Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Suso Vaamonde: Cando me falan de España...
03/08/2006

Hai uns anos, nunha mesa redonda ao redor da música galega, comentaba o Mini, do grupo A Quenlla, que na Galiza habia grupos de abondo que facian boa música, mais que eran minoria os que puñan letras aos seus temas. Certo. Se lle engadimos letras comprometidas co seu tempo e a sua terra... aviados imos.

Xa que hai moreas de excelentes músicos, el por que a meirande parte deles pechan as verbas nunha gaiola? Seica non hai nada que dicer? Afortunadamente algúns entenden a música como algo alén do simples purismo musical, teñen na música unha ferramenta de luita. Luita por este País, luita Internacionalista, luita polas clases traballadoras...


O Suso era un destes. Abofé que o era. Dicia-o el, cantaba-o, tomando emprestado un poema de Manuel Rodríguez López:

¿Pra que vou a cantar do burgués
larpeiradas, enchentas e frores?
¿Cómo pode empolar o meu peito
unha cántiga ollando mil dores?
Mariñeiros que engulen os mares
silicosos mariñeiros que morren
picariños que están sin escola
sen futuro, sen xeito e sin norte.
¿Con que liras pregades que eu cante
cando todos están desacordes?
Ergo os ollos o vexo manobras
a xantar, sen compango e sen postres
enzoufados no chan, pra seguir
traballando sen folgo hastra a noite.
Nas mañás o arrabal formiguea
entramentras o rico ainda dorme
no taller un cronómetro fai
asañoso teimudos controles.
Cal becerros na feira do quince
en camiós i autobuses os homes
saen das frábicas, mentralos xefes
ruben fonchos nos rápidos coches.
Hai escravos que sirven ós ricos
dende a ialba fozando hastra a noite.
¿Como poide empolar o meu peito
unha cántiga ollando mil dores?
Que tristura o vivir dos obreiros
Que de aldraxes esmagan ós probes.
Negareime a cantar e rezar
mentras haxa quen xure o quen chore.
[i]

Xa que logo, temos a un músico que se define, que dá un paso adiante e toma partido. Todo un exemplo nestes tempos onde, xa non só os poderosos, senón os revisionistas de calquer pelexo (ou non son os mesmos?) contan-nos que a história xa finou, que non é tempo de luita, que xa non hai clases, que quedemos quedos mentres eles miran polo noso ben mentres comparten moqueta cos que nos explotan. Tempos onde o individualismo, o liberalismo, acadan cumes nunca vistos. Bos tempos para a lírica valeira de contido. Mais sigamos co Suso.


A finais do ano 1950, na aldea de Regodobargo (Pontecaldelas), nace Suso Vaamonde, o fillo da mestra, como o coñecian os seus viciños. Desde ben cedo comeza a sua relazón coa música. Ainda rapaz xa compón e vai a aulas de música en Vigo. A sua vida estivo ligada á musica, desde os seus comezos na cena roqueira viguesa, formando parte dos grupos Os Copens e Marco Balorento, até os muitos anos de carreira solitária, pasando polo movimento musical Voces Ceibes.

Alí onde houber unha luita por unha xusta causa podias atopar a Suso. Cunha guitarra, coa sua voz grave e cos versos máis comprometidos dos poetas galegos. Foi Suso un dos máximos propagadores da poesia galega entre a xente, popularizando poemas que hoxe xa son hinos dunha boa parte da povoazón galega. A lista é longa: Castelao, Rosalia, Curros, Brañas, Celso Emílio Ferreiro, Méndez Ferrín, Uxio Novoneyra, Bernardino Graña, Neira Vilas, Manuel Maria, Ramón Cabanillas, Bouza Brey, Blanco Torres, Avelino Abuín de Tembra, Iglesia Alvariño, Eusebio Lorenzo, Miguel Blanco, Añón Paz, Manuel de Dios, Lamas Carvajal ... Poemas que non só percorreron os cenários da Galiza, senón que tamén tiverom público en Portugal, Franza, Suiza, Alemaña, Inglaterra, Argentina, Venezuela...

