Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Benigno Álvarez, as duas mortes dun comunista
25/02/2007
Santiago Prol Blanco
Os mártires do 36. A Nosa Historia 7. A Nosa Terra. Xullo 1996.






Facer unha incursión nun personaxe tan fascinante como foi a figura política e humana de Benigno Álvarez, mitificado e reivindicado por uns, silenciado e levado ao ostracismo máis exacerbado por outros, non é doado, pois incluso hoxe, sesenta anos despois do seu pasamento, levanta bochas con só nomealo na súa vila natal. Mais, coidamos, é tarefa obrigada restituílo ao lugar que dignamente lle corresponde, xa que estivo proscrito históricamente perante unha chea de décadas, inda que moi presente nas xentes de ben que o coñeceron e gozaron da súa presencia e amizade. É necesario recuperar a memoria histórica e tentar analisar con rigor a súa personalidade para que un xenocidio como o que sofriu a súa familia non volte a tomar asento. Que a infamia perpretada con este mártir ourensán nos sirva de exemplo para que endexamais teñamos que relatar unha historia semellante.

Naceu en Maceda o día 11 de marzo de 1900. O seu pai chamábase Demetrio Álvarez e posuia unha clínica veterinaria que rexentaba na rúa Aureliano Ferreiro, no cruce que vai para o Santuario dos Milagres. Foi alcalde de Maceda. A súa nai, Felisa González, era mestra de ensino público na escola unitaria de Zorelle, a 3 Km. da capital do concello. Foi bautizado na Igrexa Parroquial de San Pedro o día 13 e os seus padriños foron Benigno e Aurora Pérez. A familia Álvarez González posuía un capital considerábel cunha casa solariega de amplas galerías e extensas fincas anexas. Benigno era o maior de nove irmáns. Estudou até os oito anos nas escolas de primeira ensinanza de Maceda, que estaban ubicadas a carón da Casa do Concello e que hoxe conforman a biblioteca municipal. Despois desprazouse a Ourense para seguir primaria. Continuou o bacharelato en Santiago e rematou os seus estudos universitarios na facultade de veterinaria -actual sede do Parlamento Galego. Con só 18 anos terminou a carreira, pois fixera varios cursos xuntos. Morréulle de súpeto o seu pai e tivo que escomenzar a traballar na clínica que aquel tiña en Maceda. Adquiriu sona de belísima persoa, grande profesional, xeneroso e servicial para cos demais, principalmente entre os campesiño e pequenos gandeiros cos que trataba a cotio e que vivían nas aldeas da Serra nunhas condicións mínimas de subsistencia. A meirande parte das veces non lles cobraba polos seus servicios, axudándoos mesmo noutras tarefas alleas á súa profesión. A Comarca de Maceda vivía e vive básicamente da agricultura e gandeiria, sendo por aquelas datas moi afamadas as súas feiras, onde se producían grandes transaccións de gado vacuno, porcino e cabalar. Durante máis de unha década, exercería de cabeza de familia xunto coa súa nai que debecía por el e coa que mantiña unha relación afectuosa inconmensurábel.

Aínda que o Partido Comunista de España se fundara no 1920 como consecuencia dunha escisión dos Socialistas na IIIª Internacional, até finais da década non aparece Benigno Álvarez adscrito á súa militancia. No ano 1930 detivérano por orde gubernamental en Ourense escomenzando a súa aureola de líder indiscutíbel, cunha personalidade moi forte e unha facilidade de achegamento á xente fóra do común. Boa parte do éxito na provincia debéuse fundamentalmente ao seu carisma. Protagonizou unha folga de fame moi soada que tivo repercusión en toda a provincia e que foi apoiada por amplos sectores galeguistas e da esquerda de cara a conquerir a súa liberación. Por aquelas datas o PCE influía principalmente nos sindicatos obreiros, nos profesionais do ensino e no campesiñado; tamén, ainda que menos, no transporte e nos peóns. Tanto Benigno como Luís Soto -que dende o 38 fora o secretario de Castelao no exilio-, xunto con Antonio F. Carnicero -un médico do barrio da Ponte- foran os que artellaron o partido en Ourense. No 1930 constituíuse o Comité Provincial e Benigno Álvarez foi elixido, por unanimidade, Secretario Xeral.

