Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Orwell e os orwellianos
11/06/2008
Traducimos ao galego un excelente e necesario traballo de Albert Escusa titulado Orwell e os orwellianos: os guerreiros do “mundo libre” contra o “eixe do mal”, publicado no portal Kaosenlared.net. Alén de constituír unha sólida e rotunda resposta aos anticomunistas sobre as verdades da figura mediática de Orwell, o texto vai máis alá, entrando de cheo no significado que se agocha detrás da defensa que de Orwell fan sectores aparentemente tan afastados como a extrema dereita española, a esquerda anticomunista ou os neocons norteamericanos. Apoiado en numerosas fontes bibliográficas, nas que se inclúen colaboradores de Orwell, o traballo de Escusa ven rearmar de argumentos e datos históricos incontestábeis aos que defendemos á Unión Soviética da época de Stalin coa mesma forza coa que aspiramos a ver agromar a sociedade socialista, pesadelo dos burgueses e os seus monicreques.

O texto pódese ler directamente nesta páxina, aínda que sen incluír as citas, polo que recomendamos a lectura completa en formato PDF (pódese descargar).


Orwell e os orwellianos.PDF




1. Introdución

Leo con sorpresa e interese unha resposta de Pepe Gutiérrez a un vello artigo meu publicado hai xa varios anos , no que se pretendía modestamente aportar algúns datos sobre a vida e a obra de Orwell desde unha perspectiva non orwelliana. Aínda que a resposta de Pepe Gutiérrez chegue con varios anos de retraso, non por iso a caracterización de Orwell e a súa obra deixa de ser un tema de actualidade. Sorprendentemente, Pepe Gutiérrez, que tanto escribiu desde unha perspectiva de admiración incondicional sobre Orwell, na súa resposta ao meu artigo non emprega os seus coñecementos sobre o escritor para profundar na súa vida e na súa obra: lamentabelmente, Pepe Gutiérrez móstrase máis preocupado no emprego de insultos e descualificacións que en abordar o contido real do debate, provocando que este se traslade ao terreo da superficialidade e o sentimentalismo, afastado da necesaria obxectividade científica. Xa que logo, no canto de analizar os meus argumentos e rebatelos se os coida erróneos, prefire axitar a fantasma do “estalinismo”, verba simplificadora e esquemática que serve para agochar a ausencia de argumentos. Un exemplo sinxelo mostraranos até que punto se perverteu a análise política escondendo a falla de argumentos baixo o paraugas do ‘estalinismo’. O propio Joaquín Maurín, un dos que representaban a “pureza revolucionaria” na escala de valores de Pepe Gutiérrez, fora acusado á súa vez de cometer o pecado mortal de “estalinismo” por Andreu Nin:

«Maurín, que até agora gardara unha actitude neutral sobre os problemas internos da revolución rusa, sentiuse no deber de unir a súa voz ao coro estaliniano-burgués.» E máis adiante: «A concepción de Maurín é, neste aspecto, unha versión deformada da teoría estaliniana antimarxista do socialismo nun só país, unha concepción cuxo espírito oportunista encirra graves perigos para a causa do proletariado» .

Catro anos máis tarde, o “estalinista” Maurín uniuse co “antiestalinista” Andreu Nin para formar un novo partido, o POUM. E é que o emprego de termos baleiros de contido non axuda a clarexar o debate: o lector, no canto de recibir por parte de Pepe Gutiérrez argumentos alternativos aos meus, pérdese nun mar de confusións completamente irrelevantes e nunha colección de insultos inxustificados. É lamentábel tamén que Pepe Gutiérrez utilice os seus insultos contra min, e contra os comunistas en xeral, para promover sutilmente o seu novo libro verbo do escritor británico.

Non podemos deixar á marxe o enorme simbolismo que comparte o concepto de “estalinismo”, empregado de xeito sutil ou aberto polos que queren borrar a memoria histórica do militante comunista, fundamentalmente os milleiros e milleiros de anónimos e sacrificados militantes de base que formaban os grandes partidos comunistas. O obxectivo é facerlles avergoñar do seu pasado e das súas heroicas loitas inculcándolles a idea de que foi unha loita estéril na defensa dunha idea equivocada ou criminal. Mais este é un pasado escrito coas letras imperecedoiras do heroísmo comunista –malia a actitude de moitos dirixentes que escoitaron os cantos de serea dos “antiestalinistas”- xa que os comunistas foron os que con enorme diferenza máis sangue derramaron na guerra civil e na posguerra, na Resistencia francesa e no maquis, nas cámaras de tortura nazis e franquistas ,nos pelotóns de execución falanxistas ou nos campos de exterminio alemáns. O termo “estalinismo” é o dedo acusatorio dos anticomunistas que, desde unhas pretendidas posicións de esquerdas, tentan borrar da memoria un pasado heroico de militancia comunista e xustificar os máis estraños cambios de chaqueta. Mais as equivocacións ou traizóns que cometeron en España moitos dos máximos dirixentes comunistas desde a fin da guerra até a chamada transición, non ensucia en absoluto o inmenso sacrifico –moito máis que o que ten no seu haber calquera outra forza política- que os militantes comunistas aportaron á causa da liberdade, primeiro durante a guerra civil e despois contra o franquismo. Así pois, esta resposta a Pepe Gutiérrez pretende ao mesmo tempo render unha modesta homenaxe ás decenas de milleiros de militantes anónimos –e esquecidos, para vergonza de algúns- que caeron ou sufriron represalias na loita pola liberdade e por unha sociedade libre de explotación e opresión.

No meu anterior artigo o lector pode atopar información sobre os vínculos de poumistas notorios como Víctor Alba e Gorkin coas axentes mediáticos da ultradereita tales como Federico Jiménez Losantos e coa CIA norteamericana, e a súa relación coa cruzada intelectual contra a República española e os comunistas. Espero contribuír con este novo artigo –en parte continuación do anterior- a proporcionar máis datos sobre os fins políticos ocultos detrás da fabricación do mito de Orwell –o escritor que se definía a si mesmo como anarquista tory(conservador)- así como sobre as posicións políticas máis nefastas de Orwell, desde a súa ambigüidade ante Hitler até o seu apoio a unha guerra atómica contra a Unión Soviética. Este foi Orwell, o escritor adorado por unha certa esquerda, cuxa última e máis famosa obra, 1984, fixo exclamar ao seu editor Warburg que esta aportaría «millóns de votos frescos para o Partido Conservador» .


2. Que pasaba no mundo cando Orwell se converteu nunha estrela?

Cando rematou a II Guerra Mundial, os aliados que derrotaron á Alemaña nazi comezaban lentamente a separarse e o anticomunismo ía camiño de se converter na nova relixión oficial do Occidente. Numerosos nazis e fascistas foron reciclados polos Estados Unidos, Gran Bretaña, o Vaticano e outros países, empregándoos como cabalo de Troia nos países ocupados polo exército soviético, ou ben como gobernantes da “nova” Alemaña occidental. Os partidos comunistas occidentais, grazas á súa heroica loita antifascista, rachando os prognósticos de Orwell, facíanse grandes partidos de masas e, no caso de Francia, foron o partido máis votado conseguindo máis de cinco millóns de votos. As voces do anticomunismo de esquerda, desde Trotski a Souvarine, tiñan un auditorio raquítico entre os sectores obreiros e populares. A Unión Soviética aparecía como o país que derrotara ao nazismo alemán e liberara Europa, poñendo ás forzas de esquerdas, democráticas e revolucionarias nunha situación inmellorábel para realizar un programa de transformacións sociais. Todo isto significaba unha grave ameaza para a grande burguesía europea e os círculos máis reaccionarios, que non atopaban argumentos válidos para xustificar ante as masas unha nova guerra, esta vez contra a Unión Soviética.

Por outra banda, a percepción da vida cotiá e dos acontecementos políticos que tiñan amplos sectores sociais, estaba moi influenciada polas accións dos grandes sindicatos dirixidos polos comunistas, pola prensa comunista ou progresista –editábase millóns de exemplares- e polos intelectuais de esquerdas. Facía falla frear o “perigo roxo” e par iso as elites políticas e económicas occidentais empregaron unha grande variedade de tácticas, que deron lugar á chamada guerra fría.

Na fronte sindical, a CIA norteamericana decidiu rachar os grandes sindicatos, dirixidos por comunistas, e crear sindicatos fieis –chamáronnos “apolíticos”-, cuxo maior éxito foi a creación de Force Ouvrière na Francia, unha escisión da central sindical C.G.T. O papel fundamental da ruptura exerceuno un grupo de trotskistas colaboracionistas de Hitler que «durante a Segunda Guerra Mundial, após a ruptura do pacto Xermano-Soviético, escolleron loitar contra Stalin, ao redor de Henri Molinier, ao incorporarse ao ultraconservador Movemento Social Revolucionario (MSR), de Eugène Delonde e Eugène Schueller» .

Estes elementos foron recrutados após a guerra pola CIA a través de Irwing Brown e, canda outro notorio trotskista, Pierre Lambert, formaron un pequeno partido anticomunista francés en 1953 a operación sindical repetiuse por todo o mundo mediante a creación da Confederación Internacional de Sindicatos Libres (CISL/FTUC), oposta á Federación Sindical Mundial impulsada polos soviéticos e os gobernos democráticos e anticoloniais. Os cadros dirixentes da CISL nutríanse nalgúns lugares de trotskistas así como de antigos criminais nazis e colaboracionistas que fuxiran tras o avance do exército soviético, reciclados pola CIA e os gobernos occidentais como “sindicalistas libres”.

Orwell e os ‘neocons’: trotskistas, antigos nazis e a CIA contra o “totalitarismo”

Desde os anos vinte e trinta, destacados ex comunistas e trotskistas colaboraron na empresa de facer da URSS o maior inimigo da humanidade. Moitos deles foron contratados directamente polo gran capital para crear un ambiente intelectual anticomunista, ambiente que seguramente influíu a Orwell para elaborar as súas peores ideas políticas. O máis precoz deles foi o trotskista Boris Souvarine, personaxe abandeirado pola esquerda anticomunista como figura estelar do antiestalinismo. Souvarine era tamén fundador do Partido comunista Francés (PCF) mais foi expulsado das súas fileiras en 1924. Desde entón, como outros notorios ex comunistas, foi contratado pola burguesía e desenvolveu un labor anticomunista e antisoviético con escuras intencións.

«Non é, porén, sobre unha base de ‘esquerda’ onde se desenvolveron as súas críticas contra o comunismo soviético, senón no marco de servizos prestados á clase patronal e pagados como tales. Souvarine é un caso típico do período que se viviu entre as dúas guerras, o dos tránsfugas do PCF que a grande empresa utilizou a partir do momento no que saíron desa organización (e ás veces incluso antes da súa saída oficial). A súa traxectoria antecedeu a outros casos notorios como Charles Vioud, quen “en 1929 [...] deixou o Partido Comunista, para poñerse inmediatamente ao servizo da patronal”» .

Os precursores do modelo orwelliano, o mesmo que o propio Orwell, comezaran a súa carreira atacando duramente á República española, aos partidos comunistas e á URSS, e ás Frontes Populares antifascistas. O mesmo que Orwell, Gorkin e outros, foi semellante o caso do trotskista Boris Souvarine, que «traballaba entón en Nouveaux Cahiers, publicación bimensual creada en 1937 (...) pola sinarquía para seducir, sobre todo despois da vitoria electoral da Fronte Popular, á esquerda socialista e radical antibolxevique. A aureola de esquerda que conservaba Boris Souvarine converteuno, á súa entrada na revista, en autor estrela de artigos contra a URSS de Stalin e a República española, presentada como escrava da primeira». Neses anos, Souvarine colleu sona por realizar unha biografía sobre Stalin.