Cantou aos emigrantes:

Sol que alumea as treboas
dos fondos sofrimentos
voz que doutros espacios
nos ven eiquí a falar.
Na múseca dos soutos
no sospirar dos ventos
no marmurar dos ríos
e no muxir do mar.
Por eso en longas terras
de coitas e de dores
os fillos de Galicia
morrendo tristes van.
Tomade acó emigrantes
voltade a vosa terra
que a nosa Patria berra
hai tanto que arranxar.
Facer ao escravo libre
votar da casa a fame
que o que traballa gane
que todos teñan pan.
Que o trigo encha as artesas
que fuxan os doores
que non haxa señores
que veña a libertá.
Quen dixo que era probe
a rica Terra nosa
quen dixo que saudosa
quen tanta crueldá.
A nosa Terra é nosa
a nosa espranza é nosa
compre facer xusticia
xa é hora de falar.
Galicia nome santo
que dixen con ledicia
de neno e que hoxe lembro
co lume da pasión.
Cando morrer eu vaia
o nome de Galicia
direino misturado
co nome do meu Dios.
[ii]



Cantou a luitadores como o Che:

O bravo cóndor andino
pergunta por seu irmán.
Triste yanqui zugapovos,
lurpio, voraz Tio Sam,
dime que foi, que fixeche
do arriscado capitán.
Torvo xeneral Barrientos,
fociño de lubicán,
dime que foi, que fixeche
do arriscado capitán.
Duro soldado sumido
nunha noite de alquitrán,
dime que foi, que fixeche
do arriscado capitán.
Manso aborixen que morres
sin defender o teu pan,
dime que foi, que fixeche
do arriscado capitán.
Sementárono no vento
cunha chaga en cada man,
mais as mapoulas do abrente
axiña frolecerán.
[iii]
Cantou a Castelao:

Compañeiro Daniel de vida innumerable
como os astros do ceo i os camiños do mar
na tenebrosa noite da patria inhabitable
témoste no recordo con mao á luz alba.
A ti falo Daniel morto lonxe da terra
es noso i a túa luz alumea a escuridá
que nos deixou a historia de tres anos de guerra
en que os lobos mataron a luz e libertá.
Compañeiro Daniel, as pistolas sonaban
i enloitaron cunetas con sangue loitador
as pistolas sonaban i os banbidos berraban
a terrible victoria do odio e do terror.
E ti fúcheste lonxe predicar no deserto
pra erguerdes un exército que endexamais loitou
e morriches un día sin veres entreaberto
o camiño da volta que a túa alma soñou.
Pro na Patria abatida e do pobo explotado
nacimos nós os fillos da morte e do tristén
percurando furiosos vinganza e novo Estado
i unha roxa alborada sin cabo nin comén.
I a ti bo compañeiro que o furacán aleibe
matou desesperado na outra banda do mar

prometémosche a terra dunha Galicia ceibe
pra enterra- los teus ósos onde teñen que estar.
[iv]

Cantou aos represaliados:

Eu conocín o crime unha mañán
Cor ten a miña magoa de sangue humán
Soio nubes e combo o presenciaron
Xiau Grimau irmán che asesiñaron.
Xa non nasce na terra
Ni un pensamento
Que non leve o teu nome
Do corpo dentro,
Da dor da miña terra nasce o meu canto
Cordas da miña guitarra
Sodes compañeiras do noso pranto.
Nacerá millo novo antre besana
A razón foi de novo pisoteada
Mais a pesar de todo sei que un día
Estarás entre nós como querias.
Eu conocín o crime unha mañán
Cor ten a miña magoa de sangue humán
Soio nubes e combo o presenciaron
Xiau Grimau irmá che asesiñaron.
Moncho Reboiras, irmán che asesiñaron.
Xosé Baena, irmán che asesiñaron
Salvador Puch, irmán che asesiñaron
Garmendia, meu irmán che asesiñaron
Otegui, meu irmán, che asesiñaron
Raimundo patiño, irmán che asesiñaron.
[v]

E, mádia leva!, cantou-lle a Galiza:

Detrás de cada home
está oubeando un lobo.
Un lobo que te come
e ten comesto ó pobo.
Canto pode sofrirse
telo xa ben sofrido
pro non hai que abatirse
nin darse por vencido.
Canto pode chorarse,
telo xa ben chorado
pro non hai que calarse,
nin sentirse abafado.
Canto pode perderse,
telo xa ben perdido.
Pro non hai que doerse
nin rosmar un laído.
Podes todo ganalo
si despertas e loitas.
Co corazón che falo
galego que me escoitas.
A túa hora é esta:
colle a fouce, meu pobo
ergue a testa, protesta,
e dempóis mata o lobo
[vi]

O seu forte compromiso levou-no primeiro ao exílio e despois ao cárcere. En 1980 foi condenado por “inxúrias á Pátria con publicidade” a seis anos e un dia de prisión. Os feitos sucederon un ano antes, nun recital antinuclear na pontevedresa Praza da Ferreria. Mentres cantaba o seu coñecido tema “Uah!” engade unha estrofa máis:

Cando me falan de España
sempre teño unha disputa
que se España é miña nai
eu son un fillo de puta.


