo de 1922, en Nairobi, 8.000 persoas concentran-se para protestaren polo desterro de Harry Thuku, líder da Asociazón Xuvenil Kikuyu, que viña desenvolvendo unha campaña contra a rebaixa dos salários dos obreiros africanos. Esta manifestazón pacífica é brutalmente reprimida polos disparos do exército e dos colonos, morrendo 58 africanos. A Asociazón Xuvenil Kikuyu é proibida, mais atopa a sua continuidade na criazón da Asociazón Central Kikuyu (KCA). En 1928 lanza unha publicazón mensal, Muigwathania, dirixida polo futuro presidente de Kénia, Jomo Kenyatta, quen escreve:

“Cando chegaron os misioneiros, os africanos tiñan a terra e os misioneiros tiñan a bíblia. Aprenderon-nos a rezar cos ollos pechados. Cando abrimos os ollos, eles tiñan a terra e nós a bíblia”.

O antigo líder kikuyu, Harry Thuky recuperou a liberdade após sete anos de desterro grazas a sua promesa de colaborar cos británicos. Entra a militar no KCA, mais a sua postura pacificadora era irreconciliável co sentir fortemente anti-imperialista do KCA. El e os seus seguidores abandonaron a organizazón e criaron a Asociazón Provincial Kikuyu (KPA), que traballaria por meios legais. Porén, a forza do KCA arrasou con todos os demais grupos moderados e uniu, baixo as suas siglas, a unha multitude de grupos secretos que tamén advogaban polo uso da violéncia como meio para acabar co colonialismo. Por volta de 1935 o KCA é o grupo máis poderoso de Kénia.


En 1940 o KCA é proibido, e os seus líderes arrestados. Porén a organizazón continua na clandestinidade e cria unha série de organizazóns legais que actuaran de plataforma das ideas nacionalistas, como grupos de obreiros, clubes de música, igrexas,etc. En relazón á relixión, cúmpre sinalar que o labor dos misioneiros cristiáns fixo que muitas tribos se convertiran ao cristianismo, mais un cristianismo adaptado aos costumes nativos. Este cristianismo autóctone fixo tamén campaña contra o colonialismo, e foi outra plataforma máis de concienciazón nacionalista. Nas igrexas os africanos cantaban hinos nos que a palavra Cristo era substituida por KCA. O feito de que case nengun branco coñecera a língua kikuyu fixo posível que o ideário nacionalista fose propagado através destes hinos que se repartian nas distintas organizazóns sectoriais controladas polo KCA.

Tamén os nacionalistas defensores da via armada entran na legal Unión de Estudos Africanos de Kénia, que no 46 pasa a denominar-se Unión Africana de Kénia (KAU). Jomo Keniatta, que regresara a Kénia un ano antes, é elixido novo presidente do KAU. Dentro do KAU compiten os partidários da luita armada, organizados na ilegal KCA (que comezan a ser coñecidos polos ocupantes como os Mau-Mau), e os defensores da via legal. A rede de resisténcia amplia-se coa chegada dos kikuyus que participaran na Segunda Guerra Mundial, muitos deles antigos militantes do KCA Os kikuyus, que xa participaran na Primeira Guerra Mundial, fixeron-no tamén na segunda, nun número de 75.000. A diferéncia entre as duas guerras foi que se na primeira os africanos tiñan reservados os postos de portadores, na segunda participaron nos combates, ascendendo muitos deles no escalafón militar. En 1946, kikuyus que participaran na segunda guerra mundial formando nas filas dos británicos, están organizados no secreto Grupo dos 40, en relazón aos anos da guerra. Os veteranos da guerra cando regresan non só non receven terras como compensazón senón que ven como máis terras son cedidas a novos colonos. Entre eles estan os que serian os líderes do Movimento, como Waruhiu Itote, coñecido como Xeneral China. Nestes anos muitos países acadan a independéncia, como a Índia. É neste momento cando se decide que a guerra é o único camiño real para recuperar as suas terras, polo que crian, un ano despois, o Exército da Liberdade e da Terra (LFA), coñecido por nós como os Mau-Mau.

