Rotundo e sorprendente documento elaborado polo Comité Central do Partido Comunista de Grecia (KKE) para o seu debate no 18 Congreso que tivo lugar a finais de febreiro deste ano na capital helénica. É esperanzador para o movemento comunista mundial, para a loita da clase obreira contra o capitalismo, que o Partido Comunista máis grande de Europa adopte unha posición, cando menos do punto de vista teórico, tan decididamente antirrevisionista. Dividido en catro apartados (a contribución do sistema socialista, o Socialismo como primeira e inferior etapa do Comunismo, o Socialismo na URSS e a causas da vitoria da contrarrevolución e, por último, a necesidade do Socialismo), o presente documento, traducido na súa totalidade á nosa lingua por Estoutras, representa, por riba de calquera outra consideración, unha forte e sincera autocrítica que o KKE fai sobre as posicións defendidas no pasado.
Certo é que xa hai uns anos se apuntaron algúns dos erros, especialmente na Conferencia Nacional de 1995, onde se recoñece o enorme erro de ter aceptado acriticamente a Perestroika, presentándoa como unha reforma política que beneficiaría ao Socialismo. Mais é neste 18º Congreso, onde esta autocrítica adquire unha maior profundidade de análise. Recoñece o KKE que estas posicións superadas respondían ao fortalecemento do oportunismo nas fileiras do Partido e tamén a falla de atención á necesidade da aprendizaxe teórica. Algo que conduciu a un seguidismo cego das posicións teóricas e ideolóxicos dun PCUS que xa non era unha organización revolucionaria.
Na súa análise da URSS, o KKE únese á corrente consecuentemente marxista-leninista que sitúa o comezo da marcha atrás cara ao capitalismo no XX Congreso do PCUS (1956) e que ten a meta na Perestroika:
«O XX Congreso do PCUS (1956) destaca como punto de inflexión, xa que foi neste congreso onde se aprobaron unha serie de posicións oportunistas en materia económica, sobre a estratexia do movemento comunista e sobre as relacións internacionais. A loita que se estaba a dar antes do congreso continuou, e o resultado foi a consolidación das posicións revisionistas e oportunistas, o que provocou que o Partido encetara unha gradual perda das súas características revolucionarias. Na década dos 80, coa Perestroika, o oportunismo estaba totalmente desenvolvido dentro dunha forza contrarrevolucionaria e traidora.»Malia tamén ter en conta os factores externos, como foron as agresións imperialistas ou a destrución humana e material da Segunda Guerra Mundial, vemos como o KKE subliña os factores internos como causantes da vitoria contrarrevolucionaria. É desde o XX Congreso cando se pon en práctica un novo rumbo no ámbito económico e político. Facemos notar que as portas do XX Congreso se desenvolvía na URSS un forte combate entre dúas posicións antagónicas, a posición oportunistas dos defensores do mercado, con Liebermann como un dos seus principais referentes, fronte a posición marxista-leninista, liderada por Stalin, de defensa da planificación central e a produción social e do “combate socialista contra o capitalismo”. Neste contexto, e após a morte de Stalin, o XX Congreso representa a posta en escena dunha grande farsa. O “discurso secreto” de Khrushchev permite aos revisionistas distraer a atención para poñer en práctica este novo rumbo económico e político.
No ámbito económico prodúcese unha paulatina debilitación da planificación central e da produción social, o cese da socialización da agricultura ou a ampliación das relacións monetarias e dos intercambios comerciais:
«Gradualmente, no plano teórico, prevaleceron as teorías da “produción socialista de mercadorías” ou “socialismo de mercado”, a aceptación da lei do valor como unha lei do modo de produción comunista que funciona incluso na fase do desenvolvemento da construción socialista. Estas teorías constituíron a base para a formulación das políticas económicas.» No terreo político, características intrínsecas ao socialismo foron decaendo: centralismo democrático, competencias dos soviets locais, ditadura do proletariado... Dando paso a conceptos revisionistas como a posibilidade da transición ao socialismo a través da batalla parlamentar.
A tese vai relatando este descenso progresivo cara ao capitalismo citando algúns exemplos das posicións adoptadas nos sucesivos congresos.
Como dato negativo, non nos gusta que non haxa nin unha soa referencia aos comunistas consecuentes, aos fieis seguidores das ensinanzas de Marx e Engels, que foron reprimidos polo KKE, cando o Partido pasa a ser un monicreque dos khrushchevistas, após o trunfo destes na dirección do PCUS. Botamos en falta unha homenaxe ao que fora Secretario Xeral do KKE nos anos cincuenta, Nikos Zachariadis, un auténtico combatente contra o revisionismo.
Traducimos este texto, non porque nos aliñemos ou nos deixemos de aliñar co KKE fronte a outras opcións comunistas daquel país, senón porque o coidamos, en termos xerais, acertado; porque pensamos que é moi importante nesta época de rabioso anticomunismo; porque o vemos como un estupendo documento de debate (xa o está sendo nalgúns partidos comunistas) para a reconstrución dun forte e unido Movemento Comunista Internacional; porque o consideramos unha acaída ferramenta para a formación dos novos cadros comunistas do noso país; e porque representa un punto de inflexión no partido comunista máis forte de Europa e o seu achegamento ás posicións do verdadeiro marxismo-leninismo. Fica por ver se este achegamento é tan só teórico ou son quen de xunguir esta teoría revolucionaria cunha práctica ao mesmo nivel. Sen dúbida moitos de vostedes están pensando nos recentes acontecementos de Grecia e o papel que xogou o KKE. Precisamente, neste mesmo Congreso, formando parte doutra tese a debate,
o KKE expón con amplitude a súa posición sobre estes feitos (a partir de
«The second incident...»). De todos xeitos, calquera que sexa a opinión sobre o comportamento do KKE, desde a nosa perspectiva, esta non debe influír no feito de estarmos ante unha certeira análise sobre o Socialismo e as causas da súa derrota na URSS.