Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Libia e os medios de información "alternativos"
29/10/2011
 (Artigo en formato PDF AQUÍ)



Na memoria de Muammar al-Gaddafi.
Quen non se rendeu.
Quen non se vendeu.
Quen non fuxiu.
Quen cumpriu a súa palabra: Vitoria ou Morte!


 
O tratamento que desde os chamados medios de información “alternativos” están a ofrecer dos acontecementos que teñen lugar na Libia, e exceptuando portais informativos de carácter leninista (aínda que non todos) e/ou vinculados á tradición antiimperialista, está a pór en dúbida esa pretensa natureza “alternativa”, quer polo seu silencio, quer pola súa terxiversación, ao conformaren un discurso que habita nos lindes marcados pola posición oficial dos poderes imperialistas a través dos seus apéndices mediáticos. Certo é que na periferia destes límites, mais, ao cabo, dento deles. Neste artigo centrámonos exclusivamente nesta maioría de medios “alternativos” cuxo papel só podo ser cualificado de colaboracionista coa agresión que está a padecer Libia.

Por razóns obvias, é desexo destes medios “alternativos” presentaren o seu discurso como antitético ao dominante. E, se callar, moitos deles así o pensan. No entanto, a propia realidade de clase destes medios e a influencia que sobre deles exercen todo tipo de postulados revisionistas de berce pequeno-burguesa, a incluírmos un convidado habitual neste terreo como é o ultraesquerdismo, fan que o seu discurso deveña en funcional para o imperialismo. Pouco importa que un rexeite de palabra o camiño marcado pola oligarquía se o carreiro alternativo que un elixir, alén de reviravoltas e atallos, chega ao mesmo porto.

A trataren a actual situación na Libia, estes medios “alternativos” encádranse, a grandes trazos, nalgunha das posicións das que falamos a seguir. Mais, primeiramente, cómpre matizarmos que tales posicións non son compartimentos estancos, comportándose as máis das veces como fases ou vasos comunicantes. Quere dicir, un portal “contrainformativo” pode encetar a súa andaina informativa sobre Libia nunha destas posicións/fases e modificar a súa liña, gradualmente ou non, para a encadrar noutra. Estes trocos poden ser bidireccionais, xa que o paso a outra posición non é óbice para un posterior retorno ao primeiro.



Tres grandes posicións en que se encadran os medios “alternativos”



·        Guevarización do agresor

Fase inicial da práctica totalidade destes medios, malia que, a día de hoxe, pouco son os que se manteñen neste camiño. O peso das evidencias obrigounos a modificaren a súa liña para se situaren nalgunha das outras dúas posicións.

A guevarización do agresor consiste en lle outorgar carácter revolucionario ás forzas que combaten o poder da Jamahiriya. Os chamados “rebeldes” constituirían unha especie de guerrilla liberadora contra o poder tiránico da Jamahiriya, singularizada esta, até o seu asasinato, na figura dun Gaddafi a quen presentaban como a personificación do mal puro. E de faltar Gaddafi, como agora, sempre haberá un fillo, unha filla, un sobriño ou un “estreito colaborador” para continuar a identificar o “réxime de terror”.

Non é obxecto deste artigo caracterizar a Jamahiriya nin o papel de Gaddafi, mais abonda con comprendermos a importancia do elemento tribal na organización socio-política libia para ver o afastado que está da realidade a premisa de ser Libia unha brutal ditadura personalista.

A centrármonos xa na “guevarización” do agresor, a proposta que identifica os combatentes “rebeldes” cunha guerrilla liberadora formada por “revolucionarios libios”, podemos desbotala cunha poucas e sinxelas preguntas:

- Desde cando os medios de comunicación da burguesía imperialista gaban, animan e apoian os movementos revolucionarios? Pode alguén imaxinarse unha editorial, por exemplo, en El País en que se loe a heroica loita das FARC-EP contra o criminal Estado colombiano? Ou que Público ou El Progreso cedan o seu espazo ás opinións de Manuel Pérez Martínez, “Camarada Arenas”?[1]

- Desde cando un movemento revolucionario asume como propios os símbolos dun réxime feudal, monárquico e colonial?

- Desde cando un movemento revolucionario exhibe bandeiras da Unión Europea, dos Estados Unidos ou retratos de Sarkozy?

- Desde cando un movemento revolucionario outorga contratos petroleiros ás potencias imperialistas?

- Desde cando un movemento revolucionario practica o linchamento de cidadáns negros?

