Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Pode haber igualdade entre o explotado e o explotador?
A Revolución Proletaria e o renegado Kautsky (4)
10/09/2009


4. PODE HABER IGUALDADE ENTRE O EXPLOTADO E O EXPLOTADOR?


Kautsky razoa do seguinte xeito:

(1) «Os explotadores constituíron sempre apenas unha pequena minoría da poboación».

Isto é unha verdade indiscutíbel. Como debemos razoar a partir desta verdade? Podemos razoar como marxistas, como socialistas; entón teremos que tomar como base a relación entre explotados e explotadores. Podemos razoar como liberais, como demócrata burgueses; entón teremos que tomar como base a relación entre a maioría e a minoría.

Se razoamos como marxistas, teremos que dicir: os explotadores transforman inevitabelmente o Estado (e trátase da democracia, isto é, dunha das formas do Estado) nun instrumento de dominio da súa clase, da clase dos explotadores sobre os explotados. Por iso, tamén o Estado democrático, desde o momento no que haxa explotadores que dominen sobre unha maioría de explotados, será inevitabelmente unha democracia para os explotadores. O Estado dos explotados debe distinguirse radicalmente dese Estado, debe ser a democracia para os explotados e a represión dos explotadores, e a represión dunha clase significa a desigualdade desa clase, a súa exclusión da «democracia».


Se razoamos como liberais, teremos que dicir: a maioría decide, a minoría sométese. Os insubmisos son castigados. E máis nada. É inútil falar verbo do carácter de clase do Estado en xeral ou sobre a «democracia pura» en particular; iso non ten nada a ver coa cuestión, porque a maioría é a maioría e a minoría é a minoría. Unha libra de carne é unha libra de carne, e abonda.

Kautsky razoa precisamente así:

(2) «Que motivos hai para que a dominación do proletariado tome e teña que tomar unha forma que é incompatíbel coa democracia?»

Segue unha explicación de porque o proletariado ten polo seu lado a maioría, explicación moi circunstanciada e moi embarullada, cunha cita de Marx e con números de votos na Comuna de París. Conclusión:

«Un réxime tan fortemente enraizado nas masas non ten o menor motivo para atentar contra a democracia. Nin sempre poderá evitar a violencia nos caos nos que a violencia fora empregada para reprimir a democracia. A violencia só se pode responder coa violencia. Mais un réxime que saiba que ten as masas con el só usará a violencia para defender a democracia, e non para suprimila. Cometería un verdadeiro suicidio se quixese suprimir a súa base máis segura, o sufraxio universal, fonte profunda dunha poderosa autoridade moral.»

Como se ve, a relación entre explotados e explotadores desapareceu da argumentación de Kautsky. Non fica outra cousa que a maioría en xeral, a minoría en xeral, a democracia en xeral, a «democracia pura» que xa coñecemos.

Nótese que isto se di a propósito da Comuna de París! Para maior evidencia vexamos o que dicían Marx e Engels da ditadura a propósito da Comuna:

Marx:

«... Cando os obreiros substitúen a ditadura da burguesía pola súa ditadura revolucionaria ... para quebraren a resistencia da burguesía ..., dan ao Estado unha forma revolucionaria e transitoria ...»(20)

Engels:

«... E o partido que triunfou» (na revolución) «ten que afirmar o seu dominio por medio do medo que as súas armas inspiran aos reaccionarios. E se a Comuna de París non se servira da autoridade dun pobo armado contra a burguesía, seica resistiría máis dun día? Non podemos, inversamente, censurarlle o ter empregado excesivamente pouco esta autoridade? ...»(21)

Tamén Engels:

«Agora ben, como o Estado é, de feito, apenas unha institución transitoria, da cal a xente se serve na loita, na revolución para reprimir pola forza aos adversarios, é totalmente absurdo falar dun Estado popular libre: cando o proletariado aínda usa o Estado, úsao non no interese da liberdade, senón da represión dos seus adversarios, e cando se pode falar de liberdade o Estado deixa de existir como tal ...»(22)

Entre Kautsky e Marx e Engels hai unha distancia como do ceo á terra, como entre un liberal e un revolucionario proletario. A democracia pura e simplemente a «democracia» da que fala Kautsky, non é máis que unha reprodución dese mesmo «Estado popular libre», isto é, un puro absurdo. Coa sapiencia dun douto imbécil de gabinete, ou coa candidez dunha neniña de 10 anos, Kautsky pregunta: para que é necesaria a ditadura, cando se ten a maioría? E Marx e Engels explícano:

- Para quebrar a resistencia da burguesía;
- para inspirar medo aos reaccionarios;
- para manter a autoridade do pobo armado contra a burguesía;
- para que o proletariado poda reprimir pola violencia aos seus adversarios.