Após a guerra mundial, a lealdade ao “mundo libre” e aos círculos reaccionarios dunha grande parte do establishment intelectual dominante (universitarios, escritores, artistas e intelectuais) estaba relativamente asegurada, así como o seu apoio á unha nova guerra, ao igual que décadas máis tarde centos de intelectuais apoiaron as guerras contra Iugoslavia ou Iraq sabendo que se baseaban en mentiras. Porén, contrariamente ao que acontece hoxe, había un grande número de escritores e intelectuais críticos e perigosos para un sistema capitalista que levara ao mundo á barbarie dúas veces en vinte anos. Eran intelectuais valentes que a miúdo se xogaban a súa carreira profesional, e ás veces moito máis, por defenderen as súas ideas abertamente. Por esta razón, os servizos de intelixencia e de guerra psicolóxica dos Estados Unidos decidiron contraatacar na fronte intelectual e, xusto despois da guerra, activaron unha política de recrutamento masivo entre intelectuais da chamada “esquerda non comunista”, cunha presenza prominente de trotskistas e ex comunistas “arrepentidos”. A grande maioría organizouse a carón do Congreso para a Liberdade da Cultura, onde tivo un papel crucial o “tránsfuga” con máis sona, íntimo amigo de Orwell e un dos escritores máis admirados por Pepe Gutiérrez, o ex comunista Arthur Koestler, «axente dos servizos británicos desde a época da guerra e do Information Research Department (IRD), servizo creado co gallo da cruzada anticomunista e antisoviética en febreiro de 1948 polo Foreign Office e o seu secretario, un dos dirixentes do Labour Party e ex xefe da principal federación sindical británica, membro encarnizado da cruzada contra os roxos, Ernest Bevin» .

Os referentes do modelo orwelliano-totalitario que xeraron o pensamento único anticomunista, constitúen un poderoso grupo de presión intelectual norteamericano recrutado pola CIA, unha corrente ideolóxica neoconservadora, -liderada polo trotskista Irving Kristol- que se perpetuou até George Bush. A súa historia «resúmese na viraxe ideolóxica levada a cabo pola primeira xeración de neoconservadores (...) desde Trotski nos anos trinta até Reagan nos oitenta» .

A CIA conseguiu congregar un grande número de intelectuais e artistas na cruzada anticomunista. O papel fundamental do que se coñeceu como “guerra fría cultural” ocupábao o grupo coñecido como “intelectuais de Nova York”. Estes eran:

«intelectuais antiestalinistas, a maior parte xudeus e trotskistas, quen, despois da guerra, cambiaron a unha identidade de ex comunistas converténdose en ‘intelectuais da guerra fría’, na axuda do ‘mundo libre’ fronte ao ‘mundo totalitario’. Os máis coñecido son: James Burnham, Max Eastman, Seymour Lipset, Melvin Lasky, Saul Below, James Rorty (o pai de Richard), David Horowitz, Nathan Glazer e Irving Kristol. Este último revelarase como un dos principais estrategos do Neocon Center. Este contexto teórico-histórico esténdese ao CCF, o Congreso para a Liberdade da Cultura (ao cal a CIA non era estraña) e ao Harvard Russian Center onde estaba Richard Pipes, futuro membro do Consello de Seguridade Nacional de Ronald Reagan. (...) Zbignew Brzezinski, adepto do ‘modelo totalitario’ distínguese polo seu activismo nas organizacións transnacionais como a Trilateral» .

Asemade, experimentou un grande auxe a política anticomunista na Francia, a partir de institucións pantalla como o Instituto de Historia Social, creado en 1956 e dirixido «por ex comunistas corruptos e colaboradores do ocupante nazi que acababan de saír de prisión» , financiados pola elite económica a través do banco Worms e a CIA norteamericana, a cuxa cabeza reaparecía a figura mediática do trotskistas Souvarine. En 1940 entrara en contacto coa OSS –precursora da CIA- e xa na posguerra comezou a traballar ás ordes do antigo colaboracionista nazi Georges Albertini, relacionado co banco Worms. Outra xeración de intelectuais anticomunistas máis recentes deron un grande pulo ao modelo orwelliano sobre a URSS. Tiñan en común cos seus antecesores o feito de ser tránsfugas e ex militantes comunistas destacados. Unha serie de circunstancias deu impulso á nova xeración de orwellianos franceses, cuxo contexto político era:

«o programa común da esquerda, xulgada ‘totalitaria’, a aproximación de ex membros do Partido Comunista Francés (PCF) ao ‘pensamento antitotalitario’, o activismo organizativo, mediático, editorial, comunicacional de François Furet, Pierre Nora, Jean Daniel. François Furet, o máis omnipresente sobre a ‘Fronte antitotalitaria’ comparte con Irving Kristol, o máis activo dos seus homólogos americanos, a característica de ser un ‘Ex’, como o resto dos ‘Novos filósofos’ e os peixes gordos do xornal Libération» .

Esta é a breve historia e a descrición do clima intelectual que permitiu triunfar ao modelo orwelliano. Mais, sen dúbida, o verdadeiro precursor dos neoconservadores, e o que máis sona mundial tivo, con diferenza, foi George Orwell:

«Os artigos que Orwell escribiu no curso dos anos corenta poderían ser asinados, mutatis mutandis, polos neoconservadores dos sesenta e os setenta» .

Foise así configurando unha fronte común “antitotalitaria” cuxas pretensións eran deformar ao máximo ao imaxe da URSS e dos comunistas. Mais existía outra intencionalidade aínda máis grave, segundo remarca Marc Ferro –un investigador do “totalitarismo soviético” máis serio que a maioría-, que consistía en agochar a verdadeira natureza do imperialismo e do fascismo alemán para achacar á URSS os peores crimes posíbeis: «Compréndese por que centos de adeptos da teoría totalitaria non se interrogan sobre as raíces imperialistas do nazismo: isto impediría facer do réxime soviético o patrón dos crimes do século XX» .

Un enorme monólito orwelliano, que fosilizou e petrificou o pensamento crítico occidental, converteuse no altar sagrado onde os trotskistas, ex comunistas, historiadores reaccionarios e colaboracionistas nazis ían buscar a inspiración divina. Un monólito sagrado, financiado pola grande banca, os grandes medios de prensa e a CIA norteamericana, baixo o cal se escribiu a historia da República española, a guerra civil e o movemento comunista internacional tanto na época de Stalin como até a desaparición da URSS en 1991. A súa longa sombra escurece aínda hoxe os escritos de Pepe Gutiérrez e dos orwellianos, e amedrenta a moitos comunistas. O final da historia xa o coñecemos: financiamento pola CIA das obras de Orwell, así como as súas versións cinematográficas, e unha xigantesca campaña mediática que incluía a lectura obrigatoria de Orwell nas escolas.


3. Foi Orwell o Cervantes do século XX?

En 1946 Churchill pronunciou o seu famoso discurso co que encetaba oficialmente a Guerra Fría: “Desde Stettin, no Báltico, a Trieste, no Adriático, caeu sobre o continente unha cortiña de ferro.” Foi entón como se o mundo intelectual do occidente descubrira ao Cervantes da nosa época, ao grande escritor da “esquerda disidente”, socialista –entendido en termos moi amplos- que tería estado marxinado inxustamente por ser “politicamente incorrecto”, é dicir, pon non compartir a opinión da maioría de escritores de esquerdas ou progresistas no seu apoio activo ao antifascismo e á URSS. Só faltaría explicar un “detalle” a esta teoría: Por que as únicas obras orwellianas que deron sona mundial ao escritor foron as súas tres obras anticomunistas? (Homenaxe a Cataluña, Rebelión na granxa e 1984). A primeira pasou sen pena nin gloria en vida de Orwell –dise que vendeu unhas cincuenta copias por ano-, e as dúas últimas foron escritas no final da súa vida. Por que o resto da produción literaria de Orwell pasou case desapercibida? Converteuse Orwell da noite para o día nun escritor xenial como por arte de encantamento? Son preguntas chave que Pepe Gutiérrez debería responder para xustificar as súas opinións sobre Orwell, xa que hai dúbidas sobre a calidade literaria de Orwell, inversamente proporcional á súa desmesurada sona, tal e como o expresou un experto crítico literario, que se confesa grande admirador de Orwell:

«Un pode pensar de inmediato en media ducia de autores do século XX que, liña a liña, páxina a páxina, foron sempre mellores escritores: Conrad, Joyce, Elliot, Lawrence, Auden, Waugh. Entón, por que non receben este tratamento? Por que Orwell?»

A burguesía atopara nas propias fileiras da chamada esquerda os personaxes acaídos para a cruzada intelectual anticomunista, unha cruzada que xustificaría entre amplos sectores da poboación potencialmente pacifistas, a política militarista e agresiva dos Estados Unidos e o bloque occidental, como a chantaxe nuclear ou as guerras imperialistas en Corea e Vietnam. Mais facía falla algo máis para chegar ao grande público, alleo ao elitismo dos Congresos de intelectuais e artistas, ás revistas especializadas e ao mundo universitario. Facía falla un produto rompedor, que se puidera vender doadamente, accesíbel e asimilábel polas masas das sociedades occidentais, algo co que se puideran identificar e que lles afastara ademais do “perigo” da radicalización e do socialismo. Unha nova guerra comezaba, e as obras apocalípticas de Orwell, escritas nunha linguaxe sinxela, elemental e accesíbel para o grande público, ían ser unha munición moi efectiva que se empregaría nas batallas ideolóxicas, políticas e culturais contra o outro lado da “cortiña de aceiro” e contra a esquerda transformadora. Os servidores de intelixencia occidentais, especialmente a CIA, destinaron grandes cantidades de diñeiro e grandes campañas publicitarias para difundir as obras de Orwell, incluíndo as versións cinematográficas das súas principais obras anticomunistas (detalles que Pepe Gutiérrez evidentemente prefire non comentar). A sona viulle como caída do ceo: desde 1945, coincidindo co comezo da cruzada anticomunista norteamericana, o escritor que vendera uns poucos centos das súas novelas ao ano, pasaría a vender decenas de milleiros con continuas reedicións e traducións á maioría dos idiomas.

Un aspecto que contribuíu á meteórica carreira de Orwell foi a súa vida bohemia e o seu individualismo extremo. A imaxe do don Quixote libertario, “non atado a ideoloxías”, a “dogmas” ou a partidos políticos, é unha figura atractiva entre determinados sectores politizados da esquerda, e pode exportarse moito máis facilmente que calquera escritor realmente comprometido, non co mesmo, senón cunha causa colectiva de progreso social, que implica renunciar ao egoísmos individualistas e aos prexuízos persoais a prol da causa. A figura do heroe individual, cuxa única vara de medir para o ben e o mal, para o correcto e o incorrecto, é a súa propia intuición por riba de todas as consideracións sociais políticas e históricas é unha figura atractiva que sempre tivo moito público. Por iso, o fenómeno intelectual ao redo do escritor creou un vasto mercado editorial orwelliano con evidentes valores de dereitas pero enfocados a un amplo público susceptíbel de apoiar ás esquerdas, unha verdadeira “industria de Orwell” segundo as afortunadas verbas de Scott Lucas, profesor da Universidade de Birmingham e autor dunha biografía crítica sobre o escritor, quen nos mostra o abano de destacados personaxes que sucumbiron ao atractivo do “Orwell idealista”:

«“O único escritor de xenio entre os literatos de revolta social entre as dúas guerras” (Arthur Koestler); “o espírito de vidro para todos nós” (George Woodcock). Para Noam Chomsky foi o modelo do “intelectual responsábel”. Para Bernard Crick foi, na Gran Bretaña post imperial e post Estado de benestar, o “socialista inglés”. E desde os acontecementos de setembro de 2001 pasou a ser, segundo Christopher Hitchens, un incondicional contra o “fascismo islámico” e os seus cómplices pacifistas (como Noam Chomsky)» .

