|
O candidato republicano, por Fidel Castro
|
13/02/2008 |
Diario Granma Febreiro 2008
PRIMEIRA PARTE Estas reflexións explícanse por si mesmas. No xa famoso Supermartes, un día da semana no que numerosos Estados da unión elixían o candidato á Presidencia dos Estados Unidos da súa preferencia, dentro dun grupo de aspirantes, un dos posíbeis candidatos para substituír a George W. Bush podía ser John McCain, pola súa imaxe prefabricada de heroe e a súa alianza con fortes contendentes como o ex gobernador de Nova York, Rudy Giuliani, outros aspirantes xa lle cederan gustosamente o seu apoio. A intensa propaganda de factores sociais, económicos e políticos de grande peso no seu país, e o seu estilo de actuación convertíano no candidato con máis posibilidades. Só a extrema dereita republicana, representada por Mitt Romney e Mike Huckabee, desconforme con algunhas concesións intranscendentes de McCain, aínda se lle resistían o 5 de febreiro. Ao pouco, Romney tamén depuxo a aspiración en favor de McCain. Huckabee mantena. Pola contra, a loita polo candidato no Partido Demócrata é moi rifada. Aínda que, como é habitual, unha parte activa da poboación dos Estados Unidos con dereito a votar soe ser minoritaria, escóitanse xa todo tipo de opinións e conxecturas sobre as consecuencias que terá para o país e o mundo o resultado final da contenda electoral, se a humanidade fuxe das aventuras bélicas de Bush. Non me corresponde falar da historia dun candidato á Presidencia dos Estados Unidos. Xamais o fixen. Quizais non o faría nunca. Por que esta vez? McCain afirmou que algúns dos seus compañeiros foron torturados por axentes cubanos no Vietnam. Os seus apoloxistas e expertos en publicidade soen realzar que o propio McCain padeceu estas torturas por parte dos cubanos.
Agardo que os cidadáns dos Estados Unidos comprendan que me vexa obrigado a unha análise polo miúdo deste candidato republicano, que me vexa obrigado a replicalo. Fareino desde consideracións éticas.
No expediente de McCain consta que foi prisioneiro de guerra no Vietnam desde o 26 de outubro de 1967.
Como el mesmo conta, tiña entón 31 anos e levaba a cabo a misión de ataque número 23. O seu avión, un A4 Skyhawk, foi interceptado sobre Hanoi por un mísil antiaéreo. Por mor do impacto, perdeu o control e caeu sobre o lago Truc Bach, no medio da cidade, con fracturas nos dous brazos e un xeonllo. Unha multitude patriótica, vendo caer a un agresor, recibiuno con hostilidade. O propio McCain expresa o seu alivio nese momento cando ve chegar a un pelotón do exército.
O bombardeo a Vietnam, encetado en 1965, era un feito conmovedor para a opinión internacional, moi sensibilizada cos ataques aéreos da superpotencia contra un pequeno país do Terceiro Mundo, que fora convertido en colonia de Francia a milleiros de millas da distante Europa. O pobo do Vietnam loitou contra os ocupantes xaponeses durante a Segunda Guerra Mundial e, xa finalizada esta, de novo Francia retomou o control. Ho Chi Minh, o líder modesto e querido por todos, e Nguyen Giap, o seu xefe militar, eran personaxes admirados internacionalmente. A famosa Lexión Francesa estaba derrotada. Para tentar evitalo, as potencias agresoras estiveron a piques de empregar o arma nuclear en Diên Biên Phu.
Diante da opinión pública norteamericana, os nobres anamitas, como cariñosamente os chamou José Martí, de cultura e valores milenarios, debían ser presentados como un pobo bárbaro e indigno de existir. Na materia de suspense e publicidade comercial, ninguén vence aos especialistas dos Estados Unidos. A especialidade foi utilizada sen límite algún para exaltar o caso dos prisioneiros de guerra, especialmente o caso de McCain.
Seguindo esta corrente, McCain afirmou con posterioridade que o feito de que o seu pai fora Almirante e Comandante en Xefe das forzas estadounidenses no Pacífico, fixo que a resistencia vietnamita lle ofrecera unha máis rápida liberación se recoñecía que cometera crimes de guerra, algo que rexeitaría alegando que o Código Militar estabelece que os prisioneiros son liberados na orde na que son capturados, e que isto significou cinco anos de prisión, golpes e torturas nunha área do penal identificada polos norteamericanos como "Hanoi Hilton".
A retirada final do Vietnam foi desastrosa. Un exército de medio millón de homes adestrados e armados até os dentes non foi quen de resistir o empurre dos patriotas vietnamitas. Saigón, a capital colonial, actual Ho Chi Minh, foi abandonada de forma vergoñenta polos ocupantes e os seus cómplices, algúns deles colgados dos helicópteros. Estados Unidos perdeu máis de 50 mil valiosos fillos, sen contar os mutilados. Gastara 500 mil millóns de dólares naquela guerra sen impostos, sempre de por si desagradábeis. Nixon renunciou unilateralmente aos compromisos de Bretton Woods e creou as bases da actual crise financeira. Todo o que lograron foi un candidato para o Partido Republicano, 41 anos despois.
McCain, un dos numerosos pilotos norteamericanos derrubados e feridos nas guerras declaradas ou non do seu país, foi condecorado coa Estrela de Prata, a Lexión de Mérito, a Cruz da Aviación por servizo distinguido, a Estrela de Bronce e o Corazón Púrpura.
Unha película para a televisión baseada nas súas memorias sobre as experiencias como prisioneiro de guerra foi transmitida no Memorial Day do 2005. Fíxose famoso polos seus vídeos e discursos sobre o tema.
A peor afirmación que fixo en relación co noso país foi que interrogadores cubanos torturaran sistematicamente a prisioneiros norteamericanos.
Diante das alucinantes verbas de McCain, intereseime polo asunto. Quixen saber de onde viña tan estraña lenda. Pedín que se buscasen os antecedentes da imputación. Informáronme que existía un libro moi anunciado, e no que se baseou a película, escrito por McCain e o seu asesor administrativo no Senado, Mark Salter, que continúa traballando e redactando con el. Solicitei a súa tradución textual. Fíxose, como noutras ocasións, por persoal cualificado en pouco tempo. Título do libro: Faith of My Fathers, 349 páxinas, publicado en 1999.
A súa acusación contra os revolucionarios internacionalistas cubanos, empregando o sobrenome Fidel para identificar a un deles capaz de "torturar a un prisioneiro até a morte", carece da máis mínima ética.
Permítame lembrarlle, señor McCain: Os mandamentos da relixión que vostede practica prohiben a mentira. Os anos de prisión e as feridas que recibiu como consecuencia dos seus ataques a Hanoi non o escusan do deber moral da verdade.
Hai feitos que debemos darlle a coñecer. En Cuba levouse a cabo unha rebelión contra un déspota que o goberno dos Estados Unidos impuxo ao pobo de Cuba o 10 de marzo de 1952, cando vostede estaba a piques de cumprir 16 anos, e o goberno republicano dun militar ilustre, Dwight D. Eisenhower -quen foi por certo o primeiro en falar do complexo militar-industrial, recoñeceu e apoiou de inmediata aquel goberno. Eu era un chisco maior que vostede, cumpriría en agosto, mes no que vostede naceu, 26 anos. Non finalizara Eisenhower aínda o seu período presidencial, comezado na década de 1950, algúns anos despois da fama adquirida polo desembarco aliado no norte de Francia, co apoio de 10 mil avións e as más poderosas forzas navais até entón coñecidas.
Tratábase dunha guerra, formalmente declarada polas potencias que enfrontaban a Hitler, iniciada sorprendentemente polos nazis, que atacaron sen aviso nin declaración de guerra previa. Un novo estilo de provocar grandes matanzas impúxose á humanidade.
En 1945 empregáronse contra a poboación civil de Hiroxima e Nagasaki dúas bombas de uns 20 quilotóns cada unha. Visitei unha vez a primeira daquelas cidades.
Na década dos 50, o goberno dos Estados Unidos chegou a construír tales armas de ataque nuclear, que unha delas, o MR17, chegou a pesar 19,05 megatóns, equivalente a mil bombas como a que se lanzou sobre a primeira daquelas dúas cidades o 6 de agosto de 1945. É un dato que faría tolear a Einstein quen, no medio das súas contradicións, non poucas veces expresou remordementos pola arma que, sen pretendelo, axudou a fabricar coas súas teorías e descubrimentos científicos.
Cando a Revolución trunfa en Cuba o Primeiro de Xaneiro de 1959, case 15 anos despois do estoupido das primeiras armas nucleares, e proclama unha Lei de Reforma Agraria baseada no principio de soberanía nacional, consagrado polo sangre dos millóns de combatentes que morreron naquela guerra, a resposta dos Estados Unidos foi un programa de feitos ilegais e atentados terroristas contra o pobo cubano, subscritos polo propio presidentes dos Estados Unidos, Dwight D. Eisenhower.
O ataque por Baía Cochinos produciuse seguindo instrucións precisas do Presidente dos Estados Unidos e os invasores foron escoltados por unidades navais, incluído un portaavións de ataque. O primeiro asalto aéreo con avións B-26 do goberno norteamericano que partiron de bases clandestinas, tivo lugar de maneira inesperada, co emprego de insignias cubanas para presentalo á opinión mundial como unha sublevación da Forza Aérea nacional.
