Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Daquela Viviamos Mellor, por Stephen Gowans
15/01/2012

Traducimos ao galego o último artigo do estadounidense Stephen  Gowans, Daquela Viviamos Mellor [We Lived Better Then]. A coincidir coa morte do anticomunista checo Vaclav Havel, o autor analiza a situación actual dos antigos países socialistas comparándoa coa realidade anterior ás contrarrevolucións capitalistas. Explica ao lector que foi realmente Vaclav Havel, santificado polas empresas de información. Tamén trata o papel da intelectualidade radical estadounidense e o seu marcado carácter anticomunista, centrándose na figura do coñecido historiador Howard Zinn.
Para facilitar a lectura deste artigo, o lector pode descargado en formato PDF desde AQUÍ. (No artigo en formato PDF aparecen as citas coas referencias bibliográficas.)





DAQUELA VIVIAMOS MELLOR
Stephen Gowans


Hai máis de dúas décadas, Vaclav Havel, o mimado herdeiro dunha familia adiñeirada de Praga, axudou a pór en marcha un período de reacción, en que as propiedades e bens dos antigos propietarios e magnates da industria foron devoltos aos seus anteriores donos, mentres que o desemprego, a falta de vivenda e a inseguridade –abolidas polos comunistas- volveron á orde do día. Havel é eloxiado polos sospeitosos habituais, mais non polas súas numerosas vítimas, que foron empurradas outra volta ao abismo da explotación pola Contrarrevolución de Veludo e demais erupcións retrógradas. Coa queda do socialismo, algo que permitiu que Havel e o seu irmán recuperaran vastas posesións familiares, Havel –traballador dunha fábrica de cervexa no socialismo- converteuse nun home rico. Isto non se podo dicir de moitos outros, cuxas mellores vidas cos comunistas foron arrasadas por unha estafa que, nos vindeiros días, vai ser loada polos medios de comunicación con motivo do 20º aniversario da demolición da Unión Soviética. Este aniversario non é motivo de celebración, agás para a minoría que se beneficiou. Para a maioría de nós debe ser unha ocasión para reflexionarmos sobre como ese 99% da humanidade que estamos abaixo fomos quen por nós mesmos de expulsarmos as constricións, inestabilidades e crueldades innecesarios do capitalismo.

Durante as súas sete décadas de existencia, e a despeito de ter que pasar tanto tempo preparando, loitando e recuperándose das guerras, o socialismo soviético conseguiu acadar un dos grandes logros da historia humana: unha sociedade industrializada que eliminou a maior parte das desigualdades de patrimonio, ingresos, educación e oportunidades que padeceron os seus predecesores, os que viñeron despois e os que competían con el; unha sociedade en que a sanidade e a educación até a universidade eran gratuítas (e os estudantes universitarios recibían axudas económicas); en que o arrendamento, os servizos e os transporte públicos eran subvencionados, xunto cos libros, revistas e eventos culturais; en que a inflación foi eliminada, as pensións eran xenerosas e o coidado infantil era subvencionado. En 1933, con mundo capitalista sumido profundamente nunha devastadora crise económica, aboliuse o desemprego, e mantívose así durante as seguintes cinco décadas e media, até que o socialismo si foi abolido. Bardantes os anos da guerra, desde 1928, cando foi introducido o socialismo, até finais dos 80 cando Mijail Gorbachov comezou a desarmalo, o sistema soviético de planificación centralizada e propiedade pública produciu un crecemento constante, sen as recesións que afectaron as economías capitalistas de América do Norte, Xapón e Europa Occidental. E na maioría deses anos, as economías soviética e da Europa do Leste medraron máis rápido.

Os comunistas crearon unha seguridade económica tan robusta (e a miúdo máis) que a dos países máis ricos, mais con menos recursos, menor nivel de desenvolvemento e malia os incansábeis esforzos dos capitalistas por sabotaren o socialismo. O socialismo soviético era, e continúa a ser, un modelo para a humanidade –do que se pode lograr fóra dos límites e contradicións do capitalismo. No entanto, a finais da década dos 80, a contrarrevolución estendeuse pola Europa do Leste e Mikhail Gorbachov desmantelou os piares do socialismo soviético. Inxenua, cega e estupidamente, algúns coidaban que o proxecto de demolición de Gorbachov abriría o camiño dunha próspera sociedade de consumo, en que os cidadáns soviéticos, coas súas contas bancarias inzadas polos ingresos obtidos dos novos traballos orixinados pola sólida economía de mercado, encherían as tendas e os luxosos centros comerciais para limparen os estantes cheos de produtos de consumo. Outros imaxinaron unha nova era dunha florecente democracia multipartidista e amplas liberdades civís, que coexistiría coa propiedade pública dos piares fundamentais da economía, un modelo que parecía inspirarse máis nos soños utópicos que na dura realidade.