Kautsky non comprende estas explicacións. Namorado da «pureza» da democracia, non vendo o seu carácter burgués, sustenta «consecuentemente» que a maioría, unha vez que é maioría, non ten necesidade de «quebrar a resistencia» da minoría, non ten necesidade de «reprimila pola forza» -abonda con reprimir os casos de violación da democracia. Namorada da «pureza» da democracia, Kautsky incorre por descoido nese pequeno erro que sempre cometen todos os demócratas burgueses, a saber: acepta a igualdade formal (que é completamente mentireira e hipócrita no capitalismo) por igualdade de facto! Unha parvada!

O explotador non pode ser igual ao explotado.

Esta verdade, por moi desagradábel que sexa para Kautsky, é o contido esencial do socialismo.

Outra verdade: non pode haber igualdade real, de facto, mentres non estea suprimida toda posibilidade de explotación dunha clase por outra.

Pódese derrotar cun só golpe aos explotadores cunha insurrección con éxito ou cunha rebelión das tropas. Mais, agás casas moi raros e especiais, non se pode suprimir aos explotadores cun só golpe. Non se pode expropiar cun só golpe a todos os latifundistas e capitalistas dun país cunha certa extensión. Alén diso, a expropiación por si mesma, como acto xurídico ou político, está moi afastada da resolución do problema, porque é necesario desaloxar de facto aos latifundistas e capitalistas, substituír de facto a súa administración das fábricas e das propiedades agrícolas por outra administración, obreira. Non pode haber igualdade entre os explotadores que, durante moitas xeracións, se distinguiron pola instrución, polas condicións dunha vida rica e os hábitos adquiridos, e os explotados, cuxa masa social, mesmo nas repúblicas burguesas máis avanzadas e democráticas, é inculta e ignorante, está embrutecida, asustada e dividida. Durante moito tempo despois da revolución, os explotadores conservan inevitabelmente unha serie de enormes vantaxes reais: manteñen o diñeiro (non é posíbel suprimir o diñeiro de socate), certos bens móbeis, frecuentemente considerábeis, conservan as relacións, os hábitos de organizacións e de administración, o coñecemento de todos os «segredos» (costumes, procesos, medios, posibilidades) da administración, conservan unha instrución máis elevada, a proximidade co persoal técnico superior (que vive e pensa á maneira burguesa), conservan (e isto é moi importante) unha experiencia infinitamente superior na arte militar, etc., etc.

Se os explotadores son derrotados nun só país –e este é, naturalmente, o caso típico, pois a revolución simultánea nunha serie de países constitúe unha rara excepción-, continuarán a ser, porén, máis fortes que os explotados, pois as relacións internacionais dos explotadores son enormes. Que unha parte dos explotados, da mas menos desenvolvida de campesiños medios, artesáns, etc., segue e é susceptíbel de seguir aos explotadores, é algo probado até agora por todas as revolucións, incluíndo a Comuna (porque entre as tropas de Versalles había tamén proletarios, cousa que o douto Kautsky «esqueceu»).

Por todo isto, supoñer que nunha revolución minimamente profunda e seria a solución do problema depende simplemente da relacións entre a maioría e a minoría, é a maior estupidez, é o máis tolo preconcepto dun vulgar liberal, é enganar ás masas, agocharlles unha verdade histórica manifesta. Esta verdade histórica consiste en que, en calquera revolución profunda, a regra é que os explotadores, que durante unha serie de anos conservan sobre os explotadores grandes vantaxes prácticas, opoñen unha resistencia prolongada, obstinada e desesperada. Nunca –a non ser na doce fantasía do doce parvo Kautsky- os explotadores van someterse a decisión da maioría dos explotados antes de teren posto a proba a súa superioridade nunha desesperada batalla final, nunha serie de batallas.