Vostede acusa aos revolucionarios cubanos de ser torturadores. Exhórtoo seriamente a que presente a un dos máis de mil prisioneiros capturados nos combates de Praia Girón que fose torturado. Eu estaba alí, non protexido nun afastado posto xeral de mando. Capturei persoalmente, con algúns axudantes, numerosos prisioneiros; pasei diante de escuadras armadas, aínda agochadas tras a vexetación do bosque, que se paralizaron pola presenza do Xefe da Revolución no lugar. Lamento ter que mencionar isto, que pode semellar un autoeloxio, algo que sinceramente detesto.
Os prisioneiros eran cidadáns nados en Cuba organizados por unha poderosa potencia estranxeira para loitar contra o seu propio pobo.
Vostede confésase partidario da pena capital para os delitos moi graves. Que actitude asumiría fronte a estes actos? A cantos sancionaría por esa traizón? En Cuba xulgáronse varios dos invasores, que cometeran con anterioridade, baixo ordes de Batista, horrendos crimes contra os revolucionarios cubanos.
Visitei á masa de prisioneiros de Baía Cochinos, como chaman vostedes á invasión de Girón, máis de unha vez, e conversei con eles. Gústame coñecer as motivacións dos homes. Amosaban asombro e expresaban recoñecemento polo respecto persoal co que se lles tratou.
Vostede debera saber que, mentres se negociaba a liberación mediante indemnizacións con alimentos para nenos e medicamentos, o goberno dos Estados Unidos organizaba plans de asasinato contra min. Consta nos escritos de persoas que participaron nas negociacións.
Non me referirei polo miúdo á longa lista de centos de intentos de asasinato contra a miña persoa. Non se trata de inventos. É o declarado en documentos oficiais divulgados polo goberno dos Estados Unidos.
Que ética amosan estes feitos, defendidos por vostede con vehemencia como cuestión de principios?
Tentarei chegar ao fondo destes temas.
SEGUNDA PARTE
Un dos órganos de prensa máis hostís dos Estados Unidos respecto a Cuba, con sede na Florida, relata os feitos da seguinte maneira:
"Aproveitándose das negociacións para liberar aos prisioneiros de Baía de Cochinos, a CIA tentou empregar unha persoa chave nas conversas, o avogado estadounidense James B. Donovan para que entregara un regalo mortal a Fidel Castro: un traxe de neopreno contaminado cun fungo que lacera a pel, e un dispositivo para respirar baixo a auga contaminado con tuberculose. O líder cubano recibiu o equipo en novembro de 1962.
"Esta revelación é unha das moitas anécdotas que aparecen no libro After the Bay of Pigs (Despois da Baía de Cochinos), que trata das negociacións sostidas entre o Comité de Familiares para a Liberación dos Prisioneiros e o goberno cubano, de abril a decembro de 1962.
"O libro de 238 páxinas, publicado a finais do pasado ano, foi escrito polo exiliado cubano Pablo Pérez Cisneros coa colaboración do empresario John B. Donova, fillo do xa finado negociador, e Jeff Koenreich, un membro veterano da Cruz Vermella que promoveu misións humanitarias entre Estados Unidos e Cuba.
"Pérez Cisneros é fillo de Berta Barreto De Los Heros, quen fora a coordinadora do Comité de Familiares en Cuba e intercedera ante Castro para o intercambio dos 1.113 prisioneiros da falida invasión de abril de 1961.
"Barreto De Los Heros comezou o libro, mais morreu en marzo de 1993. O seu fillo, quen realizou investigacións durante 8 anos e completou o libro, foi a persoa que mercou o traxe de neopreno e o equipo de mergullador a finais de 1962, sen saber que os dous eran para Castro.
"En xuño de 1962, Pérez Cisneros visitou por vez primeira a oficina de James B. Donovan en Brooklyn para solicitar a súa intervención nas negociacións con Cuba. O organizador da reunión foi Robert W. Kean, fillo dun ex congresista e cuñado de Joaquín Silverio, quen estaba no cárcere e era membro da Brigada 2506. Donovan comprometeuse a traballar de balde para o Comité de Familiares.
"Dous meses despois, Donovan fixo a súa primeira viaxe á Habana, dos 11 que realizou para a mediación co goberno de Cuba.
"Cando Donovan regresa a Cuba en outubro de 1962, Castro dille que precisa dun equipo de mergullador e un traxe de neopreno para practicar submarinismo. 'É entón cando Donovan me di que quere conseguir un equipo de boa calidade para unha persoa, pero sen dicirme que era para Castro', declarou Pérez Cisneros ao xornal The New Herald nunha entrevista para ampliar a información sobre o caso.
"Pérez Cisneros, outrora campión de pesca submarina en Cuba, mercou un traxe de neopreno de 130 dólares e un equipo de mergullador por 215 dólares nunha coñecida tenda de Times Square en Nova York.
"Castro recibiunos en novembro de 1962 e unhas semanas despois, noutra das viaxes de Donova, o Presidente cubano comentoulle ao avogado que os utilizara.
"Só uns meses despois de finalizadas as negociacións, Pérez Cisneros coñeceu todos os detalles sobre a historia real:
"Durante a Segunda Guerra Mundial, James Donovan traballou para a Oficina de Servizos Estratéxicos que antecedeu á CIA. Posteriormente, foi designado como un dos fiscais nos xuízos dos criminais de guerra nazis en Nuremberg. En febreiro de 1962 foi o mediador principal do intercambio de axentes espías máis espectacular da guerra fría, o troco do coronel ruso Rudolf Abel polos estadounidenses Frederick Prior e Gary F. Powers, piloto de U-2 que fora capturado.
"Cando Donovan informou á CIA que Castro solicitara un equipo de mergullador, a axencia estadounidense dixo que se encargaría dese asunto. Porén, o avogado non aceptou involucrarse na proposta de contaminar o traxe de neopreno e o equipo de mergullador, polo que preferiu darlle a Castro o equipo mercado en Times Square.
"En maio de 1963, Castro convidou a Donovan e ao avogado John E. Nolan, quen representaba ao de aquela Secretario de Xustiza Robert Kennedy, a un día de submarinismo na área da Baía de Chochinos e, mais unha vez, empregou o equipo estadounidense.
"A finais de 1963 Pérez Cisneros afirmou: 'Donovan díxome que a idea dun atentado contra Castro lle puxo a pel de galiña e que rexeitou entregar o equipo da CIA xa que pensou que se Cuba descubría a operación, todas as negociacións poderían arruinarse e el podería ser executado...'
"O libro, matizado por sucesos curiosos e imprevistos, é unha tensa historia que demostra como o amor, a decisión e a intelixencia posibilitaron o intercambio dos prisioneiros da Brigada 2506 por alimentos, medicinas e equipos médicos por un valor de 53 millóns de dólares.
"Os esforzos de Donovan e do Comité de Familiares tiveron lugar cando aínda reinaba a incerteza sobre o destino dos prisioneiros.
"A primeira reunión do Comité De Familiares con Castro foi na casa de Barreto De Los Heros en Miramar o 10 de abril de 1962. Catro días despois, 60 membros da Brigada que estaban feridos foron trasladados a Miami.
"A incorporación de Donovan ás negociacións acelerou o proceso de liberación.
"Donovan preparou un código secreto para as comunicacións, pois sabía que o teléfono da familia Heros estaba interceptado.
"A mediados de decembro, Castro acordou realizar o intercambio e entregou unha lista de 29 páxinas cos alimentos e medicinas que debían enviarse a Cuba por medio da Cruz Vermella estadounidense.
"Os últimos dez días das negociacións foron moi intensos, pois Donovan contratou un grupo de 60 avogados para garantir todas as doazóns prometidas por 157 compañías estadounidenses.
"O 23 de decembro de 1962 viaxaron os primeiros 5 avións até Miami con 484 membros da Brigada. Un día despois, os 719 prisioneiros restantes viaxaron noutros 9 voos".
Transcribín literalmente as palabras do artigo. Descoñecía algúns datos concretos. Nada do que lembro se afasta da verdade.
As miñas relacións coa Ciénaga de Zapata comezaron moi cedo. Coñecín o lugar grazas a uns visitantes norteamericanos que me falaban do "black fish", troita negra moi abondosa na Lagoa do Tesouro, no centro da Ciénaga, cun máximo de 6 metros de profundidade. Era a época en que pensábamos no desenvolvemento do turismo e posíbeis polders ao xeito da terra disputada ao mar polos holandeses.
A fama do lugar proviña da miña época de estudante de bacharelato, cando a Ciénaga era poboada por decenas de miles de crocodilos. A captura indiscriminada case exterminara a especie. Había que protexela.
Atraíanos, por riba de todo, o desexo de facer algo polos carboeiros da Ciénaga. Así comezaron as miñas relacións coa Baía de Cochinos, tan profunda que acada case mil metros. Naquel lugar coñecín ao vello Finalé e ao seu fillo Quique, que foron os meus mestres na pesca submarina. Percorrín cons e farallóns. Cheguei a coñecer a zona como a palma da miña man.
Cando desembarcaron por alí os invasores, había tres estradas que atravesaban a Ciénaga, centros construídos e en construción para o turismo, e até un aeroporto nas proximidades de Praia Girón, último reduto das forzas inimigas, que os nosos combatentes tomaron por asalto no serán do 19 de abril de 1961. Falei outras veces daquela historia. Estivemos a piques de recuperalo en menos de 30 horas. Manobras de engano por parte da Mariña dos Estados Unidos retrasaron o noso fulminante ataque con tanques no amencer do 18.
