Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Democracia Burguesa e Democracia Proletaria
A Revolución Proletaria e o renegado Kautsky (3)
09/09/2009


3. DEMOCRACIA BURGUESA E DEMOCRACIA PROLETARIA


A cuestión tan descaradamente confundida por Kautsky preséntase na realidade así.

Se non é para mofarse do sentido común e da historia, está claro que non se pode falar de «democracia pura» en tanto existen clases diferentes, pódese falar tan só de democracia de clase. (Digamos entre parénteses que «democracia pura» non só é unha frase dun ignorante, que revela a incomprensión tanto da loita de clases como da esencia do Estado, senón tamén unha frase triplemente baleira, pois na sociedade comunista, a democracia, modificándose e converténdose nun hábito, extinguirase, mais nunca será «democracia pura».)

A «democracia pura» é unha frase mentireira dun liberal que pretende enganar aos obreiros. A historia coñece a democracia burguesa, que substituíu ao feudalismo, e a democracia proletaria, que substituíu á burguesa.

Se Kautsky consagra ducias de páxina a «demostrar» a verdade de que a democracia burguesa é progresiva en comparación coa Idade Media e que o proletariado debe obrigatoriamente utilizala na súa loita contra a burguesía, isto é precisamente charlatanería de liberal destinada a enganar aos obreiros. Isto é unha verdade non só na culta Alemaña senón tamén na Rusia inculta. Kautsky arroxa simplemente a súa «sabia» terra aos ollos dos obreiros, falándolles con fachenda tanto de Weitling, como dos xesuítas no Paraguai como de moitas outras cousas para eludir a esencia burguesa da democracia contemporánea, isto é, capitalista.

Kautsky colle do marxismo aquilo que é aceptábel para os liberais, para a burguesía (a crítica da Idade Media, o papel histórico progresista do capitalismo en xeral e da democracia capitalista en particular) e rexeita, silencia e evita do marxismo aquilo que é inaceptábel para a burguesía (a violencia revolucionaria do proletariado contra a burguesía para suprimila). Esta é a razón pola que, pola súa posición obxectiva, e sexa cal sexa a súa convicción subxectiva, Kautsky se revela inevitabelmente como un lacaio da burguesía.

A democracia burguesa, sendo un grande progreso histórico en comparación coa Idade Media, continúa a ser –e non pode deixar de selo baixo o capitalismo- estreita, amputada, falsa, hipócrita, paraíso para os ricos, unha trampullada e un engano para os explotados, para os pobres. É esta verdade, que constitúe unha parte integrante esencial da doutrina marxista, a que o «marxista» Kautsky non comprendeu. Nesta cuestión –fundamental- Kautsky ofrece «amabilidade» á burguesía, no canto dunha crítica científica das condicións que fan de calquera democracia burguesa unha democracia para os ricos.

Comecemos por lembrar ao sapientísimo señor Kautsky as declaracións teóricas de Marx e Engels que o noso letrado vergoñentamente «esqueceu» (para agradar á burguesía), e despois explicaremos as cousas dun xeito máis popular.

Non só o Estado antigo e feudal, senón tamén «o moderno Estrado representativo é un instrumento de explotación do traballo asalariado polo capital» (Engels, na súa obra sobre o Estado)(14). «Agora ben, como o Estado é, de feito, apenas unha institución transitoria, da cal a xente se serve na loita, na revolución para reprimir pola forza aos adversarios, é totalmente absurdo falar dun Estado popular libre: cando o proletariado aínda usa o Estado, úsao non no interese da liberdade, senón da represión dos seus adversarios, e cando se pode falar de liberdade o Estado deixa de existir como tal». (Engels na Carta a Bebel). «O Estado non é máis que unha máquina para a opresión dunha clase sobre a outra, o mesmo na república democrática que na monárquica» (Engels no prefacio á Guerra Civil de Marx). O sufraxio universal é «o barómetro da madurez da clase obreira. Mais non pode ser nin chegará nunca a máis no Estado actual» (Engels na súa obra O Estado). O señor Kautsky mastiga do xeito máis aburrido a primeira parte desta tese, aceptábel para a burguesía. Mais o renegado Kautsky esquécese da segunda, a que subliñamos nós e que non é aceptábel para a burguesía!). «A Comuna debía ser non un corpo parlamentar, senón un corpo de traballo, executivo e lexislativo ao mesmo tempo... No canto de decidir cada tres ou cada seis anos que membro da clase dominante tiña que representar e reprimir (ver-und zertreten) ao pobo no Parlamento, o sufraxio universal debía servir ao pobo constituído en comunas como o voto individual serve a os patróns para escolleren obreiros, capataces e contábeis para os seus negocios» (Marx na obra sobre a Comuna de París, A Guerra Civil en Francia).