Deste xeito foi creada a imaxe dun mito cuxo valor literario foi máis ben pobre e desigual, mais cuxo valor simbólico ten hoxe aínda unhas posibilidades incalculábeis para conseguir escuros fins ideolóxicos e políticos.


4. Instrucións para fabricar un mito

Dous grandes dogmas fixeron de Orwell o Grande Sacerdote da Verdade e Mestre da ciencia política. O primeiro fai referencia á súa militancia socialista ou esquerdista, evidentemente entendida nun sentido moi amplo. Durante xeracións, os orwellianos de esquerdas e o discurso oficial sobre o escritor, lémbrannos insistentemente, a través dunha infinidade de reedicións das obras de Orwell e de biografías eloxiosas, que Orwell se gañou a súa sona de escritor a pulso pola súa integridade persoal, a súa honestidade e os seus principios políticos socialistas. A Orwell, dinnos os seus apoloxistas, a diferenza das meirande parte dos intelectuais de esquerdas, non lle tremeu o pulso para proclamar “A Verdade” e para denunciar os valores contrarios ao “socialismo verdadeiro”: a Unión Soviética, Stalin, os partidos comunistas e os escritores e intelectuais potencialmente simpatizantes coa URSS ou coa causa do antifascismo. Veremos máis adiante como a realidade é moi diferente a este aspecto do mito.

O outro grande dogma é o do escritor inxustamente perseguido polo “comunismo estalinista”, un idealista vítima das “paranoias” de Stalin no Estado español. O episodio español de Orwell é, quizais, o máis crucial para entender a natureza do mito así como a percepción dominante entre o público sobre a guerra civil española. Ningún orwelliano afrontou este episodio histórico desprovisto de prexuízos ideolóxicos. Orwell participou na guerra civil enrolado voluntario nas milicias do POUM, estivo involucrado nos chamados Sucesos de Maio de Barcelona que enfrontaron, por unha banda, ás forzas que defendían á Fronte Popular (Generalitat de Cataluña, ERC, PSUC, UGT, principalmente) e pola outra ao POUM e sectores extremistas do anarquismo como os Amigos de Durruti. Os sucesos pasaron á historia como unha loita entre os “contrarrrevolucionarios” e os “revolucionarios”. A participación de Orwell fixo que aqueles feitos, bastante anecdóticos no contexto da guerra civil (nos Sucesos de Maio morreron unhas 500 persoas, mentres que as baixas en calquera batalla da guerra foron da orde de decenas de milleiros), se converteran para o grande público no suceso fundamental e clave de toda a guerra. A partir de entón, a reconstrución histórica deixou paso á lenda novelada –e máis recentemente á cinematográfica con Terra e Liberdade-, como podemos ver nesta esquematización simplista, que a día de hoxe aínda se repite irreflexivamente como verdade absoluta:

«O seu libro Homenaxe a Cataluña, publicado en 1938, forma parte da memoria da guerra de España e é unha rotunda e valente denuncia do estalinismo e dos réximes totalitarios, un sentimento que cristalizará en obras posteriores como Rebelión na granxa e 1984. (...) O autor amosa neste artigo os seus sentimentos de fraternidade coas vítimas da represión comunista e critica a deformación dos acontecementos que ofrecen os xornais de esquerdas. Sinala tamén o carácter contrarrevolucionario do comunismo español e a contradición na que este cae ao unirse aos capitalistas para combater o fascismo mentres reprime aos revolucionarios» .

Entre todos os xornais estranxeiros, só unha minoría moi reducida –entre a que se atopaba Orwell- amosou esa visión tan extremadamente negativa (se descontamos os correspondentes favorábeis a Franco) sobre a República, a actitude dos comunistas e a URSS. Orwell non estaba narrando os feitos de forma obxectiva, explicando a “Verdade” como a el lle gustaba presumir. Homenaxe a Cataluña está realizado desde o sentimentalismo máis profundo, cargando as tintas sobre os inimigos políticos do partido onde el se refuxiara, o POUM. Moitos orwellianos recoñeceron a grande carga pasional que hai en Homenaxe, mais ningún deles recoñeceu que esta visión personalizada e subxectiva pode ser un argumento contra a obxectividade dos feitos. A obra, escrita en forma autobiográfica, ten dúas partes ben diferenciadas: a primeira, un visión romántica dunha idealizada Barcelona de aspecto proletario, seguido polas súas vicisitudes nas trincheiras de Huesca. Son episodios onde se describe a grande ineficacia dos combatentes mais onde domina a percepción idealista dos milicianos e dos fins que perseguen. A segunda, narra os combates nas rúas de Barcelona e o incidente coa policía ao sufrir un rexistro domiciliario, así como a súa visita aos cárceres e a súa fuxida, segundo o propio Orwell, escapando da policía republicana.

Vexamos os pasos necesarios para fabricar o mito:

Paso nº 1: Cualificar o trotskismo de Orwell e do POUM como unha “manipulación estalinista” encamiñada a criminalizar aos “verdadeiros revolucionarios”.

Pepe Gutiérrez alude á existencia dun expediente da policía soviética onde se nomea –sen citalo en ningún momento, seguindo o seu costume- a Orwell e á súa esposa como «trotskistas fanáticos» . Pepe Gutiérrez escandalízase porque cualifiquen a Orwell de trotskista, e porque sexa presuntamente espiado polos soviéticos que, segundo afirma, desexaban a súa eliminación.

Trataríase de demostrar que a etiqueta de “trotskista” era unha manobra dos comunistas para xustificar as accións violentas contra rivais políticos como o POUM. Porén, a maioría dos observadores estranxeiros tamén cualificaron ao POUM como unha forza trotskista. E o propio Orwell compartía esta opinión cando comentaba que o seu libro Homenaxe a Cataluña «contén un extenso capítulo cheo de citas tomadas dos xornais e demais, nas que se defende aos trotskistas que estaban entón acusados de tramar un complot contra Franco» .

Seguindo a propia lóxica do escritor, calquera observador tiña dereito a considerar trotskista a Orwell. No contexto dunha guerra, onde as razóns de supervivencia impoñen unha loita a morte, desaparecen os espazos para as sutilezas e os matices, simplificándose a realidade en base ao binomio amigo-inimigo. É un método empregado por todos: cualificar a Orwell como trotskista quizais sexa un erro de matiz, aínda que non tan grave como, por exemplo, a clásica afirmación orwelliana de que o dirixente socialista Negrín era un axente de Stalin, erro que non arrinca ningún xesto de escándalo a Pepe Gutiérrez.

Paso nº2: Sacar de contexto o posíbel feito de que Orwell fose investigado ou espiado.

O que é unha actividade normal entre os servizos de intelixencia de todos os países, para os orwellianos, se o realiza a URSS é unha evidencia concluínte da monstruosidade intrínseca de Stalin. Todos os Estados teñen servizos de intelixencia e espionaxe que realizan informes dos personaxes máis destacados do mundo da política, as finanzas, a cultura, etc. Orwell foi investigado polos servizos de intelixencia británicos: desde 1929, un corpo especial da policía británica, Scotland Yard, recollía información das súas actividades, desde a súa estancia en París. En 1942, nun pésimo informe policial –evidentemente equivocado- definíao como un escritor con «opinións comunistas avanzadas» e dicía que fora visto en reunións de comunistas, feito que se encargou de desmentir o servizo de intelixencia MI5, valorando moi positivamente os últimos escritos de Orwell sobre política e a súa participación nun simposio titulado graficamente A traizón da esquerda. Finalmente, foi descartado como potencialmente perigoso grazas ás súas opinións negativas sobre a Unión Soviética . O arquivo policial non se pechou até o día no que Orwell foi soterrado, en 1950. Así pois, que os soviéticos presuntamente investiguen a Orwell durante a guerra para Pepe Gutiérrez é motivo de horror e de escarnio, mentres que non di unha palabra verbo da investigación da espionaxe británica que, en tempos de paz e moitos anos antes que os soviéticos, realizaron sobre Orwell. Por que cae Pepe Gutiérrez nesta estraña contradición? Sinxelamente, porque así Pepe Gutiérrez pode manter viva a chama do mito, o feble escritor “heroico e decente” enfrontado ao todopoderoso Stalin, personificación do mal.

Por outra parte, os anos trinta, e máis especificamente a partir da guerra española, foron nos que con maior virulencia atacou Trotski a Stalin, á URSS e ao que el chamou “casta burocrática”. Ademais diso, o POUM encargouse infinidade de veces de proclamar a grandes voces a súa oposición ao goberno da Fronte Popular, á República “burguesa” e ao PCE e PSUC, cualificados como “contrarrevolucionarios”. Cae polo seu propio peso que, se un ingresa nun partido que a maioría dos observadores, como o propio Orwell, consideran “trotskista”, poda ser considerado como potencialmente inimigo tanto da República como do Estado soviético e, nunha situación de guerra, poda ser investigado do mesmo xeito que outros países investigaban as actividades comunistas en España. É algo perfectamente normal dentro da lóxica da guerra, onde os servizos de información e espionaxe adquiren unha importancia vital. Para Pepe Gutiérrez parece algo monstruoso, aínda que só se cando se trata de algo realizado polos soviéticos.

Paso nº3: Omitir a existencia de destacados espías no POUM.

Georges Kopp, comandante da columna estranxeira do POUM onde se alistou Orwell e intimo amigo do escritor, era un axente dos servizos de espionaxe británicos (MI5), cuxo Estado estaba activamente interesado na vitoria de Franco. O xefe directo de Kopp no MI5 era Anthony Blunt, axente dobre soviético, polo que a máis elemental lóxica suxire que os servizos de espionaxe soviéticos estaban informados da existencia dunha rede de espionaxe británica en España, incluíndo a que había na columna estranxeira do POUM. É un signo de paranoia pensar que os integrantes desta columna –como Orwell- non poderían ser eles mesmos espías (reais ou potenciais) interesados en debilitar a loita republicana, tendo en conta que o POUM se proclamou adversario da URSS, da Fronte Popular e da República “burguesa”? Esta pregunta xamais atopará resposta por parte de Pepe Gutiérrez, que seguramente volverá responder coa clásica etiqueta de “manipulacións estalinistas”.

Espionaxe fascista no POUM e no extremismo anarquista: silencio de Pepe Gutiérrez

Outra dato, que Pepe Gutiérrez e os orwellianos se encargan de silenciar, é o feito da infiltración fascista no POUM e en grupos extremistas anarquistas, aproveitando a súa oposición visceral á República e ao partido comunista. Falouse en numerosas obras de que Franco e o embaixador alemán Faupel se outorgaron a paternidade dos Sucesos de Maio de Barcelona. Se ben isto pode ser un intento de darse importancia mutuamente entre os dous aliados, ten certa lóxica con revelacións recentes sobre a influencia da espionaxe fascista en organizacións de extrema esquerda republicanas.

A POLPOL, policía secreta de Mussolini, infiltrara ao POUM xa antes da guerra. O seu axente máis destacado era Arturo Luchetti, que levou a cabo actos de sabotaxe contra o exército republicano . Por outra parte, determinados medios anarquistas tamén estaban infiltrados. Algunhas das súas publicacións anticomunistas foron promovidas pola espionaxe fascista na súa loita anticomunista, sobre todo despois dos Sucesos de Maio. Por exemplo, un axente destacado de Mussolini, Bernardo Cremonini, líder da federación anarco-comunista de París,

«escribiu un planfeto violentamente anticomunista verbo dos sucesos de Barcelona que se propagaron por toda a organización. (...) Á luz do sucedido en Barcelona, o Duce chegara incluso a propoñer a publicación dun xornal anarquista que “ataque violentamente ao fascismo, mais cuxo verdadeiro obxectivo sexa atacar ao comunismo da forma máis resolta e vulgar”. Mussolini quería que se chamara Lotta di Classe, como o xornal de Berneri, o Il Riscatto Libertario» .