Por suposto, ningunha das grandes promesas da contrarrevolución se cumpriu. Mentres que nesa época, a desaparición do socialismo na Unión Soviética e na Europa do Leste foi proclamada como unha grande vitoria para a humanidade, en particular polos intelectuais de esquerda dos Estados Unidos, dúas décadas despois pouco hai que celebrar. O desmantelamento do socialismo foi, nunha palabra, unha catástrofe, unha grande estafa que non só non entregou ren do que prometeu, senón que causou un dano irreparábel, non só nos antigos países socialistas, mais tamén en todo o mundo occidental. Incontábeis millóns de persoas afundíronse profundamente na pobreza, o imperialismo ten carta branca e os salarios e beneficios no Occidente baixaron perante a presión dunha maior competencia no emprego e na industria desatada por unha avalancha nos antigos países socialistas, onde o desemprego foi considerado unha vez, e con razón, unha obscenidade. Innumerábeis voces na Rusia, Romanía, leste de Alemaña e noutras partes láianse polo que lles foi subtraído –a eles e á humanidade no seu conxunto: «Vivíamos mellor so o socialismo. Tiñamos traballo. Tiñamos seguridade.»  E coa ameaza duns postos de traballo que migran a baixos salarios, os países con altas taxas de desemprego da Europa do Leste, os traballadores da Europa Occidental víronse forzados a aceptaren unha xornada laboral máis ampla, peores salarios e beneficios máis pobres. Hoxe, manteñen unha desesperada loita na retagarda, onde as vitorias son poucas e as derrotas, moitas. Eles tamén viviron mellor unha vez.

Mais esta é só unha parte da historia. Para outros, para os inversores e empresas, que atoparon novos mercados e oportunidades de rendíbeis investimentos, e poden recolleren os beneficios dos custes laborais máis baixos derivados da intensa competencia laboral, o derrocamento do socialismo, de facto, foi algo para celebraren. Do mesmo xeito, foi ben recibido polas elites terratenente e industrial dos antigos países socialistas, que recuperaron e privatizaron as súas antigas propiedades e industrias. Mais son unha minoría. Por que o resto celebramos o noso propio atraco?

Antes do desmantelamento do socialismo, a maioría da poboación mundial estaba protexida fronte as vicisitudes do mercado global capitalista pola planificación central e as altas barreiras arancelarias. Mais unha vez que o socialismo caeu na Europa do Leste e na Unión Soviética, e cunha China a camiñar resoltamente pola vía capitalista, a reserva de traballadores desprotexidos a disposicións das transnacionais medrou sen pausa. Hoxe, unha forza de traballo moitos maior que a reserva interna de traballadores estadounidenses –e disposta a traballar por moi pouco diñeiro- agarda as corporacións mundiais. Un non ten de ser un xenio para coñecer as implicacións para os traballadores estadounidenses e os seus homólogos na Europa Occidental e Xapón: unha intensa competencia de todos contra todos polos postos de traballo. Inevitabelmente, os ingresos caen, os beneficios diminúen e as horas de traballo amplíanse. Como cabía esperar, cos custes laborais caendo, os beneficios engordando, o capital acumulándose e as burbullas multiplicándose, aparecen as crises financeiras e as guerras de rapina para aseguraren as oportunidades de investimento.

A crecente competencia polos postos de traballo obrigou aos traballadores da Europa occidental a aceptar menos. Traballan máis horas, e nalgúns casos por menos diñeiro e sen incremento de beneficios, para que nos os levan é República Checa, Eslovaquia ou outro antigo país socialista –onde, baixo o poder socialista, había traballo para todos. Máis traballo por menos diñeiro é un agradábel resultado para as corporación, e é o mesmo resultado das políticas dos fascistas nos seus países capitalistas na década dos 30. Os métodos, sen dúbida, son diferentes, mais o anticomunismo de Mussolini e Hitler, nas mans de outros, resultou ser igual de útil para a logro dos mesmos obxectivos retrógrados. Ninguén que estea suxeito aos vaivéns do mercado de traballo –case todos nós- debe estar feliz pola queda do socialismo.

Quizais algún de nós non sabe que fomos asaltados. E pode ser que algún de nós non fora asaltado. Pensemos, por exemplo, no historiador radical estadounidense Howard Zinn, quen, xunto con moitos outros prominentes intelectuais de esquerda, saudou con ledicia a queda do socialismo.  Eu, non menos que outros, admirei os libros, artigos e o activismo de Zinn, aínda sendo consciente do seu ardente anticomunismo típico dos intelectuais de esquerdas estadounidenses. Sen dúbida, nun ambiente hostil ao comunismo, non debería ser causar sorpresa esas notábeis mostras de anticomunismo como unha estratexia de supervivencia para aqueles que buscan a simpatía e manter a súa reputación diante dun numeroso (e ferventemente anticomunista) público.