Para abordar o problemas dos prisioneiros capturados, coñecín a Donovan, quen me pareceu -algo que me aleda comprobalo polo testemuño do seu fillo- que era un home honorábel, a quen efectivamente convidei unha a vez a pescar, e sen dúbida lles falei dun traxe e equipo de mergullador. Os resto dos pormenores non podo lembralos con precisión; tería que indagar. Nunca me ocupei de escribir memorias, e hoxe comprendo que foi un erro.
A cifra exacta de feridos, por exemplo, non a lembraba con tanta precisión. Tiña na mente o recordo dos centos de feridos que tivemos, dos cales non poucos morreron pola escaseza de equipos, medicamentos, especialistas, e non contar entón con instalacións acaídas. Os feridos enviados diante seguramente requirían rehabilitación ou mellores atencións, que non estaban ao noso alcance.
Foi tradición desde o primeiro combate vitorioso, o 17 de xaneiro de 1957, curar aos adversarios feridos. Iso consta na historia da nosa Revolución.
No libro de memorias Faith of my Fathers, escrito por McCain coa omnipresente compaña de Mark Salter, tecnicamente ben redactada, o autor principal afirma:
"Fun con frecuencia acusado de ser un estudante indiferente e tendo en conta algunhas das miñas cualificacións, podo advertir a xenerosidade de tal afirmación. Mais eu era máis selectivo que indiferente. Gustaba do inglés e a historia, e con frecuencia tiven bos resultados nelas. Tiven menor interese e menor éxito en matemáticas e ciencias."
Máis adiante asegura:
"Pouco menos antes da gradación, estaba facendo os exames de ingreso na Academia Naval. Foime sorprendentemente ben, incluso no exame de matemáticas.
"A miña reputación como escandaloso e impetuoso non se limitaba -incomódame confesalo- aos círculos da Academia. Moitos residentes decentes da encantadora Anópole, testemuñas dalgunhas dos meus máis extravagantes actos de insubordinación, desaprobaban a miña persoa, como tamén moitos oficiais".
Antes, cando narra algúns feitos da súa infancia, conta que:
"Á menor provocación, eu explotaba nun arrebato de furia, e logo caía ao piso inconsciente.
"O médico indicou un tratamento que segundo as normas modernas de pediatría semellaba un tanto severo. Aprendeu aos meus pais a que encheran unha bañeira con auga fría e cando eu comezara co pranto e parecera que aguantaba a respiración para caer ao chan, me botaran a auga vestido, sen máis".
Ao ler isto, un experimenta a impresión de que os métodos que se nos aplicaban en aquel tempo -tanto a min, que vivín na época de preguerra, como a el- non eran os máis apropiados para tratar aos nenos. No meu caso, non podía falarse de médico asesorando á familia; era a xente do pobo, en parte analfabetos, moitos dos cales coñecían os tratamentos a seguir pola tradición.
Hai outros episodios narrados por McCain relacionados coas súas aventuras de cadete en viaxes de adestramento. Non os menciono porque se afastan do contido da miña análise e nada teñen a ver con asuntos persoais.
É natural que McCain non estivera no salón do Congreso a noite do discurso de Bush o 28 de xaneiro pasado, porque hai cousas na política deste que o comprometen moito. Estaba na Pequena Habana, no restaurante Versailles, onde recibiu a homenaxe da comunidade de orixe cubana. Paga a pena non indagar moito sobre os antecedentes de varios dos personaxes que estaban alí.
McCain apoia a guerra en Iraq. Coida que a ameaza de Afganistán, Irán e Corea do Norte, e o crecemento de Rusia e China, obrigan aos Estados Unidos a reforzar as forzas de ataque. Traballaría en conxunto con outros países para protexer á nación do extremismo islámico e continuar en Iraq até vencer.
Recoñece a importancia de manter relacións fortes con México e outros países de Latinoamérica. Está a prol da continuación da agresiva política actual respecto a Cuba.
Reforzará a seguridade na fronteira dos Estados Unidos, non só para a entrada e saída de persoas, senón cos produtos que entren no país. Considera que os inmigrantes deben aprender inglés, a historia e a cultura estadounidense.
Busca electores de orixe latina, a maioría lamentabelmente non exercen o voto ou o fan por excepción, sempre temerosos de que os expulsen, prívennos dos fillos ou perdan os seus empregos. No muro de Texas continuarán morrendo más de 500 cada ano. Non promete unha lei de axuste para eles, que buscan o "soño americano".
Apoia a Acta de Bush "Que ningún neno fique atrás". Defende unha maior financiamento federal de bolsas e empréstemos universitarios con baixo interese.
En Cuba ofréceselles a todos coñecementos sólidos, educación artística e dereito a graduarse na Universidade de forma gratuíta. Máis de 50 mil nenos con dificultades reciben ensino especializado. A computación impártese masivamente. Centos de miles de persoas ben cualificadas empréganse nestas tarefas. Pero Cuba debe ser bloqueada para liberala de semellante tiranía.
Como todo candidato, ten o seu programiña de goberno. Promete reducir a dependencia de subministros de enerxía do estranxeiro. Doado é dicilo, difícil facelo a estas alturas.
Oponse ao subsidio da produción de etanol. Magnífico: o mesmo suxerín eu ao presidente brasileiro Lula Da Silva, que esixira ao goberno dos Estados Unidos suspender os moitos subsidios asignados ao millo e a outros cereais destinados á produción de etanol a partir dos alimentos. Mais iso non é o que se propón; polo contra: exportar etanol norteamericano en competencia con Brasil. Só o saberán el e os seus asesores, porque o etanol de millo non pode competir xamais en custes co de Brasil a partir da cana de azucre como materia prima mediante esforzos moi duros dos seus traballadores, que en todo caso mellorarían a súa sorte sen as barreiras arancelarias e os subsidios dos Estados Unidos.
Hai outras moitas nacións de Latinoamérica ás que o goberno dos Estados Unidos guiou polo camiño da produción de etanol de cana. Que farían coas novas decisións que emanen do Norte?
Non podía faltar a promesa de asegurar a calidade do aire e da auga, o uso axeitado dos espazos verdes, a protección de parques nacionais que van ficando na lembranza do que un día foi fermosa natureza do país, vítima dos ditados implacábeis das leis do mercado. O Protocolo de Quioto, porén, non sería asinado.
Pareceran os soños dun náufrago no medio da tempestade.
Reduciría impostos a familias de clase media, mantería a política de Bush de recortar os permanentes e deixaría as taxas ao nivel actual.
Quere un maior control dos custes do seguro médico. Considera que as familias deberían ter o seu sobre o diñeiro do seguro. Faría campañas de saúde e prevención. Apoia o plan do actual Presidente que permite aos traballadores mover diñeiro dos impostos do seguro social a fondos privados de retiro.
A seguridade social correría a mesma sorte que as bolsas.
Favorece a pena de morte, o fortalecemento e aumento dos corpos armadas, a expansión dos TLC.
Apotegmas de McCain:
"As cousas están complicadas agora, pero imos mellor que no 2000". (Xaneiro do 2008)
"Estou ben preparado en temas económicos, participei na revolución de Reagan". (Xaneiro do 2008)
"Para evitar unha recesión hai que acabar co gasto descontrolado". (Xaneiro do 2008)
"A perda da forza económica comparte a perda de forza militar". (Decembro do 2007)
"Aos republicanos esquecéuselles como controlar os gastos". (Novembro do 2007)
"Hai que asegurar as fronteiras; só así estabelecer un programa de traballadores visitantes". (Xaneiro 2008)
"A amnistía do 2003 non significa premiar o comportamento ilegal". (Xaneiro do 2008)
"Hai que recoller aos dous millóns de estranxeiros que infrinxiron a Lei e deportalos". (Xaneiro do 2008)
"Facer todo o que se poida para axudar a que todos os inmigrantes aprender a falar inglés". (Decembro do 2007)
"Nada de inglés oficial; os indios americanos deben usar o seu propio idioma". (Xaneiro do 2007)
"Requírese de reformas migratorias para lograr seguridade nacional". (Xuño do 2007)
"As posturas bipartitas son un sinal de capacidade para ser Presidente". (Maio do 2007)
"Hai que manter o embargo e procesar a Castro". (Decembro do 2007)
"Nada de relacións nin diplomáticas nin comerciais con ese país". (Xullo do 1998)
"Sería inxenuo excluír as armas nucleares; inxenuo excluír atacar a Paquistán". (Agosto do 2007)
"Coa guerra de Iraq desviamos a atención do noso hemisferio e pagamos un prezo por iso". (Marzo do 2007)
Promete visitar as súas propiedades no continente. Dixo que de ser electo á Casa Branca no 2008, a súa primeira viaxe sería a México, Canada e América Latina para "reafirmar o meu compromiso co noso hemisferio e coa importancia das relacións dentro do noso hemisferio".
En todo o seu libro, de obrigada referencia nas miñas reflexións, non aparece unha soa referencia a un pensador político, nin sequera a un só dos que inspiraron a Declaración de Independencia das 13 Colonias o 4 de xullo de 1776, que dentro de 4 meses e 23 días cumprirá 232 anos.
Hai más de 2.400 anos, Sócrates, recoñecido sabio ateniense, famoso polo seu método e mártir das súas ideas, consciente das limitacións humanas, expresou: "Só sei que non sei nada". Hoxe, McCain, o candidato republicano, exclama ante os seus concidadáns: "Só sei que o sei todo".
TERCEIRA PARTE
Dixen onte que, mentres Bush falaba no Congreso, McCain recibía homenaxes no restaurante Versailles da Pequena Habana.
