Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

18º Seminario Comunista Internacional (1): Crise
30/06/2009
18º Seminario Comunista Internacional
Bruxelas, 15-17 de Maio de 2009


www.icsbrussels.org , ics@icsbrussels.org



Declaración sobre a crise

En maio de 2002, a declaración final do Seminario Comunista Internacional concluía dicindo: «Cúmprense todas as condicións para que estoure unha crise que será peor e aínda máis destrutiva que a de 1929.»

I. A crise do sistema capitalista amosa a necesidade do socialismo

1. O sistema capitalista enfróntase á crise máis grave desde a depresión de 1929. Non se trata dunha recesión pasaxeira e conxuntural senón dunha crise xeneralizada do sistema capitalista. Esta crise será duradeira e profunda e aínda estamos no seu comezo.

2. O carácter estrutural e sistemático desta crise amosa os límites históricos do sistema capitalista, a súa natureza caótica e destrutiva. Isto remítenos directamente ás teses fundamentais desenvolvidas por Marx, Engels e Lenin sobre o carácter inevitábel da crise baixo o socialismo. A causa desta reside na propiedade privada dos medios de produción e a contradición co carácter cada vez máis social da produción. Isto desemboca na evolución anárquica da produción e o desenvolvemento das crises capitalistas.

3. Esta crise cambiará inevitabelmente a cara do mundo. A correlación de forzas entre as grandes potencias transformarase. As contradicións de clase intensificaranse. Os traballadores e os pobos xa están pagando o custe da crise a través dunha nova serie de medidas que benefician aos monopolios, co medre do desemprego e unha explotación intensificada, con novos impostos e medidas de austeridade nos sectores sociais. Todos os que se gañan o pan grazas ao traballo atoparán máis inseguridade, máis fame e pobreza.

4. Os traballadores e os pobos do mundo teñen diante a tarefa de loitar por cambios profundos na estrutura económica e social, coa perspectiva do derrocamento revolucionario do capitalismo e a construción do socialismo. É a única resposta eficaz á crise do sistema, a única vía para evitar que o capital se recupere sobre a mesma base despois de “curar” o mercado, de maneira que poida comezar outra vez un novo período de desenvolvemento capitalista e beneficios copiosos.

5. Os gobernos dos países capitalistas manteñen conscientemente a falsa percepción de que a crise actual atopa a súa orixe na esfera financeira, porque temen que o propio sistema económico sexa posto en dúbida. Segundo eles, abondaría cunha regulación máis estrita dos actores e operacións financeiras para encomezar de novo. A caída vertixinosa da produción sería só unha consecuencia dos problemas do mundo financeiro que se podería resolver coa restauración da confianza dos consumidores e os inversores.

6. É certo que a esfera financeira adquiriu unha posición cada vez máis dominante no estoupido da crise económica a principios dos anos 70. Abonda constatar que, entre 1980 e 2007, o produto mundial multiplicouse por 5 e que as reservas financeiras multiplicáronse por 14. Formouse así unha brecha crecente entre a esfera produtiva e a esfera financeira, inflada esta última por un xigantesco medre dos produtos especulativos. Mais o estoupido desta burbulla financeira, que se orientou cada vez máis avidamente cara aos novos produtos de alto risco, deixou ao descuberto unha reforzada crise estrutural subxacente de sobreprodución.

7. A comezos dos anos 70, o mundo capitalista enfrontouse de novo a unha crise de sobreprodución, que se expresou, tamén, na cuadriplicación do prezo do petróleo en 1973. Acabou o período de crecemento relativamente forte e estábel, debido principalmente á reconstrución posterior á guerra. A sobreprodución acumulábase, o capitalismo encaraba unha crise mundial de sobreprodución.

8. Como cada empresa ou grupo capitalista ten como única preocupación o facerse co mercado dos demais, é empurrado a explotar en maior medida aos traballadores, a producir máis rápido e no menor custe. Dáse unha contradición crecente entre o desenvolvemento da capacidade de produción por un lado, e a baixa relativa do poder adquisitivo das masas polo outro. Esta contradición reprodúcese inevitabelmente baixo as relacións de produción capitalistas, onde unha pequena minoría posúe os medios de produción, enriquecéndose pola explotación a forza de traballo da grande maioría. Engels caracterizou da seguinte maneira a crise de sobreprodución: «Aos obreiros fáltanlle os medios de subsistencia porque produciron demasiados medios de subsistencia».

