
Contaba hai uns anos un antigo guerrilleiro antifascista que o peor do dia era cruzar-se cada tarde pola Praza Maior de Lugo coa persoa que asasinara ao seu irmán e a un seu sobriño. A face do asasino non amosaba nengun sinal de arrepentimento, ao contrário, ollaba altivo e fachendoso ao vello partisano. Mais o guerrilleiro, non por iso deixaba de pasear todos os dias pola mesma praza,... xa pasara por longos anos de cárcere como para se acovardar ante un desgraciado fascista. Este Ferramentas, que non é máis quen unha pequena colleita do material que sobre este tema calquer pode atopar, está adicado a memória de todas as persoas que combateron o golpe fascista do 36. Como cantan as FARC-EP: “Os que morren pola vida non se poden chamar mortos”.O debuxo da portada é de Castelao e a frase que o completa (“Van a matarnos; pero venceremos”) non poderia retratar mellor o valor daqueles antifascistas que perderon a vida a mans de garda civís, falanxistas e demáis podredume ao servizo do capital. A história, teimosa ela, demostra-nos que os capitalistas nunca duvidaron en utilizaren a violéncia explícita contra os seus inimigos. É algo do que devemos aprender e que devemos aprehender. O Arsenal, o Castelo de San Felipe, o cemitério de Canido, etc.; muitos son os lugares de Ferrol, e do conxunto da comarca, onde o chan foi tinguido polo sangue dos fusilados desde xullo de 1936. Outros muitos encheron as gávias das nosas ruas e corredoiras, nos covardes paseos. Nestes asasinatos a primacia recaia na Falanxe, formada maioritáriamente por señoritos que co escomezar dos combates, diñeiro meiante, puderon librar de ir ao frente. A Falanxe, cuxos militantes na comarca antes de xullo do 36 non pasaban dos dedos dunha man, foi medrando a medida que se ia asentando o novo poder. Porque é necesário dicer que nun primeiro momento, as clases altas, os militantes da direita, mesmo incluso as Xuventudes Filofascistas, tiveron muito coidado para non aparecer mesturados coa sublevazón, que tiña, nos primeiros dias, un carácter puramente militar, agardando a consolidazón desta para somar-se aos sublevados, iso si, con grande entusiasmo. Mentres os executores da Falanxe pertencian ás clases pudientes, a meirande parte dos fusilados formaban parte das clases traballadoras (por un lado os defensores civís, a meirande parte proletários, e pola outra parte os soldados da mariña de extraczón popular). Certo é que, lóxicamente, houbo numerosas excepzóns (o mesmo xefe do Arsenal, contralmirante Azarola, é fusilado polos fascistas, ou o crego de Moeche, Andrés Ares, executado a carón do cemitério de Barallobre [1]), mais son iso, excepzóns. Aquí non houbo unha guerra entre irmáns, senón que houbo un agudizamento da luita de clases. E perdemos, e se non comprendemos isto imos seguir a perder durante muito tempo. En Ferrol houbo unha destacável resisténcia, só equiparável á de Tui, e que topou co erro táctico das autoridades republicanas de enviar os mellores buques militares ao sul peninsular, cunha dotazón conxunta de 2000 soldados da mariña fieis á Governo da Frente Popular, deixando a cidade nas gadoupas dos fascistas, co que iso suporia para o trascurso global da guerra por contar Ferrol coa maior base naval e na que os obreiros do naval estaban a piques de botar duas novas fragatas. Unha resisténcia que combateu nas ruas e no Arsenal entre os dias 20 e 22 de xullo e que tamén sofreu outra eiva motivada polo comportamento duvidoso e timorato de boa parte das autoridades locais. De todos xeitos, cumpre ter presente que son muitos os militares (sobretodo tropa da mariña, como no caso da tripulazón do acorazado España e do cruceiro Almirante Cervera que se rebelan contra os mandos e manteñen o apóio á legalidade) que pagaron coa sua vida o non se uniren ás forzas reaccionárias e luitar do lado do proletariado. Pola sua especial forza simbólica sinalaremos o caso de Antonio Cartelle Sánchez, de 22 anos e natural de Chanteiro (Ares), soldado da mariña que foi pasado polas armas após erguer o puño ao remate dunha arenga do contraalmirante Castro. [2]Que pasou en Ferrol neses primeiros dias de sublevazón fascista?