Viviron e instaláronse alí coas súas familias a meirande parte dos máis decididos inimigos da Revolución Cubana, que foron os batistianos, os grandes terratenentes, casatenentes e millonarios que tiranizaron e saquearon ao noso pobo. O goberno dos Estados Unidos utilizounos segundo os seus intereses para organizar a invasores e terroristas que durante case 50 anos ensanguentaron o noso país. A aquel fluxo sumáronse despois emigrantes ilegais, a Lei de Axuste Cubano e o brutal bloqueo imposto ao pobo de Cuba.
É incríbel que nestes días o candidato republicano, con honras de heroe, se torne en instrumento desa mafia. Ninguén que se estime a si mesmo comete unha falta de ética tan grave.
Os representantes Ileana Ros-Lehtinen, Mario e Lincoln Díaz- Balart, o senador, tamén de orixe cubana, Mel Martínez, o gobernador Charles Christ e o senador independente Joseph Lieberman, convertéronse en importantes apoios do candidato para tratar de gañar na Florida e nos seus asesores principais para a política en América Latina.
Que poderán agardar os latinoamericanos de tales conselleiros?
Ros-Lehtinen caracterizou a McCain como "forte na defensa nacional" e "tamén comprende a ameaza que significa o réxime de Castro".
McCain participou de xeito destacado nunha audiencia que realizou o 21 de maio do 2002 sobre Cuba no Subcomité de Asuntos de Consumo, Comercio Exterior e Turismo, do Comité de Ciencia e Transporte, na que reiterou que o noso país constitúe unha ameaza para Estados Unidos pola súa capacidade de producir armas biolóxicas, o que James Carter demostrou que era ridículo.
Sobre as medidas propostas para flexibilizar as viaxes a Cuba, McCain, en outubro de 2003, presentou unha moción para interromper o debate sobre este asunto.
Destácase a xestión realizada en marzo de 2005 para presentar un proxecto lexislativo baixo o título "Lei para o impulso da democracia 2005", que autoriza financiamento, reforza a subversión, estabelece novas estruturas e propón mecanismos adicionais de presión contra Cuba.
Facendo alusión aos pequenos avións piratas derrubados o 24 de febreiro de 1996, declarou: "Se eu fose Presidente de Estados Unidos, ordenaría unha investigación do derrubo deses valentes que foron asasinados baixo ordes de Fidel e Raúl Castro, e os xulgaría".
Noutra das súas voluntariosas declaracións expresou que "cando houbese liberdade en Cuba, gustaría de enfrontarme aos cubanos que torturaron a algúns dos meus compañeiros durante a guerra de Vietnam". Que coraxe o do obsesivo candidato!
Vaiamos á esencia do seu pensamento.
Que educación política recibiu? Ningunha. Foi instruído como piloto de guerra a partir das aptitudes físicas para pilotar un avión de ataque. Que predominaba nel? A tradición familiar e as súas fortes motivacións políticas.
Nas súas memorias afirma: "O meu pai chegou ao alto mando cando o comunismo substituíra ao fascismo como a ameaza dominante á seguridade norteamericana. Odiouno ferozmente e dedicouse ao seu aniquilamento. El creu que estabamos bloqueados sen escape nunha loita a vida ou morte cos soviéticos. Un ou outro bando acabaría por acadar a vitoria total e o poderío naval resultaría crucial para o resultado. El era categórico sobre este asunto.
"En 1965, violentes choques entre faccións belixerantes, unha das cales era considerada unha fronte comunista, levaran á República Dominicana á beira da guerra civil. O Presidente Johnson ordenou ao meu pai comandar o asalto anfibio na Operación Steel Pike 1, a invasión e ocupación da nación caribeña. Esa operación era controvertida. Os críticos xulgárona, con razón, como unha intervención ilegal nos asuntos dunha nación soberana. O meu pai, como era común nel, estaba impertérrito ante a oposición interna.
"Algúns condenaron a intervención por inxustificada”, observou, “pero os comunistas estaban preparados para intervir e facerse cargo. Pode ser que a xente non te ame por ser forte cando tes que selo, pero te respectan por iso e aprenden a comportarse de acordo a esa actitude.
"O seu nomeamento posterior nas Nacións Unidas, foi considerado pola armada como un punto final e foi considerada a súa última misión. Era un Almirante de tres estrelas e as perspectivas dunha cuarta estrela eran remotas. Dous anos despois ordenáronlle marchar a Londres para asumir o mando das forzas navais dos Estados Unidos en Europa. A cuarta estrela veu con este nomeamento. Antes dun ano déronlle o mando de todas as forzas dos Estados Unidos no Pacífico, o maior mando operacional militar do mundo."
No regreso de McCain da súa viaxe de adestramento como cadete, pasou polo territorio ocupado de Guantánamo.
"Guantánamo neses días antes de Castro era un lugar salvaxe. Todos fomos a terra dirixíndonos inmediatamente ás enormes tendas de campaña que se instalaron na base como bares temporais, nas que se servían grandes cantidades de cervexa forte cubana e ponches de ron até máis potentes aos que tivesen sede e non puidesen nin pagarse o grolo máis barato.
"Sentíame orgulloso de graduarme na Academia Naval. Pero nese momento, a emoción que sentín máis profundamente foi a de alivio. Xa me aceptaron en Pensacola para un adestramento de voo. Naqueles días, só había que aprobar o exame físico para clasificarse para o adestramento de voo, e estaba ansioso por ter á vida dun despreocupado aviador da Mariña.
"En outubro de 1962, estaba precisamente regresando á base naval de Norfolk despois de completar un desdobramento no Mediterráneo a bordo do Enterprise.
"O meu escuadrón levantou voo do Enterprise e regresou á Estación Aérea Naval Oceana mentres a nave entraba en Norfolk.
"Poucos días após o noso regreso, recibimos de súpeto ordes de voar de regreso ao portaavións. Os nosos superiores explicaron a insólita orde informándonos que un furacán se aproximaba a nós.
"Todos os nosos avións regresaron ao portaavións nas 24 horas seguintes, para dirixirnos a alta mar. Alén dos nosos A-1, o Enterprise tiña avións de ataque de longo alcance, os que normalmente presentan dificultades no despegue e na aterraxe. Embarcamos no noso misterioso desdobramento sen eles.
"O noso xefe aéreo dirixiuse a un representante do escuadrón dicíndolle que non tiñamos tempo para agardar por todos os seus avións para aterrar; algúns deles terían que regresar á súa base.
"Eu estaba bastante desconcertado coa aparente urxencia da nosa misión -movémonos precipitadamente nun día, deixando atrás algúns dos nosos avións; o escuadrón da Mariña recibira a orde de unirse a nós co combustíbel suficiente para aterrar ou facer unha amaraxe. O misterio resolveuse cando pouco tempo despois todos os pilotos se reunían no salón multiusos do Enterprise para escoitar a transmisión dunha mensaxe do Presidente Kennedy informando á nación que os soviéticos estaban instalando mísiles nucleares en Cuba."
Refírese á coñecida Crise de Outubro de 1962, hai máis de 45 anos, que deixou nel desexos latentes de atacar ao noso país.
"O Enterprise, navegando a toda velocidade impulsado por enerxía nuclear, foi o primeiro portaavións norteamericano en chegar ás augas cubanas. Durante case cinco días, os pilotos do Enterprise pensamos que entrariamos en acción. Nunca antes combateramos, e a pesar da confrontación mundial que presaxiaba un golpe contra Cuba, estabamos preparados e ansiosos de executar a nosa primeira misión de voo. A atmosfera a bordo da nave era bastante tensa, pero non exaxeradamente. Por suposto, no noso foro interno estabamos moi excitados, pero mantivemos a nosa compostura e imitamos a imaxe típica dun lacónico, reservado e audaz norteamericano en guerra.
"Despois de cinco días a tensión afrouxou, cando foi evidente que a crise se resolvería de forma pacífica. Non nos decepcionou a imposibilidade de poder ter a nosa primeira experiencia de combate, pero aumentaron o noso apetito e as nosas fantasías. Anticipamos con avidez a ocasión de facer o que estabamos adestrados para facer, e descubrir, finalmente, se eramos o bastante valentes para realizar a tarefa."
Narra máis adiante o accidente que se produciu no portaavións nuclear Forrestal cando se atopaba no Golfo de Tonkín. Cento trinta e catro mozos norteamericanos, moitos de 18 e 19 anos, morreron nun enorme esforzo por salvar a nave. O portaavións, cheo de perforacións polas bombas que estouparan, tivo que viaxar a Estados Unidos para ser reconstruído. Deberíase revisar o que entón se publicou e o enfoque sobre o tema.
McCain pasa despois a outro portaavións de tipo convencional nos mesmos mares, con idéntico obxectivo. Cada unha das definicións do autor deben examinarse.
"O 30 de setembro de 1967, pasei ao Oriskany e ao grupo VAI-136, que era un escuadrón de ataque de A-4 e respondía ao alcume de ‘Os Santos’. Durante os tres anos que durou a Operación Rolling Thunder -campaña de bombardeo ao norte de Vietnam que comezou en 1965-, ningún piloto de portaavións viviu máis acción ou sufriu máis perdas que os do Oriskany. Cando a administración Johnson deu por concluída a Operación Rolling Thunder, en 1968, trinta e oito dos seus pilotos morreran ou foran capturados. Perdéronse sesenta avións, incluíndo vinte e nove do modelo A-4. ‘Os Santos’ sufriron a máis alta cantidade de baixas. En 1967, un terzo dos pilotos do escuadrón morreu ou foi capturado. Cada un dos quince A-4 que pertencían orixinalmente a este grupo foi destruído. Nós tiñamos algunha reputación pola nosa agresividade e polo éxito que acadábamos nas nosas misións. Nos meses que antecederon a miña chegada ao escuadrón, ‘Os Santos’ destruíran todas as pontes da cidade portuaria de Haiphong.