Mais pode haber outra razón do anticomunista deses cuxas posicións políticas poden ser albo da acusación de seren brandos co comunismo e, por tanto, de teren rabo e cornos. Como disidentes nas súas propias sociedades, sempre houbo unha tendencia natural a se identificaren cos disidentes doutros lugares –e a propaganda antisocialista e procapitalista do Occidente con total naturalidade elevou os disidentes dos países socialistas ao estatus de heroes, especialmente aqueles que foron encarcerados, calados ou reprimidos de algunha forma polo Estado. Para estas persoas, o recorte das liberdades civís en calquera lugar ocupa un lugar preponderante, polo que a limitación das súas liberdades civís sería un feito de grande significado persoal. En comparación, os logros socialistas en proporcionar unha confortábel frugalidade e seguridade económica para todos, ao tempo que o recoñece intelectualmente como un logro de certa importancia, é menos probábel que estimule a imaxinación de alguén que ten uns bos ingresos, o respecto dos seus compañeiros e un montón de xente a ler os seus libros e asistir ás súas conferencias. El non ten que rebuscar nos vertedoiros de lixo para poder levar unha existencia dura, triste e pouco gratificante. Algúns si.

Karol, de 14 anos, e a súa irmá Alina, de 12, camiñan diariamente a un vertedoiro, onde se amontoan mesturados todo tipo de desperdicios industriais, nas aforas de Swietochlowice, na antiga Polonia socialista. Alí, xunto co seu pai, buscan chatarra e carbón de pouca calidade, calquera cousa para traeren uns poucos cartos cos que mercaren unha escasa provisión de víveres. «A vida era mellor no socialismo», di o pai de Karol, de 49 anos, repetindo unha frase que se escoita unha e outra vez non só en Polonia, senón tamén nos demais antigos países socialistas da Europa do Leste e na antiga Unión Soviética. «Traballei 25 anos na mesma empresa e agora non podo atopar traballo –ningún traballo. Só queren traballadores xoves e cualificados.»  Segundo Gustav Molnar, analista político do Instituto Laszlo Teleki, «a realidade é que cando as empresas estranxeiras veñen aquí, só están interesadas na contratación de menores de 30 anos. Isto significa que a metade da poboación está fóra do xogo.»  Isto pode adaptarse ás liñas mestras das corporacións estranxeiras –e a queda do socialismo puido ser un agradábel resultado para os ben alimentados e cómodos intelectuais de Boston- máis non se adapta a esa parte da poboación polaca que debe abrirse paso polas montañas de residuos industriais –ou perecer. Maciej Gdula, de 34 anos, membro fundador do grupo Krytyka Polityczna [Crítica Política], láiase de que moitos polacos «están desilusionados coas incumpridas promesas do capitalismo. Prometéronnos un mundo de consumo, estabilidade e liberdade. No seu lugar, temos toda unha xeración de polacos que emigraron para iren lavar pratos.»  Baixo o socialismo «había sempre traballo para todos»  -na casa. E sempre un lugar para vivir, escolas gratuítas para ir e médicos para visitar, sen custe ningún. Logo, por que Howard Zinn se alegra da queda do socialismo? E onde están hoxe as celebracións dos de Solidariedade?

É obvio que a queda do socialismo non deveu en ningunha clase de beneficio para a maioría. Unha década despois do avanzo da contrarrevolución pola Europa do Leste, 17 antigos países socialistas eran moito máis pobres. Na Rusia triplicouse a pobreza. Un neno de 10 anos –tres millóns de nenos na Rusia- vivían como animais, mal alimentados, vestidos con farrapos e habitando, con sorte, en miserábeis e sucios pisos. Só en Moscova, entre 30.000 e 50.000 nenos durmían na rúa. A esperanza de vida, a educación, a alfabetización e os ingresos diminuíron. Un informe do European Children’s Trust, realizado no ano 2000, revelou que o 40% da poboación dos antigos países socialistas –un número igual a un de cada dous cidadáns estadounidenses- vivía na pobreza. A mortalidade infantil e a tuberculose medraban, achegándose aos niveis do Terceiro Mundo. A situación, segundo a ONU, era catastrófica. E en todas partes a historia era a mesma. ,  ,  , 

Paul Cockshot sinala que:

«A restauración dos mecanismo de mercado na Rusia foi un vasto experimento controlado. A nación, o carácter nacional e a cultura, os recursos naturais e o potencial produtivo seguen a ser os mesmos, só cambiou o mecanismo económico. Se os economistas occidentais estivesen no certo, daquela deberíamos esperar que o crecemento económico e os niveis de vida deran un salto adiante após a terapia de choque de Ieltsin. En troca, a economía do país pasou a ser un caso perdido. A produción industrial colapsou, atrofiáronse as industrias de tecnoloxía avanzada e o nivel de vida reduciuse tanto que a mortalidade se disparou máis de un terzo, chegando aproximadamente a 7,7 millóns de mortes adicionais.»