O veterinario de Maceda, ao que xa dende xoven gustaba de escribir, adicábase a publicar artigos de pensamento politico e outros de carácter literario no xornal La Zarpa que fundara o agrarista Basilio Álvarez co que tiña -segundo relata Santiago Álvarez- certas concomitancias, xa que gozaba dunha grande locuacidade e sempre se expresaba nun galego nídio que chegaba ao fondo dos maís sinxelos. La Zarpa tiña un grupo de prestixiosos colaboradores, entre os que se atopaban Ben-Cho-Shey, Castelao, Otero Pedrayo, Blanco-Amor, Losada Dieguez, Noriega Varela, Paz Andrade, V. Risco, Vilar Ponte, R. Cabanillas... Tamén publicaría Benigno Álvarez outros textos nas revistas Escuela de Trabajo e en ATEO, que estaban dirixidas por Luís soto e que tiñan unha orientación docente innegábel.

As Festas Patronais de Maceda celébranse dende o século XVII a primeiros de Agosto e están adicadas á Virxe das Neves. Nas do 1932 invitou a varios amigos e camaradas a pasalas na súa casa familiar. Alí coñeceu, por medio de terceiros, a Enriqueta, que ía ser a súa compañeira até a morte. Era filla dun capataz de obras que traballaba no camiño de ferro Zamora-A Coruña que se construía entre A Gudiña e Ourense. Xa formalizada a relación, fóronse a vivir xuntos a Ourense capital, onde Benigno estaba adicada a tempo completo ás actividades políticas organizando sindicatos entre os labregos, chegando a dirixir, tempo despois, a Federación de Traballadores do Agro. Vivía con algunhas carencias, xa que non posuía outra fonte de ingresos que as poucas rendas do capital familiar que lle correspondían e algún diñeiro que recibía do aparato do partido. Instaláronse nun piso alugado nun edificio da Praza Maior situado fronte á Casa do Concello.

"SÓ PODO FALAR GALEGO"

No 1936 tiña unha filla de apenas un ano de idade. En Xaneiro fora nomeado compromisario para a elición de Azaña como candidato á Presidencia do Goberno. Falara en galego con traducción simultánea. No IIº Congreso do PCE en Madrid catro anos antes, Benigno fora como delegado de Galicia. Asistiran representacións de todos os partidos comunistas do mundo. Cando lle tocou o turno -seguimos a Luis Soto nunha entrevista en Teima no 77 -"... dixo que, pra empezar el falaba representando a Galicia e que, polo tanto, somentes podia falar en galego. A xente estaba apampanada mentres escoitaba aquilo: Non podo falar en castelán porque na miña terra, no meu país, os labregos, os mariñeiros, os traballadores todos só saben do galego pra falar. Eu, ainda que pasei pola Universidade, non podo falar en castelán porque, senón, acaban connosco pra sempre, esmágannos... Eu podía expresarme en castelán, pro o certo é que me expreso mellor en galego. Aquilo non foi unha broma. Era algo moi serio... Castelao cando se enterou da noticia polos xornais, ao día seguinte das palabras de Benigno, estaba en Pontevedra no café da Peregrina. Eu estaba alí e vin como lle caian as lágrimas de emoción. Castelao estaba impresionado. "Verdadeiramente, ¡ben santo é!, dixo Castelao, "¡que valentía!". E anécdotas desas houbo moitas..." Soto -un dos artífices da fundación da UPG (1964)- centra na figura de Benígno Álvarez unha das claves para o desenvolvimento do nacionalismo e as súas proxeccións sociopolíticas no noso país. Lémbranos que foi "...un dos precursores do proceso marxista enfocado no celme da nación asoballada e colonizada que pulula pola liberación nacional". Benigno Álvarez toma opción ao falar en todos os foros galegos, incluidos os alleos ao páis, nos congresos e asambleas do seu partido e da Fronte Popular. Na páxina 223 do seu libro de memorias di: "O rexionalismo marxista é a escola de Benigno Álvarez. Foi con algúns outros amigos, defensor intransixente das verdadeiras teses que poderían salvar a Galicia. O nacionalismo socialista quere integrar a autodeterminación nacional coa construcción do socialismo... Que é primeiro; a revolución marxista ou a autodeterminación nacionalista... Asi xurde unha grande amizade entre Alexandre Bóveda e Benigno e unha cordial relación de Castelao cos comunistas que defendían a nación intransixente". Dende os primeiros días da República, Benigno Álvarez tentou convencer á dirección central do seu partido para que permitise a formación dun verdadeiro Partido Comunista Galego, pero en Madrid rexeitaron de plano tal pretensión.

