Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Cuestións de economía marxista: A Teoría do Valor.
25/10/2010
Carlos Hermida
PCE (m-l)
22/10/10



A teoría do valor é, sen dúbida, o elemento central do pensamento económico de Marx, o eixe sobre o que se constrúe a teoría económica marxista. A análise do valor desenvólvea Marx no primeiro capítulo (“A Mercadoría”) do Libro Primeiro de O Capital.(1)

Trataremos en primeiro lugar os aspectos desenvolvidos por Marx e remataremos cunhas consideracións finais sobre a teoría do valor, os prezos e a plusvalía.


1. MERCADORÍA E MODO DE PRODUCIÓN.

A mercadoría é o produto do traballo destinado a ser cambiado no proceso de compravenda. Os produtos do traballo convértense en mercadorías só cando aparece a división social do traballo e existen produtores illados e independentes, no momento en que se desintegra a comunidade primitiva e aparecen as relacións de produción escravistas. Ora ben, no escravismo e no feudalismo a masa fundamental de bens materiais non figuraba como mercadorías, senón como produtos destinados basicamente ao consumo. Só no capitalismo a produción de mercadorías adquire carácter universal e dominante. A mercadoría é, por tanto, unha categoría histórica e a súa esencia socio-económica varía segundo o tipo de relacións de produción que impere na sociedade.

Na produción mercantil simple, a mercadoría é o produto do traballo do pequeno produtor (artesáns e campesiños), dono dos medios de produción e dos produtos do traballo, mentres que no modo de produción capitalista as mercadorías son producidas por obreiros asalariados.

A análise da mercadoría e do valor vai ligada en Marx ao desenvolvemento histórico dos modos de produción, definidos como a unidade de dous aspectos a se condicionaren mutuamente: as forzas produtivas e as relacións de produción. Nesta unidade dialéctica, as relacións de produción corresponden a un determinado desenvolvemento das forzas produtivas, e estas determinan as relacións socioeconómicas entre as persoas e as formas de propiedade sobre os medios de produción. As relacións de produción inflúen activamente sobre as forzas produtivas, podendo propiciar o seu desenvolvemento acelerado ou o seu estancamento. Cando as relacións de produción da sociedade deixan de se corresponder co nivel das forzas produtivas, xorde a necesidade obxectiva de substituír o modo de produción xa caduco por outro novo, máis progresivo. Esta situación lévase a cabo mediante a revolución social. A súa necesidade está condicionada pola lei económica xeral de correspondencia entre as relacións de produción e o carácter e nivel de desenvolvemento das forzas produtivas. Segundo esta formulación, o paso do feudalismo ao capitalismo realizouse mediante as revolucións burguesas, que destruíron as eivas económicas, sociais e políticas que impedían a universalización e xeneralización da produción de mercadorías. (2)


2. VALOR DE USO E VALOR DE CAMBIO.

A mercadoría posúe dúas propiedades derivadas do dobre carácter do traballo materializado nela: valor de uso e valor de cambio.

O valor de uso é a utilidade dun obxecto, a súa capacidade de satisfacer unhas ou outras necesidades, ben como artigo de consumo ou como medio de produción. O valor de uso está condicionado polas propiedades e calidades do obxecto, e créase co traballo concreto. Uns obxectos satisfán directamente as necesidades das persoas, como os obxectos persoais de consumo (alimentos e vestido), mentres que outros serve de produción para a produción de bens materiais (máquinas, combustíbeis, etc.). O valor de uso é propiedade inalienábel de todo obxecto útil, independentemente da forma social de produción.