Como o lector pode imaxinar, de todo isto non aparece unha liña nin nas obras de Orwell nin nas de Pepe Gutiérrez. E é que xa Mussolini percibira que os discursos de extrema esquerda eran unha auténtica mina de ouro para atacar e difamar aos comunistas como máximos defensores da República. Niso pódese dicir que o ditador italiano foi un verdadeiro precursor de Orwell. O líder anarquista Berneri, outra vítima destacada que os orwellianos aproveitan para cargar sobre os comunistas ou sobre a URSS, foi asasinado segundo as evidencias máis recentes, por axentes de Mussolini. Berneri era un anarquista refuxiado, que descubriu no consulado italiano en Barcelona documentos comprometedores onde quedaban demostradas as intencións de Mussolini de colonizar España, converténdoa nun protectorado de Italia . Os documentos reforzaban a tese comunista de que a guerra española era en grande medida unha guerra patriótica contra a invasión do fascismo internacional, tese que era obxecto de violentos ataques por Trotski, o POUM e os sectores anarquistas máis extremistas.

Finalmente, nesta historia de espías compre destacar que militantes do POUM de Barcelona se ofreceron en 1938 á Quinta Columna par asasinar ao presidente do Goberno republicano, Juan Negrín, e ao ministro de Asuntos Exteriores, Julio Álvarez del Vayo, a cambio dunha cantidade de dólares e dunha vía de saída para os Estados Unidos . Novamente, o extremismo de esquerdas conflúe co extremismo de dereitas mentres que, ante estes feitos documentados, Pepe Gutiérrez se limita a responder coa condenación eterna para os “estalinistas”.

Paso nº4: Reescribir a historia dos amigos de Orwell, agochando sucesos escabrosos.

Leamos a descrición que fai Pepe Gutiérrez sobre o comandante Kopp, xefe de Orwell no Estado español:

«Como moitos aventureiros e soldados de fortuna (Malraux representa o exemplo máis notorio), Kopp embeleceu a realidade creando un mito complexo sobre o seu pasado. Un xornalista holandés, Bert Govaerts, descubriu recentemente que “no canto de tratarse dun enxeñeiro belga con experiencia militar previa, Kopp era en realidade de nacionalidade rusa e xamais serviu no exército (é dicir, foi oficial de reserva no exército belga). Ademais, nin era licenciado en enxeñaría nin un marido e pai entregado, como pensaba Orwell. Asemade, tamén semella falsa a afirmación de Kopp segundo a cal o obrigaron a fuxir de Bélxica por fabricar municións ilegais para a República española”. Após examinar a carreira vital de Kopp, Govaerts concluía: “En conxunto, a célebre capacidade de observación de Orwell sufriu un grotesco golpe con este curiosísimo home.” Mais mentres loitaba en España xunto a Kopp, Orwell non tiña maneira de descubrir a verdade sobre o pasado deste. En calquera caso, o mito que Kopp creou non altera en absoluto o seu impresionante heroísmo (en acción e en prisión) tanto durante a guerra civil española como na resistencia francesa durante a Segunda Guerra Mundial» .

De guiarnos por Pepe Gutiérrez, o íntimo amigo de Orwell, Kopp, era, por dicilo suavemente, un mozo traveso amante das aventuras, un home capaz dun “impresionante heroísmo” que cometía o pecado totalmente desculpábel de ser un chisco mentirán, como outros aventureiros –Malraux, Gide- ou turistas revolucionarios que viñeron a España na procura de excitantes aventuras e que despois fixeron fortuna durante a cruzada anticomunista. É evidente que Pepe Gutiérrez tenta desesperadamente salvar a imaxe de Georges Kopp, outro mito do POUM. Georges Kopp quizais foi un “heroe de guerra”, aínda que é un feito dificilmente comprobábel. Mais o que si está ben documentado é que, como se dixo antes, durante a guerra no Estado foi un espía ao servizo do Imperio británico. Ademais diso, participou co exército británico na defensa de Francia durante a invasión alemán de 1940 e foi capturado, pasando a traballar, segundo evidencias de bastante peso, para o goberno colaboracionista de Vichy a través do Deuxième Bureau ao mesmo tempo que para o MI5. Deste xeito, unha persoa sen ningún tipo de escrúpulos, que coas súas actividades moi probabelmente colaborou co terror nazi en Francia, é descrito por Pepe Gutiérrez sinxelamente como un “heroe de guerra” que loitou na Resistencia francesa. Así escriben a historia os orwellianos. Coa lóxica de Pepe Gutiérrez, o nazi Jacques Doriot ou o mariscal Pétain tamén foron heroes da Resistencia francesa.

Curiosas coincidencias na loita contra o “estalinismo”

A estratexia de Pepe Gutiérrez na meirande parte dos seus escritos anticomunistas é ben sinxela: reescribir a historia dos máis destacados anticomunistas e agochar os seus aspectos máis repulsivos. Por esta razón, noutro escrito, non ten pelos na lingua á hora de mitificar a un dos líderes do golpe de Estado contra a República en 1939, o anarquista Cipriano Mera. No seu eloxioso Homanaje , Pepe Gutiérrez nin sequera comenta a traizón á República pola Junta de Defensa, presidida por Casado e na que Mera tivo un papel crucial. Quizais para el non ten importancia que esta traizón entregara impunemente a Franco a centos de milleiros de combatentes e familiares, que acabaran nos campos de concentración, nos calabozos de tortura e nos paredóns de fusilamento. Sumando as “coincidencias”, aos eloxios do golpismo antirrepublicano tamén se une o ultra Federico Jiménez Losantos, a voz dos bispos ultramontanos, que tamén considera a Mera como un “idealista”, un heroe polo seu enfrontamento contra os comunistas, do que eloxia as súas iniciativas como a proposta de «secuestrar a Negrín para obrigalo a negociar con Franco ou presentarse con el en Burgos aínda que os fusilasen a todos» . Tamén a Falange Auténtica se apunta ao homenaxe a Cipriano Mera, do que destaca o seu anticomunismo e o seu “idealismo”: «Sen dúbida, a de Cipriano Mera é unha vida entregada a fondo perdido polo Ideal, marcado pola vivencia da Solidariedade, compartindo até o necesario para vivir» . Finalmente, a Fundación Andreu Nin reivindica a súa figura publicando unha entrevista a Mera realizada en 1966. O anticomunismo concita as máis estrañas amizades.

Paso nº5: Facer do POUM a única vítima das represións e de Andreu Nin o único morto da guerra civil.

Esta esquematización serve para agochar que até maio de 1937, en Catalunya e outras zonas da República, determinadas forzas políticas e sindicais tentaron impoñerse mediante a violencia, o terror e os asasinatos. Como puxeron de manifesto no seu documentado e exhaustivo estudo os historiadores Solé i Sabaté e Villaroya , até 1937 proliferaron as prisións anarquistas como as de Sant Elies en Barcelona e os cemiterios clandestinos na Arrabassada e en Montcada, onde ían parar as decenas de asasinados polos incontrolados e as Patrullas de Control, amparadas por grupos da FAI, a CNT e o POUM nun intento de provocar o “caos revolucionario” e socavar a unidade da Fronte Popular. As gabias das estradas inzábanse de mortos, non só de burgueses, curas e fascistas, senón tamén de militantes de Esquerra, da JSU ou do PSUC “depuradas” convenientemente polos seus inimigos políticos, ou ben de persoas sen partido vítimas de vinganzas persoais ou de extorsións cuxos verdugos se amparaban na impunidade do carné vermello e negro a maioría das veces: non esquezamos que unha das primeiras medidas “revolucionarias” do anarquismo foi abrir de par en par os cárceres de Barcelona, de onde saíron centos de criminais, violadores, asasinos, pistoleiros e delincuentes. Joan Comorera, secretario xeral do PSUC, foi obxecto de atentados e moitos personaxes “do outra lado” caeron moito antes que Andreu Nin. Roldán Cortada e Sesé, destacados dirixentes do PSUC; Desideri Trillas, sindicalista do porto de Barcelona, asasinado nos locais da CNT polos seus pistoleiros; os tres militantes da UGT asasinados en Lo Grau e os cinco asasinados en Erriberri –entre eles dous comunistas e un membro de Izquierda Republicana; o exterminio de uxetistas en Barcelona durante o dominio anarquista, ou os case trinta campesiños asasinados pola FAI na vila tarraconense de La Fatarella, son uns poucos exemplos das vítimas entre a esquerda producidas durante a ditadura anarquista animada polo POUM. Os adversario do PSUC foron implacábeis cos militantes comunistas e doutras organizacións. Cal sería o destino dos dirixentes do PSCU se os amigos de Orwell triunfaran?

Na historia da guerra civil contada polos orwellianos, todas estas vítimas sinxelamente non existen.


5. Sobre o mal uso da información e a falta de seriedade de Pepe Gutiérrez

É evidente que Pepe Gutiérrez ten un grande interese en condicionar o debate e levalo do vieiro construtivo ao espazo das etiquetas, estereotipos e prexuízos. En primeiro lugar, Pepe Gutiérrez, non se sabe o por que, vese na obriga de dar unha grande publicidade a miña suposta militancia política: «Parece ser que Albert Escusa forma parte do Partit Comunista de Catalunya (PCC), grupo “prosoviético”, partido actualmente coligado con Iniciativa per Catalunya e con Llamazares, é dicir, con “camaradas” que non só abxuran de Stalin, senón que o fan tamén do comunismo». Supoñemos que o obxectivo que persigue Pepe Gutiérrez ao dar publicidade á miña suposta militancia política, é mostrar ao lector a imposibilidade de que un militante do PCC poda emitir opinións obxectivas sobre estes problemas históricos e políticos. Xa que Pepe Gutiérrez ten tanto interese en expoñer ao público –e a outros elementos que pululan pola rede- a miña suposta militancia política, estou obrigado a aclararlle que, efectivamente, hai anos fun militante do PCC –e, pese ás miñas diferenzas actuais, non me avergonzo de ter militado nese partido-, pero moito antes de publicar o meu texto sobre Orwell xa abandonara o meu compromiso con PCC. Xa que logo, actualmente non teño ningunha relación co PCC nin coa política ou a ideoloxía que defenda, cuestión que competen única e exclusivamente ao seus militantes. Tampouco teño nada a ver con Iniciativa per Catalunya, nin con Llamazares, nin con Izquierda Unida, nin cos camiños que tomaran estas organizacións e os seus dirixentes. Recoméndolle a Pepe Gutiérrez que revise as súas pésimas fontes de información antes de divulgar deste xeito estas informacións falsas. Asemade, sería interesante que nos aclarara a todos cales son os criterios que emprega para insinuar que os militantes do PCC están invalidados para dar argumentos obxectivos sobre tales acontecementos históricos.

En segundo lugar, o texto de Pepe Gutiérrez está cheo de importantísimos erros e do emprego incorrecto das citas, que inducen ao lector a unha interpretación deformada e errónea do meu texto. Por exemplo, segundo Pepe Gutiérrez, «Escusa chega a afirmar con rotundidade que Rebelión na granxa que apareceu en Gran Bretaña coincidindo coa fin da guerra (...) Nin que dicir ten que esta obra se imprimiu na Alemaña nazi e a Italia fascista».

