Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

A Asemblea Constituínte e a República Soviética
A Revolución Proletaria e o renegado Kautsky (6)
14/09/2009

6. A ASEMBLEA CONSTITUÍNTE E A REPÚBLICA SOVIÉTICA

A cuestión da Asemblea Constituínte e da súa disolución polos bolxeviques é o cerne de todo o artigo de Kautsky. El volve constantemente a esta cuestión. Toda a obra do xefe ideolóxico da II Internacional está inzada de alusión a que os bolxeviques «suprimiron a democracia» (ver máis arriba unha das citas de Kautsky). A cuestión, de feito, ten interese e importancia, porque a correlación entre democracia burguesa e democracia proletaria situouse aquí practicamente perante a revolución. Vexamos como analiza esta cuestión o noso «teórico marxista».


Cita as Teses sobre a Asemblea Constituínte escritas por min e publicadas no Pravda o 26 de decembro de 1917. Parecería que non se puidera agardar mellor proba da seriedade de Kautsky na abordaxe da cuestión, con documentos nas mans. Mais vexamos como cita Kautsky. Non di que estas teses eran 19, non di que nelas se situaba a cuestión tanto da relación entre unha república burguesa habitual con Asemblea Constituínte e a República dos Soviets, como da historia da diverxencia da nosa revolución entre a Asemblea Constituínte e a ditadura do proletariado. Kautsky elude todo iso e declara simplemente ao lector que delas (destas teses) «dúas teñen particular importancia»: unha, é que os socialistas revolucionarios se escindiran despois das eleccións á Asemblea Constituínte, mais antes de reunirse esta (Kautsky non di que esta tese é a quinta); outra, é que a República dos Soviets é, en xeral, unha forma democrática máis elevada que a Asemblea Constituínte (Kautsky non di que esta tese é a terceira).

E desta terceira tese, Kautsky só cita completamente unha pequena parte, precisamente a seguinte pasaxe:

«A República dos Soviets é, non só a forma máis elevada das institucións democráticas (comparada coa república burguesa habitual, coroada por unha Asemblea Constituínte), senón tamén é a única forma capaz de asegurar o paso menos doloroso ao socialismo (Kautsky omite a palabra «habitual» e as palabras introdutorias da tese «Para o paso do réxime burgués ao socialista, para a ditadura do proletariado»).

Despois de citar estas palabras, Kautsky exclama con enorme ironía:

«É de lamentar que só chegase a esa conclusión despois de se encontrar en minoría na Asemblea Constituínte. Ninguén a tiña esixido antes mais ardentemente que Lenin.»

Unha verdadeira perla! Só un sicofanta da burguesía pode presentar as cousas dun xeito tan falso, para da ao lector a impresión de que o discurso dos bolxeviques sobre un tipo máis elevado de Estado é unha invención, que só apareceu despois de que os bolxeviques se atoparan en minoría na Asemblea Constituínte! Unha mentira tan infame só pode dicila un canalla vendido á burguesía, ou, o que é absolutamente a mesma cousa, que se fiou de Axelrod e encobre aos seus informadores.

Porque toda a xente sabe que o mesmo día da miña chegada á Rusia, o 4 de abril de 1917, lin publicamente as teses nas cales declaraba a superioridade dun Estado do tipo da Comuna sobre a república parlamentar burguesa. Declarei isto despois repetidamente na prensa, por exemplo nun artigo sobre os partidos políticos, que foi traducido ao inglés e foi publicado en América en xaneiro de 1918, no xornal de Nova York Evening Post(26). Aínda máis. A conferencia do partido dos bolxeviques de finais de abril de 1917 adoptou unha resolución dicindo que a república proletaria e campesiña é superior á república parlamentar burguesa, que esta última non satisfacía ao noso partido e que o programa do partido debía ser consecuentemente modificado(27).