Unha vez foi dominado polos fascistas o Arsenal, o levantamento golpista extendeu-se por toda a comarca. Unha detallada descrizón do acontecido entre os dias 20 e 22 atopamo-la na no traballo De perpetua a muerte. Historias de la Guerra Civil de Xosé Manuel Suárez. Transcrevemos, traducido ao galego, un anaco do acaecido na cidade de Ferrol: (...) A mañá do 20 os obreiros do estaleiro incorporan-se con aparente normalidade ao traballo. Hai reunións de mandos da Armada en Capitania mentres os oficiais do Exército debaten a decisión a tomar no Governo Militar. É contra as tres e cuarto da tarde cando se sinten as detonazóns de tres foguetes de feira, guindados non se sabe por quen. É un sinal interpretado polos sublevados como o comezo dunha suposta folga revolucionária. Os traballadores, pola sua banda, calculan que anúncian a sublevazón militar. Forma-se unha nutrida manifestazón popular que vai cara ao Arsenal pedindo armas, mais na Porta do Dique se impide a entrada dos manifestantes disparando sobre eles forzas de infantaria de Mariña. Apartir dese momento teñen lugar, case simultaneamente, as detenzóns de Azarola no seu despacho e as rebelións contra os mandos golpistas no acorazado “España” e no cruceiro “Almirante Cervera”. Desde o Governo militar ordena-se que unha bateria de artillaria avance polo centro da cidade. A compañia pasa pola Praza de Armas e vai cara a Amboage. No seu percurso é hostilizada por civís armados que se agachan nas bufardas e nas partes altas dos edifícios. Os artilleiros desaloxan algunhas casas onde se fan fortes os resistentes, tomando-as ao asalto con granadas de man. Mentres, o cuartel de artillaria receve disparos de fusil desde a estazón do ferrocarril e vivendas dos arredores, trata-se de obreiros da Construtora e mariñeiros do Arsenal, cuxos uniformes brancos se destacan claramente. Pésie á resisténcia, as forzas de artillaria ocuparán a central telefónica, a praza de abastos e a xeradora de electricidade. Do cuartel de infantaria saiu unha compañia do reximento Mérida 35. No seu camiño van pola rua do Sol e baixan á Maria pola de Lugo, onde achan a resisténcia desesperada de dous anarquistas, que tentan deté-los con disparos de pistola. Do cuartel de Dolores, en Fontelonga, unha seczón de infantaria dirixe-se a ocupar o bairro de Esteiro. Ao chegar aos Cantóns, frente á Casa do Concello, produce-se a confusión da xente aglomerada que vitoria aos militares coidando que defenden o consistório; o alcalde Santamaria, caldereiro na construtora naval, militante do PSOE, sai recebé-los, mais os disparos ao ar dos infantes desengana a todos das suas intenzóns (...)”. [3]Cantas persoas foron fusiladas polos fascistas na comarca de Ferrol?
Entre fusilamentos “oficiais” (con senténcia dun tribunal militar) e paseos (fusilamentos clandestinos) o número total de asasinados na comarca entre xullo de 1936 e decembro de 1939 supera os 700, sendo a maioria (65%) paseados. Só entre os meses de agosto e setembro do 36 hai que contar 380 fusilados. Ademáis dos asasinados, a represión actuou contra centos de persoas que foron presas e enviados a distintos campos de concentrazón (como o que existia en Cedeira, no que os fascistas aproveitaron tres fábricas de conservas e as arrodearon de arame de espiño) ou a cárceres das zonas peninsulares controladas polos fascistas, especialmente á prisión de Cádiz.
A primeira causa de mortalidade na comarca de Ferrol no ano 1936 foi a represión fascista.
E chegou a posguerra e con ela os anos da fame. Despois os anos do “desenvolvimento”, preparando o camiño para o cámbio de disfarce. O capital deixou a camisa azul na última gaveta do armário e estreou traxe de Armani, pasando antes pola chupa de pana. Mais os asasinos seguen a ser os mesmos.
SILENCIOS NA MEMORIA A Quenlla
As iras rompen silencios cando os crimes non se acordan cando no espantallo dormen paxarons da desmemoria. Por iso voulles contar levando cousa con cousa, poñendo unha feble luz nun lugar de tanta sombra.
Era o ano trinta e seis, anos de sangue e afrontas, mártires da libertade quedan tirados na foxa. E en agosto, o dezasete, disparan armas traidoras contra de xente inocente, ...caeu Alexandre Bóveda. Na Caeira, en Pontevedra, un mencer triste da historia, ...se rescatamo-los feitos, non deixaremos que volvan!
A guerra civil encheunos a memoria de foxas e o carazón de baleiros. Foi unha victoria que non trouxo a paz, porque cómpre rompe-lo silencio, recuperando esa, ...a súa voz necesaria de cantos alí a perderon.
Eran da Frente Popular, anarquistas, republicanos, comunistas, galeguistas, sindicalistas, socialistas, nacionalistas, ou insubmisos á rebelión, ou inocentes inculpados polo dedo revirado de delatores vengativos ou arribistas do novo mando...
Mais, ...espigaron inxusticias glorificando os abusos, conformando a tiranía para deixar todo oculto, tentando que o tempo borre o que o tempo ó fin descobre. Ninguén a culpa hoxe asume. Os herdeiros da victoria van diante, e van dicindo: “que é botar máis leña ó lume”.
Mataron, martirizaron, escurecendo as auroras, enchendo a terra de sangue, de medo, loito e derrota. Os vencedores procuran impunes pechar as portas, para negar a verdade, para anular a memoria.
Venceron e aínda seguen administrando a victoria, aqueles que aínda hoxe queren facer a noite máis longa perderon creto e razón pois na mentira se agochan. Mártires son o guieiro e o pobo daralles gloria a tantos que un día soñaron unha Galicia máis nosa. Pioneiros da liberdade ¡serán lembrados con honra¡
Etiquetas: GZ |