Cada unha destas teses, que o sapientísimo señor Kautsky coñece perfectamente, é para el unha labazada que descobre toda a súa traizón. En todo o artigo de Kautsky non hai nin un chisco de comprensión destas verdades. Todo o contido do seu artigo é un escarnio do marxismo!

Tomade as leis fundamentais dos Estados contemporáneos, tomade a súa administración, tomade a liberdade de reunión ou de prensa, tomade a «igualdade dos cidadáns perante a lei», e veredes a cada paso a hipocrisía da democracia burguesa, ben coñecida por calquera obreiro honesto e consciente. Non hai Estado, nin mesmo o máis democrático, onde a súa constitución non haxa escapatorias ou reservar que aseguren á burguesía a posibilidade de lanzar as tropas contra os obreiros, declarar o estado de guerra, etc., «en caso de alteración da orde», de feito en caso de «violación» pola clase explotada da súa situación escrava e tente non comportarse como escrava. Kautsky embelece desvergoñadamente a democracia burguesa, non dicindo nada, por exemplo, daquilo que fan os burgueses máis democráticos e republicanos na América ou na Suíza contra os obreiros en folga.

Oh! O sabio e douto Kautsky silencia isto! Non comprende, este douto político, que silenciar isto é unha infamia. Prefire contar aos obreiros contos para crianzas, como por exemplo o de que a democracia significa «protección da minoría». É incríbel, máis é así! No ano 1918 do nacemento de Cristo, no quinto ano da carnicería imperialista mundial e do estrangulamento das minorías internacionalistas (isto é, daqueles que non traizoaron vilmente o socialismo, como fixeron os Renaudel e os Lonquet, os Scheidemann e os Kautsky, os Hernderson e os Webb, etc.), en todas as «democracias» do mundo, o douto señor Kautsky canta cunha voz doce, moi doce, a «protección da minoría». Quen o desexa, pode lelo na páxina 15 do artigo de Kautsky. E na páxina 16, ese douto... individuo fálavos dos whigs e dos tories(15) do século XVIII na Inglaterra!

Ou, sapiencia! Oh, refinado servilismo perante a burguesía! Oh, maneira civilizada de reptar diante dos capitalistas e lamberlles as botas! Se eu fose Krupp ou Scheidemann ou Clemenceau ou Renaudel, pagaría millóns ao señor Kautsky, compensaríao con beixos de Xudas, eloxiaríao diante dos obreiros, recomendaría a «unidade do socialismo» con persoas tan «respectábeis» como Kautsky. Escribir artigos contra a ditadura do proletariado, falar dos whigs e dos tories do século XVIII na Inglaterra, afirmar que democracia significa «protección das minorías» e silenciar os programas contra os internacionalistas na «democrática» república da América, non son servizos de lacaio da burguesía?