Para moitos rusos, a vida volveuse infinitamente peor.

«Se eras vello, se eras agricultor, se eras un obreiro, o mercado era moito peor que inclusive a relativamente estancada economía soviética de Brezhnev. A recuperación baixo Putin, tal como foi, chegou case na súa totalidade como un efecto secundario do aumento dos prezos mundiais do petróleo, o mesmo proceso que tivo lugar baixo Brezhnev.»

Mentres o retorno do capitalismo fixo a vida máis dura para algúns, para outros resultou fatal. De 1991 a 1994, a esperanza de vida na Rusia caeu cinco anos. En 2008, a esperanza de vida dos homes rusos era menor de 60 anos, sete anos menos que en 1985, cando Gorbachov chegou ao poder e comezou a desmantelar o socialismo soviético. Hoxe «só un pouco máis da metade dos países ex socialistas recuperaron os niveis de esperanza de vida», segundo un estudo publicado na prestixiosa revista médica The Lancet.

«Viviamos mellor baixo o comunismo», conclúe Aleksandr. «As tendas están inzadas de produtos, máis son moi caros.» Víctor suspira pola «estabilidade dunha época anterior de sanidade accesíbel, educación superior e vivenda gratuítas e a seguridade dunha cómoda xubilación –agora estas cousas están fóra do seu alcance».  Un informe de 2008 no Globe and Mail, un xornal canadense, sinalou que «moitos rusos entrevistados afirmaron botar de menos o seu país perdido». Entre estas persoas está a escritora moscovita Zhanna Sribnaya, de 37 anos. Sribnaya lembra «os campamentos de Pioneiros, cando todos podían ir ao Mar Negro nas vacacións de verán. Agora só a xente con cartos pode ir de vacacións».  Que Aleksandr, Vítor e Zhanna sexan libres para denunciaren coa máxima dureza ao novo goberno, de o desexaren, non semella ser un consolo.

Ion Vancea, un romanés que loita por saír adiante cunha mísera pensión mensual de 31 euros, di: «É certo que non había moito onde elixir, mais agora os prezos son tan elevados que non podemos permitirnos mercar os alimentos, como tampouco facermos fronte ao pago da electricidade.» A se facer eco das palabras de moitos romaneses, Vancea engade, «A vida era dez veces mellor con Ceausescu» [Nicolae Ceausescu, líder do Partido Comunista de Romanía].  Unha enquisa realizada o pasado ano demostrou que a opinión de Vancea non é minoritaria. Levada a cabo pola empresa de opinión polaca CSOP, a enquisa mostrou que case a metade dos romaneses coidaban que a vida era mellor so Ceausescu, en comparación co menos dun cuarto que pensaban que era mellor actualmente. E mentres Ceausescu é lembrado no Occidente como un demo con cornos e rabo, só o 7% afirmou ter padecido no socialismo. Por que a metade dos romaneses coidan que a vida era mellor no socialismo? Responden que polo pleno emprego, polas condicións de vida dignas para todos e pola vivenda garantida –vantaxes que desapareceron coa queda do socialismo.  

Ao seu carón, en Bulgaria, o 80% din estar peor desde que o país fixo a transición cara a unha economía de mercado. Só o 55% di que o seu nivel de vida mellorou.  Mimi Vitkova, ministra de Sanidade de Bulgaria durante dous anos a mediados dos 90, resume a vida após a queda do socialismo: «Nunca fomos un país rico, mais co socialismo os nosos fillos estaban sans e ben alimentados. Todos vacinados. Xubilados e discapacitados recibían medicamentos gratuítos. Os nosos hospitais eran gratuítos.» No entanto, as cousas mudaron, di. «Hoxe, se unha persoa non ten cartos, non ten dereito á sanidade. E a meirande parte da poboación non ten cartos. A nosa economía está na ruína.»  Unha enquisa de 2009 do Pew Global Attitudes Project mostrou que só un de cada nove búlgaros coidan que a xente do común vive mellor como resultado da transición ao capitalismo. E poucos son os que coidan que o Estado representa os seus intereses. Só o 16% di que este mira polo beneficio de todas as persoas.