Diante desta condena, prefire o camiño do exílio, que o leva por Portugal, Inglaterra, Alemaña para, finalmente, afincar-se en Venezuela. Foron muitos os artistas que lle brindaron o seu apóio e solidariedade, especialmente desde Portugal: Zeca Afonso, José Mário Branco, Fausto, Adriano Correia de Oliveira,... Após catro anos, decide entregar-se, e pasa 46 dias no cárcere de Ourense, até que chega o seu indulto. Como mostra do seu carácter, unha vez livre, volta ao cárcere para oferecer un concerto aos seus antigos compañeiros.

Tan só dous meses antes da sua morte, recebe unha grande manifestazón de recoñecimento e cariño por parte de máis de 3000 persoas que inzan o pavillón de Salvaterra do Miño, nun acto organizado pola Sociedade Cultural e Recreativa do Condado e que contou coa participazón de artistas como Uxía Senlle, Emílio Cao, Maria Manuela, A Quenlla, Saraibas, ...

Co canto do Hino Nacional, guindaron as suas cinsas ás augas do rio Oitavén. Nese lugar pode-se ver unha placa comemorativa, na que destaca a nosa bandeira gravada.

FALA SUSO VAAMONDE

Recollemos unha entrevista con Suso feita por Arantxa Estévez e publicada por Cadernos A Nosa Terra[vii]

Vostede entra na música de forma individual?

Empecei na música como todos os rapaces da miña xeración, tocando á guitarra con doce ou trece anos por culpa dos Beatles. O éxito de temas como She loves you estivo moi relacionado con que os mozos collesen as guitarras e se xuntasen con catro amigos a tocar. Nos anos 60, nunha cidade como Vigo habia unha morea de grupos: Os Cirios, Os Santos, Os SM, Os Temples, Os Dedo, etc. Con outros rapaces, fixen un grupo chamado Os Copens, palabra sacada das iniciais dos nosos nomes. tocamos en catro guateques. A finais dos 60 coñecín a un mozo, Xan Bouzada, para argallar un grupo galego porque eu xa tiña composta algunha canción. Daí nasceu Marco Balorento. No Dia das Letras Galegas de 1967 estaba prevista unha actuación de Voces Ceibes no Teatro Garcia Barbón que, despois, suspendeuse por orde governativa. Ao tempo, o meu grupo ia desfacéndose: un dos membros marchara para Madrid e a outro entroulle medo. Acababan de deter a Benedito e tiña medo da policia. Como xa tiña feito actuacións con Moscoso, un dia nun colóquio peruntáronlle quen eran Voces Ceibes e el incluiume na lista.

Cal era o panorama da música popular naquel momento?

A canción de autor estaba en todas partes: nos Estados Unidos estaba Bob Dylan ou Joan Baez; en Castela, Julia León; en Catalunya, Joan Manuel Serrat ou Guillermina Motta; Menese no flamenco. Quero dicer que era un fenómeno xeral. Na Galiza, estaban Xavier e Benedito, que coñeceron a Moscoso e a Guillermo. Daquela Miro andaba por Barcelona cantando en galego. En Ferrol, estaba un rapaz chamado Tino e por Vigo andaba eu. Ademais, estaban xermolando grupos que querian facer canción en galego. Empezando os 70, xurdiron Fuxan os Ventos, cuxo primeiro nome foi Fol 72, polo ano do nacemento. Cando gañaron o prémio do Festival de San Lucas de Mondoñedo coa canción Fuxan os Ventos, foi cando cambiaron o nome. Milladoiro chamabanse Roi Xordo e acompañaban a Pilocha. Antón Seoane, un dos seus membros, era cantautor como Rodrigo Romaní. Ambos, que tiñan a teima da música instrumental, foron os responsábeis do disco que se chamou Milladoiro, no que colaborou Pepe Ferreiros, que estaba nun grupo de gaitas. O grande éxito que tiveron levounos a cambiar o nome. Estabamos na metade dos anos stenta e xa habia unha morea de grupos preocupados pola música popular ainda que o momento de maior éxito ainda estaba por chegar.