A transición do capitalismo ao comunismo constitúe toda unha época histórica. Mentres que non remate esta época, os explotadores manteñen a esperanza de restauración, e esta esperanza transfórmase en tentativas de restauración. E despois da primeira derrota seria, os explotadores derrubados, que non agardaban o seu derrubo, non acreditaban nel, non admitían esa idea, lánzanse con enerxía multiplicada, cunha furiosa paixón, cun odio aumentando cen veces, á loita polo regreso do «paraíso» que lles foi arrebatado, polas súas familias que vivían tan docemente a quen o «vil populacho» condena á ruína e á miseria (ou ao «simple» traballo...). E detrás do capitalistas explotares arrástrase unha grande masa da pequena burguesía, que, como mostra a experiencia histórica de decenas de anos en todos os países, oscila e vacila, que hoxe segue ao proletariado e mañá treme ante as dificultades da revolución, cae no pánico á primeira derrota ou semiderrota dos obreiros, enérvase, axítase, chora, corre cun campo para outro... tal como os nosos menxeviques e socialistas revolucionarios.

En tal estado de cousas, nunha época de guerra desesperada, aguda, cando a historia sitúa na orde do día as cuestión da existencia ou non existencia de privilexio seculares e milenarios, fálase de maioría e minoría, de democracia pura, de que non é necesaria a ditadura, de igualdade entre explotadores e explotados!! Que abismo de estupidez e filisteísmo é preciso para isto!

Mais decenios de capitalismo relativamente «pacífico», de 1871 a 1914, acumularon nos partidos socialistas, como nas cortes de Auxias , filisteísmo e estreiteza, converténdose en oportunistas e renegados.

O lector notou probabelmente que Kautsky, na pasaxe do seu libro citada máis arriba, fala de atentado contra o sufraxio universal (que cualifica –dígase entre parénteses- de fonte profunda de poderosa autoridade moral, mentres que Engels, a propósito da mesma Comuna de París e a propósito da mesma cuestión da ditadura, fala da autoridade do pobo armado contra a burguesía; é significativo comparar a concepción dun filisteo á dun revolucionario sobre a «autoridade»...).

É preciso salientar que a cuestión da privación dos explotadores do dereito de voto é unha cuestión puramente rusa, e non unha cuestión da ditadura do proletariado en xeral. Se Kautsky tivese, sen hipocrisía, titulado o seu traballo Contra os Bolxeviques, este título correspondería ao contido do traballo e Kautsky tería entón dereito a falar francamente do dereito de voto. Mais Kautsky quixo intervir, principalmente, como «teórico». Titulou o seu traballa «A Ditadura do Proletariado» en xeral. Só fala especialmente dos Soviets e da Rusia na segunda parte do traballo, a partir do seu sexto parágrafo. Na primeira parte (de onde tirei a pasaxe citada) trata da democracia e da ditadura en xeral. Ao falar do dereito de voto, Kautsky destapouse como polemista contra os bolxeviques sen dar a mínima importancia á teoría. Pois a teoría, isto é, o estudo dos fundamentos xerais (e non especificamente nacionais) de clase da democracia e da ditadura, non debe falar dunha cuestión particular como o dereito de voto, senón dunha cuestión xeral: poderá a democracia ser conservada tamén para os ricos, tamén para os explotadores, no período histórico do derrubamento dos explotadores e da substitución do seu Estado polo Estado dos explotados?

É así, e só así, como un teórico pode situar a cuestión.

