Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

A Revolución de Outubro e as suas relacións cos países árabes
20/06/2007
Almunzer Maarouf
Partido Comunista de Síria
Tese lida durante o XVIº Seminário Comunista Internacional (Maio 2007)




Non é difícil en absoluto repasar os logros da Gran Revolución Socialista de Outubro durante os 73 anos que marcaron o reinado do socialismo na Unión Soviética. A proba da importáncia da Revolución de Outubro e da sua influéncia a nível nacional e internacional non precisa moitos argumentos. Esta revolución puxo á humanidada nun novo rumo, amosando ao mundo un conceito diferente das relacións entre os povos, lonxe da opresión e a explotación. Tamén representou un golpe de morte para o capitalismo e o colonialismo, nunha época na que os poderes supremos se repartian o mundo após a Primeira Guerra Mundial.

Nomeado como a época da transformación cara ao socialismo, o século XX tamén pode ser chamado como a época da liberación do colonialismo nas suas diferentes formas: militares, económicas e políticas. O Estado socialista era un verdadeiro partidário, directo e indirecto, dos povos do mundo que loitaban pola sua liberdade e independéncia. Cando o primeiro governo de traballadores e campesiños foi formado, este elevou-se como un grande poder que apoiaba aos povos esclavizados no mundo. É moi complicado mencionar algún acontecimento decisivo na história contemporánea que non estivera influenciado pola Revolución de Outubro.

O traballo de Lenin O Estado e a Revolución foi o primeiro livro marxista traducido ao árabe, en 1923. Esta obra axudou a dar a coñecer as opinións de Lenin sobre as guerras europeas, foi unha peza chave na formación de moita xente no mundo árabe e foi un manual referente da ideoloxia socialista. Porén, a verdadeira relación co socialismo científico comezou cando Khaled Bahghdash traduciu ao árabe O Manifesto Comunista, en 1933. Esta tradución chegou nun momento importante no desenvolvimento da relación entre os pioneiros do pensamento socialista árabe e as ideas da Revolución de Outubro.

A Revolución de Outubro convenceu aos líderes das loitas de liberación árabes da posibilidade de derrotar aos colonialistas e acadar as aspiracións dos povos. Baixo a influéncia das ideas de Outubro, a loita de liberación nacional foi enriquecida coa loita social pola xustiza e a igualdade. Ademais, naceron governos progresistas de orientación socialista en moitos países que conseguiran a sua independéncia. Sobre isto, Khaled Baghdash, histórico líder dos comunistas sírios, dixo: "Baixo a influéncia dos princípios da Revolución de Outubro, o leste árabe converteu-se nunha das rexións máis importantes do mundo do movimento nacional de liberación. A loita dos povos, tanto pola liberación nacional, como pola liberación social, comezou a combinar-se cada dia máis."

A vitoriosa Revolución Socialista foi comprendida polos povos do mundo árabe , gañando-se a sua simpatia especialmente após a publicación dos primeiros documentos históricos do Estado soviético, como o chamamento "A todos os musulmáns e proletários na Rúsia e no Leste" para resistir aos invasores, loitar pola autodeterminación e rebelar-se contra o colonialismo. Outra publicación importante foi o Decreto de Paz, do 28 de novembro de 1917, que incluia a declaración da igualdade entre os países grandes e pequenos, a condena do colonialismo e da opresión nacional, o respeito pola soberania dos países, o cese da inxeréncia nos seus asuntos internos e a liberdade de credo...

Os princípios da Revolución de Outubro harmonizaban coas demandas dos cidadáns árabes, e isto foi ainda máis claro tras a publicación dos acordos secretos asinados durante a época tzarista, como o acordo Sykes-Picot, que orixinalmente incluia a Rúsia, e que significou o reparto do mundo árabe entre franceses e ingleses despois da ocupación otomana que durara catro séculos. O Estado soviético rexeitou os sistemas de tutela ratificados pola Sociedade das Nacións, e que Lenin descrebeu así: "dar a unha pequena minoria dos habitantes da Terra o direito a explotar á maioria dos povos...".

As primeiras relacións entre a Unión Soviética e o mundo árabe tiveron lugar moi pouco tempo depois da vitória da Revolución de Outubro. A República soviética, mália a sua complicada situación e o sítio do imperialismo ocidental, axudou aos patriotas e proletários exípcios durante a Revolución de 1919 contra o colonialismo inglés. Ademais, tanto o líder da Revolución de 1919, Saad Zaghlul, como un dos líderes sírios da revolución neste país contra o colonialismo francés a princípios dos anos vinte do pasado século, Ibraeem Hanano, mantiñan correspondéncia co líder da Revolución de Outubro, Lenin.