Xa que logo, a semente da organizazón coñecida como Mau-Mau ven de lonxe, de meados dos 20, coa criazón do KCA, ainda que só apartir de 1948 é coñecido por este nome polos británicos. Apartir deste ano a Administrazón Colonial Británica en Kénia comeza a recever informes de colonos e soldados e soldados nos que se fala dun movimento secreto ao que chaman Mau-Mau. Ese mesmo ano, o Director de Intelixéncia e Seguridade elabora un informe no que se identifica este movimento co ilegal KCA. .

O racismo da História académica impide-nos saber cal é a orixe do nome Mau-Mau, existindo várias hipóteses. Desde os que din que fai referéncia a un grupo de montañas que bordean o nordeste do Lago Naivasha, até os que apostan por asociá-lo co berro de guerra dos kikuyus, pasando polos que ven no nome as iniciais da frase swahili “Mzungu Aende Ulaya—Mwafrika Apate Uhuru”, que significa, máis ou menos, que só se acadará a independéncia cando os brancos marchen ao estranxeiro. De todos xeitos eles non se nomeaban Mau-Mau, senón Movimento pola Unificazón, Movimento, KCA (Asociazón Central Kikuya) ou Exército da Liberdade e da Terra (LFA). O termo Mau-Mau non pasa de ser un alcume posto polos europeus, na liña de criar a idea dun grupo de endemoniados keniatas no canto do que realmente foi, un movimento de liberazón nacional, coa suas frentes política, cultural, sindical e armada.

Este movimento anti-colonial comezou a luita armada nas rexións dos povos Kikuyu, Embu, Meru e dalgunhas comunidades Kamba. Ao pouco tempo xa contaba con células organizadas na capital, Nairobi, encarregadas de subministrar diñeiro, armamento e informazón aos combatentes rurais. O obxectivo dos seus ataques eran especialmente os colaboracionistas, mais tamén os latifundistas ingleses. Con todo, hai que ter presente, para desmitificar tanta manipulazón, que non foron máis de 100 os brancos abatidos polo LFA

En 1948, os kikuyu foron emprazados en reservas que ocupaban aproximadamente 5000 km2 de terra estéril, mentres que 30.000 colonos tiñan reservados 31.000 km2 de terras, por suposto as máis apreciadas para a agricultura. Estas reservas recordaban ás organizadas polos colonos norteamericanos para concentrar aos nativos. Tamén, como en Sudáfrica, nestas reservas estaba proibido sementar café ou calquer outro produto comerciável. A estas reservas devemos somar os campos de concrentrazón, onde máis de 70.000 kikuyus pasaron entre 2 e 6 anos. Expresou-no con claridade o Coronel Ewart Grogan:

“Xa lles roubamos a sua terra, agora é tempo de apropriar-nos dos seus corpos”.

Como exemplo dicer que para construir a liña férrea entre Mombasa e o Lago Vitória empregaron-se 30.000 nativos, morrendo un tércio deles.

OS COMEZOS DA RESISTÉNCIA E O XURAMENTO

En 1940 a Asociazón Central Kikuyu (KCA), desenvolve unha forte campaña de desobediéncia civil en protesta pola cuestión agrária. O KCA comeza a andaina organizativa nas zonas montañosas centrais.
Meiante a forza simbólica dun xuramento os membros do KCA solidificaban a sua unión. O xuramento remontaba-se nos séculos e non era en absoluto nengunha novidade. Isto non foi óbice para que os colonos o viran como unha mostra da tolémia que invadia as mentes dos kikuyus. O xuramento acompañaba-se de ritos comúns en toda África sub-sahariana, como o sacrifício dalgun animal ou a inxesta de sangue do animal sacrificado. De aquí xurdiron as fantasias colonas do canivalismo, a necrofília, a zoofília e demáis. Meiante estas fantasias os colonos buscaban chamar a atenzón da metrópole e conseguir que esta lles enviase axuda. Nun princípio o xuramento tan só obrigaba a participar na desobediéncia civil, mais co tempo, e ante as atrocidades dos colonos, o xuramento medrou en obrigas, pasando a ser a luita armada contra os colonos unha delas.

O KCA E A FORMAZÓN

O KCA non se limitou á luita armada e obreira, tamén se preocupou de estabelecer unha rede de centros de ensino desde onde as ideas nacionalistas foron propagadas con rapidez. Uns 50.000 estudantes acudiron ás máis de 300 escolas espalladas polo território. Tamén criaron a Universidade de Formazón do Profesorado de Githunguri. Todas estas escolas independentes negaron-se, desde un primeiro momento, a receveren axuda financeira governamental, xa que de facé-lo, teria significado o controlo do currículo por parte dos británicos.

