
O sábado 29 de marzo a Frente Popular Galega (FPG) celebrou a súa V Conferencia Nacional so o lema “Avanzando na alternativa”, na cidade de Vigo, onde se xuntou a militancia da formación.
O Comité Central convocou tal acto para darlle voz á base do partido en debate aberto sobre tres temas fundamentais: a organización da FPG, a política de alianzas e as eleccións autonómicas 2009.
A militancia, neste 20º aniversario da FPG, decidiu relanzar e socializar con diferentes proxectos a organización arredista, cunha dinámica nova e maior capacidade de actuación na sociedade. Deste xeito, a FPG dá inicio nestes días a unha campaña de denuncia do colonialismo enraigado, concretamente, nas empresas enerxéticas. Unha primeira fase da campaña, baixo o lema “Produción enerxética: Lucro colonial”, trata de responder ao ambicioso, lucrativo e indiscriminado proxecto de produción de enerxía eólica promovido pola Xunta de Galicia, alén doutros conflitos (Unión Fenosa, Iberdrola, Eurovento…) que se están a dar en toda a nación. Ao longo do ano, xuntaránselle outras iniciativas das que se irán dando conta.
Un dos debates máis fondos produciuse sobre as liñas da política de alianzas. A meirande parte das persoas presentes optou por potenciar os contactos coas diferentes organizacións de esquerdas que actúan en Galiza, mesmo con aquelas integradas no BNG. Con esta idea, a FPG promoverá a reformulación do nacionalismo de esquerdas coa idea posta no futuro do proxecto autodeterminista de Galiza e de emancipación social das clases traballadoras.
Nesta liña, tamén se sitúan as eleccións autonómicas do ano vindeiro. Os organismos de dirección da FPG examinarán de inmediato o perfil e as posibilidades dunha candidatura ampla da esquerda nacionalista.
Comité Executivo da FPG, na Terra, a 31 de marzo de 2008. Etiquetas: GZ |