Lémbrome dun festival no Grove que se levou a cabo durante tres anos polo que coñecín a un grupo da Coruña chamado Verbas xeitosas, onde tamén vin por primeira vez a Xocaloma ou a Xuntanza. Paralelamente estaba Jei Noguerol en Lugo e Luis Olivares, catalán, que cantaba en galego. O panorama estaba ben cheo de xente. Axiña as discográficas comezaron a interesarse pola música popular.

Como se deu aquel interese das discográficas de fora?

Hai empresários que tiveron moi boa vista como no caso de Edigasa, de Catalunya, que se deron conta que facer discos en catalán podia ser rendábel. Despois, ao ver que o fenómeno se daba na Galiza e que aquí non habia quen fixese discos, decidiron gravalos eles, como os de Voces Ceibes. Fóronse vendendo de man en man porque aquilo nas tendas asustaba un pouco ainda que pasasen os pertinentes permisos legais. Habia, ademais, outras empresas como Fonomusic, que trouxeron ao Estado, primeiro, música latinoamericana e gravaron a cantantes como Labordeta ou Llach. Agora publican a xeito de enciclopédia todos os discos que fixeron e pode verse que esta empresa recolleu moita da música de autor que se facia. Ao mesmo tempo graváronlle un disco en directo a Llach en Barcelona, a Labordeta en Aragón e a min na Galiza, desprazando unha equipa até aquí. Foi o meu primeiro disco, no ano 1977. Outras casas déronse conta que habia mercado na Galiza e criáronse selos como Abrente ou Limoeiro.
Do ano 1975 ao 1980 a música galega estaba no seu mellor momento. As actuacións estaban cheas de público, sempre habia contratacións e os discos vendíanse. Era máis fácil porque habia menos oferta. Hoxe, se tes mil pesos e queres regalar un disco, chegas a unha tenda e tes cuarenta mil para escoller.

Cantar por cantar

Cal era o obxectivo que se perseguia daquela na música galega?


No meu caso, simplesmente cantar en galego. Púñalle música aos poemas que me gostaban e, cando me dei conta, xa tiña un repertório feito. Queria textos xeitosos, con base. Teño moitas letras feitas pero sempre reitero que na Galiza temos os mellores letristas. No ano no que se lle adicaron as Letras Galegas a Celso Emílio Ferreiro, estiven dando charlas sobre a sua poesia e a música galega. Era surprendente descobrir como tiña case douscentos poemas musicalizados. Non creo que haxa un poeta no mundo con esa característica. Curros Enríquez ou Bernardiño Graña son outros exemplos de letristas. Póndolles música fáiselles unha leitura nova e nascen as cancións. A min non me atrae facer maravillas con cuarenta músicos; o que quero é traballar do xeito máis simples sempre pensando no directo. Probabelmente isto resposta a que eu nunca me formulei viver da música porque sei que é moi difícil. Non quero ser un profisional do canto, só facelo o mellor que podo.

Daquela non habia máis ambición que cantar, ninguén pensaba viver da música nen vender discos no estranxeiro. Era como un deber. O dos discos era un soño. Dicáinnos que eramos maos e que lle iamos facer? Non partiamos da experiéncia senón da vontade. Hoxe vas ao festival de bandas de música e comporbas que hai centos de rapaces moi preparados, que estudan durante anos.

O popular era tamén clandestino.

Naqueles anos, a música galega era completamente clandestina. Habia que apresentar as letras para as actuacións e case sempre che denegaban todo porque o que buscaban claramente era que non se celebrasen concertos. Era unha roda na que participaban desde un médico que falaba de hixiene sexual nos anos sesenta, un profsor que daba unha conferéncia sobre libros, un rapaz que recitaba poemas, etc. Pouco a pouco facendo país. chegaba un panfleto, liámolo e pasabámolo a outra persoa. na transición, cambiou a situación porque a xente tiña fame de todo, nomeadamente da música popular. Até os anos 80, as festas contaban con todos estes músicos que, coma min, crian que cantar en galego é importantísimo.