Do xeito que o cita, non habería nada que obxectar a Pepe Gutiérrez, mais o problema é que el refundiu arbitrariamente partes do texto que eu escribín: a primeira parte da cita fai referencia a Rebelión na granxa, mentres que a segunda parte fai referencia á obra de dous fascistas ingleses amigos de Koestler. Unir desta forma dous fragmentos que falan de cousas completamente diferentes é un exercicio de confusión deliberada. Se Pepe Gutiérrez se tomara a molestia en citar correctamente o meu texto, non tería dúbidas de que en ningún momento se afirma tal cousa. A cita correcta, que muda completamente o sentido da frase, é a seguinte:

«En 1939, Koestler evolucionou cara ao extrema dereita, facéndose admirador manifesto de escritores ingleses como Cecil Gerahty e william Foss, quen escribiron sobre a República española: ‘Demostramos, pois, que España foi a vítima dun vasto complot comunista, inspirado e controlado polos francmasóns europeos, xudeus na súa maioría, e axitadores internacionais’. Nin que dicir ten que esta obra se imprimiu na Alemaña nazi e a Italia fascista».

Isto é exactamente o que escribín eu, e non o que Pepe Gutiérrez pon falsamente como da miña autoría e repita máis adiante no seu texto. En calquera caso, eu non teño a culpa de que Koestler, escritor moi admirado por Pepe Gutiérrez, decidira escoller ás súas amizades entre os fascistas.

Por outra parte, Pepe Gutiérrez comete, outra volta, un grande erro cando se escandaliza porque no meu traballo recorrín a autores “non estalinistas” ou antiestalinistas como Isaac Deutscher. É posíbel que o doutrinarismo lle xogara unha mala pasada a Pepe Gutiérrez. Do punto de vista científico, recorrer a autores ideoloxicamente opostos para sustentar unha determinada posición non constitúe ningunha aberración mentres os seus argumentos teñan un apoio sólido, contrastado e debidamente documentado. De feito, debería ser un motivo de alegría para Pepe Gutiérrez que eu me desprenda de prexuízos e non dubide en recorrer a autores con concepcións ideolóxicas afastadas das miñas.


6. Pepe Gutiérrez e a reciclaxe dos intelectuais ao servizo do imperialismo

Para apoiar a súa argumentación, Pepe Gutiérrez vese na obriga de reciclar escandalosamente aos intelectuais que, conscientemente ou non, traballaron nos estabelecementos culturais e literarios da axencia da espionaxe norteamericana, a CIA. O máis importante deles foi os Cadernos do Congreso pola Liberdade da Cultura, revista creada e financiada pola CIA e as súas fundacións pantalla, e dirixida por Julián Gorkin, un dos principais dirixentes do POUM até 1939, e desde os anos corenta axente activo do imperialismo norteamericano.

O feito clave dos vínculos entre a CIA e Gorkin e os Cadernos que dirixía, enfocados a denigrar á República e a captar intelectuais pronorteamericanos, é importantísimo para clarexar os intereses ideolóxicos e o entorno histórico da guerra fría anticomunista, que permitiu triunfar á caracterización da Unión Soviética e a guerra civil española segundo o modelo orwelliano. Mais contra esta lóxica, Pepe Gutiérrez silencia este feito fundamental, limitándose a argumentar que nos Cadernos escribían «antifranquistas, intelectuais que pretendían crear unha oposición non comunista». Que bonitas verbas para describir á oficina cultural da CIA, a axencia do crime que cunha man pagaba a Gorkin e aos seus amigos, e coa outra aos Somoza, Batista, Pinochet, Suharto e Mobutu! Como explica Pepe Gutiérrez, nos Caderno colaboraron entre outros Salvador de Madariaga, Aranguren, Ferrater Mora, Américo Castro, Víctor Alba, Camilo José Cela e Dionisio Ridruejo. Efectivamente, unha “oposición intelectual” branda... mantida e financiada pola CIA, que preparaba un posfranquismo favorábel aos intereses do imperialismo norteamericano. Como demostrou o historiador Southworth , Gorkin foi o asalariado da CIA especializado na campaña de difamación contra a República en xeral, e contra os comunistas en particular, entre algunhas capas da intelectualidade española progresista ou disidente do franquismo, e entre sectores da esquerda non comunista que puideran sentir simpatía cara ao partido comunista. Contou coa axuda inestimábel do xornalista e historiador Bollotten –outro tránsfuga que abandonou a súa antiga simpatía pola República a cambio dunha boa carreira profesional- aos que hai que engadir a El Campesino e Jesús Hernández, cuxos “testemuños” fabricados por Gorkin (é dicir, pola CIA) son dogma de fe para Pepe Gutiérrez.

Por que Pepe Gutiérrez non comenta nada sobre as conexións dos poumistas e orwellianos Gorkin, Alba e outros coa CIA, feito importantísimo para clarexar o debate? Seica sinte algún reparo moral por ter que recorrer a tales autores para apoiar os seus argumentos?


7. Un fantasma recorre o mundo de Pepe Gutiérrez: o fantasma do “estalinismo”

Dicía o grande historiador Pierre Vilar, denunciando as presións dos intelectuais que pretendían desesperadamente evitar unha lectura obxectiva de Stalin: «un terrorismo intelectual subterráneo impulsa a pedir perdón por citar a Stalin» . O ton intimidatorio utilizado por Pepe Gutiérrez nútrese deste terrorismo intelectual ao utilizar indiscriminadamente a clásica etiqueta de “estalinismo”, concepto encamiñado a atemorizar e a provocar vergonza, non só aos defensores de Stalin e da URSS, senón a todos aqueles que non comparten o modelo orwelliano e o pensamento único antiestalinista. Con isto, Pepe Gutiérrez pretende terminar facilmente o debate sobre a figura de Orwell e a historia soviética, substituíndo con etiquetas e prexuízos clásicos a ausencia de argumentos sólidos e ten que recorrer a argumentos peregrinos como o suposto antileninismo oficial en Cuba –se non ficamos no formal, sería un interesante exercicio comparar polo miúdo os textos constitucionais e os sistemas sociopolíticos de Cuba e a URSS- ou mediante a lenda de que os comunistas son catro gatos en vía de extinción: «os estalinistas pódense contar cos dedos dunha soa man. Non están nas librarías, nin nos foros, en calquera páxina alternativa o concepto estalinismo é usado case exclusivamente como insulto, ou como parte dun pasado erróneo e, en moitos casos, superado.»

Non se entende como Pepe Gutiérrez malgasta tanto tempo e enerxía para combater aos «dedos dunha man», a non ser que, evidentemente, o propio Pepe Gutiérrez saiba que a súa afirmación ten pouco a ver coa realidade. Náufrago no seu pequeno océano orwelliano, non é quen de ver o evidente: a existencia de grandes partidos en todos os continentes que, aínda que manteñan hoxe posicións ideolóxicas diferentes, defenden a Unión Soviética de Stalin como unha etapa globalmente positiva para a historia dos pobos soviéticos e da humanidade. En Turquía, Grecia, Ecuador, Rusia, Nepal, etc., existen grandes partidos de masas, algúns con presenza electoral e social notábel, ou son forza de goberno, que reivindican dun xeito ou de outro a figura de Stalin. Non sabemos a que grupo político está adscrito Pepe Gutiérrez, mais dificilmente debe ter unha grande representación, do mesmo xeito que ningún grupo do anticomunismo de esquerdas ou semellante ten practicamente presenza nin entre as masas, nin dirixiu xamais movementos antiimperialistas ou revolucionarios, nin constitúe ningunha forza de consideración a nivel electoral. Por que non di nada Pepe Gutiérrez sobre isto?

O desenfreo anticomunista conduce a Pepe Gutiérrez cara a posicións radicais que o fan vincular, sen ningún tipo de probas, a Stalin e a URSS «coa cohorte Pol Pot, Ceaucescu, o último Mao». Son análises converxentes con extremistas do calibre de Federico Jiménez Losantos, cuxas opinións son moi semellantes: «Stalin, Mao o Pol Pot mataron antes e mataron máis do que puido facelo o Carniceiro dos Balcáns» . Vincular os acertos e desacertos de Stalin cos de outras figuras históricas posteriores a el non se pode cualificar como un grande argumento histórico. Mesturar deste xeito a personaxes que estiveron no centro de procesos históricos tan diferentes e contrapostos, e pretender facer deles «discípulos de Stalin» –sen probas, sen argumentos, sen documentación histórica- non constitúe ningunha evidencia a prol de Pepe Gutiérrez, que recorre a teses dignas do Libro negro do comunismo.


8. Pepe Gutiérrez, o cinema e os escritores “arrepentidos”

Como probas definitivas de cargo contra o “estalinismo”, Pepe Gutiérrez proponnos gozar de películas antisoviéticas: «a verdade é que lles iría moi ben ler libros como os mencionados ou películas A confesión, de Costa-Gravas ou A vida dos outros, de Florian Henchel-Donnersmarck, so pena de quedar totalmente marxinados da verdade” completado coa lectura dos escritores desencantados coa URSS.

En canto ao primeiro, non é moi orixinal, posto que a industria occidental do cinema ven realizando obras antisoviéticas e anti-“estalinistas” desde 1917, aínda que hai que recoñecerlle a Pepe Gutiérrez que poñer ao mesmo nivel as películas de ficción coas obras históricas e científicas baseadas en documentos, é algo anovador e brillante. Pepe Gutiérrez parece suxerir aos historiadores un novo método de investigación: no canto de perder o tempo indagando nos arquivos, é moito máis produtivo para eles pasar unha tarde no cinema. Neste punto, curiosamente Pepe Gutiérrez abstense de citar a película Misión en Moscova (Michael Curtiz, 1943) realizada a partir das memorias do embaixador norteamericano Joseph Davies na URSS entre 1936 e 1938, quen tivo oportunidade de asistir, xunto con numerosos diplomáticos e embaixadores estranxeiros, aos xuízos contra algúns dos “vellos bolxeviques” convertidos en opositores. A grande maioría de estranxeiros, moitos deles avogados, confirmaron a veracidade das confesións dos acusados e a verosimilitude das acusacións de traizón e espionaxe que pesaban sobre algúns antigos dirixentes da revolución. A visión do embaixador Davies, que viaxou por todo o país libremente, e que tratou de formarse unha opinión propia sen prexuízos, derruba moitos mitos. Por que este importantísimo testemuño é silenciado por Pepe Gutiérrez?

Merece comentario aparte a actitude dos escritores comprometidos: é certo que moitos asumiron de forma acrítica a versión do XX Congreso do PCUS de 1956 promovida por Kruschov, como tamén outros o seguiron precisamente polo grande prestixio que tiña o PCUS entre as masas de todo o mundo, incluíndo os sectores intelectuais progresistas. Mais que seguiran este camiño e que repudiaran a súa adhesión anterior é algo do que non debe culparse demasiado a estes escritores, xa que moitos deles procedían da pequena e mediana burguesía. A simpatía política non provén moitas veces dunha análise profunda, senón de convicións e esperanzas, de rexeitamento instintivo ao existente, de seguimento cego, cando non de apuntarse á última moda ou de subirse ao carro que parecía vencedor. Esas motivacións mobilizaron a unha grande cantidade de escritores cosmopolitas, que viron cambalear as súas identidades sociais e culturais nun mundo que xurdiu da Primeira Guerra Mundial e estaba a piques de se precipitar no abismo da segunda guerra. Como explicou o ex comunista Arthur Koestler para autoxustificarse anos despois en ton de arrepentimento, a motivación de moitos escritores para apoiar a Stalin foi a intuición de que a URSS era o único país que podía deter á ameaza fascista:

«Os comunistas, apoiados pola poderosa Unión Soviética, parecían a única forza capaz de resistir a avalancha das hordas primitivas coa súa esvástica-totem» .