9. O mesmo mecanismo que leva á crise de sobreprodución leva igualmente a unha caída da taxa de ganancia. A frenesí dos investimentos aumenta a composición orgánica do capital e diminúa a taxa de ganancia global. Como dixo Marx, «a verdadeira barreira da produción capitalista é o propio capital». Esa taxa de ganancia cae aínda máis cando a crise da sobreprodución estoupa. A crise de principios dos anos 70 transformouse nunha crise estrutural de grande duración, cunha taxa de crecemento media máis lenta, e cun aumento espectacular e prolongado do desemprego en todos os países capitalistas. Para contraatacar a caída das taxas de ganancias, o imperialismo estadounidense virou cara a unha política neoliberal agresiva e unha intensificación da militarización da economía.

10. A partir dos anos 79-81, os imperialistas lanzaron unha ofensiva antisindical co gallo de restruturar as necesidades do capital e despexar o camiño para facilitar unha explotación máis intensa, un enriquecemento da clase burguesa, a destrución das conquistas sociais cedidas en décadas anteriores polos imperialistas debido por mor da presión dos países socialistas. Esta ofensiva tomou un maior peso cando a contrarrevolución fixo caer definitivamente ao socialismo na Unión Soviética e nos países da Europa do Leste. O capitalismo triunfante declarou “a fin da historia” e o principio da era TINA (“there is no alternative”). Esta era é parte do pasado xa, pois a crise actual amosa como as “solucións” neoliberais debilitaron aínda máis o conxunto do sistema, levándoo ao borde do colapso.

11. O capitalismo mundial tivo éxito en procurarse novos mercados, pola privatización de sectores públicos e pola imposición do libre intercambio aos países en desenvolvemento e os países ex socialistas. “Globalizou” a economía, mais, sobre todo, os mercados financeiros. Tivo éxito en crear temporalmente unha demanda artificial grazas ao desenvolvemento do crédito e da especulación. A desregularización completa dos fluxos de capital, dos actores financeiros e dos produtos derivados creou unha montaña do que Marx chamaba “o capital ficticio”, sempre á procura de rendementos usureiros. Para o capital na busca de investimentos rendíbeis, iso significou un camiño de fuxida benvido, pois a crise de sobreprodución vai sempre da man dunha sobreacumulación. Non é exista unha falla de capital, senón que existe un excedente que non atopa saída no sector produtivo.

12. Isto destrúe o mito socialdemócrata dun capital produtivo e saudábel por un lado, e dun capital financeiro e parasito polo outro. Como describiu Lenin de forma tan correcta, a era do imperialismo caracterízase pola fusión do capital industrial e do capital bancario en capital financeiro. Mais a súa interpretación non evita que exista unha separación aínda maior entre a propiedade do capital e a súa aplicación á produción, unha separación entre o rendista e o industrial. Segundo Lenin, «a supremacía do poder financeiro sobre todas as outras formas do capital significa a hexemonía do rendista e da oligarquía financeira; significa unha situación privilexiada para un pequeno número de Estados financeiros poderosos en relación a todos os demais». A hexemonía dos rendistas e da oligarquía financeira desenvolveuse ao máximo coa aparición de novos actores financeiros como os hedge funds e os fondos privados que dirixen as reestruturacións das empresas por un lado, e, polo outro, os novos ditados dos mercados financeiros que impoñen unha rendibilidade do 15% e máis ao sector produtivo.