Como chamar despois disto á ocorrencia de Kautsky, que asegura aos lectores alemáns que eu esixía ardentemente a convocatoria da Asemblea Constituínte e só despois de que os bolxeviques ficaran nela en minoría comecei a «luxar» a honra e a dignidade da Asemblea Constituínte? Que pode desculpar esta ocorrencia? Que Kautsky non coñecía os feitos? E logo por que se pon a escribir sobre eles? Por que non declara honestamente: eu, Kautsky, escribo baseándome en informacións dos menxeviques Stein, Axelrod e compañía? Coa súa pretensión de obxectividade, Kautsky arela disimular o seu papel de criado dos menxeviques, mortificados pola súa derrota.

Mais isto só é o comezo. O principal ven despois.

Admitamos que Kautsky non quixera ou non puidera (??) recibir dos seus informadores unha tradución das resolucións e declaracións bolxeviques sobre a súa posición sobre a cuestión da república democrática parlamentar burguesa. Admitámolo, aínda que sexa inverosímil. Mais Kautsky menciona explicitamente as miñas teses do 26 de decembro de 1917 na páxina 30 do seu libro.

Kautsky coñece estas teses integralmente, ou delas coñece apenas aquilo que lle traduciron os Stein, Axelrod e compañía? Kautsky cita a terceira para saber a cuestión fundamental de se antes das eleccións á Asemblea Constituínte os bolxeviques comprendían e dicían ao pobo que a República dos Soviets era superior á república burguesa. Mais Kautsky silencia a segunda tese. E a segunda tese di:

«A socialdemocracia revolucionaria, que reclamaba a convocatoria da Asemblea Constituínte, desde os primeiros días da revolución de 1917 subliñou en repetidas ocasións que a República dos Soviets é unha forma de democracia superior á república burguesa ordinaria coa súa Asemblea Constituínte».

Para presentar aos bolxeviques como xente sen principios, como «oportunistas revolucionarios» (Kautsky emprega esta expresión, non lembro con que motivo, nunha pasaxe do seu libro), o señor Kautsky agochou aos lectores alemáns que as teres mencionan explicitamente declaracións feitas «máis dunha vez»!

Estes son os pobres, mesquiños e desprezábeis métodos que emprega o señor Kautsky. Foi así como esquivou a cuestión teórica.

É certo ou non que a república parlamentar democrático burguesa é inferior a unha república do tipo da Comuna ou do tipo dos Soviets? Este é o cerne da cuestión, e Kautsky eludiuno. Kautsky «esqueceu» todo o que Marx di na análise da Comuna de París. Tamén «esqueceu» a carta de Engels a Bebel do 28 de marzo de 1875, que expresa de xeito ben evidente e comprensíbel a mesma idea da Marx: «A Comuna non era xa un Estado no sentido propio da palabra.»

E temos aquí ao teórico máis destacada da II Internacional, que, nunha folla especial sobre A Ditadura do Proletariado, ao falar especificamente da Rusia, onde se situou moitas veces e expresamente a cuestión dunha forma de Estado máis elevada que a república democrático burguesa, silencia esta cuestión. En que se diferenza iso con pasarse ao lado da burguesía?

(Digamos entre parénteses que tamén aquí Kautsky se arrastra polo rego dos menxeviques rusos. Entres estes, non faltan persoas que coñecen «todas as citas» de Marx e Engels, mais ningún menxevique, entre abril e outubro de 1917 e entre outubro de 1917 e outubro de 1918, procurou unha soa vez analizar a cuestión dun Estado do tipo da comuna. Plekhanov tamén eludiu esta cuestión. Tiñan, evidentemente, que calar.)

Claro que falar da disolución da Asemblea Constituínte con persoas que se din socialistas e marxistas, mais que de feito, na cuestión principal, na cuestión dun Estado do tipo da Comuna, forman coa burguesía, sería botarlle a mata ao burro. Abondará publicar integramente como anexo a este traballo as miñas teses sobre a Asemblea Constituínte. A través delas verá o lector que a cuestión foi formulada o 26 de decembro de 1917, tanto do punto de vista teórico, como do histórico e do terreo práctico da política.