Cando o nazismo foi esmagado pola URSS, o capitalismo resucitou e moitos escritores e artistas puideron respirar aliviados, retornando novamente á sociedade que eles sempre consideraran como a súa. Avergoñados polas súas anteriores opinións políticas, volveron escoller o bando occidental durante a guerra fría. Atrás ficaban as torturas morais pola culpabilidade de clase nos dramas do primeiro terzo do século XX, dramas que os empurraran a situarse no lado do antifascismo e o socialismo. Nin hai que idealizar as súas opinións, nin hai que ser excesivamente duros con eles tendo en conta a súa procedencia de clase e as súas posibilidades de promoción profesional.

Finalmente, o desprezo pola seriedade é manifesto cando se descartan obras documentadas e rigorosas con expresións tales como «se citan autores que non son os da casa (como Ludo Martens cuxos traballos son xa moi distantes)». É dicir, as novelas de ficción de Orwell Rebelión na granxa (escrita en 1943) e 1984 (escrita en 1948) –hai máis de medio século!- para Pepe Gutiérrez son obras científicas de actualidade, mentres que a obra histórica Outra visión de Stalin de Ludo Martens, publicada en 1994 e apoiada en documentación recente, segundo Pepe Gutiérrez «é un traballo moi distante». Curiosa maneira de medir a de Pepe Gutiérrez. Será que os conceptos de tempo e espazo están invertidos no universo orwelliano?

Os disidentes do modelo orwelliano, “esquecidos” por Pepe Gutiérrez

Se moitos escritores renegaron ás primeiras, alertados polo seu instinto de clase e a súa pertenza á cultura occidental, outros non dubidaron en continuar o seu combate polos seus ideais sen abandonar as súas convicións, malia que algúns manifestaran as súas dúbidas e vacilacións políticas, como é natural, nun momento ou outro. Son os “esquecidos” por Pepe Gutiérrez: Miguel Hernández, Henri Barbusse, Nicolás Guillén, Antonio Machado, Pablo Neruda, Rafael Alberti, Louis Aragon, Nazim Hikmet, Roque Dalton, Berthold Brecht, Dashiell Hammett e tantos outros relegados ao esquecemento pola apisoadora intelectual do pensamento único orwelliano. Mais se Pepe Gutiérrez precisa intelectuais desencantados, pode tomar o paradigma de “disidente antiestalinista”, o famoso matemático e sociólogo Alexander Zinoviev (finado no 2006), que viviu en occidente grazas a escribir libros antisoviéticos:

«Desde a infancia fun antiestalinista, fun membro dun grupo terrorista disposto a matar a Stalin, fun arrestado, etc., etc. Até a morte de Stalin fun antiestalinista e fixen propaganda antiestalinista clandestina. Mais despois, cos anos, especialmente após a morte de Stalin, estudei esa época e cheguei á conclusión de que Stalin é, segundo o meu punto de vista, o político máis importante do século XX, e pode que un dos máis importantes de todo o milenio. Todo o que foi feito por el, na miña opinión, demostra que como político foi máis importante que Lenin. É necesario ter en conta as condicións históricas nas que vivía Rusia: guerras internas, pobreza, desordes, difíciles condicións climáticas, o material humano (ninguén quere ter en conta o material humano). (...) Con este material humano, fundar un Estado tan forte, a segunda superpotencia no planeta, é un caso único na historia. Hitler tamén levou adiante un gran asunto, tamén foi un político colosal, pero foi un criminal. Ser un xenio non significa ser ao mesmo tempo unha boa persoa. Napoleón tamén foi un xenio, mais tamén un criminal. Stalin, como home político, está por riba deles e a moita distancia. A historia soviética, aínda sendo moi curta, xogou un papel fundamental na historia da humanidade. Grazas á URSS foi derrotado o fascismo, o nacional-socialismo alemán, o militarismo xaponés. Sen a URSS isto sería imposíbel. De non existir a URSS, os alemáns, de maneira natural, poderían converterse nos donos da situación no planeta por moito tempo (...) Non se pode minimizar agora o protagonismo de Stalin. Na propaganda contemporánea occidental dedícanse a menosprezar a figura de Stalin. Resúmeno todo nas represións. Mais, en primeiro lugar, as represións, no fundamental, estiveron xustificadas, tiñan as súas causas; segundo, iso foi un fenómeno secundario na historia soviética real. Eu vivín todo este período, e para nós iso estaba na periferia da nosa vida, era secundario, non era iso o que determinaba a nosa vida, senón a creación positiva que abarcou a un grande pobo, e practicamente a todo o planeta» .

Estas son as verbas dun afamado intelectual que nunca se considerou a si mesmo comunista nin “estalinista” e que escribiu unha boa cantidade de libros moi críticos co sistema soviético. Representan un balanzo realizado desde unha perspectiva histórica, afastada da novelesca visión orwelliana. Por que Pepe Gutiérrez ignora sistematicamente estes testemuños?


9. Orwell, tendendo pontes entre dous extremos

Quen reivindica a Orwell na actualidade? Indubidabelmente un grande número de lectores que recibiron en doses acaídas o mito do “escritor honesto”, armado de idealismo e moral a toda proba; popes mediáticos ou intelectuais neoliberais, ou de extrema dereita, fabricantes de ideoloxía; intelectuais “independentes”, escritores e universitarios, xeralmente situados no ámbito da esquerda ou centro-esquerda; e, finalmente, algúns militantes da ultraesquerda anticomunista cuxas opinións, frecuentemente, soen converxer con algunhas opinións da intelectualidade neoliberal e reaccionaria. A icona de Orwell é adorada a un mesmo tempo polos anticomunistas de esquerda –como os anarquistas españois, Pepe Gutiérrez, a Fundación Andreu Nin- e polos intelectuais ultras e neoconservadores norteamericanos e europeos. No noso país, estes últimos están representados por medios como Libertad Digital, onde escriben entre outros os ultras –e tamén orwellianos- Federico Jiménez Losantos, César Vidal ou Pío Moa. Nesta publicación, xunto a un artigo moi eloxioso de Carlos Semprún Maura sobre Orwell, podermos acceder a outro do profranquista Pío Moa sobre a correspondente “denuncia” do papel dos comunistas e de Stalin na guerra civil española.

Constitúe unha aberración intelectual relacionar o pensamento de Orwell coa extrema dereita? Precisamente hai evidencias substanciais para afirmar esta conexión. O 21 de marzo de 1940, Orwell escribira nas páxinas do xornal New English Weekly:

«Gustaríame lembrar que nunca fun capaz de ter aversión por Hitler. Despois da súa suba ao poder (...) reflectín que seguramente o mataría se puidera poñerme ao seu alcance, mais non podería sentir ningunha animosidade persoal cara a el. O feito é que hai algo profundamente atractivo sobre el» .

Estas ambigüidades respecto a Hitler forman parte da natureza profundamente conservadora do pensamento orwelliano, que tentou agochar a través das súas novelas e artigos con temáticas sociais ou de esquerda. Mais, finalmente, a xenética seguiu o seu curso e as verdadeiras concepcións de Orwell, durante a guerra mundial, xermolaron da súa mente coa forza dunha erupción volcánica. O seu propio entorno certificou as súas posturas reaccionarias e sen principios. O escritor anarquista George Woodcock, amigo de Orwell, escribiu sarcasticamente en 1942 sobre el nuns termos que deixan dúbidas sobre a súa dobre moral e a súa inconsistencia política:

«Camarada Orwell, ex oficial de policía do imperialismo británico... Camarada Orwell, ex compañeiro de viaxe dos pacifistas... [aos que] ataca agora!... Camarada Orwell, es membro da extrema esquerda... Defensor dos anarquistas... E agora o camarada Orwell, regresa as súas lealdades imperialistas e traballa na BBC» .

Rob Breton, profesor da University of British Columbia, nun artigo que leva o revelador título de George Orwell e a culpa liberal sinalou ao liberalismo e ás tradicións máis conservadoras como as influencias máis arraigadas en Orwell, e remarcou que este dirixiu as súas críticas de xeito maioritario contra os escritores e intelectuais de esquerda –aos que atacou de forma visceral- antes que contra os intelectuais de dereitas ou reaccionarios, cos que foi moito máis condescendente . En 1941, por exemplo, Orwell acusaba aos intelectuais de esquerda de ser pronazis: «No prazo dun ano é probábel que teña lugar entre a intelectualidade de esquerdas unha reacción prohitleriana» .

Outro coñecido autor, Raymond Williams, malia simpatizar con Orwell, puxo en relevo o grande potencial desmobilizador e derrotista do escritor, que es esforzou por crear unha imaxe social dominada pola absoluta desesperación e a apatía, sen ofrecer saídas aos horríbeis dramas aos que sometía aos seus personaxes, sen ofrecer solucións aos problemas, e polo tanto cunha mensaxe claramente reaccionaria:

«Orwell preparou as conviccións políticas ortodoxas de toda unha xeración... Ao considerar que a loita só se libraba entre unhas poucas persoas por riba das cabezas dunha masa apática, Orwell creou as condicións para a derrota e a desesperación» .

Do punto de vista dun articulista no xornal Tribune, Orwell chegou a defender en 1944 o bombardeo masivo de cidades e, para condicionar ás posíbeis opinións contrarias a este tipo de métodos, minimizou as vítimas civís inocentes, cualificando como “propaganda” as informacións de nenos mortos polas bombas:

«Por que é peor matar a civís que a soldados? Obviamente non hai que matar a nenos se se pode evitar dalgún xeito, mais só na propaganda cada bomba que cae o fai nunha escola ou nun orfanato. Unha bomba mata a unha mostra representativa da poboación, mais non exactamente unha selección representativa, porque os nenos e as mulleres embarazadas soen ser os primeiros en ser evacuados, e algúns mozos van ao exército. Probabelmente, un número desproporcionado grande de vítimas da bomba será de mediana idade» .

Christopher Hitchens é unha das evidencias de que Orwell é a ponte que permite a circulación –normalmente nun único sentido- entre a extrema esquerda anticomunista e a extrema dereita neoliberal (e anticomunista). Hitchens está considerado un dos intelectuais británicos actuais máis influentes, evidentemente da “esquerda antiestalinista”. Malia declararse marxista, como expresou recentemente nunha entrevista, atopou aos seus inimigos no mesmo lugar que a extrema dereita norteamericana. Así, non dubidou en apoiar a guerra contra Iraq (repetindo o apoio que prestou á OTAN en 1999 cando defendeu os criminais bombardeos contra Iugoslavia polo seu «carácter humanitario» ) ou en atacar agresivamente aos que, desde posicións progresistas, puxeron de manifesto os problemas máis descarnados da sociedade norteamericana e do seu goberno, como o cineasta Michael Moore . No seu libro sobre Orwell , Hitchens arremete violentamente contra os intelectuais de esquerda que criticaron ao seu admirado escritor, exercendo o papel de sumo sacerdote da ortodoxia orwelliana. Nunha curiosa coincidencia con Pepe Gutiérrez, Hitchens considera que o maior aporte e a validez actual da obra de Orwell é a loita contra o “estalinismo” e os “réximes estalinistas”, verba que se converteu nunha das principais estafas intelectuais, empregada indistintamente pola intelectualidade reaccionaria e polos orwellianos de esquerdas. Todo iso non ten nada de estraño xa que normalmente os admiradores de Orwell xurdidos da esquerda son verdadeiros hoolligans orwellianos decididos a queimar na fogueira a calquera que cuestione os dogmas sobre o escritor, na súa particular loita contra o fantasma do “estalinismo”. Pepe Gutiérrez , seguindo a estela de Hitchens, tenta desesperadamente equiparar a crítica a Orwell co que el chama “estalinismo”, aproveitando a lenda negra e a enorme negativa que o pensamento único creou ao redor deste concepto.