O mellor momento musical coincide coa transición; a análise ten que ir parella. A xente sai á rua a reivindicar e descobre todo o que era clandestino, como a música. En 1978, fixen 80 actuacións en 90 dias. O 17 de Maio, ás once de mañá cantei para rapaces no pavillón de deportes de Lugo; á unha nun coléxio de Melide; ás tres en Taragoña; entre cinco e seis, en Castrelos, en Vigo, e ás nove da noite en Ourense. Como a min, pasáballe a outros porque habia fame desa música. Lembro unha actuación en Pontevedra, na Alameda, na que se reuniron unhas dez mil persoas. Os nosos discos ainda estaban empezando a sair nese momento. Eran tempos de mitins políticos e de manifestaciós.

A música galega tamén tivo unha forte identificación política.

En parte explícase polas próprias simpatias políticas dos músicos ainda que non todos militasen en organizacións. O que si é certo é que todos os que faciamos música en galego eramos xente concienciada. Un mitin podia resultar aborrido pero chamaba máis cunha festa na que houbese actuacións. Lembro un mitin de Unidade Galega con Fuxan os Ventos e mais eu que foi inesquecíbel pola cantidade de xente que se reunia. Ninguén nos facia cambiar de repertório porque tiñamos unha liña clara e coerente no noso traballo.

Que claves explican o esgotamento dese bon momento musical?
Houbo xente que quedou no camiño porque así o decidiron. Voces Ceibes desfixéronse en 1974. Fuxan os Ventos continuaron e racharon, máis tarde, en dous orixinando A Quenlla, que vai polo quinto disco. Emílio Cao non estaba parado pero salta á actualidade co seu último traballo. O que quero dicer é que hai moita xente que non sai á luz pero continua traballando, non desapareceu. si é certo que houbo cansazo. Eu continuo a cantar porque non teño que comer disto. Daquela claro que convocabamos a moreas de xente pero é que eramos Fuxan, A Roda, Xocaloma, Cao e pouco máis. Até estabamos de moda entre as comisións de festas patronais.

Infraestrutura discográfica

Desde o ponte de vista das casas de discos cre nas posibilidades da música galega?


O problema é o de calquer sector: hai que vender. Mentres a xente merque discos, as empresas van arriscar. Se as previsións son moi boas, pode haber unha produción grandiosa. Na Galiza movémonos en cantidades pequenas e as empresas actuan en consecuéncia. Non hai venda masiva, agás en casos como o de Carlos Núñez, pero hai que ter en conta que aí entra un mercado máis amplo que trascende Galiza. Hai grupos que colaboran na produción aportando cartos ou que se encarregan eles mesmos de vender o produto. Non se pode gastar moitos cartos en promoción senón se gastan na produción. Hai que ir ao ponto de venda e convencer. Pero para iso tamén é preciso que os meios de comunicación locais se impliquen e pinchen ese disco. Na Galiza, a promoción ten que funcionar dese xeito. É un proceso difícil porque hai mil discos con grandes campañas detrás. A venda de discos de música galega é importante no verán e no Nadal porque veñen os emigrantes que osn un colectivo moi interesado en todo o que sai. Mercan de dez en dez para levar.

Hai infraestruturas para gravar música popular galega?

Si, hai desde estúdos até distribuidoras. Quizais, se se rematase coa dispersión poderian funcionar mellor. Sei que agora é unha utopia pero se houbese unha canle distribuidora forte, poderia difundirse toda a música aforrando cartos e esforzos acadando máis efectividade. Penso que seria unha solución a estudar que evitaria que os vendedores tivesen que percorrer toda Galiza cunha pequena carteira de discos.

[i] Negareime, do disco Limiar.
[ii] Terra, do disco Nin rosmar un laído. Letra de Valentín Lamas Carvajal.
[iii] Anaina para o Che Guevara, do disco Celso Emílio Ferreiro na voz de Suso Vaamonde. Letra de Celso E. Ferreiro
[iv]Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, do disco Nin rosmar un laído. Letra de Dario Xohán Cabana.
[v] Compañeiros, do disco Loitando. Letra Suso Vaamonde.
[vi] Derradeira vontade de Fuco Buxán, do disco Loitando e Nin rosmar un laído. Letra de Celso E. Ferreiro.
[vii] Cadernos A Nosa Terra, de pensamento e cultura: Cancións para todos nós. Crónicas de 30 anos de música galega. Decembro. 1996.


Ler máis

Etiquetas:

Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com