Comité Central do Partido Comunista Obreiro Húngaro Budapest, 25 de abril de 2009
O Comité Central do Partido Comunista Obreiro Húngaro decidiu, na súa sesión do 25 de abril, abandonar o Partido da Esquerda Europea desde o 1 de maio de 2009, de acordo cos estatutos do PIE (artigo 6).
O Partido Comunista Obreiro Húngaro é un dos fundadores da Esquerda Europea. O noso partido xa tiña desde o comezo algunhas reservas verbo da liña xeral do PIE.
Non estamos de acordo coa análise sobre o pasado dos países socialistas europeos, incluíndo Hungría, que fai o PIE. Estamos convencidos de que os países socialistas acadaron grandes resultados durante as décadas de socialismo nas esferas política, económica e social. Este período é un dos de máis éxito da historia nacional dos antigos países socialistas. Non negamos que houbese erros, fallos, mais nunca permitiremos que se caracterice eses anos como puro “Stalinismo” e sempre nos oporemos a toda tentativa de rexeitar esa época.
Non estamos de acordo coa filosofía xeral do PIE que excluía do mesmo a un bo número de partidos fortes e convertía o PIE nun partido da Unión Europea.
Non estamos de acordo coa política práctica do PIE que se concentra case en exclusiva nos problemas dos países europeos occidentais, nos asuntos da Unión Europea, e non atende aos auténticos problemas dos países de Europa central e oriental.
Opoñémonos á liña política do PIE de convidar a participar no PIE a partidos que non teñen nada a ver coas ideas comunistas e nalgúns casos son inimigos do comunismo.
Opoñémonos á práctica de que a liña política do PIE se decida basicamente por partidos que teñen representación no Parlamento Europeo.
Non acreditamos na nova liña política da Esquerda Europea expresada nas resolucións do Segundo Congreso do PIE de novembro de 2007. O noso partido foi o único partido que non votou a prol dos documentos do congreso. Estamos certos de que non precisamos dunha “nova cultura política”, senón dunha moi consecuente loita contra o capitalismo, polos dereitos das masas obreiras. Non só hai que criticar o capitalismo, senón organizar a loita obreira diaria.
Queremos acabar co capitalismo; a Esquerda Europea quere melloralo. Nós temos a nosa base no marxismo-leninismo, a teoría e a práctica da loita de clases, os principios do internacionalismo proletario. A Esquerda Europea, por desgraza, baséase no reformismo. A Esquerda Europea loita contra o capitalismo só verbalmente, mais na práctica axuda a fortalecer a imaxe “democrática” da Unión Europea, do Parlamento Europeo e do sistema capitalista en xeral.
Tentamos influír e trocar estes procesos, mais temos que recoñecer que é imposíbel. A liña política da maioría dos partidos membros do PIE, e do propio PIE, van nunha dirección que viola os intereses básicos da clase obreira, do movemento comunista internacional.
Consideramos a posición doutros partidos comunistas. Estamos de acordo en que a Esquerda Europea xoga un papel negativo no movemento da esquerda internacional. Queremos axudar a outros partidos coa nosa decisión de abandonar o PIE: Queremos deixar claro a todo o mundo o que é realmente o PIE.
Coidamos que o revisionismo e o oportunismo son agora os maiores perigos que ameazan ao movemento comunista. É malo que sexamos pobres, e é malo que non teñamos diñeiro, pero perderémolo todo se abandonamos a nosa clara convicción ideolóxica, se abandonamos o marxismo-leninismo.
Seguiremos participando nos encontros internacionais dos partidos comunistas e obreiros, e faremos todo o que poidamos por fortalecer o pólo comunista do movemento, en base aos principios do internacionalismo proletario. Fortaleceremos as nosas relacións bilaterais cos partidos comunistas. Continuaremos a nosa loita contra o capitalismo sobre a base do marxismo-leninismo.
A nosa decisión tamén se basea na realidade de Hungría. A situación en Hungría está mudando. O pobo xa viviu 20 anos de capitalismo e acumulou moitas experiencias concretas. Após 20 anos de capitalismo a maioría deles entenden o que significan o capitalismo, a explotación, o paro e a inxustiza social. Por outra parte, aprecian que é o Partido Comunista Obreiro Húngaro quen sempre estivo ao seu lado e loitando polos seus intereses. Ese é o noso capital moral e político, que podemos empregar en vindeiras batallas. O goberno húngaro tenta resolver a crise actual a costa das masas traballadoras. Os salarios e as pensións conxeláronse, o gasto público minguou. Esta política, no canto de mellorar a situación das masas traballadoras, creará novas dificultades. O pobo está agardando de nós, dos comunistas, posicións claras e loita consecuente. Iso é o que faremos. |
Não se fala em momento algum do combater ao revisionismo sovíetico travado pelo Presidente Mao Tsétung, não se falava em Guerra Popular Prolongada e muito menos no maoísmo como nova e superior etapa do marxismo-leninismo.Basta uma questão de tempo para todos entenderem que o novo partido que surgiu da cisão da Izquerda Europeia, nada mais é que mais um grupos oportunista.