No leste da Alemaña xurdiu un novo fenómeno: a ostalgie, nostalxia polo pleno emprego do antigo réxime, pola sanidade gratuíta, pola educación até á universidade gratuíta (cos gastos cubertos polo Estado), rendas baratas, libros e xornais subsidiados e transporte público moi económico. Durante a Guerra Fría, a relativa pobreza da Alemaña do Leste era atribuída á propiedade pública e á planificación central –unha eiva para o desenvolvemento económico, segundo a mitoloxía antisocialista. Porén, a propaganda ignora a mantenta que a parte oriental da Alemaña sempre foi menos desenvolvida que a occidental, saqueada no seu capital humano a finais da Segunda Guerra Mundial polas forzas de ocupación estadounidenses, a Unión Soviética  levouse todo o de valor que puidera indemnizar todas as súas perdas na guerra e o leste da Alemaña levou a peor parte na reparación de guerra a Moscova.  Por riba de todo, os fuxidos da Alemaña do Leste eran presentados como persoas que escapaban da represión dun réxime brutal, e aínda que algúns puideron ser ferventes anticomunistas a fuxiren da represión do Estado, a maioría eran refuxiados económicos que buscaban o abrazo do máis próspero Occidente, cuxa riqueza dependía en grande medida dunha historia de escravitude, colonialismo e imperialismo –procesos de acumulación de capital que os países socialistas non só evitaron, senón que gastaron valiosos recursos en os combateren.

Hoxe, ninguén libre de prexuízos diría que as promesas de riqueza aos alemáns orientais se cumpriron. O desemprego -unha vez descoñecido- mídese con dous díxitos, os alugueres disparáronse e ninguén vai ao médico a menos que poida pagar. A infraestrutura industrial da rexión –máis feble que na Alemaña Occidental durante a Guerra Fría, mais en expansión- desapareceu. E a poboación está a diminuír, con refuxiados económicos, seguindo os pasos dos refuxiados da Guerra Fría, que marchan ao oeste na procura de empregos e oportunidades.  «Aprendéusenos que o capitalismo era cruel», lembra Ralf Caemmerer, que traballa para Otis Elevator. «Sabes, non era ningún disparate.»  Canto á afirmación de que os alemáns do leste teñen “liberdade”, Heinz Kessler, un antigo ministro de Defensa da Alemaña do Leste, responde con aspereza: «Millóns de persoas no leste de Europa non teñen emprego, seguridade nas rúas, sanidade gratuíta  ou seguridade social.»  Secasí, Howard Zinn estaba contento coa queda do socialismo. Aínda que, claro, el non vivía na Alemaña do Leste.

Logo, a quen lle van mellor as cousas? Vaclav Havel, o dramaturgo checo convertido en presidente, viña dunha prominente familia de Praga rabiosamente antisocialista, a cal tiña extensas propiedades, «incluíndo empresas de construción, bens inmóbeis e os estudos cinematográficos Praque Barrandov».  A xoia da coroa das explotacións da familia Havel era o Palacio Lucema, «un palacio do pracer... de galerías, teatros, cinemas, clubs nocturnos, restaurantes e salóns de baile», segundo Frommer. Converteuse «nun lugar habitual de reunión dos novos ricos da cidade», a incluír a un Havel mozo que, criado no luxo do colo dunha institutriz, mimado polos criados e paseado polos choferes da familia en caros automóbiles, «pasou os seus primeiros anos entre o mármore pulido de Lucerna». Despois chegou a traxedia –cando menos, do punto de vista de Havel. Os comunistas expropiaron Lucerna e outras propiedades da familia, e déronlles un uso para o ben común, no canto de usalo para que o pequeno Havel puidese ter máis criados. Havel foi enviado a traballar a unha fábrica de cervexa.

«Eu era diferente dos meus compañeiros de colexio, cuxas familias non tiveran empregados domésticos, enfermeiros e choferes», escribiu Havel unha vez. «Mais experimentei tales diferenzas como unha desvantaxe. Sentíame excluído entre os meus compañeiros.»  Porén, a compañía dos seus compañeiros resultou non ser do gusto de Havel, xa que como presidente, non tardou en reclamar a culler de prata que os comunistas lle arrebataran da boca. Celebrado en todo o Occidente como un heroe da liberdade intelectual, na realidade foi un heroe da restauración capitalista, presidindo o retorno masivo das propiedades nacionalizadas a mans privadas, incluíndo Lucerna e o resto de propiedades familiares. Havel, da facto, foi un campión na defensa dos intereses materiais propios e os da clase explotadora privilexiada á que pertencía.

A Igrexa Católica Romana é outra gañadora. O procapitalista goberno húngaro devolveu á Igrexa Católica Romana moitas das propiedades nacionalizadas polos comunistas, que puxeran estas propiedades ao servizo do ben común. Coa recuperación de moitas das propiedades de Europa central e oriental que algunha vez foron súas, a Igrexa foi quen de retornar ao seu papel parasitario anterior ao socialismo –obtendo vastas cantidades de riquezas non gañada a través das rendas, un privilexio outorgado pola sinxela razón de ter o título de propiedade da terra. Hungría tamén paga ao Vaticano 9,2 millóns de dólares anuais polas propiedades que non puido devolver.  (Teña en conta que unha enquisa de 2008, feita a 1000 húngaros pola empresa de opinión Piackutato Gif, mostrou que o 60% describía a época socialista liderada por Janos Kadar como a máis feliz de Hungría, mentres que só o 14% optou pola época posterior ao socialismo. )