O douto señor Kautsky «esqueceu» -probabelmente esqueceu de casualidade...- unha «pequenez», a saber: o partido dominante dunha democracia burguesa só garante a protección da minoría a outro partido burgués, mentres que o proletariado, en calquera cuestión seria, profunda e fundamental, no canto de «protección da minoría» apenas recibe estado de guerra ou persecución. Canto máis desenvolvida é a democracia tanto máis próxima se atopa a persecución ou a guerra civil en calquera caso de profunda diverxencia política perigosa para a burguesía. O douto señor Kautsky podería ter observado esta «lei» da democracia burguesa no caso Dreyfus(16) na Francia republicana, no linchamento de negros e internacionalistas na democrática república da América, no exemplo de Irlanda e do Ulster na democrática Inglaterra(17), na persecución dos bolxeviques e na organización de pogroms contra eles en abril de 1917 na democrática república da Rusia. Cito intencionadamente exemplos non só do tempo de guerra, senón tamén do tempo de antes da guerra, do tempo de paz. O melifluo señor Kautsky prefire pechar os ollos perante estes feitos do século XX e contar aos obreiros cousas espantosamente novas, notabelmente interesantes, inusitadamente instrutivas e incribelmente importantes sobre os whigs e os tories no século XVIII.

Pensade no parlamento burgués. Será posíbel admitir que o douto Kautsky nunca ouvira dicir que os parlamentos burgueses están tanto máis sometidos á Bolsa e aos banqueiros canto máis desenvolvida está a democracia? Isto non quere dicir que non se deba utilizar o parlamentarismo burgués (e os bolxeviques utilizárono quizais con maior éxito que calquera outro partido no mundo, pois en 1912-1914 conquistamos toda a curia obreira da IV Duma)(18). Mais o que si quere dicir e que só un liberal pode esquecer, como Kautsky esquece, o carácter historicamente limitado e relativo do parlamentarismo burgués. No máis democrático Estado burgués, as masas oprimidas chocan a cada paso coa contra a contradición flagrante entre igualdade formal, que a «democracia» dos capitalistas proclama, e os milleiros de limitacións e subterfuxios reais que fan dos proletarios escravos asalariados. É precisamente esta contradición á que revela ás masas a podremia, a falsidade e a hipocrisía do capitalismo. É precisamente esta contradición a que os axitadores e propagandistas do socialismo denuncian constantemente diante das masas co gallo de preparalas para a revolución! E cando encetou a era das revolucións, Kautsky mirou para outro lado e púxose a celebrar os encantos da democracia burguesa moribunda.

A democracia proletaria, da que o Poder Soviético é unha das formas, desenvolveu e estendeu como nunca no mundo a democracia precisamente para a xigantesca maioría da poboación, para os explotados e os traballadores. Escribir todo un libro sobre a democracia, como fixo Kautsky, falando en dúas páxinas de ditadura e en ducias de páxinas de «democracia pura» e non mencionar isto é deturpar por completo as cousas ao estilo dun liberal.

Considerade a política exterior. En ningún país burgués, nin mesmo o máis democrático, faise abertamente. Engánase as masas en todas partes, e nas democráticas Francia, Suíza, América, Inglaterra dun xeito cen veces máis refinado e amplo que nos outros países. O Poder Soviético arrincou revolucionariamente o veo de segredo que encubría a política exterior. Kautsky non o mencionou, silenciouno, malia que nunha época de guerra de rapina e de tratados secretos sobre o «reparto das esferas de influencia» (isto é, o reparto do mundo polos bandidos capitalistas) isto teña unha importancia capital, porque disto depende a cuestión da paz, a cuestión da vida ou da morte de decenas de millóns de persoas.

Considerade a estrutura do Estado. Kautsky céntrase nas «pequeneces», mesmo ao feito de que as eleccións son «indirectas» (na Constitución soviética), mais non ve o fondo do problema. Non nota a esencia de clase do aparello de Estado, da máquina de Estado. Na democracia burguesa, servíndose de mil estrataxemas –tanto máis enxeñosas e eficaces canto máis desenvolvida é a democracia «pura»-, os capitalistas afastan ás masas da administración, da liberdade de reunión e da prensa, etc. O Pode Soviético é o primeiro no mudo (falando rigorosamente, o segundo, porque a Comuna de París comezou a facer o mesmo) que chama ás masas, precisamente as masas explotadas, á administración. Mil barreiras pechan ás masas traballadoras da participación no parlamento burgués (que nunca resolve as cuestións máis importantes na democracia burguesa: estas son resolvidas polo Bolsa e polos bancos), e os obreiros saben e senten, ven e perciben perfectamente que o parlamento burgués é unha institución allea, un instrumento de opresión dos proletarios pola burguesía, unha institución dunha clase hostil, da minoría explotadora.