TENTATIVA DE RESISTÉNCIA NO EIDO SINDICAL

Kénia, ademais de ser un território maioritariamente agrícola, tamén contaba con proletariado. En 1948 o número de obreiros achegaba-se aos 400.000, concentrados, especialmente, en Nairobi e a cidade costeira de Mombasa. As suas condizóns laborais eran pésimas, sendo o seu salário anual de 73 libras.

Namentres o KCA continuaba a organizar células secretas nas montañas, na zona urbana cinco sindicatos unian as suas forzas para criar o Congreso da Unión de Traballadores da África Oriental (EATUC) o Primeiro de Maio de 1949, en Nairobi. Un ano despois da sua fundazón, a direczón do EATUC é arrestada por demandar a independéncia do país. A militáncia do sindicato convoca unha folga xeral que paralisa Nairobi durante 9 dias, e que tamén chega a outras cidades, como Mombasa. A folga foi reprimida con dureza, 300 obreiros foron arrestados e boa parte dos dirixentes que ainda estaban na rua foron encarcerados.
Vendo a imposibilidade do traballo sindical, e ante as manifestazóns de forza do exército inglés co apóio dos cipaios, os poucos activistas do EATUC que eludiron o cárcere decidiron somar forzas co Grupo dos Cuarenta, un grupo coesionado polo xuramento composto maioritariamente por ex-mecánicos de Nairobi. O xuramento vai alén do utilizado nas zonas montañosas, e fai referéncia a unha luita para derrocar violentamento ao poder colonial.

IMPOSIBILIDADE DE RESISTÉNCIA LEGAL E GUERRA ABERTA

Ante a visita do Secretário Colonial Británico, James Griffith, os representantes da Unión Africana de Kenia (KAU), elevan-lle unha série de demandas entre as que destacan a fin da lexislación discriminatória e a inclusión de 12 representantes keniatas no Consello Lexislativo encarregado do governo de Kénia. Griffith fixo caso omiso ás demandas do KAU. Os 30.000 colonos brancos tiñan 14 representantes, os 100.000 asiáticos seis e os cinco millóns de keniatas tan só cinco. Diante deste reparto, ficaba demostrado na prática a imposibilidade dun cámbio na correlazón de forzas no marco da legalidade , e isto provocou , en xuño dese mesmo ano, movimentos no interior do KAU que levaron aos sectores favoráveis á resisténcia armada a dominar a organizazón frente á, non só legalista, senón tamén lealista direczón do KAU en Nairobi. Criaron un Comité Central encarregado de inzar Nairobi de Movimento. Puderon facer-se co controlo de toda a organizazón cinco meses despois, cando se celebrou un congreso nacional do KAU, mais o líder moderado,Jomo Kenyatta, quen adicou máis tempo a atacar ao LFA que aos ocupantes, soubo asegurar-se a reeleizón. Porén, a fortaleza do Movimento fixo posível que o KAU adopta-se, por vez primeira, un posicionamento independentista. Agás no distrito de Kiambu, no resto do território os comité locais apóian masivamente esta nova política. As propriedades dos ocupantes expoliadores foron atacadas co resultado de centos de granxas e caserios queimados. Intensificaron-se tamén os enfrontamentos con esa nova clase colaboracionista que agromou co comezo da marxinazón dos kikuyos e, por suposto, cos delatores.

O império utilizou todo o seu aparello represivo, encarcerando, multando, torturando e asasinando a centos de rebeldes. Os colaboracionistas medraron.. Nun país ocupado, coa maioria da sua povoazón recluida en reservas, Jomo Kenyata, o futuro presidente, pronúncia discursos contra os rebeldes. En outubro de 1952 o ocupante declara o Estado de Emerxéncia. A tortura será a constante como xeito de aterrorizar á povoazón e conseguir informazón. Non só o exército, os colonos tamen se adican a torturar e executar aos keniatas. Só no primeiro dia do Estado de Emerxéncia foron presos case un cento de líderes kikuyu, e 25 dias despois xa habia 8000 novos presos kikuyu. Entre eles Jomo Kenyatta e outros cinco dirixentes da KAU, organizazón que, como todas as demáis, agás o KAC que xa o fora tres anos antes, foi declarada ilegal en 1953. O número de kikuyus mortos non se coñece.