"Do mesmo xeito que todos os pilotos de combate, nós mostrabamos unha indiferenza case macabra coa morte, que agochaba unha grande tristeza no escuadrón e que se facía máis profunda a medida que aumentaba a nosa lista de baixas.
"Voábamos cara ao noso próximo ataque coa determinación de facer o maior dano posíbel.
"Eu estaba a piques de guindar as miñas bombas cando a alarma do avión soou.
"Sabía que me deran. O meu A-4, que voaba a unha velocidade próxima ás 550 millas por hora, precipitouse violentamente a terra facendo xiros en espiral.
"Reaccionei automaticamente no momento despois do impacto, e vin que o meu avión perdera un á. Comuniquei a miña situación por radio e activei a panca de expulsión de urxencia do asento.
"Choquei cunha parte do avión, rompendo o brazo esquerdo, o meu brazo dereito en tres partes e o meu xeonllo dereito. Quedei inconsciente por un breve instante debido á forza da expulsión. Algunhas testemuñas afirman que o meu paracaídas apenas se abriu momentos antes de caer nas augas pouco profundas do lago Truc Bach. Toquei terra no medio do lago, no centro da cidade, a plena luz do día.
"Ao meu pai non lle gustaba ir pelexar con medios limitados. El consideraba que a autocontención era unha admirábel calidade humana, pero cando se vai á guerra pensaba en que era necesario tomas todas as medidas para chegar a un final rápido e vitorioso. A guerra de Vietnam non foi rápida nin vitoriosa e sei que isto o frustrou bastante.
"Nun discurso que pronunciou despois da súa retirada retirou, afirmou que ‘dúas decisións deplorábeis’ condenaran aos Estados Unidos ao fracaso en Vietnam: ‘A primeira foi a decisión pública de prohibir ás tropas estadounidenses entrar no norte de Vietnam e derrotar ao inimigo na seu propio territorio. A segunda foi... prohibir o bombardeo de Hanoi e Haiphong até as dúas últimas semanas do conflito...’
"Estas dúas decisións combináronse para permitirlle a Hanoi adoptar a estratexia que quixese, sabendo que virtualmente non habería represalias, nin contraataque.
"Cando os vietnamitas do norte lanzaron unha ofensiva de máxima importancia en decembro de 1971, nun momento no que as forzas dos Estados Unidos en Vietnam foran reducidas a 69.000 homes, o Presidente Nixon indicoulle ao meu pai minar Haiphong e outros portos do norte de xeito inmediato. A Administración Nixon prescindiu moito da microdirección da guerra que lle dera un servizo tan ruín á Administración de Johnson, particularmente as absurdas restricións de obxectivos impostas aos pilotos dos bombardeiros estadounidenses.
"As relacións entre os comandantes militares e os seus superiores civís melloraron cando o Presidente Nixon e o Secretario de Defensa Melvin Laird asumiron o cargo. A nova administración evidentemente estaba máis interesada e apoiaba os puntos de vista dos xenerais e almirantes que participaban na guerra. O meu pai tiña unha boa relación con ambos, Nixon e Laird, así como con Henry Kissinger, o Conselleiro de Seguridade Nacional do Presidente".
Non oculta os seus sentimentos cando fala das vítimas dos bombardeos. As súas palabras destilan profundo odio.
"En abril de 1972 a nosa situación mellorou moito máis cando o Presidente Nixon reiniciou o bombardeo de Vietnam do Norte e baixo as ordes do meu pai empezaron a caer sobre Hanoi as primeiras bombas desde marzo de 1968. A Operación Linebacker, como se chamou a esa campaña, significou a entrada dos B-52 na guerra, coa súa enorme carga de bombas.
"A angustia que sufriramos antes de 1972 empeorouse polo medo que tiñamos de que Estados Unidos non estivese preparado para facer o que era necesario para acabar a guerra dun xeito razoabelmente rápido. Non podiamos divisar no horizonte o día no que remataría a guerra. Independentemente de que un apoiara a guerra ou non -coñecín varios presos que defendían a última posición- ninguén apoiaba a maneira de comandar a guerra da administración Johnson.
"Os B-52 aterrorizaron Hanoi durante once noites. Unha tras outras, chegaban as ondas de avións. Durante o día, mentres os bombardeiros estratéxico se reabastecían de combustible e bombas, outros avións atacaban. Os vietnamitas comprenderon.
"Os nosos oficiais superiores, sabendo que este momento era inminente, advertíronnos de que non mostrásemos ningunha emoción cando o acordo se fixese público."
Destila odio contra os vietnamitas. Estaba disposto a exterminalos a todos.
"No momento da fin, coa sinatura en París dos acordos de paz, o meu pai retirouse do servizo activo. Xa sen as restricións do seu papel como subordinado aos superiores civís, menosprezou o acordo. ‘Na nosa ansiedade por saír da guerra, asinamos un acordo moi malo’, dixo."
Nestes parágrafos está reflectido o pensamento máis íntimo de McCain. O peor acontece cando cede á idea de facer unha declaración contra a guerra. Iso non podía deixar de mencionalo no seu libro. Como o fai?
"El (o seu pai) recibira un informe de que unha transmisión propagandística que pretendían facer crer que fora feita por min, fora analizada e a voz comparada coa gravación da miña entrevista co xornalista francés. As dúas voces foron identificadas como a mesma. Nos días de angustia xusto despois da miña confesión, temía que isto fose descuberto polo meu pai.
"Despois de regresar a casa, el nunca me dixo o que sabía acerca da miña confesión e, aínda que lle falei diso, nunca o discutín con profundidade. Só hai pouco souben que a cinta que soñei ouvir a través do altofalante na miña cela fora real, e que o meu pai sabía que fora transmitida fóra da prisión.
"Se soubese o momento no que o meu pai ouvira a miña confesión, sería algo aínda máis angustioso e non me recuperaría desa experiencia tan rapidamente como o fixen. Mais nos anos que pasaron desde ese feito, a estima polo meu pai e por min mesmo madurou. Comprendo mellor a natureza do carácter forte.
"O meu pai foi un home o suficientemente forte como para non xulgar demasiado duro o carácter dun fillo que alcanzara os seus límites e descubriu que estes eran pequenos para os estándares dos heroes idealizados que nos inspiraron cando eramos nenos."
Non o critico por iso. Sería desapiadado e inhumano facelo. Non é o obxectivo. Trátase agora da necesidade de poñer á vista unha política que non é individual, senón compartida por moitas persoas, xa que a verdade obxectiva sempre será difícil de comprender.
Pensou algunha vez McCain nos Cinco Heroes antiterroristas cubanos que foron encerrados en prisións solitarias como as que el di detestar, obrigados a comparecer ante un xurado da Pequena Habana por delitos que nunca cometeron, sancionados tres deles a unha e até dúas cadeas perpetuas, e os outros dous a 19 e 15 anos?
Coñece que as autoridades dos Estados Unidos recibiron informacións que puideron impedir a morte por terrorismo de cidadáns norteamericanos?
Coñece as actividades de Posada Carriles e Orlando Bosch, responsábeis da voadura dun avión cubano de pasaxeiros en pleno voo e a morte dos seus 73 ocupantes?
Por que non lles fala diso aos cadetes de Annapole?
Os heroes cubanos están próximos a cumprir xa 10 anos de prisión. Non asasinaron nin torturaron nunca a ninguén. Non os acuse agora de que estaban en Vietnam torturando a pilotos norteamericanos.
Coñezo o declarado por vostede na escola onde se graduou como cadete. Agradézolle o seu nobre desexo de non responderme para non dignificarme. A única lamentábel confusión -e non foi esa a intención dalgunhas axencias que transmitiron a primeira reflexión sobre o tema- é que eu pedira probas. Non se pode probar o que nunca aconteceu. Pedín ética.
CUARTA PARTE
Cando na anterior reflexión preguntei a McCain que pensaba dos Cinco Heroes antiterroristas cubanos, fíxeno porque tiña presente o que publicou na páxina 206 do libro Faith of My Fathers elaborado por el e o seu asistente Mark Salter:
"A soidade é algo horríbel. Comprime o teu espírito e enfraquece a túa resistencia máis eficazmente que calquera outra forma de maltrato. Como non tes ninguén máis en quen confiar, con quen compartir confidencias, a quen pedir consello, comezas a dubidar sobre as túas conviccións e a túa coraxe. Mais, finalmente, te acostumas á soidade como a calquera dificultade, deseñando varios métodos para manter os teus problemas afastados da mente e aproveitar desmedidamente calquera oportunidade para ter contacto humano.
"Cando en 1970 o meu período de confinamento en solitario finalmente terminou, fun inundado polo desexo irrefreábel de falar sen parar... "
Se é un tema que a vostede lle interesa, en Estados Unidos hai cinco prisioneiros cubanos hoxe, afastados un do outro por milleiros de quilómetros. Non contan con zona algunha á que puidesen chamar ironicamente "Hanoi Hilton". Os seus sufrimentos e a inxustiza da que son vítimas serán coñecidos polo mundo, non teña a menor dúbida. Decidín reiterar o tema lembrando que, nalgunha das súas moitas declaracións, vostede trataba de situar o lugar convertido en prisión dos pilotos dos bombardeiros derrubados cando atacaban Vietnam.