10. O que Orwell defendía realmente

A evolución do pensamento político e social de Orwell estivo condicionada en todo momento polos seus fantasmas persoais: a necesidade de expiar as culpas de clase dunha ex policía imperial de orixe semiaristocrático, atormentado por ser un parafuso da maquinaria colonial británica, nun mundo decrépito, que entrara nunha crise profunda e que provocou a destrución dos valores tradicionais entre amplos estratos intelectuais, responsábeis de crear e transmitir a ideoloxía burguesa. Era o mundo que se precipitaba no abismo a raíz da crise económica de 1929, do paro masivo, da descomposición social, un mundo no que unha burguesía desesperada procuraba a súa salvación nos réximes conservadores ou fascistas, arrastrando á humanidade a unha nova guerra. Fronte a este mundo emerxía a Unión Soviética cunhas taxas de desenvolvemento económico espectaculares, que servían para desenvolver un programa de dereitos sociais, económicos e culturais descoñecidos no resto do mundo, limitados pola necesidade de preparar ao país ante a guerra que se aveciñaba. Foi a URSS do pleno emprego, dos dereitos das mulleres e da clase obreira, da universalidade da educación e a sanidade, do progreso en todos os ámbitos e do triunfo da economía planificada, a alternativa que se presentou ante os ollos de tantos intelectuais desconcertados.



Antiimperialismo ou racismo sutil?

Houbo destacadas voces críticas da esquerda non precisamente “estalinista” ou prosoviética, que destaparon a ideoloxía profundamente reaccionaria que agochaban as obras de Orwell. Estas voces, evidentemente, careceron da enorme difusión mediática da que gozou Orwell e os seus apoloxistas. Un dos que denunciou o carácter reaccionario das ideas de Orwell foi o historiador e dirixente socialdemócrata Cruise O’Brien, quen desenmascarou o seu suposto antiimperialismo e desvelou o racismo sutil que agochaban as obras orwellianas:

«Aínda que condena o imperialismo, as súas vítimas aínda lle desgustan máis... É fantástico ver no 1984 de Orwell o reflexo do sentimento de que un mundo no que o estilo de vida británico anterior a 1914 faleceu por completo debe ser necesariamente un mundo deshumanizado? E é completamente errado percibir que os habitantes de Rebelión na granxa teñen puntos en común non só cos rusos soviéticos senón coas razas menores de Kipling de maneira xeral?» .

Efectivamente, o desprezo con que Orwell trata ao pobo ruso en Rebelión na granxa –un grupo de animais estúpidos incapaces de autogobernarse, que só merecen o peor dos destinos- xamais tivo equivalente para pobos como o alemán que vivían un réxime infinitamente peor que o que puido ser o soviético. Nunca dedicou Orwell unha novela ao nazismo, nin ao fascismo, nin ao maccarthismo norteamericano, nin ao linchamento de negros no sur dos Estados Unidos, etc. As categorías nazis de “infrahumanos” como os xudeus, xitanos, eslavos, socialistas, comunistas, e todos os demais condenados á “solución final”, a Autswitch, ao franquismo ou a Mussolini, non tiveron dereito a ningunha bagoa de Orwell. Tampouco se inmutou o portador da Verdade polos centos de milleiros de xaponeses inocentes exterminados polas bombas atómicas norteamericanas.

E é que para Orwell e os orwellianos, hai vítimas de primeira clase e vítimas de terceira clase. Incluso as súas posturas antiimperialistas eran moi ambiguas. Se ben semella rexeitar a sociedade colonial británica, o seu paso como policía imperial por Birmania deixoulle unha desagradábel impresión dos nativos birmanos, retratados na súa novela Días de Birmania como seres que oscilan entre o servilismo cos británicos, capaces das actitudes máis inmorais, ou ben colectivos pertencentes a unha cultura indescifrábel e primitiva. Defendía formalmente a independencia da India mentres que na práctica se esforzaba por “demostrar” a imposibilidade da mesma utilizando os vellos tópicos paternalistas coloniais, que consideran aos colonizados como pobos inmaturos ou inferiores, incapaces de autogobernarse. En 1941 escribía:

«Se a India sinxelamente se “liberase”, isto é, se se vise privada da protección militar británica, o primeiro resultado sería unha inmediata conquista por parte dalgún país estranxeiro; o segundo, unha serie de fames pavorosas, que acabarían coa vida de millóns de persoas en poucos anos» .

O nacional-socialismo orwelliano e o mito do “partido estranxeiro”

Unha das obsesións de Orwell foi a temática inspirada na orixe estranxeira do movemento comunista e a dependencia aos ditados de Rusia. Numerosas voces procedentes de diversas coordenadas ideolóxicas e políticas chegaron, mediante unha traxectoria converxente, a unha idéntica conclusión: a denuncia dos partidos comunistas como “partidos estranxeiros” ou “axentes a soldo de Moscova”. O “perigo roxo”, combinado, após as vitorias da revolución chinesa e vietnamita décadas máis tarde, co perigo amarelo”, foron os fantasmas cos que a prensa e os intelectuais reaccionarios axitaban ás masas preñadas de chauvinismo. Orwell recollería os tópicos anticomunistas ligándoos co nacionalismo primitivo británico para crear os lemas occidentais clásicos da guerra fría.

Por este motivo, o internacionalismo proclamado polos comunistas e apoiado por numerosos intelectuais era visto por Orwell como unha traizón. Martin Tyrrel, na revista Cultural Notes , publicada pola Alianza Libertaria (nada sospeitosa de “estalinismo”), e cun titulo esclarecedor –Orwell: do anarquismo conservador ao nacional-socialismo- remarca como o escritor, rexeitando o internacionalismo, foise achegando a unha idea de socialismo –en escritos como O león e o unicornio e O socialismo e o xenio inglés¬- que tomada prestada moitas características do nacional-socialismo alemán: o suposto nacionalismo dos obreiros británicos, os ataques aos intelectuais de esquerdas que minan os valores tradicionais, a súa adhesión ás clases medias, a reivindicación de que o pobo británico é unha “raza marcial”, etc. Efectivamente, a partir de escritos como O león e o unicornio e O socialismo e o xenio inglés, a viraxe de Orwell cara ao nacionalismo británico conservador é público e defendido con paixón. Atrás fica o internacionalismo dos seus anos mozos.

Asemade, Orwell coincide con Hayek, profesor do Londo School fo Economic e outro dos pais do neoconservadurismo, en denunciar o colectivismo, forma de organización social intrínseca ao socialismo, como o peor dos pesadelos:

«Na parte crítica da tese do Profesor Hayek hai moita verdade. Non se di o suficiente que o colectivismo é intrinsecamente antidemocrático; é máis, confírelle a unha tiránica minoría poderes máis grandes que os que a Inquisición Española xamais soñou posuír» .

Combater o comunismo alá onde estivera converteuse nunha obsesión, denunciando aos comunistas como monicreques de Stalin. O mito de que os comunistas eran un “partido estranxeiro” e os seus dirixentes estaban a soldo de Moscova, era parte da propaganda da extrema dereita en todo o mundo, e Orwell fixo seu ese mito con grande paixón, mentres a campaña anticomunista aumentaba nas vésperas da guerra mundial. O estilo de Orwell deslizouse cada vez máis cara á difamación, como podemos ver na opinión que lle merecían os comunistas franceses: en 1940, malia votar no Parlamento a prol dos créditos de guerra para o conflito que se aveciñaba contra Alemaña, os comunistas franceses foron ilegalizados e perseguidos e, durante a ocupación, entregados aos nazis polos políticos ao servizo da burguesía francesa:

«En abril de 1940, o socialista Sérol fará aprobar un decreto penalizando de morte a todo autor de propaganda comunista. (...) O ocupante hitleriano aproveitará plenamente os resultados desta represión, e moitos dos comunistas arrestados incluso antes da ocupación seranlles entregados. O 22 de outubro de 1941, 27 comunistas serán fusilados en Châteaubrian» .

Ese feito non impedirá que o “decente e honesto” Orwell reproduza os argumentos da extrema dereita e afirma, amosando o seu rostro máis mesquiño e difamatorio en xuño de 1940, cando os cárceres se enchían de comunistas que serían exterminados polos ocupantes nazis, que o PCF era un instrumento dócil nas mans de Hitler:

«Todo depende de resistir, como sexa, até o inverno. Para entón (...) porá a Hitler nunha situación difícil. Será interesante ver, entón, se rehabilita ao Partido Comunista francés, ilegalizado, e tenta empregalo contra a clase obreira do norte de Francia, tal como utilizou a Pétain contra a clase reaccionaria» .

Como sabemos, o PCF foi o cerne da Resistencia antinazi, a principal forza política e militar contra o fascismo e a que máis sacrificios humanos realizou pola vitoria, mentres que un grande amigo de Orwell e admirado por Pepe Gutiérrez, o comandante do POUM Georges Kopp, traballaba para o réxime colaboracionista de Vichy. A difamación infame que Orwell segregaba contra os comunistas franceses non puido impedir que foran o partido máis votado após a guerra. Sobre isto, Orwell non escribiu nin unha liña que se saiba.

En 1944 Orwell recuperaba unha vella idea do fascismo que afirmaba que a República española era unha especie de colonia nas mans dos soviéticos: «os rusos repartiron unha grande cantidade de armas e a cambio obtiveron un máximo de control político». E engadía: «Durante un ano ou máis, o Goberno español estivo de feito baixo control ruso» .

Orwell, cando describía a República como unha especie de “colonia rusa”, non estaba inventando nada novo. O xeneral fascista Queipo de Llano, nunha das súas famosas emisións radiofónicos “denunciaba” antes que Orwell, en 1938, aos dirixentes republicanos desta forma: «o único que queren é sosterse no Poder para seguir roubando e converter a España en colonia de Moscova» . E con motivo da entrada de Franco en Madrid, Hitler enviou un telegrama de felicitación nos mesmos termos: «a España Nacional acaba de lograr a vitoria definitiva contra o bolxevismo, ese elemento destrutor dos pobos», mentres que Mussolini proclamaba nun discurso: «o bolxevismo sufriu a derrota final e de igual forma terminarán todos os inimigos do fascismo» . O anticomunista e a República como colonia de Moscova foron os argumentos cos que os fascistas españois tentaron lexitimar o crime contra os pobos de España. Orwell reproduciu os mesmos argumentos, dando creto aos sectores máis reaccionarios contra a República e contra a política antifascista da URSS, contribuíndo ao fortalecemento dun bloque anticomunista que, en última instancia, serviu de cabalo de Troia ás forzas máis reaccionarias e ao fascismo.

Un Orwell estalinista?

Durante os primeiros anos da guerra, cando o seu país e a URSS se converteron en aliados, e por ese motivo non era o momento acaído para continuar desprestixiando á República española buscando minar o seu apoio internacional, Orwell escribiu, no medio dos bombardeos nazis sobre Londres, o que constitúe unha negación absoluta do espírito de Homenaxe a Cataluña (por suposto, non agardamos ningún comentario de Pepe Gutiérrez sobre estas opinións de Orwell), adoptando plenamente as teses defendidas polos “estalinistas” españois durante a guerra civil:

«A tese trotskista de que se puido gañar a guerra se a revolución non fora vítima dunha sabotaxe é, probabelmente un desacerto e unha falsidade. Nacionalizar fábricas, derruír as igrexas, lanzar manifestos revolucionarios, non daría máis eficacia aos exércitos» .

