
Xaneiro 2008 Traducido ao galego por ENP
Homenaxe a Philip B. Agee, o autor do libro Inside the Company: CIA Diary, falecido na Habana o pasado luns 7 de xaneiro do 2008, cando tiña 72 anos. Sentimos a súa perda.
Este vello funcionario da CIA, que participara durante 12 anos en operacións organizadas pola axencia de espionaxe dos Estados Unidos en distintos países latinoamericanos, dimitira en 1968, pouco tempo despois da masacre de Tlatelolco (México), por mor do seu crecente desacordo coas actividades clandestinas que desenvolvía a axencia.
Máis tarde, en 1975, Philip Agee adquire fama mundial como resultado da publicación do seu libro Inside the Company: CIA Diary, onde revelou polo miúdo "actividades terroristas, de desestabilización e subversión realizadas polo goberno dos Estados Unidos contra os gobernos progresistas e revolucionarios de América Latina e o Caribe", lembra o diario cubano Granma.
Após a publicación do seu libro, onde se describe como a CIA e o goberno dos Estados Unidos actuaran contra gobernos elixidos democraticamente en Uruguai, Arxentina e Chile, Philip Agee vese na obriga de abandonar o seu país, instalándose en Europa. É expulsado sucesivamente de Inglaterra, Países Baixos, Francia, Italia e Alemaña occidental. Confiscado o seu pasaporte estadounidense, obtén un novo da illa de Granada, até a invasión militar estadounidense. Despois consigue un pasaporte de Nicaragua, que dura até a derrota sandinista.
Agee revelou os nomes de máis de 250 oficiais da CIA, incluídos os principais dirixentes da axencia. George Bush pai, en 1982, adoptou a Intelligence Identities Protection Act, que tipificaba como delito este tipo de publicacións. Unha lei que só foi aplicada en dúas ocasións: contra Philip Age e, máis recentemente, no caso Palme (1).
Malia a persecución que padeceu o autor e o seu libro por parte das autoridades estadounidenses, Inside the Company: CIA Diary foi publicado en 27 idiomas e aínda é un libro de referencia para o estudo dos patróns de inxerencia que as administracións dos Estados Unidos empregaron non só contra os movementos populares e revolucionarios senón tamén contra diversos gobernos democráticos do mundo e en particular de América Latina. Despois do Watergate, o libro constituíu a base dos traballos da comisión de investigación do Senado dos Estados Unidos, presidida por Frank Church, que comportou unha ampla reforma dos servizos de intelixencia estadounidenses e da lexislación relacionada.
Entre 1978 e 1979, Philip Agee dedicouse a denunciar a inxerencia dos estadounidenses en todo o mundo, especialmente coa publicación da revista Covert Action Information Bulletin e de dous libros máis: Dirty Work: The CIA in Western Europe e Dirty Work 2: the CIA in Africa.
Desde 1980, Philip Agee residía na Habana, onde, nun esforzo por rachar o bloqueo económico e comercial que os Estados Unidos impoñen a Cuba desde hai case 50 anos, creara a Axencia de Viaxes Cubalinda para facilitar a entrada de estadounidenses na illa.
Réseau Voltaire, Axis for Peace, a Axencia Cubana de Información e todos os seus amigos queremos render homenaxe a este excepcional militante da liberdade.
1. NdT. Valerie Plane é unha ex axente da CIA que, malia os intentos por impedilo da axencia, publicou as súas vivencias como funcionaria da CIA. No 2002, Plane foi enviada polo goberno dos Estados Unidos a Nixeria para investigar se eran certos os informes que afirmaban que o goberno iraquí de Sadam Hussein mercara uranio neste país. As investigacións de Plane sobre o terreo botaron por terra esta afirmación. Malia isto, o presidente Bush non tivo reparos en asegurar, durante o seu discurso sobre o Estado da Unión no 2003, que o goberno iraquí mercara uranio nun país africano.
Etiquetas: Cuba |
Enviar um comentário
Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.