A min aloxáronme na antiga residencia do Gobernador francés para toda Indochina cando visitei Vietnam en 1973, país ao que cheguei o 12 de setembro, despois do acordo entre Estados Unidos e Vietnam, ao que vostede alude. Alí visitoume Pham Van Dong, entón Primeiro Ministro, que choraba ao recordar os sacrificios humanos e materiais impostos ao seu país; de alí fun visitar o Sur -aínda non totalmente liberado- até a Liña McNamara, onde os fortíns de aceiro foran tomados polos combatentes vietnamitas, a pesar dos bombardeos e os incesantes ataques aéreos dos Estados Unidos.
As pontes, sen excepción, ao longo do traxecto, visíbeis desde o aire entre Hanoi e o Sur, estaban efectivamente destruídas; as aldeas, arrasadas, e todos os días as bombas estalaban nos campos de arroz onde nenos, mulleres e até anciáns de avanzada idade traballaban producindo alimentos.
Un grande número de cráteres observábanse en cada unha das entradas das pontes. Non existían entón as bombas guiadas por láser, moito máis precisas. Tiven que insistir para facer aquel traxecto. Os vietnamitas temían que fose vítima dalgunha aventura ianqui se coñecían da miña presenza naquela zona. Pham Van Dong acompañoume todo o tempo.
Sobrevoamos a provincia de Nghe-An, onde naceu Ho Chi Minh. Nesa provincia e a de Ha Tinh morreron de fame en 1945, o último ano da Segunda Guerra Mundial, dous millóns de vietnamitas. Aterramos en Dong Hoi. Na provincia onde radica esa cidade destruída lanzáronse un millón de bombas. Cruzamos en balsa o Nhat Lle. Visitamos un posto de asistencia aos feridos en Quang Tri. Vimos numerosos tanques M 48 capturados. Percorremos camiños de madeira na que un día foi a Rota Nacional esnaquizada polas bombas. Reunímonos con novos soldados vietnamitas que se encheron de gloria na batalla de Quang Tri. Serenos, resoltos, curtidos polo sol e a guerra, un lixeiro tic reflexo na pálpebra do capitán do batallón. Non se sabe como puideron resistir tantas bombas. Eran dignos de admiración. Esa mesma tarde do 15 de setembro, regresando por unha rota diferente, recollemos tres nenos feridos, dous deles moi graves; unha nena de 14 anos estaba en estado de conmoción cun fragmento de metal no abdome. Os nenos traballaban a terra cando o sacho fixo contacto casual coa granada. Os médicos cubanos acompañantes da delegación déronlles atención directa durante horas e salváronlles a vida. fun testemuña, señor McCain, das proezas dos bombardeos a Viet Nam do Norte, dos cales vostede se sinte tan fachendoso.
Por aqueles días de setembro, Allende fora derrocado; o Palacio de Goberno foi atacado e moitos chilenos torturados e asasinados. O golpe foi promovido e organizado desde Wáshington.
Desgraciadamente todo aquilo sucedeu.
O problema fundamental neste momento é saber se o candidato republicano McCain é consciente da crise económica que, a curto prazo ou de inmediato, atravesará Estados Unidos. Só dese punto de vista será posíbel avaliar a calquera candidato con posibilidades de ascender á xefatura dese poderoso país.
A Axencia Internacional de Noticias IAR publicou hai dous días, o 12 de febreiro, un artigo asinado por Manuel Freytas, xornalista, investigador e analista, titulado "Porque unha recesión nos Estados Unidos se pode converter nunha crise global."
Non precisa moitos testemuños para argumentalo.
"No actual prognóstico sombrío da economía estadounidense –escribe- coinciden institucións chaves do actual sistema económico-financeiro como a Reserva Federal e o Tesouro dos Estados Unidos, o Banco Mundial, o FMI, o G-7 (os sete países máis ricos) e os bancos centrais de Europa e Asia, que ven na confluencia crise hipotecaria -derrube do dólar- escalada dos prezos do petróleo, un potencial detonante dun proceso recesivo do capitalismo a escala mundial.
"O temor a unha recesión en Estados Unidos e o seu impacto na economía mundial... causa un impacto negativo na confianza da elite económica e política do sistema.
"O xefe da Reserva Federal de Estados Unidos, Ben Bernanke, dixo que o seu país pode caer nun proceso recesivo e que enfronta o dobre reto dun mercado inmobiliario en crise, e ao mesmo tempo a necesidade de coidar que a inflación non aumente polos altos prezos do petróleo e dos alimentos.
"A Organización das Nacións Unidas advertiu en xaneiro que existe un risco elevado de caer nunha recesión económica global...”
"Os líderes das máis ricas e poderosas potencias do mundo acaban de advertir sobre unha recesión nos Estados Unidos con implicacións mundiais no Foro de Davos, realizado en xaneiro nos Alpes suízos, augurando sombríos prognósticos para este ano.
"Os ministros de Finanzas e os bancos centrais dos sete países máis ricos do mundo (G-7) estimaron o sábado pasado que as súas economías ían sufrir unha desaceleración a curto prazo, segundo o comunicado final dunha reunión en Tokyo..."
"Hai dous elementos chaves que explican por que unha crise recesiva nos Estados Unidos se proxectaría inmediatamente a toda a economía mundial, tanto nos países centrais como nos ‘emerxentes’ e nos ‘periféricos’.
"a) No actual modelo globalizado de economía mundial, Estados Unidos é o principal comprador e consumidor de produtos e recursos enerxéticos, e representa o 22,5 por cento da economía mundial, segundo os últimos cálculos do Banco Mundial.
"b) A economía mundial capitalista está ‘dolarizada’. O dólar é a moeda patrón de todas as transaccións comerciais e financeiras a escala global.
"Estes dous factores centrais explican por que calquera oscilación ou desequilibrio económico-financeiro que teñan os Estados Unidos como protagonista, causa impacto por todo o planeta.
"Unha crise recesiva en Estados Unidos...causaría impacto nas bolsas e nos mercados globalizados do diñeiro... completando o ciclo do derrube do actual modelo de economía capitalista a escala global.
"O derrube do modelo racharía o equilibrio da ‘gobernabilidade’ política e desataría unha vaga de conflitos sociais e sindicais que afectaría por igual tanto aos Estados Unidos e ás potencias centrais como aos países ‘emerxentes’."
Onte, 13 de febreiro, varios artigos de coñecidos xornalistas norteamericanos apuntaban na mesma dirección, aínda que a partir de diferentes puntos de apoio. Citarei só dous dos cales seleccionei parágrafos que reflicten a actualidade e importancia do seu contido, a través de conceptos absolutamente accesíbeis para os niveis educativos do noso pobo.
Baixo o título "O modelo estadounidense é unha idea á que lle chegou a súa hora", Amy Goodman, presentadora de Democracy Now, informativol internacional diario difundido por máis de 650 emisoras de radio e televisión nos Estados Unidos e o mundo, escribiu:
"Edward Kennedy, senador demócrata de Massachussetts, converteuno nun asunto persoal: ‘O submarino sería unha forma de tortura se llo fixesen a vostede? ‘Diría que si, respondeu Mukasey (Fiscal Xeral). Aínda que esquivou preguntas antes e despois da de Kennedy, a súa resposta á pregunta persoal soaba auténtica.
"O noso Fiscal Xeral non debería necesitar ser sometido ao submarino para saber que é unha forma de tortura.
"Suharto gobernou Indonesia durante máis de 30 anos, tras ser levado ao poder polo país máis poderoso do planeta, Estados Unidos.
"Durante todo o réxime de Suharto, as administracións estadounidenses -demócratas e republicanas- armaron, adestraron e financiaron ao Exército indonesio. Ademais do millón de indonesios asasinados, outros centos de milleiros de persoas foron tamén asasinadas durante a ocupación indonesia de Timor Oriental, un pequeno país 480 quilómetros ao norte de Australia.
"O 12 de novembro de 1991, mentres cubría unha marcha pacífica de timorenses en Dili, a capital de Timor, o Exército de ocupación de Suharto abriu fogo contra a multitude matando a 270 timorenses.
"Os soldados pateáronme coas súas botas e golpeáronme coas culatas dos seus rifles M-16, de fabricación estadounidense. Fracturaron o cranio ao meu compañeiro Allan Nairn, que por aquel entón escribía para a revista The New Yorker.
"A organización Transparencia Internacional calculou que a fortuna de Suharto situábase entre os 15 000 e os 35 000 millóns de dólares. O actual embaixador en Indonesia, Cameron Hume, eloxiou esta semana a memoria de Suharto, declarando: ‘O presidente Suharto estivo á fronte de Indonesia durante máis de 30 anos, un período durante o que Indonesia alcanzou un notable desenvolvemento económico e social.’
"Ben sexa o submarino, comezar unha guerra ilegal, ou reter a centos de prisioneiros sen cargos durante anos na baía de Guantánamo ou en cárceres secretos da CIA en todo o mundo, todo isto me trae á memoria as palabras de Mahatma Gandhi, un dos máis grandes líderes da non-violencia no mundo. ‘Que lles importa aos mortos, aos orfos e aos que perden os seus fogares’, preguntaba, ‘se a destrución sen sentido se leva a cabo no nome do totalitarismo ou no santo nome da liberdade ou a democracia?’
"Cando se lle preguntou que pensaba da civilización occidental, Gandhi respondeu: ‘Penso que sería unha boa idea.’"