Os Soviets son a organización directa das propias masas traballadoras e explotadas, ás cales facilita a posibilidade de se organizaren elas mesmas o Estado e de administralo de todas as maneiras posíbeis. Precisamente a vangarda dos traballadores e dos explotados, o proletariado das cidades, ten nese sentido a vantaxe de ser o máis unido polas grandes empresas, élle máis doado que calquera outro elixir e controlar os electos. A organizacións soviética facilita automaticamente a unificación de todos os traballadores e explotados ao redor da súa vangarda, o proletariado. O vello aparello burgués –a burocracia, os privilexios da riqueza, da educación burguesa, das relacións, etc. (estes privilexios de feito son tanto máis variados canto máis desenvolvida é a democracia burguesa)- desaparece coa organización soviética. A liberdade de prensa deixa de ser unha hipocrisía, pois se expropian á burguesía as tipografías e o papel. Outro tanto acontece cos mellores edificios, os palacios, pazos, casas señoriais, etc. O Poder Soviético retirou inmediatamente aos explotadores milleiros e milleiros destes mellores edificios, tornándose así un millón de veces máis «democrático» o dereito de reunión para as masas, ese dereito de reunión sen o cal a democracia é un engano. As eleccións indirectas dos Soviets non locais facilitan os congresos dos Soviets, tórnase todo o aparello máis barato, máis áxil, máis accesíbel aos obreiros e aos campesiños nun período no que a vida ferve é e precisa poder actuar con especial rapidez para revogar o seu deputado local ou envialo ao congreso xeral dos Soviets.

A democracia proletaria é un millón de veces máis democrática que calquera democracia burguesa. O Podre Soviético é un millón de veces máis democrático que a máis democrática república burguesa.

Para non notar isto é preciso ser un servidor consciente da burguesía ou un home totalmente morto politicamente, que non ve a vida viva detrás dos poeirentos libros burgueses, impregnado até a medula de preconceptos democráticoburgueses, polo que se tornou obxectivamente nun servidor da burguesía.

Para non percibir isto é preciso ser un home incapaz de situar a cuestión do punto de vista das clases oprimidas: existe algún país do mundo, entre os países burgueses máis democráticos, onde o obreiro medio, da masas, o asalariado agrícola medio, da masa, ou semiproletario do campo en xeral (isto é, o representante da masa oprimida, da inmensa maioría da poboación) goce, mesmo lixeiramente, da liberdade de realizar as súas reunións nos mellores edificios, da liberdade de ter as maiores tipografías e as mellores reservas de papel para expresar as súas ideas e para defender os seus intereses, da liberdade de enviar precisamente homes da súa clase a gobernar e «organizar» o Estado, como acontece na Rusia Soviética?

Sería ridículo pensar que o señor Kautsky atope en calquera país un entre mil obreiros e asalariados agrícolas informados que dubidase da resposta a esta pregunta. Instintivamente, ouvindo tan só os fragmentos da verdade que se escapan dos xornais burgueses, os obreiros de todo o mundo simpatizan coa República Soviética porque ven nela a democracia proletaria, a democracia para os pobres, e non unha democracia para os ricos, como na realidade é toda a democracia burguesa, mesmo a mellor.

Somos gobernados (e o noso Estado é «organizado») por funcionarios burgueses, parlamentarios burgueses, xuíces burgueses. Esta é unha verdade simple, evidente, indiscutíbel, coñecida pola experiencia propia, sentida e percibida diariamente por decenas e centos de millóns de homes das clases oprimidas de todos os países burgueses, incluíndo os máis democráticos.

Mais na Rusia rachamos completamente o aparello burocrático, non deixamos pedra sobre pedra, afastamos a todos os antigos xuíces, disolvemos o parlamento burgués e dimos precisamente aos obreiros e aos campesiños unha representación moito máis accesíbel, os seus Soviets substituíran aos funcionarios, ou os seus Soviets foron situados por riba dos funcionarios, os seus Soviets elixen aos xuíces. Este simple feito abonda para que todas as clases oprimidas recoñezan que o Poder Soviético, isto é, esta forma da ditadura do proletariado, é un millón de veces máis democrática que a máis democrática república burguesa.

