Non podemos calar. Non, os comunistas non podemos calar o que este estado burgués leva facendo con Manuel Pérez Martínez, Camarada Arenas, Secretario Xeral do PCE(r). Dos últimos 30 anos, leva 17 encarcerado. Prisioneiro con Franco, con Suárez, con González, con Aznar e agora con Zapatero. A presunción de inocencia liquidada, o mesmo que a irretroactividade das leis. A ausencia de probas tan só é un pequeno detalle sen a máis mínima importancia. Unha morea de sumarios arquivados por falta de probas, uns cantos máis con resultado de absolución, tanto lles ten. O último capítulo deste esperpento criminal é a anulación que o Tribunal Supremo, en abril deste ano, facía dunha sentencia absolutoria da Audiencia Nacional de hai un par de anos. Condenan a Arenas a 7 anos por «non denuncia e omisión de delito». Tan evidente é o despropósito legal que un maxistrado participante na farsa viuse obrigado a emitir un voto particular contra o fallo: «A miña discrepancia coa maioría fúndase: a) en que os feitos descritos na sentenza de instancia, non só non prestan base á hipótese acollida na sentenza de casación, senón que incluso conteñen elementos que abertamente a contradín; e, b) en que esa hipótese non foi levada a xuízo nos seus propios termos. Por todo, non cabe facela valer sen que padezan o principio acusatorio e outros principios». Unha auténtica vergonza de sentenza que non é máis que outro crime contra o proletariado.
«Illade a este home. Defende con fanatismo a súa dignidade. É perigoso». Así escribía o propio Manuel no clandestino verán de 1990. É iste o cerne do problema. Estamos ante unha persoa comprometida co comunismo que, na súa xa dilatada vida política, non renunciou nin un chisco aos ideais revolucionarios. Que non descendeu polos traidores chanzos do revisionismo. Que nunca se vendeu nin vendeu aos seus. Que endexamais agachou a cabeza ante o inimigo de clase. Malia estar enfermo (sen recibir o tratamento que precisa), o Manuel non cede. Ten o corazón como o aceiro. Como o aceiro que o obreiro golpea no estaleiro.
Hai xa moitos anos, dous señores barbados, que de comunismo algo sabían, deixaron escrito unha frase que semella que moitos esqueceron ou quizais nunca aprenderon: «Os comunistas apoian en todas partes cantos movementos revolucionarios se formulen contra o réxime social e político imperante». Ningunha diferenza táctica pode ser óbice para que os distintos partidos e organizacións comunistas non exerzan a solidariedade cos loitadores do proletariado. O exercicio da solidariedade cos comunistas, e demais antifascistas represaliados pola burguesía, é unha obriga moral e política de calquera organización que se diga comunista así como de calquera comunista sen partido. Que ninguén o dubide, o silencio é complicidade.
Os mecanismos de xustiza non os podemos controlar. Permanecen, por agora, nas mans da burguesía. Aínda que chegará o día, botando man doutro poema do Manuel, no que poñamos «a camiñar aos implacábeis e impasíbeis batallóns da vingativa xustiza!» Da xustiza proletaria, da xustiza de clase, que varrerá desta terra a ese refugallo da historia que é a burguesía.
Liberdade Arenas! |
Brilante artigo, camaradas de Estoutras.
Todo o meu apoio para ese grande COMUNISTA que é o Camarada Arenas!!
Digamolo ben forte, non é un terrorista, É UN COMUNISTA!! CO-MU-NIS-TA!!
LIBERDADE CAMARADA ARENAS!!!!