Co trunfo da Revolución de Outubro e o estabelecimento dun estado forte, abrian-se novos horizontes para os povos da nosa rexión. Os partidos comunista comezan a aparecer como resultado dunha necesidade nacional e obxectiva. Estes partidos participaron con forza na actividade política e na loita pola liberación nacional. O Partido Comunista Palestino naceu en 1920, o exípcio en 1921, o sírio e o libanés en 1924, o Partido Comunista Iraquiano en 1934. Co tempo formaron-se partidos comunistas en todos os países árabes.

O sétimo congreso do Komintern, en 1935, tivo un papel trascendental na corrección da práctica política e intelectual dos partidos comunistas árabes naquel tempo.

Mália a guerra ideolóxica lanzada polo sionismo e as forzas reaccionárias contra a Unión Soviética e a ideoloxia socialista, as ideas do socialismo científico agromaron con forza en enormes capas dos povos árabes debido á política de apoio verdadeiro da Unión Soviética aos nosos povos, independentemente da natureza dos reximes existentes.

Pésie aos intentos dos países imperialistas de impedir as relacións oficiais entre o xoven estado soviético e os países árabes, a Unión Soviética estabeleceu a sua primeira relación diplomática cun país árabe en 1926. Foi con Arábia Saudí.

En 1928, asinouse entre a Unión Soviética e o Iémen o Tratado de Sanaa, tratado de amizade e comércio, primeiro deste tipo de tratados entre a URSS e un país árabe. As novas relacións axudaron a Arábia Saudí e o Iémen a reforzar a sua soberania e aparecer como membros de pleno direito da comunidade internacional.

A fortaleza do Exército Vermello, e as suas vitórias sobre o nazismo na Segunda Guerra Mundial, fixeron medrar a reputación da Unión Soviética en todo o mundo, acabando coas dificuldades para estabelecer relacións cos países árabes. A URSS estabeleceu relacións con Exipto en 1943, e un ano máis tarde con Síria, o Líbano e Iraq. As relacións co resto dos países arabes chegaron sucesivamente coa independéncia destes. A Unión Soviética non buscaba avantaxes nen conseguir o controlo polítito. Nunca solicitou instalar bases militares. Esta poítica correspondia ao afirmado por Lenin: "apoiaremos sempre a unión entre os traballadores dos países desenvolvidos cos traballadores, campesiños e escravos de todos os países oprimidos..." Esta realidade foi descrita por un historiador exípcio: "por vez primeira na história da humanidade, existe un estado que non quer colonizar, ocupar ou explotar; este estado -a Unión Soviética- apoia ás forzas de liberación no mundo."

A alianza natural entre o movimento de liberación nacional árabe e a Unión Soviética foi un dos factores máis importantes no éxito dos povos árabes nas suas loitas pola independéncia e contra as forzas da reacción locais e o imperialismo internacional. Esta alianza axudou tamén a que estes povos se esforzaran por acadar un desenvolvimento verdadeiro e seguir o camiño do progreso económico e social, limitando a influéncia do capitalismo e do feudalismo na economia e na política. Polo tanto, a política exterior destes países estivo marcada polo patriotismo, o anti-imperialismo, a neutralidade e o a defensa da paz e a seguridade no mundo.

Debido ás diferentes formas de axuda que deu a Unión Soviética aos países do mundo árabe, é complicado falar polo miudo destas. Tan só indicarei algúns exemplos que reflicten a pronfundidade das relacións e a importáncia da axuda.

A Unión Soviética foi o primeiro estado en apoiar á República Exípcia que naceu após o derrocamento da monarquia en 1952. Cando os países ocidentais rexeitaron armar ao exército exípcio, os Soviets organizaron o famoso reparto de armas de 1955. Durante a tripla agresión de Franza, Gran Bretaña e Israel a Exipto, pouco despois da nacionalización da Canle de Suez, a Unión Soviética xogou o papel máis importante no cese da agresión imperialista, forzando a retirada do território exípcio das forzas agresoras, grazas á sua famosa e severa adverténcia de que a Unión Soviética "aplicaria toda a forza para esmagar aos agresores e facer prevalecer a paz no Medio Oriente."

Temos outro exemplo na independéncia de Síria, tras a loita pola liberación nacional contra a ocupación francesa. Por vez primeira na história, a Unión Soviética utilizou o seu dirieto a veto para apoiar a Síria e ao Líbano na sua loita pola independéncia, impedindo que estes países se viran na obriga de asinar os tratados que Franza e Gran Bretaña lles querian impoñer e continuar así baixo o xugo ocidental. Ademais da axuda política, podemos mencionar o acordo entre Síria e Checoslováquia en 1957 para o reparto de armamento, que fortaleceu ao exército sírio diante das agresións e ameazas dos sionistas.

