Pode descargar este texto en formato PDF aquí ou premendo na imaxe.
Algúns socialistas encetaron ultimamente unha verdadeira cruzada contra o que eles chaman principio de autoridade. Abonda con que se lles diga que este ou ese acto é autoritario para que o condenen. Tanto abusan deste xeito sumario de proceder, que non hai máis remedio que examinar o tema máis polo miúdo. Autoridade, no sentido propio da verba, quere dicir: imposición da vontade doutro á nosa; autoridade supón, por outra parte, subordinación. Ora ben; por moi mal que soen estas dúas verbas e por moi desagradábel que sexa para a parte subordinada a relación que representa, a cuestión está en saber se hai forma de prescindir dela, se –dadas as condicións actuais da sociedade- podemos crear outro réxime social no que esta autoridade non teña xa obxecto e no que, xa que logo, deba desaparecer. Examinando as condicións económicas, industriais e agrícolas, que constitúen a base da actual sociedade burguesa, atopámonos con que tenden a substituír cada vez máis a acción illada pola acción combinada dos individuos. A industria moderna, con grandes fábricas e talleres, nos que centos de obreiros vixían de complicadas máquinas movidas a vapor, veu ocupar o posto do pequeno taller do produtor illado: os coches e os carros para grandes distancias foron substituídos polo ferrocarril, como as pequenas goletas e lanchas deixaron paso aos barcos a vapor. A mesma agricultura vai caendo pouco a pouco baixo o dominio da máquina e do vapor, os cales substitúen, a modo pero inexorabelmente, aos pequenos propietarios por grades capitalistas, que cultivan, coa axuda dos obreiros asalariados, grandes extensións de terra. A acción coordenada, a complicación dos procedementos, supeditados os uns aos outros, despraza en todas partes á acción independente dos individuos. E quen di acción coordenada di organización. Ora ben, é posíbel organización sen autoridade?
Supoñamos que unha revolución social derrocara aos capitalistas, cuxa autoridade dirixe hoxe a produción e a circulación da riqueza. Supoñamos, para situármonos totalmente no punto de vista dos antiautoritarios, que a terra e as ferramentas de traballo se converteran en propiedade colectiva dos obreiros que os empregan. Tería desaparecido a autoridade, ou tan só tería mudado de forma? Vexamos.
Tomemos, como exemplo, unha fábrica de fiados de algodón. O algodón, antes de se converter en fío, ten que pasar, cando menos, por seis operacións sucesivas; operacións que se executan, na súa meirande parte, en diferentes naves. Ademais, para manter as máquinas en movemento, é preciso un enxeñeiro que vixía a máquina de vapor, mecánicos para as reparacións diarias e, ademais, moitos peóns destinados a transportar os produtos dun lugar a outros, etc. Todos estes obreiros, homes, mulleres e nenos, están obrigados a empezar e terminar o seu traballo á hora sinalada pola autoridade do vapor, que se burla da autoridade individual. O primeiro que fai falla é, pois, que os obreiros se poñan de acordo sobre as horas de traballo; a estas horas, unha vez fixadas, fican sometidos todos sen ningunha excepción. Despois, en cada lugar e a cada intre, xorden cuestións miúdas sobre o modo de produción, sobre a distribución dos materiais, etc., cuestións que teñen que ser resoltas ao momento, baixo o risco de que se paralice inmediatamente toda a produción. Resólvanse pola decisión dun delegado posto á fronte de cada rama da produción, ou polo voto da maioría, se iso fora posíbel, a vontade de alguén terá sempre que subordinarse; é dicir, que as cuestións serán resoltas autoritariamente. O mecanismo automático dunha grande fábrica é moito máis tiránico que os pequenos capitalistas que empregan obreiros. Na porta destas fábricas, podería escribirse, cando menos no tocante ás horas de traballo: Lasciate ogni autonomia, voi che entrate! Se o home, coa ciencia e o xenio inventivo, somete ás forzas da natureza, estas vínganse del someténdoo, mentres as emprega, a un verdadeiro despotismo, independentemente de toda organización social. Querer abolir a autoridade na grande industria, é querer abolir a industria mesma, é querer destruír as fábricas de fiados a vapor para volver á roca.