CON BÓVEDA NAS ELEICIÓNS

Nas eleicións do 16 de Febreiro do 36, foi designado xunto con Alexandre Bóveda candidato da Fronte Popular. Luis Soto, no mesmo libro, comenta que "...en Madrid había moitos intereses escuros para afogar a representacion destes tribunos, escritores e políticos nacionalistas de Galicia. Desta maneira, en lugar de anular as eleicións en Ourense falsificadas e empucheiradas, cambiaron estes dous magníficos defensores do pobo por dous republicáns calquera, e deste xeito, como a Fronte Popular intervira, nin xiquera se puido protesta". Castelao no Sempre en Galiza dá unha versión bastante afín. Escribe na páxina 184: "...Alí -no congreso dos Deputados- fun testigo do pucheirazo máis escandaloso que inventou a picaresca caciquil de Hespaña, repartíndose o censo de Ourense entre Calvo Sotelo e os republicáns. A impugnación das actas de Ourense, dirixida e organizada por Bóveda, tiña por obxeto exclusivo diñificar a vida política daquela provincia, e todos os grupos da Fronte Popular de Galicia estabamos preparados para intervir nas novas eleicións de Ourense e facer respetar a vontade do pobo. Eu protestei ante o grupo parlamentario de Izquierda Republicana e dixen que ía falar claro e alto no Salón de Sesións. Entón o Presidente advirteume, coa meirande seriedade, que de non aprobarse, naquela mesma noite as actas de Ourense, non só se puña en perigo a vida do Goberno, senón a existencia da República. ¡Que farsa indigna! ¡Que artimaña indecorosa!..."

O pobo galego refrendou a sáu carta autonómica ao fío mesmo da guerra civil. Houbo, aqueles días, unha folga xeral na provincia de Ourense, pois caera asasiñado o mozo Formigo que formaba parte do comité provincial do PCE. Disparáralle un pistoleiro fascista contratado para reprimir aos roxos que xa, dende o 34, estaban no seu punto de mira. Había outros destacados militantes como o poeta Manuel Gómez del Valle que caera fusilado no mes de Agosto e, curiosamente fora acompañado até os seus derradeiros intres polo sacerdote Fernando Quiroga Palacios, orixinario tamén de Maceda, e que máis tarde sería Cardeal de Galicia. Carlos Fernández en El Alzamiento del 36 en Galicia, di na páxina 584 que "este crego intervira diante do bispo para que non se cumprise a execución" e que "a nai do poeta tamén fora fusilada e a súa filla queimada xunto con outra xoven". Xesusa Prado era unha tintoreira do Couto que xunto co médico Carnicero puideron exiliarse en Latinoamérica despois de pasar unha longa tempada na cadea.