13. A situación privilexiada dun pequeno número de estados financeiros poderosos, como os descritos por Lenin, aplícase en primeiro lugar aos Estados Unidos. A súa posición de superpotencia única permítelle vivir por riba das súas posibilidades. Permitiu aumentar masivamente a súa débeda exterior e continuar gastando a mans cheas grazas á entrada de capitais estranxeiros. Así os Estados Unidos puideron continuar co armamentismo e coas súas ofensivas militares e as capas altas puideron gastar aínda máis en produtos e servizos de luxo. O consumo desaforado estadounidense, estimulado tamén polo endebedamento, xogou un rol importante para soster a economía mundial. Esta situación non sería posíbel sen a posición do dólar como moeda de cambio e de reserva mundial. A crise reforza a tendencia ao cambio na correlación de forzas nos mercados mundiais, cun declive dos Estados Unidos no PIB global, a subida de países emerxente como China, a India e incluso Brasil no Produto Mundial Bruto (PMB) e unha partida máis grande para a Unión Europea.

14. Os Estados máis poderosos (os da OCDE) interviñeron a grande escala para asegurar as ganancias capitalistas, salvar os seus bancos e os seus monopolios industriais e parar o estoupido do sistema financeiro mundial. Despois de liberar completamente os mercados financeiros e despois de soster ao máximo “a man invisíbel do mercado”, chaman aos estados para que paguen os pratos rompidos. Isto destrúe o mito de que os estados perderan o seu poder. Aboliron voluntariamente o seu poder de intervención para deixarlle a liberdade total ao capital. Todos os estados capitalistas seguiron as reestruturacións capitalistas e aliñáronse coa política neoliberal dos Estados Unidos, incluso os estados con gobernos con participación ou de maioría socialdemócrata. Así, o Tratado de Maastricht e a estratexia europea de Lisboa, promovidas tanto polos liberais como polos socialdemócratas, intensificaron a competencia entre os países imperialistas e levaron á intensificación da explotación, á baixada do prezo da forza de traballo, á liberación dos mercados financeiros, ás privatizacións, á creación de empregos precarios, ao aumento da idade de xubilación e das horas de traballo, á privatización das pensións, a mercantilización do ensino e do sector da saúde.

15. As actuais nacionalizacións serven para protexer os intereses do gran capital con diñeiro do Estado, de forma que o sector se volve de novo o suficientemente rendíbel como para ser entregado integramente ao sector privado. De aí sairá unha concentración aínda máis grande de capital. Os fondos que o Estado pon a disposición do capital privado, baixo a forma de aumento de capital ou de garantías do Estado, amosan unha vez máis canto de parasito ten o sistema capitalista. As ganancias son privatizadas, as perdas son socializadas.

16. Como consecuencia da crise, a brecha entre ricos e pobres aumentará, a maioría dos países do mundo coñecerán unha degradación aínda máis desastrosa. Esta degradación golpeará sobre todo aos países en vías de desenvolvemento. A maioría destes países dependen da produción de materias primas e de produtos agrícolas para a exportación e só algúns dispoñen de manufacturas e semimanufacturas que exportan. Os ditados do FMI, da OMC, dos Estados Unidos e da UE destruíron o seu tecido industrial local e a súa agricultura, someténdoos á dominación de compañías transnacionais. Isto fíxoos cada vez máis dependentes da conxuntura económica do mundo desenvolvido. Atópanse agora ante a terríbel situación de que os pedidos caeron de forma drástica, que os prezos da exportación se afundiron e que as condicións de crédito internacional se endureceron. Esta vulnerabilidade empúrraos de novo ao ciclo de préstamos, do endebedamento e de novos ditados das esferas imperialistas. Os traballadores e campesiños corren o risco dun medre rápido do desemprego, a precariedade e a exclusión.

17. Durante a depresión dos anos 30, non foi o “new deal” o que librou á economía capitalista do marasmo, senón a Segunda Guerra Mundial. Estamos ante un período de contradicións intensificadas xa que o capital se volve máis agresivo. Córrese o risco de desembocar en novos conflitos armados. A crise actual igualmente representa unha ameaza enorme de regresión social e democrática e crea as bases de movementos autoritarios e militares, como a historia demostrou.

18. O problema da crise económica xeneralizada vai da man dunha ameaza planetaria que pese sobre o medio ambiente. Ningunha das dúas pode atopar solución baixo o capitalismo. O desenvolvemento harmonioso da economía mundial e a salvagarda do medio ambiente esixen unha planificación desenvolvida que está excluída mentres a busca de beneficios domine a Terra. Estes dous desafíos mundiais confirman a necesidade da socialización dos monopolios así como a planificación centralizada dunha economía socialista. Isto confirma a necesidade de derrocar o poder da clase burguesa en cada país e de construír unha sociedade socialista baseada na propiedade colectiva dos medios de produción.