Se Kautsky, como teórico, renegou por completo do marxismo, tería podido analizar como historiador a cuestión da loita dos Soviets contra a Asemblea constituínte. Sabemos por moitos dos traballos de Kautsky que el sabía ser historiador marxista, que eses traballos seus ficaron como patrimonio duradeiro do proletariado, malia renegar despois. Mais neste cuestión, Kautsky, tamén como historiador, dálle as costas á verdade, ignora feitos de coñecemento xeral, actúa como un sicofanta. Quer presentar aos bolxeviques como xente sen principios e conta como os bolxeviques tentaran atenuar o conflito coa Asemblea Constituínte antes de disolvela. Non hai niso nada malo, en nado nos temos que retractar. Publico as teses integralmente, e nelas dise coa maior claridade: señores pequenoburgueses vacilantes atrincheirados na Asemblea Constituínte, ou aceptades a ditadura proletaria, ou vencerémosvos «pola vía revolucionaria» (teses 18 e 19).

É así como actuou e sempre actuará o proletariado verdadeiramente revolucionario en relación á pequenaburguesía vacilante.

Kautsky adopta na cuestión da Asemblea Constituínte un punto de vista formal. Nas miñas teses dixen claramente, e repetín moitas veces, que os intereses da revolución están por riba dos dereitos formas da Asemblea Constituínte (ver as teses 16 e 17). O punto de vista democrático formal é precisamente o punto de vista do demócrata burgués, que non recoñece que os intereses do proletariado e da loita proletaria de clase son superiores. Como historiador, Kautsky non podería deixar de recoñecer que os parlamentos burgueses son órganos dunha ou doutra clase. Mais agora (para o sucio obxectivo da renunciar á revolución), Kautsky precisou esquecer o marxismo, e Kautsky non formula a cuestión de saber de que clase era órgano a Asemblea Constituínte na Rusia. Kautsky non examina as circunstancias concretas, non quere ver os feitos, non di unha palabra aos lectores alemáns sobre o feito de que as teses conteñen non só unha clarificación teórica da cuestión do carácter limitado da democracia burguesa (teses 1-3), non só as condicións concretas que determinaran a non correspondencia das listas dos partidos feitas a mediados de outubro de 1917 coa realidade de decembro de 1917 (teses 4-6), senón tamén a historia da loita de clases e da guerra civil en outubro-decembro de 1917 (teses 7-15). Desta historia concreta concluímos (tese 14) que a consigna «todo o poder á Asemblea Constituínte» se convertera na lema dos demócrata-constitucionalistas(28) e dos kaledinistas e dos seus cómplices.

O historiador Kautsky non nota isto. O historiador Kautsky nunca ouviu dicir que o sufraxio universal dá parlamentos ás veces pequenoburgueses e ás veces reaccionarios e contrarrevolucionarios. O historiador marxista Kautsky non ouviu dicir que unha cousa é a forma das eleccións, a forma da democracia, e outra cousa é o contido de clase dunha determinada institución. Esta cuestión do contido de clase da Asemblea Constituínte é formulada e resolvida nas miñas teses. É posíbel que a miña solución sexa incorrecta. Nada nos agradaría máis que unha crítica marxista da nosa análise vida de fóra. No canto de escribir frase absolutamente estúpidas (numerosas en Kautsky) acerca de que hai quen impide criticar ao bolxevismo, Kautsky debería ter feito tal crítica. Mais o certo é que el non fixo crítica ningunha. Nin sequera formula a cuestión dunha análise de clase dos Soviets, por un lado, e da Asemblea Constituínte, polo outro. E por iso é imposíbel debater, discutir con Kautsky, podendo só amosar ao lector a razón pola que non se pode chamar a Kautsky outra cousa que non sexa renegado.