O mesmo día, no Counter Punch, Robert Weissman escribiu outro artigo titulado "O vergoñoso estado da Unión", traducido para Rebelión por S. Seguín, onde entre outras cousas afirmou:
"Estados Unidos dedica máis de 700 000 millóns de dólares anuais a gastos militares. Destina 506.900 millóns de dólares ao Departamento de Defensa, ademais de 189.400 millóns de dólares a operacións militares en Iraq e Afganistán.
"O Congreso aprobou cerca de 700 000 millóns para as guerras de Afganistán e Iraq. Non inclúe os custos sociais: perdas de vidas, feridos, etcétera.
"Segundo algúns métodos de cálculo, máis da metade do gasto federal discrecional vai destinado xa a fins militares.
"A riqueza estase concentrando de xeito vertixinoso.
"En 1976, o 1 por cento máis rico da poboación recibía o 8,83 por cento do ingreso nacional; en 2005, esta porcentaxe era do 21,93 por cento.
"Na actual economía hiperfinanceira, son os gurús das finanzas os que se están facendo realmente ricos, malia as enormes perdas que está acumulando Wall Street.
"Nin sequera os bancos de investimento tradicionais poden pagar as escandalosas compensacións que reciben os xestores de fondos de capital privados, algúns dos cales conseguen máis de 1.000 millóns de dólares nun só ano. Grazas a unha estrataxema fiscal, estes individuos pagan uns impostos sobre os seus ingresos que equivalen a menos da metade do que debe pagar un dentista que ingrese 200.000 dólares ao ano.
"As grandes corporacións estanse facendo coa maior parte da riqueza nacional.
"A burbulla inmobiliaria e o colapso das hipotecas de alto risco están expulsando a millóns de familias dos seus fogares.
"O Centro para un Endebedamento Responsábel considera que 2,2 millóns de préstamos hipotecarios de alto risco concedidos durante os últimos anos terminaron xa en quebra ou acabarán en execución hipotecaria. As perdas derivadas da queda dos prezos da vivenda poden acadar os 2 millóns de millóns de dólares.
"A brecha de riqueza entre brancos e negros non ten visos de pecharse, e de feito está ensanchándose.
"Os cidadáns estadounidenses de orixe africana só alcanzarán a paridade cos seus compatriotas brancos dentro de 594 anos, segundo a asociación United for a Fair Economy. A catástrofe das hipotecas de alto risco estase cebando especialmente nas comunidades minoritarias e está provocando o que United for a Fair Economy estima como o maior empobrecemento da xente negra na moderna historia dos Estados Unidos.
"Máis dun de cada seis nenos vive na pobreza.
"Máis de 45 millóns de persoas non teñen seguro de enfermidade.
"O déficit comercial estadounidense acadou en 2006 a cifra de 763.600 millóns de dólares. Nalgún momento este déficit comercial deberá equilibrarse. A medida que o dólar segue perdendo o seu valor, é de agardar unha maior inflación e máis altos tipos de interese a medio prazo. O nivel de vida real, en termos económicos, descenderá.
"A eficiencia enerxética é hoxe peor que hai dúas décadas.
"A infraestrutura estase caendo. A Asociación de Enxeñeiros Civís estima que farán falta 1,5 millóns de millóns de dólares, ao longo dun período de cinco anos, para devolver as infraestruturas do país a un estado aceptábel.
"Esta situación é peor -nalgúns casos moito peor- que a comezos do goberno de George W. Bush, pero as súas raíces afúndense na política bipartidista levada a cabo durante os tres decenios pasados, favorábel á entrega de activos públicos ás empresas privadas (privatización), a globalización corporativa, ao carácter hiperfinanceiro da economía, a uns gastos militares escandalosamente altos, as reducións de impostos aos ricos e os recortes da rede de seguridade social."
Robert Weissman, autor do artigo, é redactor xefe do Multinational Monitor, de Wáshington, D.C., e director de Essential Action.
Para non abusar dos lectores, falta só a quinta parte.
QUINTA PARTE
Hai máis de dúas semanas, o 27 de xaneiro de 2008, a publicación dixital Tom Dispatch reproduciu un artigo, traducido para Rebelión por Germán Leyens: “A crise da débeda é a maior ameaza para Estados Unidos”, de Chalmers Johnson. Este autor norteamericano non foi previamente distinguido co Nobel, como Joseph Stiglitz, prestixioso e recoñecido economista e escritor, ou o propio Milton Friedman, inspirador do neoliberalismo que conduciu a moitos países por ese desastroso camiño, entre eles aos Estados Unidos.
Friedman foi o máis activo defensor do liberalismo económico oposto a calquera regulación gobernamental. As súas ideas nutriron a Margaret Thatcher e a Ronald Reagan. Membro activo do Partido Republicano, asesorou a Richard Nixon, Ronald Reagan e Augusto Pinochet, de sinistra historia. Morreu en novembro de 2006 aos 94 anos. Escribiu numerosas obras, entre elas Capitalismo e Liberdade.
Cando falo do artigo de Chalmers Johnson, atéñome estritamente aos argumentos irrebatíbeis utilizados por el. Emprego o método de seleccionar textualmente parágrafos esenciais.
"Ao chegar 2008, os Estados Unidos atópanse na posición anómala de non poder pagar polos seus propios altos niveis de vida ou a súa dilapidadora, exaxeradamente grande, infraestrutura militar. O seu goberno nin sequera trata de reducir os ruinosos gastos de manter enormes exércitos permanentes, trocar equipos que foron destruídos ou gastados en sete anos de guerra, ou de preparar unha guerra no espazo exterior contra adversarios descoñecidos. No seu lugar, o goberno de Bush posterga eses costos para que sexan pagados -ou repudiados- por futuras xeracións. Esta irresponsabilidade fiscal foi disfrazada usando numerosas artimañas financeiras manipuladoras -como levar a países máis pobres a que nos presten sumas sen precedentes-, pero vén rapidamente o momento do axuste de contas.
"Houbo tres amplos aspectos na nosa crise da débeda. Primeiro, neste ano fiscal 2008 estamos gastando cantidades enfermizas de diñeiro en proxectos de ‘defensa’ que non teñen a ver coa seguridade nacional dos Estados Unidos. Simultaneamente, mantemos os impostos sobre os ingresos dos segmentos máis ricos da poboación estadounidense a niveis sorprendentemente baixos.
"En segundo lugar, seguimos pensando que podemos compensar a erosión acelerada da nosa base manufactureira e a nosa perda de postos de traballo a países estranxeiros mediante masivos gastos militares.
"Terceiro, na nosa devoción polo militarismo, deixamos de investir na nosa infraestrutura social e outras necesidades para a saúde a longo prazo do noso país.
"O noso sistema de educación pública deteriorouse de modo alarmante. Non aseguramos a atención sanitaria de todos os nosos cidadáns e desatendemos a nosa responsabilidade como o contaminador número un do mundo. O que é máis importante: perdemos a nosa competitividade como fabricantes para necesidades civís -un uso infinitamente máis eficiente de recursos escasos que a fabricación de armas.
"É virtualmente imposíbel esaxerar o estrago económico que constitúen os gastos do noso goberno nas forzas armadas. Os gastos planificados polo Departamento de Defensa para o ano fiscal 2008 son maiores que todos os demais orzamentos militares combinados. O orzamento suplementario para pagar polas actuais guerras en Iraq e Afganistán é en si maior que os orzamentos militares combinados de Rusia e China. Os gastos relacionados coa defensa para o ano fiscal 2008 excederán o millón de millóns de dólares por primeira vez na historia, e Estados Unidos converteuse no maior vendedor de armas e municións a outras nacións na Terra.
"As cifras publicadas polo Servizo de Referencia do Congreso e a Oficina do Orzamento do Congreso non coinciden.
"Hai numerosas razóns para esta prestidixitación orzamentaria -incluíndo un desexo de manter o segredo por parte do Presidente, do Secretario de Defensa, e do complexo militar-industrial-, mais a principal razón é que membros do Congreso, que se benefician enormemente dos postos de traballo na defensa e de proxectos oportunistas para congraciarse co electorado nos seus distritos, teñen un interese político no apoio ao Departamento de Defensa.
"Por exemplo, 23.400 millóns de dólares para o Departamento de Enerxía van ao desenvolvemento e mantemento de oxivas nucleares; e 25.300 millóns de dólares no orzamento do Departamento de Estado son gastados en axuda militar ao estranxeiro.
"O Departamento de Asuntos de Veteranos recibe actualmente polo menos 75.700 millóns de dólares, o 50 por cento dos cales van para a atención a longo prazo dos polo menos 28.870 soldados feridos até o momento en Iraq e os 1.708 de Afganistán.
"Outros 46.400 millóns de dólares son destinados ao Departamento de Seguridade Interior; 1.900 millóns de dólares do Departamento de Xustiza para as actividades paramilitares do FBI, 38.500 millóns de dólares para o Departamento do Tesouro destinados ao Fondo de Retiro das Forzas Armadas; 7.600 millóns para as actividades relacionadas coas forzas armadas da NASA; e bastante máis de 200.000 millóns en intereses por pasados desembolsos financiados con débedas. Isto eleva os gastos de Estados Unidos para a súa infraestrutura militar durante o actual ano fiscal (2008), calculados de modo conservador, a polo menos 1,1 millón de millóns de dólares.