Tomemos, para poñer outro exemplo, un ferrocarril. Tamén aquí é absolutamente necesaria a cooperación dunha infinidade de individuos, cooperación que debe darse a horas moi precisas, para que non se produzan desastres. Tamén aquí, a primeira condición para que a empresa marche é unha vontade dominante que resolva todas as cuestións secundarias. Esta vontade pode estar representada por un só delegado ou por un comité encargado de executar os acordos dunha maioría de interesados. Nos dous casos existe autoridade ben pronunciada. Aínda máis: que acontecería co primeiro tren que arrincara de abolirse a autoridade dos empregados do ferrocarril sobre os señores viaxeiros?
Aínda que onde máis se evidencia a necesidade da autoridade, e dunha autoridade imperiosa, é nun barco en alta mar. Alí, no momento de perigo, a vida de cada un depende da obediencia instantánea e absoluta de todos á vontade dun só.
Cando puxen parecidos argumentos aos máis furiosos antiautoritarios, non souberon responderme máis que isto:
«Ah! iso é certo, mais aquí non se trata de que nós demos ao delegado unha autoridade, senón dun encargo!» Estes señores coidan que están a cambiar as cousas cambiándolles o nome. Esta é a forma de burlarse do mundo destes profundos pensadores.
Vimos, pois, que, dunha parte, certa autoridade, delegada como sexa, e doutra, certa subordinación, son cousas que, independentemente de toda organización social, se nos impón coas condicións materiais nas que producimos e facemos circular os produtos.
E vimos, ademais, que as condicións materiais de produción e de circulación se estenden inevitabelmente coa grande industria e coa grande agricultura, e tenden cada vez máis a ensanchar o campo da autoridade. É absurdo, polo tanto, falar do principio de autoridade como dun principio absolutamente malo e do principio de autonomía como dun principio absolutamente bo. A autoridade e a autonomía son cousas relativas, cuxas esferas varían nas diferentes fases da evolución social. Se os autonomistas se limitasen a dicir que a organización social do mañá restrinxirá a autoridade até o límite estrito no que a fagan inevitábel as condicións da produción, poderíamos entendernos; mais, pola contra, permanecen cegos a todos os feitos que a fan necesaria e arremeten con ira contra a verba.
Por que os antiautoritarios non se limitan a clamar contra a autoridade política, contra o Estado? Todos os socialistas están de acordo en que o Estado político, e canda el a autoridade política, desapareceran como consecuencia da próxima revolución social, é dicir, que as funcións públicas perderán o seu carácter político, trocándose en simples funcións administrativas, chamadas a coidar dos verdadeiros intereses sociais. Mais os antiautoritarios esixen que o Estado político autoritario sexa abolido de inmediato, aínda antes de destruír as condicións sociais que o fixeron nacer. Esixen que o primeiro acto da revolución social sexa a abolición da autoridade. Non viron nunca unha revolución estes señores? Unha revolución é, indubidabelmente, a cousa máis autoritaria que existe; é o acto a través do cal unha parte da poboación impón a súa vontade á outra parte por medio de fusís, baionetas e canóns, medios autoritarios coma poucos; e o partido vitorioso, se non quere desperdiciar toda a súa loita, ten que manter este dominio por medio do terror que as súas armas inspiran aos reaccionarios. A Comuna de París duraría un só día de non usar esta autoridade de pobo armado fronte aos burgueses? Non podemos, pola contra, reprocharlle que non a usara o suficiente?
Xa que logo, ou os antiautoritarios non saben o que din, e neste caso non fan máis que sementar a confusión; ou, sábeno, e, neste caso, están a traizoar ao movemento do proletariado. Nos dous casos, serven á reacción. |