A diverxencia entre os Soviets e a Asemblea Constituínte ten a súa historia, que non podería ser eludido mesmo polo historiador que non se situase no punto de vista das clases. Kautsky non quixo nin tocar estar historia real. Kautsky ocultou aos lectores alemáns o feito de coñecemento xeral (que agora só os menxeviques rabiosos agochar) de que os Soviets, mesmo baixo o dominio dos menxeviques, isto é, desde finais de febreiro até outubro de 1917, diverxían das institucións «estatais xerais» (isto é, burguesas). No fondo, Kautsky adopta un punto de vista conciliador, de colaboración entre o proletariado e a burguesía; por moito que Kautsky o negue, esta súa perspectiva é un feito confirmado por todo o artigo de Kautsky. Non de debía disolver a Asemblea Constituínte, quere dicir, non se debía levar até a fin a loita contra a burguesía, non se debía derrubala, o proletariado debía conciliarse coa burguesía.

Por que Kautsky silenciou que os menxeviques se ocuparan, desde febreiro a outubro de 1917, deste traballo pouco honroso, sen conseguir nada? Se era posíbel conciliar a burguesía co proletariado, por que non se conseguiu a conciliación baixo os menxeviques, por que a burguesía se mantiña afastada dos Soviets, e os Soviets eran chamados (polos menxeviques) a «democracia revolucionaria» e a burguesía «elementos censatarios»?

Kautsky ocultou aos lectores alemáns que eran precisamente os menxeviques, na época da súa dominación (de febreiro a outubro de 1917), os que chamaban aos Soviets democracia revolucionaria, recoñecendo con iso a súa supremacía sobre todas as restantes institucións. Só ocultando este feito é como o historiador Kautsky consigue presentar a diverxencia entre os Soviets e a burguesía como algo que non ten historia, que se produciu de socato, repentinamente, sen causas, como consecuencia da mala conduta dos bolxeviques. Mais, de feito, foi exactamente a experiencia de mais de medio ano (período inmenso para unha revolución) de política de conciliación menxevique, de tentativas de conciliar ao proletariado coa burguesía, o que convenceu ao pobo da inutilidade destas tentativas, o que afastou ao proletariado dos menxeviques.

Os Soviets son unha magnífica organización de combate do proletariado, cun grande futuro, recoñece Kautsky. Mais se é así, toda a posición de Kautsky cae coma un castelo de cartas ou coma o soño dun pequenoburgués de evitar a loita encarnizada entre o proletariado e a burguesía. Porque toda a revolución é unha loita continua e, alén diso, desesperada, e o proletariado é a clase avanzada de todos os oprimidos, o foco e o centro de todas as aspiracións de liberación de todos e cada un dos oprimidos. Os Soviets –órgano de loita das masas oprimidas- reflectían e traducían, como é natural, o estado de ánimo e das mudanzas de opinión desas masas dun xeito infinitamente máis rápido, completo e fiel que calquera outra institucións (nisto reside, dígase de paso, unha das razóns que fan da democracia soviética un tipo superior de democracia).

Do 28 de febreiro (calendario antigo) ao 25 de outubro de 1917, os Soviets conseguiron convocar dous congresos con representantes da xigantesca maioría da poboación rusa, de todos os obreiros e soldados, de sete ou oito décimas partes do campesiñado, sen contar todos os congresos locais, de barrio, de cidade, de provincia e rexionais. Durante este período, a burguesía non conseguiu reunir nin unha soa institución que representase a maioría (agás a «Conferencia Democrática»(29), manifestamente falsificada, que era un insulto e que suscitou a ira do proletariado). A Asemblea Constituínte reflectiu o mesmo estado de espírito das masas, o mesmo agrupamento político que o primeiro congreso dos Soviets de toda Rusia (xuño)(30). No momento da convocatoria da Asemblea Constituínte (xaneiro de 1918) realizárase xa o segundo congreso dos Soviets (outubro de 1917)(31) e o terceiro (xaneiro de 1918)(32), e os dous amosaron con total evidencia que as masas viraran á esquerda, que se revolucionaran, que lle deran as costas aos menxeviques e aos socialistas revolucionarios, que se pasaran ao lado dos bolxeviques, isto é, que rexeitaron á dirección pequenoburguesa, á ilusión dun entendemento coa burguesía e que apostaran pola loita revolucionaria do proletariado para derrubar á burguesía.