REPRESIÓN AOS COMUNISTAS

Costa Clavell, en Las dos caras de Galicia baixo o franquismo, escribe no capítulo referido á resistencia na provincia de Ourense que ao estalar a revolta militar o día 18 de Xullo do 36, "...en varias vilas ourensás como Maceda, O Barco, A Gudiña e Verín, o alzamento triunfou con virulencia. A influencia comunista foi determinante en Maceda no desenvolvememnto dos acontecementos que marcan as datas do alzamento naquela vila. O día 20 e o 21 concéntranse en Vilar de Barrio os partidos do Goberno, gracias ás activas xestións do comunista Benigno Álvarez, eficazmente axudado por Enriqueta Iglesias. Os efectivos frentepopulistas ocupan Maceda, onde actúa Manuel Senra Salgado, Lisardo leal e Guillerme Pérez Conde á fronte de grupos dispostos a opoñerse ao Alzamento. Pero o día 21 preséntase en Maceda, procedente de ourense, unha columna mandada polo capitán Navas. Tras unha curta resistencia, que se acentúa nas proximidades do Santuario dos Milagres, maceda e toda a comarca queda dominada polos militares". A Manuel Senra -un canteiro moi apreciado na vila- fusilárano en Ourense despois de levalo preso e detelo unha longa tempada na cadea. Lisardo Leal andou longo tempo escapado. Era un fervoroso comunista, ámigo íntimo dun prestixioso médico local coñecido por don Abraham. Despois foi un guerrilleiro valeroso, ao que a xente lle tiña moito respeto. Naceu na aldea de Vilar de Cás. Enriqueta, máis coñecida por A camarada, puña bandeiras republicáns e roxas por toda a bisbarra. O día que mataran a Manuel Senra, tamén fusilaran a Demetrio Álvarez -irmán de Benigno- a Fernando Garrido, a Modesto Vidal, a Manuel Garrido, a Serafín Poza, a Ricardo Lemos, xunto con outros dous de Vilar de Barrio. Trouxéronos para a praza principal da vila o día de aninovo e alí os tiveron expostos durante dous días. En Maceda inda se lembra hoxe aquel feito con pavura. Benigno e Enriqueta escondéronse nos primeiros días da revolta nun zulo improvisada na bufarda da súa casa, pero fuxiron despois para a Serra de San Mamede. Tentaron queimarlle a casa con toda a familia dentro. Enriqueta permaneceu unha tempada agachada nunha aldea e Benigno desprazouse á zona da Edreira. A súa familia relacionábase moi ben e gozaba de amizades prestixiosas. Entre elas estaba o Delegado de Facenda na capital ourensá que pertencía á familia nobiliaria dos Ulloa. Estes posuían un castelo en Monterroso, que pertencera aos seus devanceiros dende a idade Media, no que pasaban algunhas temporadas estivais. A señora dos Ulloa tiña grande estima polo veterinario de Maceda e -segundo relata Santiago Álvarez no seu primeiro libro de Memorias- aconselláralle que permanecese naquela fortaleza até que rematase a revolta, xa que ninguén podería saber que se agachaba alí. Puxeron prezo á súa cabeza varios persoeiros da oligarquía ourensá, incluida a Marquesa da Atalaya Bermeja, que indirectamente estaba emparentada coa Casa Nobiliaria do Condado de Maceda. Ofrecera mil pesetas e un coche por atopalo vivo ou morto. Benigno pasou refuxiado naquel castelo até o mes de Xaneiro do 37, no que decidiu voltar para organizar a resistencia contra o opresor. Saíu ao monte, escomenzando a súa loita guerrilleira pola zona de Montederramo. Alí tivo a nova de que a súa nai estaba a punto de morrer, aflixida ao saber da sorte dos seus fillos. El conqueriu chegar ao traveso da Serra até a casa de Lisardo Leal en vilar de Cás, para artellar problemas na organización da reistencia naquela zona e explorar as posibilidades que tiña de achegarse a súa casa. Era consciente do perigo que corría, pois os falanxistas dominanban a provincia dende o inicios da contenda. Benigno padecía unha enfermidade respiratoria dende había tempo, agravada cunha bronconeumonía aguda de andar polo monte nevado en pleno inverno nunhas condicións moi precarias. Naquela casa atopouse moi débil. A dor inmensa que lle produciu a nova da morte dos seus irmáns e da súa nai, xunto coa sáu propia doenza, transmutárao ao un estado case terminal. Lisardo arriscándose, decidiu trasladalo en besta a Maceda, xunto do médico don Abraham -que estaba moi vixiado- para que o curase. O máis probabel é que finase no lugar chamado O Penedo, o día 11 de Marzo, que está a cen metros da aldea de Vixueses. Apareceu despois recostado contra unha parede na mesma aldea -a menos dun quilómetro da súa casa- cos calcetíns no bolsillo e cun revólver na man dereita. Soubo, antes de morrer, que acababan de fusilar a cinco campesiños da Serra por non dicirlle á Garda Civil onde estaba agachado. A Benemérita organizara unha partida con moitísimos efectivos para poder capturalo na que participaron falanxistas proviciais e locais. Foi descuberto o día 13 e un sicario fascista daquela aldea pegoulle un tiro de graza na tempa dereita da que non manou sangue. Non lle pagaron a recompensa. O sarxento da Garda Civil do cuartel de Maceda deu orde -instigado polos falanxistas provinciais- de trasladalo atado de pé nun camión requisado ou na defensa de atrás un coche negro -existen as dúas versións-para exibilo por toda a provincia e polas rúas e prazas da tal con duas pancartas moi expresivas: "Aqui va el veterinario de Maceda", "Ha muerto el comunismo en Ourense".

Soterrárano nunha fosa común no cemiterio de San Francisco. A represión fascista fora inmensa en toda a provincia nos primeiros días da revolta. A Benigno Álvarez coñecíano case todos os militantes a nivel de Estado -o PCE, que só tiña uns oitocentos afiliados no 31, chegou a ter perto de cen mil no 36-. Benigno tiña moi boa relación cos galeguistas de Ourense e con Castelao.