Á marxe da Igrexa, dos antigos propietarios da terra e dos directores executivos, a maioría da poboación do antigo bloque socialista non está satisfeito de que as ganancias das revolucións socialistas se invertesen. Tres cuartas partes de rusos, segundo unha enquisa de 1999 , lamentan a desaparición da Unión Soviética. E a súa visión da situación actual é moi perspicaz. Case o 80% recoñecen a democracia liberal como o goberno controlado polos ricos. A maioría identifica (correctamente) a razón do seu empobrecemento nun sistema económico inxusto (capitalismo), que, segundo o 80%, produce «desigualdades excesivas e ilexítimas».  A solución, para a maioría, é o retorno á situación anterior (socialismo), inclusive se isto significar a existencia dun partido único. Os rusos, láiase o historiador anticomunista Richard Pipes, non teñen o gusto dos estadounidenses pola democracia multipartidista e semellan incapaces de curaren a súa afección polos líderes soviéticos. Nunha enquisa, pedíuselles aos rusos unha lista coas dez máis grandes personalidades de todos os tempos e de todas as nacións. Lenin foi segundo, Stalin cuarto (Pedro o Grande ficou primeiro). Pipes semella realmente triste por que non elixiron ao seu antigo xefe, Ronald Reagan, e está farto que despois de anos de propaganda antisocialista e procapitalista, os rusos sigan comprometidos coa idea de que a actividade económica privada debe limitarse, e que «o goberno necesita ter unha maior participación na vida económica do país».  Outra enquisa que preguntaba aos rusos polo sistema socio-económico que preferían, ofreceu estes resultados:

•    Planificación e distribución estatal, o 58%;
•    Distribución e propiedade privada, o 28%;
•    Non sabe, non contesta, o 14%.

Logo, se os empobrecidos pobos dos antigos países socialistas botan de menos as anteriores vantaxes do socialismo, por que non votan aos comunistas? O socialismo non se pode activar con só premer un interruptor. As antigas economías socialistas foron privatizadas e postas baixo o control do mercado. Eses que aceptan as metas e valores do capitalismo foron recrutados para ocuparen cargos clave do Estado. As estruturas política, legal e económica foron alteradas para dar cabida á produción privada con fins de lucro. Certo é que hai algunhas portas abertas para a participación dos partidos comunistas dentro das novas democracias liberais multipartidistas, mais os comunistas compiten con partidos financiados con moita máis xenerosidade en sociedades en que os seus inimigos recuperaron as súas riquezas e privilexios que utilizan para inclinaren o campo de xogo ao seu favor. Eles son os donos dos medios de comunicación e, por tanto, están en condicións de daren forma á opinión pública e fomentaren o apoio á propiedade privada durante as eleccións. Gastan fortunas en faceren presión sobre o Estado e políticos, poñen en marcha grupos de “sabios” que lanzan un sen fin de recomendacións e enchen os medios con “expertos” comentaristas procapitalistas. Fixan a axenda das universidades a través das doazóns, subvencións e o financiamento de cátedras para o estudo de materias de interese para os seus negocios. Poñen baixo á súa influencia aos políticos ao repartiren xenerosas contribucións de campaña e promesas de lucro e oportunidades profesionais despois da política. É estraño que os comunistas non reciban votos como para gañaren as eleccións? A democracia capitalista significa democracia para uns poucos –os capitalistas-, non unha situación de igualdade de condicións, onde a riqueza, a propiedade privada e os privilexios non importen.

E calquera que pense que os Roxos poden ser elixidos para cargos deberían lembrar a política exterior ianqui a respecto do Chile de 1973. Os Estados Unidos deseñaron un golpe de estado para derrocar o socialista Salvador Allende, sobre a base de que os chilenos non se podían permitir a “irresponsábel” decisión de elixiren un socialista. Hai menos tempo, os Estados Unidos, a Unión Europea e Israel negáronse a aceptar a vitoria de Hamas nos territorios palestinos, ao tempo que se presentan como os defensores e gardiáns da democracia.

Por suposto, ningún paso adiante será tomado, pode ser tomado, até que unha parte decisiva da poboación non soporte o que hoxe hai, teña o convencemento de que algo mellor é posíbel e estea disposta a asumir a axitación da transición. Algo mellor que a incesante inseguridade económica, a educación e sanidade privadas (e para moitos, inalcanzábeis) e a enorme desigualdade, é posíbel. Os comunistas demostrárono. Isto era a realidade na Unión Soviética, na China (por un tempo), na Europa do Leste, e hoxe en Cuba e en Corea do Norte, a despeito dos incesantes e brutais intentes dos Estados Unidos por esmagar esta realidade.