Xa que logo, a historia externa dos Soviets amosa xa de seu a inevitabilidade da disolución da Asemblea Constituínte e o seu reaccionarismo. Mais Kautsky agárrase firmemente á súa «consigna»: que pereza a revolución, que triúnfe a burguesía sobre o proletariado, pero que floreza a «democracia pura»! Fiat justitia, pereat mundus!

Este é un breve resume dos congresos dos Soviets de toda Rusia na historia da revolución rusa:

Congresos dos Soviets de Toda RusiaNúmero de delegadosNúmero de bolxeviques% de bolxeviques
1º (3/VI/1917) 790 103 13%
2º (25/X/1917) 675 343 51%
3º (10/I/1918) 710 434 61%
4º (14/III/1918)(33) 1232 795 64%
5º (4/VII/1918)(34) 1164 773 66%


Abonda unha ollada a estes números para comprender que a defensa da Asemblea Constituínte ou dos discursos (como o de Kautsky) que din que os bolxeviques non teñen o apoio da maioría da poboación, tan só nos provocan riso.


Notas:

(26) Trátase do artigo Os Partidos Políticos na Rusia e as Tarefas do Proletariado. Foi publicado en inglés no xornal The Evening Post, o 15 de xaneiro de 1918, e tamén na revista da esquerda do Partido Socialista de América The Class Struggle, Nº 4, de novembro-decembro de 1917.
The Evening Post: xornal burgués americano que se publicou en Nova York desde 1801; entre 1801 e 1832 chamouse The New York Evening Post. Durante varios anos seguiu unha liña política liberal. Converteuse máis tarde nun órgano dos círculos máis reaccionarios e imperialistas dos EUA.

(27) Lenin refírese á resolución sobre a revisión do programa do partido, adoptada na VII Conferencia (de abril) de toda a Rusia do POSDR(b). O texto da resolución foi redactado por Lenin.

(28) Demócratas-constitucionalistas: membros do Partido Demócrata Constitucionalista, o partido máis importante da burguesía liberal monárquica da Rusia. Foi fundado en outubro de 1905. Durante a Primeira Guerra Mundial os demócrata-constitucionalistas apoiaron activamente a política exterior anexionista do goberno tsarista. No período da revolución democrático burguesa de febreiro de 1917, procuraron salvar a monarquía. Como membros dirixentes do Goberno Provisorio burgués, aplicaron unha política antipopular e contrarrevolucionaria. Após a vitoria da Revolución Socialista de Outubro, os demócrata-constitucionalistas actuaron como inimigos irreconciliábeis do Poder Soviético e tomaron parte en todas as accións contrarrevolucionarias armadas e nas campañas dos intervencionistas.

(29) A Conferencia Democrática de toda Rusia foi convocada en setembro de 1917 en Petrogrado polo Comité Executivo Central dos Soviets, composto polos menxeviques e socialistas revolucionarios, co gallo de solucionar a cuestión do poder. Os dirixentes dos menxeviques e socialistas revolucionarios fixeron todo o posíbel por diminuír a representación dos obreiros e campesiños, e para aumentar o número de delgados que representaban as máis variadas organizacións burguesas e pequenoburguesas, conseguindo así a maioría na conferencia. Os bolxeviques participaron na conferencia co propósito de aproveitala como tribuna para desenmascarar aos menxeviques e aos socialistas revolucionarios.
A Conferencia Democrática decidiu crear un pre parlamento (Consello Provisorio da República) que, segundo o regulamento aprobado polo Goberno Provisorio, debía ser tan só un órgano consultivo do goberno. Lenin esixiu a saída dos bolxeviques do pre parlamento e salientou a necesidade de concentraren todas as forzas na preparación da insurrección. O Comité Central do partido discutiu a proposta de Lenin e decidiu a saída dos bolxeviques do pre parlamento. O 7 de outubro (20), o día da inauguración do pre parlamento, os bolxeviques abandonárono, xa que logo, despois de facer pública a súa declaración.