O valor de cambio é a relación ou proporción cuantitativa na que se cambian distintas mercadorías. En determinadas cantidades, as mercadorías equipáranse unha a outras, quere dicir, deben ter unha base común que fai posíbel ese intercambio. Segundo Marx, a única calidade xeral contida en todas as mercadorías e que permite equiparalas unha a outras é que todas elas son produtos do traballo. O que serve de base para a equiparación de dúas mercadorías que se intercambian é o traballo social materializado nelas. No intercambio de mercadorías abstráense as propiedades útiles e só fica o traballo abstracto contido nos produtos. A magnitude do valor da mercadoría ven determinada pola cantidade de traballo socialmente necesario para a producir e mídese polo tempo de traballo socialmente necesario que require a súa elaboración en condicións de produción socialmente normais e cun nivel medio de mestría e intensidade nunha sociedade concreta. Na práctica, como socialmente necesario figura o tempo que se inviste na produción de determinado tipo de mercadorías polos traballadores que subministran a masa fundamental delas. A substancia do valor constitúea o gasto de traballo simple, de forza de traballo que posúe de media un traballador sen cualificar. Por iso a magnitude do valor depende da relativa complexidade do traballo. O traballo complexo ou cualificado é o traballo simple multiplicado. Canto máis complexo sexa, maior será o valor que se crea pola unidade de tempo.

No concepto marxista do valor hai, pois, tres elementos claramente interrelacionados: 1) tempo de traballo socialmente necesario; 2) produtividade do traballo; e 3) intensidade do traballo.

Tempo de traballo socialmente necesario é o que se require para producir calquera mercadoría nas condicións de produción normais, isto é, coa media de técnica, capacidade e intensidade do traballo. Esta media determínase polas condicións de produción en que ser crea a masa maior de mercadorías dunha determinada clase. O tempo de traballo socialmente necesario troca ao se modificar a produtividade do traballo.

A produtividade do traballo mídese pola cantidade de produtos obtida na unidade de tempo de traballo. O traballo faise máis produtivo ao se perfeccionaren os instrumentos de produción, ao progresar a técnica ou mediante a racionalización do traballo. Canto maior sexa a produtividade do traballo, menor será, en condicións semellantes, o tempo necesario para producir unha unidade da mercadoría e máis baixo o seu valor.

A intensidade do traballo determínase polo traballo investido na unidade de tempo. O medre da intensidade de traballo representa o investimento de máis traballo no mesmo período de tempo. Por tanto, un traballo máis intensivo, materializándose nunha maior cantidade de produtos, crea, na mesma unidade de tempo, un valor maior que o traballo menos intensivo.


3. AS FORMAS DO VALOR E A NATUREZA DO DIÑEIRO.

O valor da mercadoría é froito do traballo no proceso de produción, mais só se pode manifestar equiparando unhas e outras mercadorías no proceso de cambio; é dicir, a través do valor de cambio das mercadorías. A forma máis simple do valor é a expresión do valor dunha mercadoría noutra. Por exemplo, un machado = 20 kg de gran. O valor do machado exprésase aquí en gran, por mor de que se empregou o traballo na produción de ambos. A igualdade das mercadorías comparte a igualdade do traballo investido en as producir.

O desenvolvemento da división do traballo e dos intercambios fixo cada vez máis complicado o camiño directo dunha mercadoría por outra, e xurdiu a necesidade de atopar unha mercadoría que actuase como forma universal do valor, como equivalente universal. Este papel desempeñouno o diñeiro. En principio diversos metais, até que o ouro a a prata asumiron esta función polas especiais características de homoxeneidade material, divisibilidade, peso, etc. O diñeiro xurdiu como resultado dun amplo proceso de desenvolvemento do cambio e as formas do valor. Ao xurdir o diñeiro, o mundo das mercadorías concéntrase en dous polos: nun deles agrúpanse todas as mercadorías e noutro aparece a mercadoría que actúa como diñeiro. Xa que logo, o diñeiro aparece como a materialización xeral do valor. Posúe a calidade de poder cambiar directamente por calquera outra mercadoría e encarna o valor e a riqueza social. O diñeiro é unha medida de traballo social abstracto investido na produción de todas as demais mercadorías.

A medida que a produción mercantil se xeneraliza, o diñeiro cumpre as seguintes funcións: 1) medida do valor; 2) medio de circulación; 3) medio de acumulación; 5) medio de pago e 5) como diñeiro mundial.