Asasinado o seu amigo e compañeiro de candidatura Alexandre Bóveda o 17 de agosto do 36, el era a presa a bater; a teima obsesiva de todos os golpistas que o querían vivo ou morto. Así, aquel fatídico 13 de Marzo do 37 os fascistas de toda Galiza concentráronse en Ourense para celebrar a captura do secretario xeral do PCE. No xornal xa falanxista El Pueblo Gallego o día 14 aparecía a nova, na páxina 10, completamente descafeinada e definíao como "un suxeito perigoso, coñecido polas súas actividades disolventes". No mesmo xornal do día 16 inxertaban, na súa última páxina, a foto do sicario que o rematara, cunha nota referida "ó tristemente célebre cabecilla comunista, morto pola forza, ao resistirse cando se lle ía deter".

MATAR A TODA A FAMÍLIA

O seu irmán Demetrio fora capturado e fusilado no cuartel de San Francisco o 31 de Decembro do 36. Era, despois de Benigno, un dos líderes na comarca de Maceda. Os outros irmáns, Antonio e Xosé fuxiran pero foran detidos perto de Braga, deportados e fusilados na raia de Portugal ao lado de tui. O seu irmán Pedro correra a mesma sorte. A súa filla de ano e medio falecera de inanición. A súa compañeira abortara do seu segundo embaraza -xa moi avanzado- ao recibir abominábeis torturas na cadea falecendo posteriormente. A súa irmá María fora detida e vilmente aldraxada en Celanova. Modesto lograra parsar ao bando republicán e chegar a ser tenente do exército. A súa nai no puidera resistir tanta infamia e falecera dun ataque ao croazón nos primeiros días de Marzo do 37. Os poucos membros da súa dilatada familia que quedaron vivos, exiliáronse en México despois de malvender as súas prorpiedades e non quixeron regresar á terra das súas orixes até hai ben pouco.

Santiago Álvarez adicóulle un capítulo enteiro ao mártir de Maceda en Memorias I. A súa versión sobre o xenocidio cometido coa súa familia coincide en boa parte coa que nos relataron os perdedores daquela estafa de guerra civil e que nos ían contando entre bambolinas, ás agachadas, pero cunha clarísima intencionalidade tentando perpetuar na memoria das xeracións máis novas aqueles monstruosos feitos nos que Maceda fora unha das grandes sacrificadas, con moitos mortos no seu haber e cun único delicto: ter e defender ideas propias postas ao servicio dos demais. No xornal Nueva Galicia -publicado en Barcelona- aparecera un artigo de Jacques Foissat o 4 de Xullo que remataba con estas verbas "...aínda o pobo galego estivo moito tempo pensando que o loitador comunista non morrera. Quizais teñen razón. Ten razón a lenda: Benigno non finou, poiso o seu traballo revolucionario, a semente fecunda da súa palabra e da súa vida, fructificará na conquista definitiva do país galego polas forzas antifascistas que loitan pola libertade".

No 77, cando se cumprían 40 anos do seu pasamento, unha fría mañá do mes de Marzo, apareceron en Maceda unhas pintadas moi impactantes. Unha delas fixérona na casa do antigo xefe local da Falanxe e outra nunha rúa céntrica da vila co texto: "Benigno Álvarez, o pobo non te esquence". Permaneceu varios días até que o alcalde deu orde de borrala. Inxertaron tamén esquelas no xornal La Región o día 13 lembrando cabodano. Unha ía sufragada polos seus viciños, amigos e compañeiros de Maceda. O día anterior presentaran unha petición no concello pola que solicitaban que o agasalllasen co nome dunha rúa como a menor e máis íntima homenaxe. Folga dicir que tal petición nunca se tramitou. Tentouse dende varios frontes restituir a súa figura, até daquela gardada na memoria colectiva do país.

Benigno Álvarez -un apaixonante personaxe de novela- puido permanecer agachado mentres o fascismo avanzaba en todo o Estado ou opatar polo exilio como tantos outros, mais decidíu permanecer en primeira liña da resistencia contra o poder cainita. A súa morte estremeceu o máis fondo dos corazóns dos nosos avós e a súa conducta, como grande home solidario que foi, debe servirnos de exemplo dignificador e permanecer inesquecíbel en todos nós.


Ler máis

Etiquetas:

Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com