(30) O Primeiro Congreso dos Soviet de Deputados Obreiros e Soldados de toda Rusia realizouse entre o 3 e o 24 de xuño (16 de xuño – 7 de xullo) de 1917 en Petrogrado. No congreso participaron 1.090 delegados. Os bolxeviques, que constituían daquela unha minoría nos Soviets, tiñan 150 delegados. A maioría esmagadora dos delegados pertencían ao bloque menxevique – socialistas revolucionarios e aos pequenos grupos que o apoiaban. Nas resolucións adoptadas, a maioría menxevique – socialista revolucionaria do Congreso tomou unha posición de apoio ao Goberno Provisorio, aprobou a ofensiva na fronte que este preparaba e pronunciouse contra a consigna do poder para os Soviets. O Congreso elixiu o Comité Executivo Central, que existiu até o Segundo Congreso dos Soviets, cuxa maioría esmagadora estaba composta por socialistas revolucionarios e menxeviques.

(31) O Segundo Congreso dos Soviets de Deputados Obreiros e Soldados de toda Rusia realizouse o 25 e 26 de outubro (7 e 8 de novembro) de 1917 en Petrogrado. No Congreso participaron tamén delegados dunha serie de Soviets de barrio e provincia de deputados campesiños. No momento do inicio do congreso, participaban nel 649 delegados, dos cales 390 eran bolxeviques, 160 socialistas revolucionarios, 72 menxeviques e 14 menxeviques internacionalistas. O Congreso foi aberto o 25 de outubro ás 10 horas e 40 minutos da noite, no Smolni. Negándose a recoñecer a revolución socialista, os menxeviques, os socialistas revolucionarios de dereita e os membros do Bund, abandonaron o Congreso. Ás 4 horas da mañá do 26 de outubro (8 de novembro), o Congreso foi informado da toma do Pazo de Inverno e do encarceramento do Goberno Provisorio e aprobou o apelo Aos Obreiros, Soldados e Campesiños! escrito por Lenin, onde se proclamaba a consigna de todo o poder para os Soviets de Deputados Obreiros, Soldados e Campesiños. A segunda sesión do Congreso comezou ás 8 horas e 40 minutos da noite do 26 de outubro (8 de novembro). Lenin interveu con discursos sobre a paz e sobre a terra. O congreso aprobou os históricos decretos sobre a paz e sobre a terra, redactados por Lenin, e formou o Goberno Obreiro e Campesiño: o Consello de Comisarios do Pobo, encabezado por Lenin. Do Comité Executivo Central de toda Rusia electo polo Congreso, facían parte 101 persoas, das cales 62 eran bolxeviques, 29 socialistas revolucionarios de esquerda, 6 menxeviques internacionalistas, 3 do Partido Socialista Ucraíno e un socialista revolucionario maximalista.

(32) O Terceiro Congreso dos Soviets de Deputados Obreiros, Soldados e Campesiños de toda Rusia realizouse entre o 10 e o 18 (23-31) de xaneiro de 1918 en Petrogrado. No Congreso estaban representados 317 Soviets de Deputados Obreiros, Soldados e Campesiños e 110 Comités do Exército, do Corpo do Exército e de División. No comezo do Congreso participaron 707 delgados, dos cales 441 eran bolxeviques. O 13 (26) de xaneiros uníronse ao Congreso os participantes no Terceiro Congreso dos Soviets de Deputados Campesiños de toda a Rusia. Alén diso, o número de delegados medrou aínda máis, por mor da chegada de delegados que non estaban presentes ao inicio do Congreso. Na sesión de peche do Congreso participaron 1587 delegados. O Congreso discutiu o relatorio de Sverdlov sobre a actividade do CECR e o discurso de Lenin sobre a actividade do Consello de Comisarios do Pobo. O Congreso aprobou a Declaración dos Dereitos do Pobo Traballador e Explotado, escrita por Lenin, que máis tarde constituíu a base da Constitución do Estado Soviético. Na resolución aprobada polo Congreso defendíase plenamente a política do CECR e do CCP e expresábase confianza total neles. O Congreso aprobou unha resolución determinando que a República Socialista de Rusia era edificada na base da unión voluntaria dos pobos de Rusia como federación de repúblicas soviéticas e aprobou a política do Poder Soviético no tocante a cuestión nacional. O Congreso ratificou as teses fundamentais da Lei da Socialización da Terra, elaborada sobre a base do Decreto sobre a Terra. Do CECR electo polo Congreso formaban parte 160 bolxeviques, 124 socialistas revolucionarios de esquerda, 2 menxeviques internacionalistas, 3 anarquistas comunistas, 7 socialistas revolucionarios maximalistas, 7 socialistas revolucionarios de dereita e 2 menxeviques.