4. O FETICHISMO DA MERCADORÍA.

Baixo as condicións da produción mercantil, con base na propiedade privada dos medios de produción, os nexos sociais que se estabelecen entre os homes no proceso de produción só se exteriorizan a través do cambio de mercadorías. A sorte dos produtores está moi vinculada á sorte das mercadorías creadas por eles, ás oscilacións dos seus prezos, que conducen ao enriquecemento de algúns e ao empobrecemento doutros. As relacións entre as cousas agochan as relacións de produción.

O fetichismo da mercadoría é a denominación que dá Marx á ilusión de que as mercadorías posúen calidades especiais que inflúen no destino das persoas.

Na produción mercantil, o nexo social entre os produtores privados de mercadorías maniféstase só no mercado, no proceso de intercambio de mercadorías. A escala da sociedade, estes nexos desenvólvense de forma espontánea, razón pola cal as relacións entre os produtores de mercadorías aparecen como relacións entre produtos do traballo humano. Tal forma de expresión das relacións sociais obedece obxectivamente a que nas condicións de produción baseadas na propiedade privada, os froitos do traballo son produtos de traballos privados independentes uns dos outros, ao tempo que entre os produtores privados existe unha estreita vinculación e dependencia recíproca baseada na división social do traballo. O traballo de cada produtor representa unha fracción do traballo social global, mais este carácter social do seu traballo só se manifesta no mercado, onde o produtor comproba se a súa mercadoría é necesaria e, por tanto, se o seu traballo é necesario para a sociedade. Toda mercadoría, para obter un recoñecemento social, ten que ser mercada por outra mercadoría en determinada proporción: o diñeiro. Subxectivamente, os produtores de mercadorías ven esta materialización da relacións de produción como unha facultade, misteriosa e independente deles propios, que posúe unha cousa para se cambiar por outra en determinadas proporcións cuantitativas. Así, os produtos que crea o home co seu traballo aparecen como seres independentes dotados de vida propia, que se encontran en determinadas relacións cos homes e entre si, cando o que proxectan na realidade é a relación entre o traballo social e os produtores. Este fetichismo da mercadoría acada a súa máis completa materialización no fetichismo do diñeiro, do ouro. Parece que non é a produción mercantil nin as relacións de produción as que conduciron a que o ouro se converta en diñeiro, senón que o ouro é diñeiro por unha lei natural.


5. CONSIDERACIÓNS FINAIS: VALOR, PREZO E PLUSVALÍA.

Marx partiu na súa análise da teoría do valor elaborada por Adam Smith e David Ricardo, mais o centro da súa atención foi o mecanismo de explotación do traballo asalariado. No proceso de produción, os empresario expropian unha parte do valor creado polos traballadores durante a xornada laboral. Esta plusvalía defínese como o valor creado polo obreiro por riba do valor da súa forza de traballo, do cal se apropia gratuitamente o capitalista. Ao descubrir a esencia da categoría económica da mercadoría forza de traballo, Marx puxo ao descuberto a fonte de formación da plusvalía, agochada detrás de veo das relacións mercantís.

Ao organizar a produción, o empresario inviste determinada cantidade de diñeiro na adquisición de medios de produción e forza de traballo. A peculiaridade da mercadoría forza de traballo é que no proceso de produción é capaz de crear un novo valor superior ao seu propio valor como forza de traballo. Na empresa capitalista, a xornada de traballo desdóbrase en dúas partes: tempo de traballo necesario e tempo de traballo adicional. O traballo do obreiro asalariado divídese no traballo necesario e plustraballo. Durante o tempo de traballo necesario, o obreiro reproduce o valor da súa forza de traballo; e durante o tempo de plustraballo crea a plusvalía.

