Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

O candidato republicano, por Fidel Castro (4ª parte)
16/02/2008


Cando na anterior reflexión preguntei a McCain que pensaba dos Cinco Heroes antiterroristas cubanos, fíxeno porque tiña presente o que publicou na páxina 206 do libro Faith of My Fathers elaborado por el e o seu asistente Mark Salter:

"A soidade é algo horríbel. Comprime o teu espírito e enfraquece a túa resistencia máis eficazmente que calquera outra forma de maltrato. Como non tes ninguén máis en quen confiar, con quen compartir confidencias, a quen pedir consello, comezas a dubidar sobre as túas conviccións e a túa coraxe. Mais, finalmente, te acostumas á soidade como a calquera dificultade, deseñando varios métodos para manter os teus problemas afastados da mente e aproveitar desmedidamente calquera oportunidade para ter contacto humano.

"Cando en 1970 o meu período de confinamento en solitario finalmente terminou, fun inundado polo desexo irrefreábel de falar sen parar... "


Se é un tema que a vostede lle interesa, en Estados Unidos hai cinco prisioneiros cubanos hoxe, afastados un do outro por milleiros de quilómetros. Non contan con zona algunha á que puidesen chamar ironicamente "Hanoi Hilton". Os seus sufrimentos e a inxustiza da que son vítimas serán coñecidos polo mundo, non teña a menor dúbida. Decidín reiterar o tema lembrando que, nalgunha das súas moitas declaracións, vostede trataba de situar o lugar convertido en prisión dos pilotos dos bombardeiros derrubados cando atacaban Vietnam.

A min aloxáronme na antiga residencia do Gobernador francés para toda Indochina cando visitei Vietnam en 1973, país ao que cheguei o 12 de setembro, despois do acordo entre Estados Unidos e Vietnam, ao que vostede alude. Alí visitoume Pham Van Dong, entón Primeiro Ministro, que choraba ao recordar os sacrificios humanos e materiais impostos ao seu país; de alí fun visitar o Sur -aínda non totalmente liberado- até a Liña McNamara, onde os fortíns de aceiro foran tomados polos combatentes vietnamitas, a pesar dos bombardeos e os incesantes ataques aéreos dos Estados Unidos.

As pontes, sen excepción, ao longo do traxecto, visíbeis desde o aire entre Hanoi e o Sur, estaban efectivamente destruídas; as aldeas, arrasadas, e todos os días as bombas estalaban nos campos de arroz onde nenos, mulleres e até anciáns de avanzada idade traballaban producindo alimentos.

Un grande número de cráteres observábanse en cada unha das entradas das pontes. Non existían entón as bombas guiadas por láser, moito máis precisas. Tiven que insistir para facer aquel traxecto. Os vietnamitas temían que fose vítima dalgunha aventura ianqui se coñecían da miña presenza naquela zona. Pham Van Dong acompañoume todo o tempo.

Sobrevoamos a provincia de Nghe-An, onde naceu Ho Chi Minh. Nesa provincia e a de Ha Tinh morreron de fame en 1945, o último ano da Segunda Guerra Mundial, dous millóns de vietnamitas. Aterramos en Dong Hoi. Na provincia onde radica esa cidade destruída lanzáronse un millón de bombas. Cruzamos en balsa o Nhat Lle. Visitamos un posto de asistencia aos feridos en Quang Tri. Vimos numerosos tanques M 48 capturados. Percorremos camiños de madeira na que un día foi a Rota Nacional esnaquizada polas bombas. Reunímonos con novos soldados vietnamitas que se encheron de gloria na batalla de Quang Tri. Serenos, resoltos, curtidos polo sol e a guerra, un lixeiro tic reflexo na pálpebra do capitán do batallón. Non se sabe como puideron resistir tantas bombas. Eran dignos de admiración. Esa mesma tarde do 15 de setembro, regresando por unha rota diferente, recollemos tres nenos feridos, dous deles moi graves; unha nena de 14 anos estaba en estado de conmoción cun fragmento de metal no abdome. Os nenos traballaban a terra cando o sacho fixo contacto casual coa granada. Os médicos cubanos acompañantes da delegación déronlles atención directa durante horas e salváronlles a vida. fun testemuña, señor McCain, das proezas dos bombardeos a Viet Nam do Norte, dos cales vostede se sinte tan fachendoso.

Por aqueles días de setembro, Allende fora derrocado; o Palacio de Goberno foi atacado e moitos chilenos torturados e asasinados. O golpe foi promovido e organizado desde Wáshington.

Desgraciadamente todo aquilo sucedeu.

O problema fundamental neste momento é saber se o candidato republicano McCain é consciente da crise económica que, a curto prazo ou de inmediato, atravesará Estados Unidos. Só dese punto de vista será posíbel avaliar a calquera candidato con posibilidades de ascender á xefatura dese poderoso país.

A Axencia Internacional de Noticias IAR publicou hai dous días, o 12 de febreiro, un artigo asinado por Manuel Freytas, xornalista, investigador e analista, titulado "Porque unha recesión nos Estados Unidos se pode converter nunha crise global."