Nos momentos máis complicados e cruciais dos povos da nosa rexión, foi cando mellor se manifestou a amizade e o apoio da Unión Soviética. Durante o ataque sionista aos países árabes, en xuño de 1967, a Unión Soviética traballou para conseguir a fin dos ataques, reclamando a retirada das tropas ás suas posicións iniciais, e, xunto con outros países socialistas, rachou relacións diplomáticas con Israel. Os exércitos sírio e exípcio receberon armas e equipas modernas dos soviéticos, o que posibilitou unha guerra máis equitativa contra os sionistas cinco anos despois, na que se conseguiron importantes vitórias.

Até a sua fin, a Unión Soviética nunca deixou de apoiar a causa xusta de Palestina. Axudou á OLP na sua loita por estabelecer un estado independente. Lenin e os bolcheviques estiveron desde un princípio contra o proxecto sionista en Palestina, manifestando o carácter imperialista e reaccionário da alianza entre Gran Bretaña e o Sionismo, como se pode ler na resolución do Komintern do 28 de xulo de 1920: "o proxecto sacrifica aos traballadores árabes de Palestina...". A Unión Soviética foi o primeiro estado en demandar a fin do Mandato británico e o estabelecimento dun estado independente en Palestina.

A Unión Soviética tamén apoiou ao movimento republicano de Iraq na sua loita contra unha monarquia implicada en suspeitosos tratos con Ocidente. Tamén deu axuda militar, cultural e económica ao Partido Socialista que governaba a República Democrátia do Iémen. Os soviets apoiaron a revolución de liberación nacional omaní contra o colonialismo británico e foron os primeiros en defender a revolución que tivo lugar en Omán en 1965 guiada polo socialismo científico.

No campo da economia e o desenvolvimento, a enorme axuda dada pola Unión Soviética a moitos países árabes axudou, en boa medida, ao desenvolvimento das forzas produtivas e a criazón dunha infraestrutura que servia para consolidar os avanzos económicos que axudaron a elevar o nível de vida da povoación. As relacións económicas entre a Unión Soviética e os países árabes baseaban-se na cooperación, na igualdade e na avantaxe mútua. Estas relacións estabelecian-se sen condicións que impedisen o proceso de transformacións económicas e sociais que se estaban dando no mundo árabe. A colaboración da Unión Soviética cos países árabes reportou a criazón dunha infraestrutura industrial vital para a zona. Exemplos poden ser o encoro de Aswan en Exipto ou o de Al-Furat en Síria. Coa axuda da Unión Soviética, unha verdadeira indústria pesada comezou a existir en Exipto e noutros países árabes.

No campo da ciéncia e da cultura, a Unión Soviética non aforrou esforzos nas suas relacións co mundo árabe. As suas universidades e institutos abriron as portas a estudantes árabes, que adquirian valiosos coñecimentos que repercutian despois no desenvolvimento social e científico dos seus países. Os centros culturais soviéticos nos países árabes tiñan un papel fundamental no intercámbio cultural entre a Unión Soviética o os países árabes. Temos que mencionar a importáncia da literatura soviética publicada en língua árabe, moi acesíbel por mor do seu baixo prezo.

En 1987, Khaled Bekdash dixo: "Imaxinen-se un mundo sen a Unión Soviética. Os imperialistas, encabezados polo imperialismo americano, non duvidarian en cometer os crimes máis horríbeis contra todos os povos do mundo. Non lles chegaria o roubo e a opresión; porian en prática o extermínio, no sentido literal da palavra." Se antes era difícil imaxinar-se o mundo sen a Unión Soviética, hoxe é triste ver o mundo desde a sua auséncia: o imperialismo americano violou a soberania de motos países e comezou moitas guerras contra os que se opoñen aos seus intereses.

A imaxe triste dun mundo que padece as ameazas contínuas do imperialismo, confirma que a Revolución é unha necesidade, non só para nós, comunistas, senón tamén para todos os povos do mundo. Ademais, é a única esperanza que ten a humanidade en viver nun mundo dominado só polas relacións de paz e a igualdade entre os povos.

As ideas e os resultados da Revolución de Outubro sempre influirán no desenvolvimento humano. Permanecer fieis a esta revolución, cuxo eco ainda se sinte no mundo enteiro, pasa pola necesidade, como comunistas e patriotas, de traballar sériamente pola unificación do movimento comunista internacional, consolidando unha frente mundial anti-imperialista.

É o noso deber mobilizar ás xentes na loita contra os perigos do imperialismo que ameaza o desenvolvimento livre e pacífico dos povos do mundo. Temos que aprender das pasadas experiéncias e eliminar os erros cometidos no primeiro estado socialista no mundo.

Etiquetas:

Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com