Mália esta operazón para acabar coa resisténcia armada, esta incrementou-se desde o comezo do Estado de Emerxéncia, producindo-se a primeira morte dun ocupante a mans do Movimento.

Ainda que inicialmente os mandos británicos non consideraron importante o levantamento kikuyu, a metrópole non tardou en decatar-se do perigo que corrian os seus intereses e foron 55.000 novos soldaos a Kénia. O costume de coleccionar mans dos guerreiros kikuyus dá mostra da brutalidade dos soldados británicos.

O Comité Central de Nairobi, unha vez reorganizado, pasou a chamar-se Consello de Liberdade, e en xaneiro de 1953 chama a povoazón a unha guerra total contra o invasor. Organizativamente funcionaban en dous planos, por un lado a rama pasiva fornecia de suministros ao LFA, que contaba con miles de combatentes (no momento de máximo apoxeo do LFA, o 58% dos kikuyus fixeran o xuramento). Os keniatas non dispuñan de armas de fogo, apenas catrocentos rifles roubados aos ocupantes,e tiñan que luitar con lanzas, machetes e kobokos (látegos feitos con pel de rinoceronte). Ademais desta desvantaxe no armamento, a organizazón non estaba o suficientemente estruturada e carecia dunha estratéxia común. Mália isto, até a metade de ano, o levantamento vai medrando. Os guerrilleiros contaban cun amplo apóio popular e co coñecimento do terreno. Atacaban na noite e os seus obxectivos non só eran as propriedades colonas agrárias, senón tamén casas da capital. Formaban grupos duns 100 guerrilleiros que raramente interactuaban con outros grupos. Só a falta de armas de fogo impediu que os ingleses sairan derrotados. A raiva trouxo as presas, e estas trouxeron a derrota.

Os principais líderes do Exército de Terra eran Stanley Mathenge; Waruhiu Itote (Xeneral China) líder do Movimento nas montañas Mau-mau; e Dedan Kimathi, líder de Aberdari.

O medo do levantamento independentista provoca o medo nos colonos que converten as suas granxas en fortalezas. Os traballadores kikuyus son despedidos por temor a que formen parte do Movimento. O exército contou coa axuda de membros doutras tribos convertidas ao cristianismo.

Nunha noite de marzo de 1953, 3000 guerrilleiros atacan a povoazón lealista de Lari, matando unhas 70 persoas. O xefe deste povoado fora recompensado coas terras usurpadas a 100.000 kikuyus que tiveran que se mudar ás áridas reservas. E ainda que a diário morrian máis kikuyus, este ataque ficou para a história como a Matanza de Lari. Como represália, a autoridade colonial executou sumariamente centos de keniatas.

En abril dese ano a resisténcia medra; en Kamba oganiza-se un novo Comité formado, sobretodo, por traballadores do ferrocarril e en Narok grupos masais soman-se a luita.

CONTRAOFENSIVA COLONIAL

No eido sindical, o governo cria a amarela Federazón de Sindicatos Rexistrados de Kénia, que actua como instrumento de apagalumes insurreccional. Uns 20.000 novos soldados británicos chegan a Kénia. Redobra-se a represión contra os kikiyus. Desde o 53 até 1955, máis de un millón deles foron obrigados a viver en “áreas especiais” onde, por suposto, o branco tiña bula para disparar a matar. As grandes cidades son tomadas por unidades militares británicas. Ante a inoperáncia das operazóns militares británicas nas zonas montañosas, estes decidiron bombardeá-las (os norteamericanos tomaron boa nota desta técnica criminal e non tardaron en usá-la no Vietnam), o que levantou as críticas dos naturistas británicos, que argumentaban que así sufririan muito... os animais selvaxes e a vexetazón.

Os grupos que dirixian nas cidades os suministros de todo tipo aos guerrilleiros foron caendo, mentres que os que facian esta funzón no rural estaban sitiados nas zonas máis montañosas. Esta imposibilidade de acceder a reforzos, tanto humanos como materiais, foi o comezo da desaparizón dos Exércitos da Terra e da Liberdade. Se en 1953 o número de combatentes keniatas ascendia a 15.000, só tres anos despois, en outono, estes non pasaban duns 500, xa sen munizón para as poucas armas de fogo de que dispuñan, agachados nas montañas.
Os últimos guerrilleiros, liderados por un ferido Dedan Kimathi, comandante das forzas de Aberdare foron presos o 21 de outubro de 1957 en Nyeri. Todos eles foron sentenciados a morte.