Kautsky non comprende esta verdade, comprensíbel e evidente para calquera obreiros, porque «esqueceu» situar a cuestión: democracia para que clase? El razoa do punto de vista da democracia «pura» (isto é, sen clases? ou por riba das clases?). Argumenta como Shylock(19): «unha libra de carne» e máis nada. Igualdade de todos os cidadáns –senón non hai democracia.

Debemos preguntar ao douto Kautsky, ao «marxista» e «socialista» Kautsky:

Pode haber igualdade entre o explotado e o explotador?

É monstruoso, é incríbel que teñamos que facer esta pregunta ao discutir un libro do xefe ideolóxico da II Internacional. Mais, «atrelado ao carro, non te queixes da carga». Propuxémonos escribir sobre Kautsky; xa que logo, é mester explicar a este douto home por que non pode haber igualdade entre o explotador e o explotado.



Notas:

(14) Ver Friedrich Engels, A Orixe da Familia, da Propiedade Privada e do Estado.

(15) Whigs e Tories: partidos políticos de Inglaterra, constituídos nos anos 70-80 do século XVII. O partido dos whigs foi a orixe do partido liberal. Os tories representaban aos grandes propietarios rurais e ao alto clero anglicano; defendían as tradicións do pasado feudal e loitaban contra as reivindicacións liberais e progresistas. Máis tarde, os tories deron lugar ao partido conservador. Os whigss e os tories alternábanse no poder.

(16) Lenin fai alusión ao proceso provocativo organizado en 1894 polos círculos monárquicos do mundo militar francés contra o xudeu Dreyfus, oficial do Estado Maior Xeral francés, falsamente acusado de espionaxe e alta traizón. O tribunal militar condenou a Dreyfus a prisión perpetua. A condena a Dreyfus foi aproveitada polos círculos reaccionarios franceses para fomentar o antisemitismo e desencadear unha ofensiva contra o réxime republicano e as liberdades democráticas. O caso Dreyfus adquiriu un carácter claramente político e escindiu o país en dous campos: republicanos e demócratas, por un lado, e o bloque de monárquicos, clericais, antisemitas e chauvinistas, polo outro. En 1899, baixo a presión da opinión pública, Dreyfus foi indultado e en 1906 completamente rehabilitado e reintegrado no exército.

(17) Trátase da sanguenta represión polos ingleses da insurrección irlandesa de 1916, que tiña por obxectivo a liberación do país da dominación británica.

(18) Duma de Estado: institución representativa que o goberno tsarista se viu obrigado a convocar como consecuencia dos acontecementos revolucionarios de 1905. Formalmente, a Duma de Estado era un órgano lexislativo, mais na práctica non tiña poder efectivo algún. As eleccións para a Duma de Estado non eran nin directas, nin iguais, nin xerais. Os dereitos electorais das clases traballadoras, así como das nacionalidades non rusas que habitaban na Rusia, eran restrinxidos considerabelmente. Unha grande parte dos obreiros e campesiños estaba totalmente privada dos dereitos electorais. O goberno tsarista disolvera a I Duma de Estado (abril-xullo de 1906) e a II Duma do Estado (febreiro-xuño de 1907). Despois de levar a cabo un golpe de estado o 3 de xuño de 1907, o goberno tsarista promulgou unha nova lei electoral que limitaba aínda máis os dereitos dos obreiros, dos campesiños e da pequenaburguesía urbana, asegurando o dominio total da alianza reaccionaria dos latifundistas e dos grandes capitalistas na III (1907-1912) e na IV (1912-1917) Dumas de Estado.

(19) Shylock: personaxe da comedia de Shakespeare O Mercador de Venecia, insensíbel e cruel usuario que esixía implacabelmente, de acordo coas condicións da letra de cambio, que se cortase ao seu debedor insolvente unha libra de carne.


Ler máis

Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com