Ora ben, perante a complicada resposta que estas preguntas teñen para quen defenden a guevarización, estes puxeron en circulación unha idea absolutamente falsa. Afirman que contra a Jamahiriya combaten dous bandos claramente diferenciados: por unha parte estarían os combatentes do CNT, aos que apoiarían as forzas da OTAN, e por outra, os auténticos “revolucionarios libios”, guerrilleiros opostos por igual á Jamahiriya e a OTAN.

Nestes oitos meses de agresión non hai a máis mínima noticia dese bando presuntamente de “esquerdas” e por agora ninguén viu ese “Che” que disque camiña polas terras libias. Aínda que nunha cousa si teñen razón, os agresores non conforman unha fronte única e uniforme. Entre os agresores atopamos: distintas e enfrontadas brigadas, como as de Misrata e Bengasi; mercenarios de Qatar, Europa ou América Latina; fundamentalistas chegados de Afganistán, Iraq, Sudán, Paquistán, etc.; e forzas especiais inglesas,israelís, estadounidenses, italianas, do Estado español e doutros Estados membros da OTAN... Esta gran variedade nas forzas agresoras provoca numerosos enfrontamentos armados, xa que todos buscan asegurarse unha boa tallada no botín de guerra. Mais nunha cousa si que están unidos, en exixiren máis e máis bombardeos sobre as cidades libias que non controlan. E isto lévanos a unha última pregunta:

- Desde cando un movemento revolucionario apoia o xenocidio da poboación do seu país?

Xa dixemos ao comezo que poucos son os que se manteñen na tese da guevarización. A razón é obvia. Malia o cerco informativo ao que está sometida Libia polos grandes medios informativos, é complicado vender aos lectores que no que está pasando na Libia, aínda que for a pequena escala, hai algo achegado ao “progreso”, por non dicir a unha “guerra de liberación”. A non ser que por liberación e progreso estean a falar da instauración da Sharia, a prohibición do divorcio, o fomento da poligamia ou a aprobación dos até agora inexistentes intereses nos empréstitos bancarios. Cando fulminen a educación e sanidade gratuítas, será tamén unha medida revolucionaria?... Que ninguén o dubide, os únicos revolucionarios que hai na Libia son os que resisten a agresión da OTAN, dos seus mercenarios e dos sipaios feudalistas.

Para encontrarmos restos desta liña de “guevarización”, loxicamente para alén dos grandes medios imperialistas que aquí non trataremos, temos de buscar nos medios “alternativos” de orientación trotskista ou neotrotskista. Por exemplo, sen saírmos da Galiza, o portal electrónico Diário Liberdade reproducía o pasado 21 de outubro, xusto o día despois do asasinato de Gaddafi e ironicamente na categoría de «Direitos Nacionais e imperialismo», un vergoñento artigo do brasileiro Partido Socialista dos Trabalhadores Unificado cuxo alucinante título xa o di todo: “Morte de Kadafi pode ser alento á Primavera Árabe: Revoluçõn deve se enfrentar agora com CNT e OTAN”.


·        Ambigüidade

Por mor dos feitos evidenciaren a absoluta falta de veracidade da liña “guevarista”, moitos dos medios “alternativos” situados inicialmente nesa liña víronse na obriga de se mudaren a algunha das outras dúas posicións: ambigüidade e silencio. Vexamos a primeira delas, que tamén é a postura orixinal e inamovíbel de moitos outros.

Os ambiguos caracterízanse por se opoñeren os ataques da OTAN mais non apoiaren a lexítima resistencia patriótica da Libia contraria á ocupación. Para nos entendermos: non se queren “mollar”.

Esta posición, que se explica polo medo a ser considerado “defensor de Gaddafi e o seu réxime”, parte do erro de priorizar a análise do carácter de clase do Estado atacado e non o dos Estados agresores. No canto de basearmos a nosa postura neste conflito no tipo de Estado que era Libia, no carácter das relacións de clase que nel operaban e en como era o seu máximo líder, abondaría, para unha correcta toma de posición, analizarmos o carácter de clase dos Estados atacantes. Abondaría estudarmos este conflito tendo presente o seu papel no desenvolvemento global do imperialismo e na actual crise sistémica e estrutural do capitalismo. Esta, e non outra, é a posición vinculada á tradición antiimperialista, que xa hai tempo nos aprendeu Lenin.[2]

Xa que o carácter de clase e as intencións dos Estados agresores non presenta ningunha dúbida, a única posición válida desde un enfoque non xa comunista, senón simplemente de esquerdas, é a condena total das forzas ocupantes, dos seus mercenarios e colaboracionistas, xunto á inquebrantábel defensa da Resistencia Patriótica e o seu liderado (simbolizado até hai uns días en Muammar al-Gaddafi, e hoxe, por decisión das tribos, no seu fillo Saif Al Islam Gaddafi).


