No curso da historia, foron varios as tentativas de edulcorar a teoría revolucionaria do Proletariado. Acontece ás veces que determinados aliados do proletariado “contaxian” o seu espírito vacilante ás organizacións políticas creadas para a loita. Isto sucede coas capas medias, como por exemplo a pequena burguesía, das que se nutre a miúdo a revolución. Outras veces son capas do propio proletariado as que xeran este tipo de ideoloxías contrarrevolucionarias, como por exemplo a aristocracia obreira. Nos dous casos, persoas que posúen un nivel de vida relativamente alto, trasladan nas súas múltiplas variantes o oportunismo ás fileiras da clase obreira na forma de ideoloxías conciliadores que tentan substituír á Revolución.
En resume, ideoloxías como as que se tratan neste libro en absoluto son algo descoñecido para a Revolución. Basicamente, o que defenden é a validez unicamente das formas de loita pacíficas. Á súa vez, a utilización das estruturas do poder burgués, como son os parlamentos, tórnase en paradigma de loita. A conquista do poder mediante a Revolución fica apartada a favor da conquista do poder parlamentar mediante as eleccións. Impídese deste xeito a organización das masas revolucionarias, illándoas de calquera experiencia práctica ou formación teórica mediante a cal tomar consciencia das necesidade reais de cada momento. Desvincúlase a actividade política puntual do proceso revolucionario, converténdose de facto en verdadeiros colchóns que desactivan a loita anticapitalista a prol de reformas.
Unha das características destes fenómenos é que estas teorías reformistas se vistan con roupaxes socialistas. Revolucionarios en aparencia, véndense como novas interpretacións da teoría marxista. Un claro exemplo desta cuestión é Karl Kautsky, que definíndose marxistas, votou a prol dos créditos de guerra na Alemaña, xustificando a guerra imperialista co argumento de que se trataba dunha guerra contra o tsarismo reaccionario.
Os Kautskys de hoxe, con novos argumentos anovados, superando outra vez o marxismo, teorizaron o socialismo do século XXI. Curiosamente, malia ser unha teoría definitiva, aínda está por teorizar, como recoñecen os seus defensores. Máis unha vez, unha casca, con forma socialista mais baleiro de contido, tenta introducirse entre as masas izando a bandeira do cambio histórico.
No mundo actual estase a desenvolver unha loita entre a ideoloxía do proletariado, que asumindo os erros cometidos no pasado fortaleceu a filosofía do marxismo e está disposta a pasar de novo á acción, e os novos reformistas que loitan por evitar o parto dunha nova onda revolucionaria. Este libro desenmascara a verdadeira esencia destes novos oportunistas, que pretenden un cambio radical sen alterar o capitalismo nin a propiedade privada.
O labor antiimperialista que están desenvolvendo os defensores desta ideoloxía, na que teñen como aliados a elementos revolucionarios, non poden facernos esquecer o deber que como marxistas temos coas masas oprimidas de superar o socialismo do século XXI cara ao horizonte do Socialismo.
Comentario eliminado. Nesta páxina existe a censura. Non hai lugar para a propaganda capitalista en calquera das súas roupaxes. O fascismo é unha delas.