II. As tarefas dos comunistas

19. Baixo os auspicios do G20 e de organizacións e institucións internacionais como a UE, o Banco Mundial e o FMI, as grandes potencias e os gobernos dos países capitalistas dedícanse a dúas grandes tarefas. Unha, fechar as fendas do sistema e salvar aos capitalistas. Dúas, facer cargar o peso da crise sobre os traballadores e os pobos do mundo. A tarefa dos comunistas é dobre igualmente, mais radicalmente oposta.

20. Primeiro. Desexamos mobilizar ás masas para levar a cabo unha ruptura radical co capitalismo, co sistema de explotación. Incluso se o capitalismo escolle a vía das reformas chamadas keynesianas para estabilizar o sistema e, sobre todo, para evitar que as masas reclamen reformas máis profundas, estas serán a costa do pobo. A burguesía aportará retoques ao sistema financeiro sen resolver as relacións de produción e a propiedade privada dos medios de produción. Hai que incidir na responsabilidade do grande capital e os seus servidores políticos, que son quen levaron ao mundo á catástrofe. Mais con isto non abonda. Hai que lograr adoptar obxectivos de loita e reivindicacións que preparen a vía revolucionaria para o derrocamento deste sistema de explotación e de opresión. Para este propósito, é particularmente importante desenvolver e reforzar a corrente clasista no movemento sindical, así como noutros movementos que representan á clase obreira e os seus aliados.

21. Segundo. Desenvolveremos e apoiaremos toda loita de resistencia dirixida a facer pagar á clase burguesa pola crise. Trátase de desenvolver a loita para manter e crear empregos, a loita pola protección dos desempregados e das familias traballadoras, a loita por salvagardar e mellorar a protección social, a loita por aumentar os salarios e mellorar o poder adquisitivo. Trátase de aproveitar todas as oportunidades en contra das privatizacións. Trátase tamén de preservar os dereitos democráticos e de opoñerse ao crecemento do racismo, do fascismo, do belicismo, e de toda forma ideolóxica burguesa. Sobre todo en tempos de crise capitalista, os imperialistas tenden a intensificar o seu anticomunismo co fin de golpear á única alternativa existente, o derrocamento do capitalismo e a construción do socialismo.

22. Temos un importante debate ideolóxico que lanzar, o debate sobre o fracaso do sistema capitalista e sobre a superioridade do proxecto socialista. Debemos igualmente frear a escapatoria de mercado libre “controlado” ou “regulado”, versión socialdemócrata da apoloxía do sistema. As nosas críticas céntranse no sistema económico e non só nas “esaxeracións”, os “abusos” ou a “cobiza dos banqueiros” e o denominado capitalismo casino.

23. Asemade, consagraremos todas as nosas forzas para estar na primeira liña da loita dos traballadores, os campesiños e os autónomos. O período próximo estará cheo de oportunidades para facer avanzar a causa comunista. Mais a crise non trae consigo automaticamente a loita. O medo pode tamén paralizar temporalmente ou esmagar a revolta. Trátase de traballar con confianza e paciencia entre as masas e descubrir a creatividade e o espírito de solidariedade, pois será finalmente a clase obreira e outras masas traballadoras quen determinarán o curso da historia.

24. O importante é construír e reforzar os partidos comunistas. Este será o factor decisivo para poder aproveitar as oportunidades que se ofrecerán aos pobos e traballadores no futuro, e para traza a vía cara a unha sociedade socialista, unha sociedade sen explotación nin opresión por parte do capital.

25. Debemos intensificar a colaboración internacional entre os partidos comunistas e desenvolver unha estratexia unificada contra o imperialismo, pois é unha condición esencial para avantar máis rapidamente cara a un futuro de progreso, de xustiza e de paz e para estar á altura das tarefas que están ante nós.
0 Comments:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com