Coñecemos o exemplo da Comuna, coñecemos todos os razoamentos dos fundadores do marxismo en relación a ela e a propósito dela. Baseándome neste material, analicei, por exemplo, a cuestión da democracia e da ditadura no meu traballo O Estado e a Revolución, escrito antes da Revolución de Outubro. Non dixen nin unha palabra verbo da limitación do dereito de voto. E agora é preciso dicir que a cuestión da limitación do dereito de voto é unha cuestión especificamente nacional, e non unha cuestión xeral da ditadura. A cuestión da limitación do dereito de voto debe ser abordade cun estudo das condicións particulares da revolución rusa, da vía particular do seu desenvolvemento. Faremos isto máis adiante. Mais sería un erro asegurar anticipadamente que as futuras revolucións proletarias de Europa, todas ou a maioría, tratarán necesariamente a limitación do dereito de voto para burguesía. Pode acontecer así. Despois da guerra e despois da experiencia da revolución rusa, é probábel que así aconteza, mais non é obrigatorio para o exercicio da ditadura, isto non constitúe un trazo necesario do concepto lóxico de ditadura, isto non forma parte da condición necesaria do concepto histórico e de clase de ditadura.

O é que un trazo necesario, unha condicións obrigatoria da ditadura, é a represión violenta dos explotadores como clase e, por conseguinte, a violación da democracia pura, isto é, da igualdade e da liberdade en relación a esa clase.

Así e só así pode ser enfocada a cuestión teoricamente. E Kautsky non enfoca así a cuestión, demostra que actúa contra os bolxeviques non como teórica, senón como un sicofanta dos oportunistas e da burguesía.

En que países, en que condicións específicas nacionais dun ou outro capitalismo sería aplicada (exclusiva ou principalmente) unha ou outra limitación, violación da democracia para os explotadores, é unha cuestión que depende das condicións específicas nacionais dun ou doutra capitalismo, dunha ou doutra revolución. Teoricamente, a cuestión formúlase doutro xeito, formúlase así: é posíbel a ditadura do proletariado sen violación da democracia en relación á clase dos explotadores?

Kautsky eludiu precisamente esta cuestión, a única teoricamente importante e esencial. Kautsky cita todo tipo de pasaxes de Marx e Engels, agás aqueles referidos a esta cuestión e que citei antes.

Kautsky fala de todo o que se queira, de todo o que é aceptábel para os liberais e demócratas burgueses, de todo o que non sae do seu círculo de ideas –agás do principal, agás de que o proletariado non pode vencer ser quebrara a resistencia da burguesía, sen reprimir pola violencia aos seus adversarios, e onde hai «represión violenta», onde non hai «liberdade», naturalmente non hai democracia.

Kautsky non comprendeu isto.

Pasemos á experiencia da revolución rusa e á diverxencia entre os Soviets de deputados e a Asemblea Constituínte, a cal (a diverxencia) conduciu á disolución da Constituinte e á privación do dereito ao voto da burguesía.(24)



Notas:

(20) Karl Marx, O Indiferentismo Político.

(21) Friedrich Engels, Sobre a Autoridade.

(22) Ver carta de F. Engels a A. Bebel, do 18-28 de marzo de 1875.

(23) Cortes de Auxias: na mitoloxía grega, grandes cortes do rei da Elida, Auxias, que non foron limpadas durante moitos anos até que as limpou Hércules nun só día. A expresión «cortes de Auxias» tornouse sinónimo de acumulación de todo tipo de inmundicia e lixo ou de estado de extremo abandono e desorde.

(24) As eleccións para a Asemblea Constituínte realizáronse após a vitoria da Revolución de Outubro na data marcada anteriormente, isto é, o día 12 (25) de novembro de 1917. As eleccións realizáronse en base ás listas constituídas polo Goberno Provisorio, nunha situación na que unha parte considerábel do pobo aínda non podía comprender a grande significación da revolución socialista. Os socialistas revolucionarios de dereita aproveitaron iso e puideron obter a maioría dos votos nas provincias e rexións afastadas da capital e dos centros industriais. O goberno soviético convocou a Asemblea Constituínte, que se inaugurou o 5 (18) de xaneiro de 1918 na cidade de Petrogrado. Por mor do rexeitamento da maioría contrarrevolucionaria da Asemblea Constituínte da «Declaración dos dereitos do pobo traballador e explotado» proposta polo Comité Executivo Central de toda a Rusia, e negarse a aprobar os decretos aprobados polo II Congreso dos Soviets, sobre a Paz, sobre a Terra, sobre a pasaxe do poder para os Soviets, o CECR decretou, o día 6 (19) de xaneiro, a disolución desta Asemblea.

Ler máis
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com