(33) O Cuarto Congreso Extraordinario dos Soviets de toda Rusia, convocado para resolver a cuestión da ratificación do tratado de Paz de Brest, realizouse en Moscova entre o 14 e 16 de marzo de 1918. No Congreso participaron 1.232 delegados con voto deliberativo, dos cales 795 eran bolxeviques, 283 socialistas revolucionarios de esquerda, 29 socialistas revolucionarios de centro, 21 menxeviques, 11 menxeviques internacionalistas e outros. Lenin interveu cun discurso sobre o tratado de paz no nome do Comité Executivo Central de toda Rusia. Contra a ratificación do tratado de Brest pronunciáronse os menxeviques, os socialistas revolucionarios de dereita e esquerda, os maximalistas, os anarquistas e outros. Despois de acesas discusións, o Congreso aprobou, en votación nominal e por esmagadora maioría, a resolución proposta por Lenin sobre a ratificación do tratado de paz. Houbo 784 votos a favor, 261 en contra e 115 abstencións.

(34) O Quinto Congreso dos Soviets de toda Rusia comezou o 4 de xullo de 1918 en Moscova. No Congreso participaron 1.164 delegados con voto deliberativo, dos cales 773 eran bolxeviques, 353 socialistas revolucionarios de esquerda, 17 maximalistas, 4 anarquistas, 4 menxeviques internacionalistas, 3 membros doutros partidos e 10 sen partido. Sverdlov presentou un discurso sobre a actividade do CECR e Lenin un sobre a actividade do Consello de Comisarios do Pobo. Despois de tempestuosas discusións verbo dos relatorios do CECR e do CCP, o Congreso aprobou por maioría unha resolución proposta pola fracción comunista, que expresaba a «plena concordancia coa política exterior e interior do goberno soviético». Foi rexeitada unha resolución dos socialistas revolucionarios de esquerda, que propuñan que se manifestase desconfianza no goberno soviético, que se anulase o tratado de Paz de Brest e que se modificase a política exterior e interior do Poder Soviético. Após sufrir unha derrota no Congreso, os socialistas revolucionarios de esquerda organizaron unha tentativa contrarrevolucionaria en Moscova. Por mor disto, o Congreso interrompeu os seus traballos e só os recomezou o 9 de xullo. Despois de ouvir unha información do goberno sobre os acontecementos do 6 e 7 de xullo, o Congreso aprobou plenamente as accións decididas do goberno para liquidar a criminosa aventura dos socialistas revolucionarios de esquerda e sinalou que os socialistas revolucionarios de esquerda que compartiran as concepción das súas cúpulas dirixentes «non poden ter sitio nos Soviets de Deputados Obreiros e Campesiños». Na resolución sobre o discurso de Tsiurupa, comisario do pobo do Abastecemento, o Congreso confirmou a irrevogabilidade do monopolio dos cereais, sinalou a necesidade da represión decidida sobre a resistencia dos kulaks e apoiou a organizacións de comités de campesiños pobres. Na sesión de clausura, o 10 de xullo, o Congreso ouviu un discurso sobre a organización do Exército Roxo e aprobou unanimemente unha resolución proposta pola fracción comunista na cal se sinalaban as medidas para a organización e fortalecemento do Exército Roxo sobre a base do servizo militar obrigatorio dos traballadores. O Congreso adoptou a primeira Constitución da RSFSR, que consagrou lexislativamente as conquistas dos traballadores do País dos Soviets.


Ler máis
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com