Non precisa moitos testemuños para argumentalo.

"No actual prognóstico sombrío da economía estadounidense –escribe- coinciden institucións chaves do actual sistema económico-financeiro como a Reserva Federal e o Tesouro dos Estados Unidos, o Banco Mundial, o FMI, o G-7 (os sete países máis ricos) e os bancos centrais de Europa e Asia, que ven na confluencia crise hipotecaria -derrube do dólar- escalada dos prezos do petróleo, un potencial detonante dun proceso recesivo do capitalismo a escala mundial.

"O temor a unha recesión en Estados Unidos e o seu impacto na economía mundial... causa un impacto negativo na confianza da elite económica e política do sistema.

"O xefe da Reserva Federal de Estados Unidos, Ben Bernanke, dixo que o seu país pode caer nun proceso recesivo e que enfronta o dobre reto dun mercado inmobiliario en crise, e ao mesmo tempo a necesidade de coidar que a inflación non aumente polos altos prezos do petróleo e dos alimentos.

"A Organización das Nacións Unidas advertiu en xaneiro que existe un risco elevado de caer nunha recesión económica global...”

"Os líderes das máis ricas e poderosas potencias do mundo acaban de advertir sobre unha recesión nos Estados Unidos con implicacións mundiais no Foro de Davos, realizado en xaneiro nos Alpes suízos, augurando sombríos prognósticos para este ano.

"Os ministros de Finanzas e os bancos centrais dos sete países máis ricos do mundo (G-7) estimaron o sábado pasado que as súas economías ían sufrir unha desaceleración a curto prazo, segundo o comunicado final dunha reunión en Tokyo..."

"Hai dous elementos chaves que explican por que unha crise recesiva nos Estados Unidos se proxectaría inmediatamente a toda a economía mundial, tanto nos países centrais como nos ‘emerxentes’ e nos ‘periféricos’.

"a) No actual modelo globalizado de economía mundial, Estados Unidos é o principal comprador e consumidor de produtos e recursos enerxéticos, e representa o 22,5 por cento da economía mundial, segundo os últimos cálculos do Banco Mundial.

"b) A economía mundial capitalista está ‘dolarizada’. O dólar é a moeda patrón de todas as transaccións comerciais e financeiras a escala global.

"Estes dous factores centrais explican por que calquera oscilación ou desequilibrio económico-financeiro que teñan os Estados Unidos como protagonista, causa impacto por todo o planeta.

"Unha crise recesiva en Estados Unidos...causaría impacto nas bolsas e nos mercados globalizados do diñeiro... completando o ciclo do derrube do actual modelo de economía capitalista a escala global.

"O derrube do modelo racharía o equilibrio da ‘gobernabilidade’ política e desataría unha vaga de conflitos sociais e sindicais que afectaría por igual tanto aos Estados Unidos e ás potencias centrais como aos países ‘emerxentes’."

Onte, 13 de febreiro, varios artigos de coñecidos xornalistas norteamericanos apuntaban na mesma dirección, aínda que a partir de diferentes puntos de apoio. Citarei só dous dos cales seleccionei parágrafos que reflicten a actualidade e importancia do seu contido, a través de conceptos absolutamente accesíbeis para os niveis educativos do noso pobo.

Baixo o título "O modelo estadounidense é unha idea á que lle chegou a súa hora", Amy Goodman, presentadora de Democracy Now, informativol internacional diario difundido por máis de 650 emisoras de radio e televisión nos Estados Unidos e o mundo, escribiu:

"Edward Kennedy, senador demócrata de Massachussetts, converteuno nun asunto persoal: ‘O submarino sería unha forma de tortura se llo fixesen a vostede? ‘Diría que si, respondeu Mukasey (Fiscal Xeral). Aínda que esquivou preguntas antes e despois da de Kennedy, a súa resposta á pregunta persoal soaba auténtica.

"O noso Fiscal Xeral non debería necesitar ser sometido ao submarino para saber que é unha forma de tortura.

"Suharto gobernou Indonesia durante máis de 30 anos, tras ser levado ao poder polo país máis poderoso do planeta, Estados Unidos.

"Durante todo o réxime de Suharto, as administracións estadounidenses -demócratas e republicanas- armaron, adestraron e financiaron ao Exército indonesio. Ademais do millón de indonesios asasinados, outros centos de milleiros de persoas foron tamén asasinadas durante a ocupación indonesia de Timor Oriental, un pequeno país 480 quilómetros ao norte de Australia.

"O 12 de novembro de 1991, mentres cubría unha marcha pacífica de timorenses en Dili, a capital de Timor, o Exército de ocupación de Suharto abriu fogo contra a multitude matando a 270 timorenses.

"Os soldados pateáronme coas súas botas e golpeáronme coas culatas dos seus rifles M-16, de fabricación estadounidense. Fracturaron o cranio ao meu compañeiro Allan Nairn, que por aquel entón escribía para a revista The New Yorker.