O grao de explotación do traballador encontra a súa expresión na cota de plusvalía (p'=P/V) que reflicte a proporción entre plusvalía e capital variábel en tantos por cento. A cota de plusvalía indica en que proporción se divide o traballo empregado en traballo necesario e plustraballo ou, noutras palabras, que parte da xornada de traballo dedica o proletariado a repoñer o valor da súa forza de traballo e que parte traballa de balde para o capitalista.(3)

A diferenza das anteriores formas de explotación -escravista e feudal-, a explotación capitalista aparece disfrazada. A transacción mediante a cal o obreiro asalariado vende a súa forza de traballo ao capitalista é, a primeira vista, un contrato entre persoas xuridicamente iguais. Porén, a operación de compravenda de forza de traballo non é máis que a forma externa que agocha a apropiación polo empresario do traballo non retribuído do obreiro. No capitalismo, a explotación non é visíbel porque se xera no mesmo proceso de produción, sen necesidade directa de coacción extraeconómica, como acontecía nos anteriores modos de produción. A plusvalía creada polos traballadores é a fonte xeral da que manan os ingresos dos diferentes grupos da burguesía: industriais, comerciantes, banqueiros e terratenentes.

A partir deste elemento central -plusvalía obtida na explotación do traballo asalariado- Marx desenvolveu unha teoría da formación dos prezos que difería dos pensadores clásicos. Sobre a base de que a suma dos prezos non pode ser superior nin inferior á suma dos valores, a diferenza entre prezo de produción e valor depende da taxa media de ganancia. Esta discordancia de prezos e valores non anula a teoría marxista do valor debido a tres circunstancias:

1)Aínda que algúns empresario venden as súas mercadorías por baixo do seu valor e outros por riba, todos os capitalistas en conxunto, realizan a masa global do valor das súas mercadorías. A escala da sociedade, a suma de prezos de produción equivale á suma dos valores de todas as mercadorías.
2)Sumadas as ganancias de toda a clase capitalista, dan un total equivalente ao conxunto de plusvalía producida por todo o traballo non retribuído do proletariado.
3)Ao baixaren os valores das mercadorías baixan os prezos de produción e, ás avesas, a suba dos primeiros determina a dos segundos.

Malia seren moitos os economistas que impugnaron a teoría marxista do valor, as análises de Marx non puideron ser desmontadas dunha forma científica. Insistir en cálculos alxebristas para demostrar que Marx se equivocou nalgunhas apreciacións, non invalida o marxismo como teoría que explica de forma global a explotación, a formación dos prezos e a dinámica do capitalismo. Se as teorías requiren sempre unha comprobación empírica para contrastar a súa validez, as periódicas crises do capitalismo corroborarían que o marxismo no é unha reliquia histórica, senón un instrumento de análise plenamente vixente.


NOTAS.

1. Marx publicou o Tomo I de
O Capital en 1867. Nos anos seguintes traballou en numerosos manuscritos cos que Engels preparou os tomos II e III, que foron editados após a morte de Marx. O proceso de elaboración desta obra foi extremadamente complexo, con sucesivas variantes e borradores: “Fundamentos da Crítica da Economía Política”, “Teorías da Plusvalía” e “Contribución á Crítica da Economía Política”. Para o presente artigo empregamos a edición de O Capital publicada en Bos Aires pola editorial Cartago en 1974.

2. Marx e Engels elaboraron a concepción materialista da Historia. O materialismo histórico afirma que a forma en que os homes organizan a súa produción material constitúe a base de toda a organización social. Esta base económica determina en última instancia as outras actividades sociais, como o dereito, as formas políticas, a moral, a relixión, etc. Estas actividades, denominadas SUPERESTRUTURA, permanecen dun modo ou outro determinadas en última instancia pola base económica ou INFRAESTRUTURA.

Nun determinado estado do desenvolvemento material da sociedade aparecen as clases sociais, ligadas á propiedade privada e á división do traballo. A partir deste momento, a loita de clases constitúe o elemento fundamental das transformacións sociais.

3. Marx distingue dúas formas de plusvalía: absoluta e relativa.
A plusvalía absoluta obtense mediante a prolongación da xornada de traballo e predominou nas primeiras etapas do desenvolvemento do capitalismo.

A plusvalía relativa obtense como consecuencia da redución do tempo de traballo necesario para reproducir o valor da forza de traballo.
1 Comments:
  • At 10/25/2010 01:09:00 da manhã, Anonymous Pedro M said…

    Magnífico e moi didáctico artigo de Carlos Hermida. Obrigado a Estoutras por traducilo á nosa língua.

     

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com