·        Silencio

Como no caso da ambigüidade, atopamos aquí medios que proveñen da guevarización e, xunto a estes, outros que desde un principio optaron por non falaren da Libia ou facelo o menos posíbel. Estes medios decatáronse que non podían gabar os “rebeldes”, sabían que non había o máis mínimo pouso “revolucionario” neles, mais, por razóns xa expostas, non querían ser considerados “pro-gaddafistas”. Por tanto, que postura tomar? A máis doada, o silencio.

Como pode ser que portais informativos que dedican numerosos artigos a unha protesta reprimida en Europa ou na América Latina, non digan ren do masacre polo imperialismo de milleiros de persoas? Será que os resistentes libios non encaixan co prototipo de “revolucionario” da meirande parte destes medios? Pode un medio alternativo “esquecer” a maior agresión imperialista do século XXI e seguir a ondear a bandeira do antiimperialismo? Por que é noticia a agresión dun estudante noutro lugar do mundo e non as continuas agresións e asasinatos de civís libios negros? Meses de bombardeos sen pausa sobre Sirte, Bani Walid ou Sabha non merecen nin unha liña para estes medios “alternativos”, exactamente igual que para os grandes medios imperialistas.


Nota Final

Como xa dixemos, estas posicións non son estáticas, e os medios poden moverse dunha a outra en función dos seus intereses ou as “inspiracións” dun momento determinado. Mais tanto ten, porque estas tres posicións, a Guevarización, a Ambigüidade e o Silencio, partillan un nexo común: os tres son cómplices da agresión imperialista e o xenocidio na Libia. Uns por mentiren, outros por igualaren agresor e agredido, e outros por calaren.



[1] Como fixo o xornal inglés The Guardian con Abdulhakim Belhaj, alias Abdel- Hakim al-Hasidi, xefe militar en Trípoli dos “rebeldes” e tamén líder de al-Qaeda na Libia. Isto último confírmao o congresista estadounidense Brad Sherman nesta carta ao líder do Consello Nacional de Transición libio, Mahmoud Jibril.
[2] Para unha explicación máis polo miúdo desta idea, o lector interesado pode consultar o artigo de Stephen Gowans “Libia: o imperialismo e a esquerda” traducido á nosa lingua.
7 Comments:
  • At 10/29/2011 10:44:00 da manhã, Anonymous Fotni said…

    Ola, gostei do artigo, pero parece que todos os portais contrainformativos son colaboracionistas, e non é así. Podería dar bastantes exemplos. Polo demais, moi ben.
    Saude.

     
  • At 10/29/2011 10:56:00 da manhã, Blogger estoutras@yahoo.com said…

    Boas Fotni e obrigado polo teu comentario. Se repases o comezo do artigo verás que indicamos que só se tratan os posicionamentos colaboracionistas. Se temos tempo (e ganas) faremos unha segunda parte para falarmos das distintas posicións non colaboracionistas, que tamén hai moito que ver.

    Unha aperta.

     
  • At 10/29/2011 12:02:00 da tarde, Anonymous Anónimo said…

    Felicidades polo artigo, saudos desde Lugo

     
  • At 10/29/2011 01:04:00 da tarde, Anonymous Anónimo said…

    Outro noxento artigo dos troskos do PSTU http://www.pstu.org.br/internacional_materia.asp?id=13524&ida=16
    Penso que nunca tan claramente mostraron os troskos a sua auténtica esencia como con Libia.

     
  • At 10/29/2011 08:41:00 da tarde, Anonymous Carballo said…

    Un artigo realmente atinado.
    Graciñas.
    Saude.

     
  • At 10/30/2011 02:44:00 da manhã, Anonymous Anónimo said…

    Pois sinceramente espero que teñades tempo para máis ,porque escribides cousas realmente interesantes. Megusta el blog. felicidades

     
  • At 10/31/2011 01:33:00 da tarde, Blogger dazibao rojo said…

    Bo artigo compañeiros !
    Os mass-media dos imperialistas bombandearon tamen as conciencias dos pobos con medias verdades e moita des-información.Gadaffi foi un representante da burguesia nacional libia, mais non supo o poudo apoiarse nas masas para profundizar a revolución.
    Foi capturado pola OTAN e entregado a unha turba de asasinos.
    Ten que venir outra revolución popular as terras de Libia.

     

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com