E é que cando un é bombardeado polos nazis como en Londres en 1940-44, decátase de que a revolución no medio dunha guerra de agresión fascista non é moi conveniente, agás para os países exóticos como España, onde escritores aventureiros e románticos con escasa sona literaria poden atopar experiencias excitantes para os seus libros e a súa promoción profesional. Cando se trata do país propio, aínda que un sexa “socialista”, o principal xa non é facer unha revolución, senón defender a patria con eficacia militar. É por iso que, aínda que o anticomunismo cego o levou durante a guerra a realizar afirmacións grotescas tales como «os informes das vitorias rusas son en boa medida falsos» , as esixencias de defensa da súa patria británica fixéronlle esquecer momentaneamente os seus odios contra o seu inimigo mortal, Stalin. Por esta razón, nun programa radiofónico da BBC en 1942, falou con amabilidade do “presidente Stalin” comentando cunha verbas moi eloxiosas o discurso do dirixente soviético:

«Tendo en conta as barbaridades cometidas polos alemáns na Rusia, o discurso (de Stalin) foi notábel pola súa falta de espírito vingativo e pola prudencia e xenerosidade coa que soubo diferenciar entre o pobo alemán e os seus dirixentes» .

Descubrira Orwell as virtudes do “estalinismo”? Por suposto que non, o único que fixo foi interromper momentaneamente, por imperativos da guerra, a súa campaña antiestalinista encamiñada en realidade a desprestixiar á esquerda e aos comunistas. Os principios do “escritor honesto e decente” volvían evaporarse en defensa da patria en 1943, cando os soviéticos esmagaban imparábeis ao exército nazi. Entón Orwell volveu recuperar os seus “principios” preparando a posguerra con Rebelión na granxa.

A guerra atómica contra o”imperio do mal”

Após a guerra mundial, Orwell radicalizou as súas opinións reaccionarias cun desenfreo crecente e o seu anticomunismo cobrou un carácter enfermizo. Só así poden interpretarse as frías e cínicas verbas de Orwell cando especulaba sobre a posibilidade dun ataque nuclear preventivo occidental contra a Unión Soviética: «acabaríase co perigo particular que actualmente representa a URSS» seguido dun intento de desarmar o pacifismo dos cidadáns opostos á guerra nuclear: «de calquera xeito, esta é a (opción) menos probábel das tres, porque unha guerra preventiva é un delito que non cometerá facilmente un país no que se conserve algún resto de democracia» . Como se deben estar a rir Bush, Blair e Aznar destas palabras!

As opinións de Orwell van adquirindo un ton cada vez máis apocalíptico e paranoico. En febreiro de 1948 escribiu da URSS e do movemento comunista: «temos ante nós un movemento político mundial que ameaza a existencia mesma da civilización occidental» . En outubro de 1948, explicaba comentando un libro de Louis Fischer:

«O argumento de Mr. Fischer é bastante sinxelo: Rusia é un perigo para a paz mundial e hai que oporse a ela; nós, os países occidentais, podemos opornos a ela con éxito se conseguimos que a nosa democracia funcione e a maneira de acadalo é continuar as ensinanzas de Gandhi. No tocante ás dúas primeiras consideracións non admiten moita discusión, e Mr. Fischer fai un bo traballo ao presentalas.»

É dicir, Orwell reproduce a propaganda imperialista contra a URSS –axitando a ameaza do “perigo roxo” contra o “mundo libre”- pero deixa claras as súas preferencias pola vía da agresión militar cando insiste en dicir que «os métodos políticos de Gandhi son case irrelevantes para a situación actual» para xustificar unha nova guerra.

Numerosos artigos confirman a entrada do escritor na elite dos “loitadores pola liberdade”, que non tivo ningún inconveniente en realizar un prólogo de Rebelión na granxa na lingua ucraína dedicado aos exiliados, moitos deles colaboracionistas implicados na matanza de milleiros de xudeus e de ucraínos soviéticos. Como premio á súa dedicación anticomunista, Orwell foi empoleirado á gloria da sociedade británica: en agosto de 1948, o Foreing Office británico, xunto con outros gobernos occidentais, organizou a primeira Conferencia Internacional da Xuventude, organismo creado polos gobernos occidentais para combater á Federación Mundial da Xuventude Democrática, que co seu prestixio estaba conseguindo organizar e mobilizar a unha ampla representación de mozos dos países colonizados. Orwell e outros escritores anticomunistas figuraban na listaxe dos convidados de dita Conferencia, ao lado doutros destacados “loitadores antiimperialistas” como el: oito membros británicos, membros reaccionarios da oposición como Churchill, Eden, Mac Millan, o arcebispo de Canterbury e toda a aristocracia londiniense .

A fidelidade de Orwell á sociedade tradicional inglesa permaneceu intacta incluso até despois da súa morte. Orwell pediu no seu testamento ser soterrado «segundo os ritos da Igrexa de Inglaterra», nunha finca propiedade da súa familia. O párroco que dirixiu a cerimonia era un admirador da obra de Orwell .


11. Orwell contra o “imperio do mal”

Vimos o contexto político internacional de guerra fría e de cruzada anticomunista que permitiu que un mediocre escritor saltara á fama mundial. Orwell, cuxa imaxe foi prototipo de “honestidade e decencia” situado fronte aos escritores de esquerdas simpatizantes coa Unión Soviética, foi máis que un mecanismo voluntario da maquinaria imperialista occidental, do mesmo xeito que hoxe supostos intelectuais de esquerda, tamén “honestos e decentes” concentran a súa actividade fundamental no ataque sistemática contra Cuba ou contra outros países que non encaixan na “civilización occidental” orwelliana.

Orwell foi simplemente un de tantos, aínda que seguramente o máis sobrevalorado –xunto con Koestler- pola súa experiencia na guerra civil española. Aínda que en determinadas etapas da súa vida adoptara, nunha curiosa mestura de snobismo e de experimentación social, as formas máis extremas e variadas que parecían ser a antítese da súa clase –vagabundo errante en París, vivindo entre as capas máis desarraigadas e o lumpen; pobre eventual e sen teito en Londres, mineiro ocasional no norte de Inglaterra, e miliciano semitrotskista en España- deulle un verniz contestatario e unha aureola de escritor anticapitalista e de esquerdas, que foi moi útil cando se desatou a guerra fría e foi preciso construír unha imaxe da Unión Soviética e de Stalin. Esforzouse por todos os medios en contrarrestar, entre a opinión pública mundial, o inmenso prestixio que na posguerra tiña entre os pobos como liberadora do fascismo e do colonialismo. Así, Orwell –como tantos outros- pasou de ser un parafuso da maquinaria colonial británica a ser unha torca da maquinaria propagandística e intelectual dos servizos de intelixencia occidentais. Scott Lucas puxo de manifesto acertadamente a dobre moral do escritor e a súa vocación de se converter en Pontífice da Verdade, un crítico do poder do Estado que, chegado o momento, non dubidou en facer uso del cando confeccionou a listaxe que entregou aos servizos secretos británicos, onde incluía a supostos comunistas ou a persoas pouco entusiastas co Imperio:

«Como puido cooperar o creador do Grande Irmán cos axentes encubertos do Estado británico? A solución non é difícil de atopar. A partir de O camiño a Wigan Pier até a fin da súa vida, Orwell utilizou os seus libros e ensaios para sinalar e avergoñar aos sospeitosos. Criticou o establishment mais, a maioría das veces, presentouse a si mesmo como o arquetipo de provocador afastado da esquerda. El patrullou as fronteiras do socialismo como un solitario policía montado da decencia, a voz autorizada da disidencia para limitar a disidencia dos demais. Botara man da decencia e da moral para desacreditar aos demais como indecentes e inmorais. E agora, despois de advertir a forza do Estado, compartira a súa discreta campaña con ese Estado» .

Ese foi Orwell: sempre co látego preparado para azoutar á esquerda mentres se mostraba suave coa dereita. Violentamente agresivo contra a Unión Soviética, tolerante co réxime británico e ambiguo con Hitler. Suposto anticolonialista que, curiosamente, falaba sobre as futuras independencias das colonias británicas nos peores termos. Inimigo dos internacionalistas e, pola contra, nacionalista británico ao cento por cento. Presuntamente amigo da clase obreira mais sen ningún interese, agás brevísimos momentos, en ter unha militancia ou compromiso nalgunha organización política obreira, ás que el denominou despectivamente en 1940 «pequenas ortodoxias fedorentas que agora se disputan as nosas almas» . E finalmente, proclive a un ataque nuclear preventivo contra o “perigo soviético”. Este foi o escritor que aínda hoxe hai xente capaz de reivindicalo como “comprometido” ou de esquerdas.


12. Conclusión: o deprimente papel dos intelectuais orwellianos

O lamentábel papel dos intelectuais orwellianos condénsase nunha frase, atribuída seica a Stalin, que constitúe unha ácida crítica á hipocrisía intelectual desgraciadamente tan estendida: «a morte dun home é unha traxedia humana, a dun millón de homes é un dato estatístico». Pepe Gutiérrez debería deixar as súas actitudes maccarthistas no armario e dedicarse a denunciar as inxustizas da sociedade na que vivimos. Pero isto é como predicar no deserto: Pepe Gutiérrez non parece dedicar moita atención ao que foron os réximes fascistas, nin ao imperialismo norteamericano, nin sinte ningunha magoa polos máis de vinte millóns de mortes adicionais que supuxo a desaparición da URSS en 1991, que marca unha tendencia cara ao colapso demográfico nos vindeiros anos. Non falaremos xa doutros problemas que os orwellianos consideran completamente irrelevantes: a espantosa traxedia dos pobos que regresaron ao “mundo libre”, as guerras imperialistas, a explotación, a ameaza da OTAN, etc. A deserción en masas da suposta intelectualidade de esquerdas comeza, como sempre, atacando ao “estalinismo” para desviarse dos problemas esenciais da sociedade, como manifestou Michael Parenti:

«A maior parte de intelectuais de esquerda (...) están ocupados combatendo o fantasma de Stalin que habita nas publicacións que contan os “horrores” do comunismo, e levan a cabo unha batalla audaz contra as horas imaxinarias de marxistas “ortodoxos” na casa e no estranxeiro, ou dalgún xeito, fan brillar as súas credenciais anticomunistas e reforzan a súa credibilidade. Tan ocupados están nestas persecucións que parecen relativamente indiferentes ao perigos reais que enfrontamos: a maneira en que as oportunidades vitais e os dereitos de millóns de persoas resultaron seriamente danados» .

De nada servirá esta polémica se non podemos traducila en cuestións que afectan á realidade cotiá. E é que as posicións políticas dos intelectuais ou escritores non son simples e inofensivos exercicios de liberdade intelectual, senón que teñen repercusións evidentes en políticas concretas, que afectan a persoas de carne e óso. No discurso orwelliano, a URSS era a encarnación do “imperio do mal” e a súa desaparición abriría expectativas inmensas para o xurdimento do “verdadeiro socialismo” e da “verdadeira revolución” en todo o mundo. Pola contra, a desaparición de aquel réxime, decrépito e en descomposición desde había tempo por mor da actividade dos orwellianos soviéticos, deu paso a un dos infernos máis horríbeis do século XX, con decenas de millóns de pobres, desempregados, guerras interétnicas, descenso brutal da esperanza de vida, etc. Isto, a Pepe Gutiérrez e aos orwellianos, non parece crearlles ningún problema moral, posto que o fundamental se conseguiu: acabar co que eles chaman “estalinismo”. Esta foi a vitoria póstuma de Orwell: a desmobilización das masas e o derrubo de toda alternativa.


Ler o texto nesta páxina (sen citas)

Etiquetas:

Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com