A ninguén pode sorprender que Vaclav Havel, como outros que viron como os comunistas, por un tempo, acabaron coa súa supremacía económica e política, fora un loitador incansábel contra o socialismo, e que contra el e outros, que buscaban reverter os logros da revolución, o novo réxime tomara medidas enérxicas, en ocasións a prisión. Esperar outra cousa é estar cego diante da decidida loita que levan a cabo os inimigos do socialismo, inclusive despois de que as forzas socialistas toman o poder. As forzas da reacción conservan o seu diñeiro, moitos dos seus bens, as vantaxes da educación e, sobre todo, as súas relacións internacionais. Concederlles pleno liberades é deixarlles as mans libres para organizaren o derrocamento do socialismo, para recibiren asistencia material do estranxeiro e poder reverter a revolución e restituíren o mercado e a propiedade, de novo, como piares reguladores da economía. Poucos campións das liberdades civís son os que defenden que, na defensa da liberdade de expresión, de reunión e de prensa, os alemáns deberían estar autorizados para organizaren manifestacións pronazis, editaren prensa pronazi e organizaren partidos políticos fascistas para retornaren aos tempos do Terceiro Reich. Para sobrevivir, calquera goberno socialista debe, necesariamente, exercer a represión sobre os seus inimigos, que, como Havel, buscan o seu derrocamento e o regreso das súas posicións privilexiadas. Isto é denominado totalitarismo por aqueles interesados en que as forzas antisocialistas prevalezan, os que consideran as liberdades civís e políticas (fronte a un mundo de abundancia para todos) como a panacea dos logros humanos, ou teñen unha visión confiada e pouco realista das posibilidades de supervivencia das illas socialistas nun mar infestado de depredadores Estados capitalistas.

Alí onde os comunistas prevaleceron, o resultado foi a consecución de grandes beneficios materiais para a maioría da poboación: pleno emprego, sanidade gratuíta, educación gratuíta até a universidade, coidados infantís gratuítos e subvencionados, vivenda económica e transporte público barato. A esperanza de vida disparouse, o analfabetismo eliminouse e a falla de vivenda, o desemprego e a inseguridade económica suprimíronse. Os conflitos raciais e as tensións étnicas reducíronse case até cero. As desigualdades na riqueza, os ingresos, as oportunidades e a educación limitáronse considerabelmente. Onde os comunistas foron derrotados, o desemprego masivo, o subdesenvolvemento, a fame, as enfermidades, o analfabetismo, a falta de vivenda e os conflitos raciais intensificáronse, ao tempo que se restauraban as fincas, propiedades e privilexios dos antigos peixes gordos. Os comunistas produciron ganancias a prol de toda a humanidade, conseguindo isto en condicións moi adversas, incluíndo a incesante hostilidade do Occidente e os esforzos incansábeis dos antigos explotadores para restauraren o vello sistema. O que os comunistas lograron, nunca foi superado pola socialdemocracia occidental, onde a vantaxe dun maior desenvolvemento industrial facilitaría os obxectivos do socialismo –nun grao moito maior do que podería lograrse no resto do mundo. Ocultos, ou no mellor dos casos recoñecidos mais deixados rapidamente de lado por seren asuntos menores, son uns logros que levan demasiado tempo ignorados no Occidente –e botados moito de menos nos países onde se trocaron polos intereses de riqueza e privilexios dunha minoría.
5 Comments:
  • At 1/15/2012 09:25:00 da tarde, Anonymous Anónimo said…

    ¡Estimados camaradas gallegos!,gracias por vuestra excelente labor de traducción al gallego de tantísimos textos interesantes, como este de stephem Gowens.Os quería preguntar si teneis previsto traducir más cosas de Kurt gossweiler,especialmente notable para todos los camaradas comunistas seria la traducción de la crítica que Gossweiler le hizo a Domenico Losurdo,que me temo que sólo está acesible en alemán.

    Salud,Rafa Granados,Madrid.

     
  • At 1/16/2012 12:19:00 da manhã, Blogger estoutras@yahoo.com said…

    Boas Rafa.
    Agora mesmo non temos pensando ningunha tradución excesivamente ampla. Estamos liados coa finalización da tradución do último libro de Grover Furr, As mentiras de Khrushchev, que queremos publicar en imprenta (por desgraza, non podemos publicalo na internet).
    Precisamente Grover Furr comentou que o traballo de Losurdo, do punto de vista do estudo histórico, é bastante malo. Non ofrece nada novo e, ao non traballar con fontes primarias, chega a conclusións erradas. A día de hoxe, un estudoso que queira traballar algún tema da URSS precisa dominar a lingua rusa, senón está perdido.

    Un saúdo e grazas polo teu comentario.

