Vieiros 03/06/09Efectivos antidisturbios da Policía española cargaron contra grupos de traballadores do metal que secundan a folga do sector. Os incidentes producíronse cando os folguistas estaban concentrados na Praza América de Vigo logo dunha asemblea que se tiña producido na Praza do Rei. Segundo informa Europa Press, pouco despois das 13 horas deste mércores, unha ducia de furgóns policiais chegaron a toda velocidade á zona, onde non estaba a haber incidentes. Logo duns momentos de tensión, os axentes cargaron duramente con pelotas de goma. Os traballadores queimaron un bus urbano que empregaron como barricada. Posteriormente, atrinchieráronse en Barreras, onde permanecen rodeados pola policía.
Os traballadores do metal comezarán unha folga indefinida se a patronal non acepta as súas propostas
Os traballadores do sector do Metal de Vigo, que manteñen esta cuarta feira a súa quinta xornada de folga non consecutiva, cortaron as principais rúas da cidade olívica como protesta e ante a negativa da patronal a aceptar as peticións dos sindicatos na mesa de conversas sobre a renovación do convenio provincial.
Dende primeiras horas da mañá, os operarios saíron dos estaleiros da ría viguesa -da zona de Teis, o de Vulcano e Metalships; e da de Beiramar, de Barreras-, cortando o tráfico por onde pasaban, no seu camiño cara a Praza do Rei. Alí, por volta das 11h30 comezou unha asemblea xeral na que falaron representantes dos tres sindicatos -CIG, CCOO e UXT-, e onde se acordou facer outros tres paros a vindeira semana. A partir de aí, e se os empresarios non escoitan as reivindicacións dos traballadores do sector, a folga converteríase en indefinida.
Nesta liña se expresaron na asemblea os sindicalistas, que sinalaron que, se a patronal non acepta as súas propostas en canto á mudanza do convenio provincial -un ano de durabilidade e sen falar da conxelación salarial que propoñen os empresarios-, están dispostos a manter as protestas no tempo "o que faga falta".
Posicións afastadas, negociacións rotas
A pasada semana, a Xunta decidía suspender "de xeito temporal" a mediación que comezara entre sindicatos e patronal do Metal, segundo argumentara naquela altura o xefe da Inspección de Traballo na provincia de Pontevedra, Xosé María Casas de Ron, porque as posturas estaban moi distanciadas, "máis non rotas". Naquela altura, os sindicatos decidiran continuar coas mobilizacións, ao considerar que a patronal non estaba, como eles mesmos dixeran, "no límite do que poden ofrecer" para os traballadores.
Daquela, o responsábel da CIG-Metal, Miguel Anxo Malvido, insistía na existencia de "mecanismos que recoñece o propio convenio para acordar o incremento salarial que solicitamos; non é certo que os empresarios estean ao límite das súas posibilidades; non podemos aceptar que sexamos os traballadores quen teñamos que pagar a crise", sinalaba. |
Enviar um comentário
Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.