
Descargue o texto en formato PDF premendo sobre a imaxe ou aquí. Aprender, aprender, aprender sempre. Abofé que isto é unha necesidade para calquera comunista, para calquera marxista-leninista. Non abonda con ter odio de clase, que é necesario; non abonda con ter boas intencións, que é necesario; non abonda con ter decisión, que é necesario; non abonda con querer derrubar o capitalismo, que é necesario; é preciso estudar os fenómenos da natureza dun xeito dialéctico, e interpretalos dunha maneira materialista. É necesario estudar o materialismo dialéctico, porque así entende o mundo un marxista-leninista. E é preciso levar este materialismo dialéctico ao estudo da sociedade, da vida social, é dicir, avantar polo camiño do materialismo histórico, o camiño que guía aos marxistas. Como deixou escrito o camarada Stalin: «A actuación do Partido do proletariado debe basearse, non nos bos desexos das “ilustres personalidades”, non nos postulados da “razón”, da “moral universal”, etc., senón nas leis do desenvolvemento da sociedade e no estudo destas». Materialismo Dialéctico e Materialismo Histórico é un perfecto estudo para iniciarse no método dialéctico marxista, funcionando como un breve resume das principais ideas de Marx e Engels neste importante terreo. Poida que a algúns, ante unha obra asinada por Stalin, e por ser escravos da ideoloxía burguesa, se lles levante un muro diante dos ollos. Pode ser que teñan boas intencións, máis xa vai sendo hora de que, se se din marxista-leninistas, comecen a pensar e traballar como tal. Sen dúbida, esta é unha boa obra para encetar este camiño. |