29/10/07 Os militantes do Movemento pola Base (MpB) culminaron onte en Teo o proceso de constitución como organización política no interior do BNG. A Mesa Nacional da organización está composta por: Paulo Paio Rubido, Rafael Peña, Marcos Botana, Xavier Álvarez Carriba, Pilar Rodríguez, César Caramés, Miguel Anxo Abraira, Manuel Mera, Antolín Alcántara, Uxío Breogán Diéguez e Inacio Luxilde. A este grupo sumaranse outros doce vocais en representación das comarcas.
O novo colectivo defínese como "unha organización da Clase Traballadora que asume como principios e obxectivos os intereses estratéxicos da Clase Obreira Galega", encádrase na loita pola plena soberanía nacional de Galiza e “pola superación do capitalismo através da construción do poder popular no camiño da sociedade socialista”, ratificando a firme aposta pola superación das vellas formas de participación política "que favorecen a unha auto-intitulada clase política, en favor da independencia nacional e a transformación e xustiza social".
O MpB plantéxase como obxectivo mudar a liña política adoptada nos últimos anos polo BNG e “rematar coa deriva liquidacionista que a quer homologar a calquer outra forza política do sistema e renunciar aos seus principios transformadores e de superación do actual marco político-xurídico”. De igual xeito "farase unha aposta firme por ultrapasar o sectarismo actual e recuperarmos o sentido do movemento e familia nacionalista, onde diferentes organizacións traballan por un obxectivo que, con todos os matices que cumpran, é compatíbel nas loitas diarias da etapa actual". Etiquetas: GZ |
Enviar um comentário
Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.