     
  • At 1/17/2012 01:44:00 da tarde, Anonymous Anónimo said…

    ¡ estimado camarada!, gracias por tu amable respuesta.Me ha interesado mucho lo que dices sobre la opinión de Grover furr sobre el libro de Losurdo "stalín.historia y crítica de una leyenda negra".¿Sabéis si afirma esto en su libro sobre Kruschev que estáis traduciendo?,supongo que vosotros teneís una opinión parecida sobre el trabajo de Losurdo que gossweiler ya criticó en algunos aspectos en 2001, desgraciadamente no traducido a las lenguas románicas.A mi me resulta extraño que el libro de losurdo haya sido traducido al castellano por una editorial anarco-trotskista como es el "viejo Topo" ¡ ó quizás no es tan extraño!.
    Saludos, Rafa granados,Madrid.

     
  • At 1/17/2012 09:40:00 da tarde, Blogger estoutras@yahoo.com said…

    Boas Rafa.

    En As Mentiras de Khrushchev, Grover Furr non menciona en absoluto a Losurdo nin a ningún outro autor actual non ruso. O libro céntrase exclusivamente no Discurso Secreto de Khrushchev, que considera o inicio do Paradigma Anti-Stalin (aínda que houbo tentativas anteriores, como as de Trotski, mais que non chegaron a callar no movemento comunista internacional). Do Discurso extrae 61 “revelacións” que estuda minuciosamente para chegar a unha conclusión: Todas (agás unha que, como el mesmo di, “non puiden demostrar mais que probabelmente sexa falsa) son mentiras.
    Por tanto, Furr só fala destas “revelacións” e demostra a súa falsidade. Non fala nin dos GULAG, nin do Katyn, nin de calquera outro tema que non fose mencionado por Khrushchev no seu Discurso. E para este laborioso traballo (dez anos de investigación) era necesario acudir ás fontes primarias (principalmente aos Arquivos Soviéticos, ou, mellor, á pequena parte destes Arquivos que está desclasificada). As que non son fontes primarias, son referencias de autores principalmente rusos que investigaron os Arquivos. Practicamente os únicos historiadores non rusos nos que se apoia Furr son Getty e Naumov.
    Precisamente por non traballar con fontes primarias, posibelmente ao non dominar a lingua rusa, é polo que Furr considera pobre o traballo de Losurdo. Pensa que ten boas intencións, mais con iso non chega. As súas afirmacións non as pode probar por non traballar coas fontes primarias (por suposto, como todos aqueles que o atacan). Furr emparella este libro co de Ludo Martes, Outra ollada sobre Stalin, é dicir, boas intencións mais pouca investigación. Aínda que claro, e sempre o remarca Furr, Ludo foi un dos pioneiros en combater o paradigma Anti-Stalin e, sobre todo, cando Ludo escribiu o seu libro non podía acceder a moito do material que agora si que é accesíbel. Losurdo tendo accesíbel novo material arquivístico, non quixo ou non puido utilizalo. Unha gran diferenza.
    O traballo de Losurdo tamén se pode emparellar moi anteriores como Stalin, Man of History, que Ian Grey escribiu en 1979, ou Stalin: Man of Contradiction, que Neil Cameron publicou en 1986.
    O paradigma Anti-Stalin non está sustentado en ningunha proba, só na “autoridade” dos seus creadores (Trotski Khrushchev, Conquest, Gorvachev...) Defender unha idea asentada na opinión pública, e o paradigma anti-Stalin está moi asentado, non require moito esforzo, o público está preparado para ler o que el xa pensa. O complicado e defender ideas que poñen en dúbida todo o esquema mental que unha persoa ten na cabeza. Para combater un paradigma asentado fai falla moito traballo, moitas probas, moita investigación. É algo que Furr fixo e segue a facer. Agardemos que Losurdo empece a traballar e seguro que se libera dalgunhas cadeas deste paradigma anti-Stalin que el mesmo aínda conserva.

    Saúde!

     
  • At 1/18/2012 12:28:00 da tarde, Anonymous Anónimo said…

    ¡ muchas gracias!, por tu respuesta ,me ha sido de una gran utilidad.Supongo que tendréis algún tipo de contacto con el profesor furr.

    Y coincido plenamente con vuestra opinión sobre losurdo, el hecho es que en su blog cita por ejemplo a la profesora Annie Lacroix riz que parece que ha elogiado su libro(quizás por su valor divulgativo en francia) y en ningún caso cita a furr, quizás por lo que tú sugieres que en el italiano actúa algún tipo de "cerrojo" ideológico que le impide deshacerse totalmente del paradigma anti-stalin.

    Por otra parte no sé si conoceis el trabajo de PHILIP PANGGIO:"stalin y yezhov,una visión extraparadigmática".Es una especie de ensayo histórico-filosófico aunque su visión de yezhov es bastante novelesca , muy sugestiva pero novelesca y compeletamente opuesta a la investigación de furr y bobrov.
    un saludo muy cordial. Rafa granados,Madrid.

     

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com