"Semellantes gastos non son só obscenos desde o punto de vista moral, senón que son insostíbeis desde o punto de vista fiscal. Numerosos neoconservadores e estadounidenses patrióticos mal informados coidan que se o noso orzamento de defensa é inmenso, podémonolo permitir porque somos o país máis rico da Terra. Esa declaración xa carece de valor. A entidade política máis rica do mundo, segundo o Libro Mundial de Datos, da CIA, é a Unión Europea. O PIB da Unión Europea en 2006 foi calculado como lixeiramente superior ao dos Estados Unidos. O PIB en 2006 da China foi só lixeiramente inferior ao dos Estados Unidos, e Xapón foi o cuarto país máis rico do mundo.
"Unha comparación máis convincente, que revela até que punto imos peor, pode ser atopada en nas ‘contas correntes’ de varias nacións. A conta corrente mide o superávit comercial neto ou déficit dun país, máis os pagos internacionais de intereses, royalties, dividendos, capital de ganancias, axuda estranxeira, e outros ingresos. Para que Xapón fabrique algo, debe importar todas as materias primas necesarias. Despois de facer ese incríbel gasto, aínda logra un superávit comercial de 88.000 millóns de dólares por ano cos Estados Unidos e goza do segundo balance de conta corrente do mundo polo seu tamaño. China é o número un. Estados Unidos é o número 163 -o último da lista, peor que países como Australia e o Reino Unido, que tamén teñen grandes déficit comerciais. O seu déficit de conta corrente en 2006 foi de 811.500 millóns de dólares; o segundo peor foi o de España con 106.400 millóns de dólares. Isto é o que é insostíbel.
"Os nosos excesivos gastos militares non se multiplicaron só nuns poucos anos. Fixérono durante moito tempo seguindo unha ideoloxía superficialmente plausíbel e agora comezan a facer estragos. Chámoa ‘keynesianismo militar’. É a determinación de manter unha economía de guerra permanente e de tratar á produción militar coma se fose un produto económico ordinario, aínda que non faga ningunha contribución nin á produción nin ao consumo.
"A Gran Depresión dos anos trinta fora superada só polo auxe da produción de guerra da Segunda Guerra Mundial.
"Con este concepto, os estrategos estadounidenses comezaron a crear unha masiva industria de municións, tanto para contrarrestar o poder militar da Unión Soviética -que esaxeraron conscientemente- como para manter o pleno emprego e previr un posíbel retorno da Depresión. O resultado foi que, baixo o liderado do Pentágono, creáronse industrias enteiramente novas para fabricar grandes avións, submarinos a propulsión nuclear, oxivas nucleares, mísiles balísticos intercontinentais, e satélites vixías e de comunicacións. Isto levou a aquilo contra o que advertiu o presidente Eisenhower no seu discurso de despedida do 6 de febreiro de 1961: ‘A conxunción dunha inmensa infraestrutura militar e dunha grande industria de armamentos é nova na experiencia estadounidense’, é dicir, o complexo militar-industrial.
"En 1990, o valor das armas, do equipamento, e das fábricas dedicadas ao Departamento de Defensa representaba un 83 por cento do valor de todas as fábricas e equipos na manufactura estadounidense.
"A dependencia dos Estados Unidos co keynesianismo militar progresou malia que a Unión Soviética xa non existe...
"A devoción ao keynesianismo militar é, de feito, unha forma de lento suicidio económico.
"O historiador Thomas E. Woods, Jr., observa que, durante os anos cincuenta e sesenta, entre un terzo e dous terzos de todo o talento de investigación estadounidense foron desviados cara ao sector militar.
"Entre os anos corenta e 1996, Estados Unidos gastou polo menos 5,8 millóns de millóns de dólares no desenvolvemento, ensaio, e construción de bombas nucleares. En 1967, os Estados Unidos posuían unhas 32.500 bombas atómicas e de hidróxeno movedizas.
"As armas nucleares non foron só a arma secreta dos Estados Unidos senón a súa arma económica secreta. En 2006, aínda tiñamos 9.960 (das máis modernas). Actualmente non hai un uso para elas, mentres que os millóns de millóns que foron gastados nas mesmas poderían ser utilizados para solucionar os problemas de seguridade social e atención sanitaria, educación de calidade e acceso á educación a todos, para non falar da retención de postos de traballo altamente cualificados dentro da economía estadounidense.
"O noso breve exercicio como a ‘única superpotencia’ do mundo chegou ao seu fin.
" Actualmente xa non somos o principal país prestamista do mundo. Nos feitos somos agora o maior país debedor do mundo, e seguimos exercendo influencia só sobre a base de proezas militares.
"Parte do dano causado non poderá ser rectificado xamais.
"Hai algúns pasos que este país ten que dar de contado. Inclúen que se revoquen os recortes de impostos de Bush para os ricos de 2001 e 2003, que comecemos a liquidar o noso imperio global de máis de 800 bases militares, que eliminemos do orzamento de defensa todos os proxectos que non estean relacionados coa seguridade nacional de Estados Unidos e que cesemos de utilizar o orzamento de defensa como un programa keynesiano de creación de empregos. Se o facemos teremos unha posibilidade de librarnos polos pelos. Se non o facemos, enfrontamos a probábel insolvencia nacional e unha longa depresión."
Nunha consulta en Internet sobre a obra de Johnson, xa a resposta está deseñada para el. Que expresa? Fago unha pequena síntese para explicalo:
"Johnson está argumentando que os Estados Unidos son o seu peor inimigo. Antes ou despois, asegura el, a arrogancia de Estados Unidos provocará a súa queda. O libro de Johnson está formado en grande medida por capítulos autónomos que achegan dun número de temas vagamente relacionados.
"’O tempo para evitar a bancarrota financeira e moral é curto’. Máis tarde, chega á conclusión seguinte: ‘Estamos a piques de perder a democracia por mor de manter o noso imperio’. As obras de Johnson son descritas como ‘polémicas’... Mentres que moitos de nós nos facemos insensíbeis ante as atrocidades da Casa Branca, a indignación de Johnson coa Administración -os seus memorandos da tortura, o seu desprezo pola libre información pública, a súa burla dos tratados establecidos- é sentida. Isto pode deberse aos seus antecedentes conservadores: tenente da Mariña na década dos 50, asesor da CIA de 1967 a 1973 e defensor por moito tempo da guerra de Vietnam, Johnson só se arrepiou tardiamente do militarismo e intervencionismo norteamericano. Agora escribe coma se quixese recuperar o tempo perdido. A contribución máis sobresaliente de Johnson ao debate verbo do imperio norteamericano é a súa documentación da vasta rede de bases militares dos Estados Unidos no estranxeiro.
"’Hai moitos anos podíase trazar a expansión do imperialismo contando o número das súas colonias’, escribe Chalmers Johnson no Némese: os últimos días da república estadounidense. ‘A versión norteamericana da colonia é a base militar’.
"Némese é un libro o poder. Ao equiparar ás afastadas bases de Estados Unidos coas guarnicións de Roma, Johnson postula que as cousas non cambiaron moito desde os días do César e Octavio. Mais coas armas nucleares diseminadas entre as grandes potencias e as menores, o poderío militar só pode lograr a destrución mutua... As nosas tropas están asediadas.
"Cada un dos eruditos capítulos de Johnson ensina tanto como perturba. Pero o seu tese tácita sobre a morte da democracia, carece de forza analítica. Johnson mira de xeito incrédulo aos que coidan que a estrutura de goberno no Washington de hoxe ten algúnha semellanza co debuxado na Constitución de 1787.
"Tal pesimismo parece esaxerado. A República sobreviviu a Richard Nixon e a Edgar J. Hoover, e a democracia, malia os golpes recibidos, sobrevivirá tamén a Bush."
Os argumentos para responder concretamente ao artigo subscrito por Johnson o 27 de xaneiro requiren algo máis que unha declaración de fe na democracia e a liberdade. Johnson non inventou a Aritmética, que até un alumno de sexto grado coñece; tampouco a inventou o gran poeta chileno Pablo Neruda, tamén Premio Nobel. Estivo moi cerca de non obter un título universitario: constantemente preguntaba -narra o seu biógrafo- canto eran 8 por 5; nunca lembraba que eran 40.
Fai varios meses, analizando coidadosamente máis de 400 páxinas da tradución das memorias de Alan Greenspan, quen foi 16 anos Presidente da Reserva Federal dos Estados Unidos, A Era da Turbulencia, sobre a que prometín escribir algunhas reflexións e xa é auga pasada, aprendín a coñecer o segredo das súas enormes inquedanzas: o que comeza a suceder na actualidade. En esencia, comprendía con claridade as consecuencias, terríbeis para o sistema, de imprimir billetes e gastar sen límites.
Deliberadamente non retei a ningún dos candidatos de ambos os dous partidos ao delicadísimo tema do cambio climático para non perturbar ilusións e soños. A publicidade nada incide nas leis físicas e biolóxicas. Estas son menos comprensíbeis e máis complicadas.
Expresei hai meses a seguridade de que o que máis coñecía sobre o tema do cambio climático e contaba con máis popularidade non aspiraría a ser candidato á Presidencia. Xa lle roubaran a vitoria nas pasadas eleccións. Comprendía os riscos da natureza e da política. É obvio que me refiro a Gore. É un bo termómetro. Hai que preguntarlle cada día como durmiu. As súas respostas serán sen dúbida útiles para a desesperada comunidade científica; esta desexa que a especie sobreviva.
Na próxima reflexión abordarei un tema de interese para moitos compatriotas, pero non o adiantarei.
Pido perdón aos lectores polo tempo e o espazo que ocupei durante cinco días co Candidato Republicano.
Fidel Castro Ruz
15 de Febreiro do 2008 Ler máisEtiquetas: Cuba |
|
|
|
|
|