"A organización Transparencia Internacional calculou que a fortuna de Suharto situábase entre os 15 000 e os 35 000 millóns de dólares. O actual embaixador en Indonesia, Cameron Hume, eloxiou esta semana a memoria de Suharto, declarando: ‘O presidente Suharto estivo á fronte de Indonesia durante máis de 30 anos, un período durante o que Indonesia alcanzou un notable desenvolvemento económico e social.’

"Ben sexa o submarino, comezar unha guerra ilegal, ou reter a centos de prisioneiros sen cargos durante anos na baía de Guantánamo ou en cárceres secretos da CIA en todo o mundo, todo isto me trae á memoria as palabras de Mahatma Gandhi, un dos máis grandes líderes da non-violencia no mundo. ‘Que lles importa aos mortos, aos orfos e aos que perden os seus fogares’, preguntaba, ‘se a destrución sen sentido se leva a cabo no nome do totalitarismo ou no santo nome da liberdade ou a democracia?’

"Cando se lle preguntou que pensaba da civilización occidental, Gandhi respondeu: ‘Penso que sería unha boa idea.’"

O mesmo día, no Counter Punch, Robert Weissman escribiu outro artigo titulado "O vergoñoso estado da Unión", traducido para Rebelión por S. Seguín, onde entre outras cousas afirmou:

"Estados Unidos dedica máis de 700 000 millóns de dólares anuais a gastos militares. Destina 506.900 millóns de dólares ao Departamento de Defensa, ademais de 189.400 millóns de dólares a operacións militares en Iraq e Afganistán.

"O Congreso aprobou cerca de 700 000 millóns para as guerras de Afganistán e Iraq. Non inclúe os custos sociais: perdas de vidas, feridos, etcétera.

"Segundo algúns métodos de cálculo, máis da metade do gasto federal discrecional vai destinado xa a fins militares.

"A riqueza estase concentrando de xeito vertixinoso.

"En 1976, o 1 por cento máis rico da poboación recibía o 8,83 por cento do ingreso nacional; en 2005, esta porcentaxe era do 21,93 por cento.

"Na actual economía hiperfinanceira, son os gurús das finanzas os que se están facendo realmente ricos, malia as enormes perdas que está acumulando Wall Street.

"Nin sequera os bancos de investimento tradicionais poden pagar as escandalosas compensacións que reciben os xestores de fondos de capital privados, algúns dos cales conseguen máis de 1.000 millóns de dólares nun só ano. Grazas a unha estrataxema fiscal, estes individuos pagan uns impostos sobre os seus ingresos que equivalen a menos da metade do que debe pagar un dentista que ingrese 200.000 dólares ao ano.

"As grandes corporacións estanse facendo coa maior parte da riqueza nacional.

"A burbulla inmobiliaria e o colapso das hipotecas de alto risco están expulsando a millóns de familias dos seus fogares.

"O Centro para un Endebedamento Responsábel considera que 2,2 millóns de préstamos hipotecarios de alto risco concedidos durante os últimos anos terminaron xa en quebra ou acabarán en execución hipotecaria. As perdas derivadas da queda dos prezos da vivenda poden acadar os 2 millóns de millóns de dólares.

"A brecha de riqueza entre brancos e negros non ten visos de pecharse, e de feito está ensanchándose.

"Os cidadáns estadounidenses de orixe africana só alcanzarán a paridade cos seus compatriotas brancos dentro de 594 anos, segundo a asociación United for a Fair Economy. A catástrofe das hipotecas de alto risco estase cebando especialmente nas comunidades minoritarias e está provocando o que United for a Fair Economy estima como o maior empobrecemento da xente negra na moderna historia dos Estados Unidos.

"Máis dun de cada seis nenos vive na pobreza.

"Máis de 45 millóns de persoas non teñen seguro de enfermidade.

"O déficit comercial estadounidense acadou en 2006 a cifra de 763.600 millóns de dólares. Nalgún momento este déficit comercial deberá equilibrarse. A medida que o dólar segue perdendo o seu valor, é de agardar unha maior inflación e máis altos tipos de interese a medio prazo. O nivel de vida real, en termos económicos, descenderá.

"A eficiencia enerxética é hoxe peor que hai dúas décadas.

"A infraestrutura estase caendo. A Asociación de Enxeñeiros Civís estima que farán falta 1,5 millóns de millóns de dólares, ao longo dun período de cinco anos, para devolver as infraestruturas do país a un estado aceptábel.

"Esta situación é peor -nalgúns casos moito peor- que a comezos do goberno de George W. Bush, pero as súas raíces afúndense na política bipartidista levada a cabo durante os tres decenios pasados, favorábel á entrega de activos públicos ás empresas privadas (privatización), a globalización corporativa, ao carácter hiperfinanceiro da economía, a uns gastos militares escandalosamente altos, as reducións de impostos aos ricos e os recortes da rede de seguridade social."


Robert Weissman, autor do artigo, é redactor xefe do Multinational Monitor, de Wáshington, D.C., e director de Essential Action.

Para non abusar dos lectores, falta só a quinta parte.


Ler máis

Etiquetas:

0 Comments:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com