Para dificultar posíveis amenazas futuras, os británicos dividiron aos kiyukus, dando-lles terras a un poucos que se converteron nunha clase meia lealistas, mentres que o resto eran xornaleiros. Os grandes inversores buscaban un clima estável que favorecera os seus negócios. Os colonos, que querian facer de Kénia unha nova Sudáfrica, un país independente governado por unha ditadura branca, xa non eran un bon negócio para os intereses británicos. Estamos nos anos das descolonizazóns, Kénia non era bon negócio para Gran Bretaña, que tiña que destinar enormes fundos orzamentais para conter á guerrilla e era millor un governo de keniatas títeres, polo que a estes se lles foron reservando, amodiño, cada vez máis postos.

A guerra contra os colonos foi tamén unha guerra civil, onde os mau-mau combateron a unha casta nativa favorecida polos imperialistas. Muitos chefes de aldea foron sobornados pola policia ou polos colonos. Estes círculos privilexiados continuan a dia de hoxe no cume da pirámide sócio-económica de Kénia. Como comentou Maloba, un antigo guerrilleiro:

“As persoas que herdaron o estado eran homeguards (keniatas leais aos británicos), ou os fillos destes”.

No movimento de liberazón nacional en Kénia non houbo nengunha influéncia socialista, polo que arrastrou sempre a eiva de non contar coas ferramentas do marxismo, como a non existéncia dunha forza comunista que actuase de andamiaxe no combate contra os imperialistas, o que imposibilitou unha saida real do colonialismo para Kénia.

Os británicos eliminaron calquer documento relacionado coa represión en Kénia, polo que nunca saberemos exactamente o número de miles de kikuyus asasinados. Ainda así, algúns historiadores dan as seguintes cifras de mortos:

Guerrilleiros e outros kikuyus mortos por arma de fogo........................ : 50.000
Soldados británicos............................................................................................. 63
Colonos................................................................................................................ 32
Colaboracionistas........................................................................................... 1500
Keniatas mortos por falta de alimentos e enfermidades........... 150.000-200.000


É significativo que o número de colonos mortos a mans dos guerrilleiros é menor que o de colonos mortos, nese mesmo periodo, en accidentes de tráfico só en Nairobi. Eis a terrível masacre Mau-Mau.


EPÍLOGO

Ainda que a rebelión Mau-mau non triunfou, si que acadou tres logros significativos:

- Propagar entre os keniatas as ideas emancipadoras e a luita pola independéncia.
- Imposibilitar un estado governado por unha minoria branca.
- Facer ver aos británicos o custoso de continuar a ocupazón.


O 12 de decembro de 1963, Kénia tomaba, na teoria, o controlo dos seus asuntos exteriores, completando o proceso de independéncia. Durante o solene acto de celebrazón da independéncia no Estádio Ruringu, os últimos guerrilleiros entregaron as suas armas a Jomo Kenyatta.

Após a independéncia en 1963 de Kénia, Jomo Kenyatta, que governou até a sua morte en 1978, non recoñeceu ao LFA como parte fundamental da luita contra o ocupante. Ao contrário, descreveu sempre o Movimento como unha enfermidade que se tiña que curar. O seu sucesor, Arap Daniel Moi, mantivo a mesma política que o seu antecesor. Os antigos guerrilleiros tiveron que agardar ao 31 de agosto de 2003 para que o novo governo keniata deixara sen efecto a cláusula do código penal que proibia o Movimento que luitou pola independéncia durante a ocupazón británica. Segundo o ministro de Seguridade Nacional, os antigos guerrilleiros teñen a posibilidade, agora, de reclamaren indenizazóns polas atrocidades e os maos tratos cometidos polos británicos nos campos nos que foron confinados.

PARA SABER MÁIS

State of Emergency. The Full Story of Mau Mau, Fred Majdalany.

Mau Mau and Kenya, Wunyabari O. Maloba.

Land, Freedom and Fiction:History and Ideology in Kenya, David Maughn-Brown.

Histories of the Hanged: The Dirty War in Kenya and the End of Empire, David Anderson.



Etiquetas:

Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com